Catro séculos con San Roque

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á romaría de San Roque:

Ás familias Beleiro

O dezaseis subimos a San Roque, a primeira e máis antiga das romarías viguesas, enraizada en 1569 cando a peste asolou a vila. Documentada na cláusula pía do testamento de Gaspar Méndez de Soutomaior de 1622, a devoción ao santo do can e protector dos animais e vida campesiña celébrase arredor da ermida e do pazo, construídos con anterioridade a 1600, na granxa do Couto, da parroquia de Sárdoma, dando dende entón nome ao lugar de San Roque. Romaría que Nicolás Taboada Leal describe no capítulo dedicado ao carácter, uso e inclinacións dos vigueses do seu libro Descripción topográfica-histórica de la ciudad de Vigo, su ría y alrededores (Viúva e fillos de Compañel, 1840), salientando que durante tres días (15, 16 e 17 de agosto) participan nela «case toda a veciñanza de Vigo» así como «multitude de xentes das contornas e moitos forasteiros das provincias de Pontevedra e da Coruña, que veñen co obxecto de ver as funcións de teatro e os bailes que polo común se proporcionan naquela temporada».

Segue o erudito Taboada Leal, na primeira historia de Vigo, onde beben os textos da de José Santiago e da cronoloxía de Xosé María Álvarez Blázquez, sinalando que na romaría de San Roque non escasean as gaitas, tamborís e castañolas para acompañar as varias danzas e rodas, ademais de citar as tendas provisionais de froitas, ostras, doces e licores, quincallas e praterías instaladas na carballeira; sen esquecer nin os fogos artificiais da primeira noite nin a función de igrexa e procesión na honra do santo no seu día nin as merendas e xantares de campo deitadas nos arboredos nin insistir en que nunca alí nos últimos trece anos ocorreu camorra ningunha. Con todo, hoxe chama aínda máis a nosa atención o detalle co que  Taboada Leal describe a corrida da fogaza, un pan grande de dous quilos e medio polo que competían os mozos con grandes saltos, e a danza da fogaza, unha especie de muiñeira, protagonizada tamén por homes, que se celebraba no serán da derradeira xornada, «cando a brisa mariña comeza a refrescar a atmosfera».

Desenvolvemento da danza que amplía Enrique Caride Iglesias no seu completísimo libro La romería de San Roque de Vigo (Hermandad Devotos de San Roque, 2021), documentándoa como «a regueifa» protagonizada por parellas de mozos e mozas, que se celebraba o dezasete na carballeira da finca de San Roque, debuxada polo fino lapis de Meléndez e publicada en La Ilustración Gallega y Asturiana (1879). Acudindo a memoria dos vellos da costa de San Roque, Caride engade que en 1879 a danza era executada por nove  mariñeiros, tres deles disfrazados de mulleres, mudando a principios do século XX, cando era interpretada por campesiños de Lavadores dirixidos por un veciño coñecido como Perello. Danzantes que Roberto de Palacio, correspondente vigués de ABC, describe en 1904 como «tropa de individuos traxados coa máis refinada arte grotesca, chapeus de copa alta ou palla… que acompañados do gaiteiro, o tambor e o bombo danzan arredor da capela e logo do patio dos donos da finca…»

Tras máis de catro séculos de devoción, a pesar dalgunhas perdas, a romaría dos devotos vigueses de San Roque mantén o seu calendario, o seu espazo na finca dos Condes de Villar de Fuentes (adquirida en 1925 á Caixa de Aforros de Vigo, hoxe propiedade de Afundación), o seu carácter relixioso e musical e, o que é aínda máis relevante, ademais de constituír unha xuntanza de familias e amizades de todas as clases (nalgúns casos organizadas en peñas como O Furrú ou Os Sanrokeiros), tamén de veraneantes e forasteiros, para comer e beber sempre de máis. Unha tradición culinaria ben conservada e apenas anovada –ás empanadas, polbo e sardiñas á grella, engadiuse nos últimos anos o churrasco–, como tamén a musical, protagonizada durante décadas polos gaiteiros Os Morenos de Lavadores e a murga Os Terribles de Donas (fotografada por Ruth Matilda Anderson na súa reportaxe viguesa de 1924), que interpretaba bailables no palco do pino manso.

Este ano os sanroqueiros celebramos a modernización do programa musical da romaría con grupos rock e pop e un programa infantil específico. Coñecemos, ademais, que o grupo O Fiadeiro iniciou na parroquia de Santa Cristina de Lavadores un proceso de investigación etnográfica de recuperación da danza de Damas e Galáns de carácter gremial desaparecida hai un século, probablemente con semellanzas coa que dirixida por Perello se executaba nos seráns da finca de San Roque. Unha iniciativa a emular pola Irmandade de devotos de San Roque que podería promover a recuperación da regueifa ou danza da fogaza, o que constituiría un fito extraordinario para a anovación sanroqueira. Sei que na romaría de San Roque está a memoria viva do Vigo popular, obreiro, mariñeiro e campesiño. Ese viguiño do corazón, orgullosamente galego no que militamos.

Tranvías eléctricos de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación do libro Tranvías eléctricos de Vigo de Diego Amoedo e Iria Vergara:

Entre a bibliografía recente de temática viguesa cómpre reparar en Tranvías eléctricos de Vigo. A Compañía que vertebrou Vigo (Newt, 2022), libro álbum de coidado acabamento artesán, escrito por David Amoedo e Iria Vergara e ilustrado por Davida. Documentada de forma exhaustiva con planos e fotografías, a obra ofrece os datos e as datas precisas para reconstruír con detalle a historia da compañía tranviaria viguesa (TEVCA), dende os proxectos iniciais de 1891 de establecer un tranvía entre a praia de Guixar e Bouzas e a aprobación en 1907 por parte do concello de Vigo do proxecto de Tranways de la Galice, pasando pola fundación da sociedade que adquiriu a concesión en 1912, a inauguración das liñas urbanas viguesas o 9 de agosto de 1914 e a súa extensión até Chapela o 31 de agosto 1921, pola posta en marcha dos proxectos interurbanos do ferrocarril a Mondariz (só completado até o Porriño, 1920) e Ramallosa, Gondomar e Baiona (1926) e o seu ramal de Muíños á praia de Samil (1947), polo cese dos servizos o 31 de decembro de 1968 e o abandono das 99 unidades do parque nas cocheiras da Florida, até a actualidade na que TEVCA xestiona 2.200 prazas de aparcadoiro na zona urbana de Vigo.

Nunha obra con vontade explícita de rescatar e organizar a documentación gráfica dispersa, Amoedo e Vergara ofrecen os alzados, fotografías e fichas técnicas de todas as edificacións que pertenceron á empresa, dende as oficinas e cocheiras graníticas das Travesas, de marcado estilo rexionalista, demolidas en 1968 para abrir a actual avenida de Coia, pasando polas cocheiras de Chapela e Ramallosa, o apeadeiro de Peinador, situado nas inmediacións do actual aeroporto, até as estacións de Canido, Coruxo, Nigrán e da Florida, onde en 1941 se construíu o pequeno zoo onde os cativos iamos ver a mona e os pavos reais, sen esquecer o celebrado Pavillón Ourense de estilo decimonónico, destruído en 1945 por un temporal, situado preto onde logo se construiría o Balneario de Samil, estación que tería papel importante no ocio vigués da posguerra. Con semellante intención de rescate, os autores ofrecen a cronoloxía, a fotografía e o alzado do heteroxéneo parque móbil da compañía, sinalando a súa procedencia e características. Seguindo a clasificación do historiador Antonio Giráldez Lomba no seu libro de referencia Recordando los tranvías de Vigo (Deputación de Pontevedra 2005), reprodúcense os alzados dos distintos tipos de coches: os Vigo I (os primeiros, modificados en 1946), os Vigo II (procedentes de Pontevedra), os Vigo III (transformados en 1956), os Vigo IV (coches de dous eixos pechados), os Vigo V (transformacións dos primeiros), os Vigo VI (transformados a partir do modelo Odesa, chegados en 1922), os Prototipo (1953) os Sevilla (procedentes da capital andaluza), as Xardineiras, os Automotores da liña de Baiona e os Berliet de reparación.

Por último, o libro documenta o trazado das liñas urbanas e suburbanas do tranvía vigués. Oito traxectos urbanos que en 1968, ano do cese da actividade, cubrían case 48 quilómetros, dando servizo a case vinte millóns de billetes dun prezo fraccionado de 2 pesetas. Un mapa urbano que coñecía de memoria toda a veciñanza: liña 1: Estación-Pereiró; liña 2: Os Caños-Bouzas; liña 3: Cabral-Ribeira; liña 4: Chapela-Mercado (Berbés); liña 5: Seixo-Bouzas; liña 6: Chapela- A Florida; liña 7: Seixo-Ribeira e liña 8: Seixo-Travesas. Mapa que se estendía en dúas liñas suburbanas: a da Ribeira-O Porriño e a de Vigo (con saída na rúa Uruguai, a altura da praza de Portugal) a Baiona, que contaba cos ramais de Muíños-Samil e da Ramallosa a Gondomar.

A magnífica obra de Amoedo e Vergara, que ademais do orixinal cuñado da súa cuberta, ofrece un desdobrado mural das edificacións e vehículos da TECVA, amosa coa súa atractiva presentación gráfica o decisivo papel aglutinante que o tranvía tivo no Vigo metropolitano do século XX. A rede de tranvías serviu para unir o centro de Vigo con Bouzas, Pereiró, Travesas, Lavadores, Cabral, o Calvario, Teis, Os Caños e Chapela, actuando como un dos axentes modeladores máis importantes da cidade actual e da forma na que se estendeu e medrou. Como sinala Antonio Giráldez, «os vínculos do centro de Vigo cos barrios e parroquias máis periféricos acrecentáronse ao longo da primeira metade do século XX ao mesmo ritmo que a empresa tendía novos raís, aumentaba as frecuencias das súas unidades, incrementaba o número dos seus coches e melloraba o rendemento das súas subcentrais eléctricas». Máis alá da saudade tan viguesa expresada na síndrome Siboney pola perda traumática do tranvía hai cincuenta anos (por outra das alcaldadas de Portanet), a claridade e  a orde dos datos e das imaxes do libro de Amoedo e Vergara amosan o papel decisivo da rede de tranvías na conformación do Vigo contemporáneo.

Vigo, porta do mundo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición «Vigo, porta do mundo» de Ceferino de Blas:

Un dos alicientes de Príncipe estes días é a exposición «Vigo, porta do mundo» instalada por Faro de Vigo diante do Marco e preparada sobre os textos nos que traballaba Ceferino de Blas semanas antes do seu inesperado pasamento no pasado febreiro. Outra mostra moi singular de divulgación da historia viguesa do ex-director de Faro de Vigo e Cronista Oficial de Vigo a partir dos retratos de persoas moi diversas que visitaron a cidade de Vigo, boa parte delas como viaxeiras en escala portuaria, que conformarían un novo libro cuxa publicación estaba prevista coincidise co 170 aniversario de Faro de Vigo o vindeiro 3 de novembro. Un traballo importante do erudito de Vigo, tanto pola súa envergadura como diversidade, que amplía a bibliografía do autor dunha ducia de títulos, onde salienta Donde los periódicos son Faros (IEV, 2017), monumental historia do Faro de Vigo (1853-2015), ademais de dúas monografías posteriores: Emilia Pardo Bazan en el país de las rías (Deputación de Pontevedra, Faro de Vigo 2021) e Carmen Laforet sonrió en Rodeira (IEV, 2021).

«Vigo, porta do mundo» achega unha novidosa ollada de Ceferino de Blas sobre a historia de Vigo, inzada de curiosidades e sorpresas, documentada nas páxinas do decano, sobre todo tipo de visitantes, dende reis a presidentes da república, pasando por escritores, artistas, científicos ou viaxeiros, que gozaron da acollida dunha cidade aberta e que nalgúns casos, como o do escritor bretón Jules Verne, chegarían a incorporarse ao relato do Vigo contemporáneo.  Algo que non debe de estrañar xa que a acollida dos que chegaron dende o mar forma parte da identidade viguesa de seu, tanto polo testemuñado polos achados arqueolóxicos recentes, que amosan a existencia na ría de comercio marítimo de longa distancia dende hai mil douscentos anos antes de Cristo, como polo feito de formar parte da cerna do relato local, presente na primeira e referencial historia de Vigo, Descripción topográfica-histórica de la ciudad de Vigo, súa ría y alrededores (Imprenta da Viúva de Compañel, 1840) de Nicolás Taboada Leal, na que ademais de identificar importantes achados romanos na zona do Areal, xa daba conta da poboación estranxeira residente, boa parte dela dedicada aos negocios.

Da exposición de Ceferino o primeiro que chama a atención e o seu amplo período cronolóxico abordado, dende a estancia de Afonso IX e as súas fillas nas illas Cíes en 1201, relatada por José de Santiago Gómez en Historia de Vigo y su comarca (1896, Imprenta y Litografía del Asilo de Ancianos), até as actividades do Club Faro de Vigo na fronteira da mudanza do século XX que trouxo a Vigo un elenco internacional de escritores e científicos, entre os que destacaron premios Nobel como José Saramago e Rigoberta Menchú. Como chama a atención a axilidade dos retratos, escritos con moita chispa, onde non falta a retranca á hora de escoller os acontecementos, como sucede coas dúas estadías viguesas do rei Afonso XII, nas que non tivo moita sorte, a primeira (1871) porque os vigueses se cansaron de esperalo, mentres se entretiña no castelo de Soutomaior; a segunda, catro anos despois, acompañado da raíña María Cristina, cun mellor recibimento mais que resultou tráxico, causando un morto, cando rebentou accidentalmente a corveta Tornado participante nun simulacro naval na súa honra. Destaca na exposición o protagonismo dalgunhas visitantes como Evita Perón (1947), primeira dama Arxentina; Josephine Baker (1929), cantante; Ruth Matilda Anderson (1924), fotógrafa ou Mata Hari (1916), bailarina e espía, con catro estadías en Vigo no mesmo ano.

Outro tanto sucede coas visitas a Vigo de figuras como Albert Einstein, a primeira en 1923, cando fixo escala procedente dunha xira asiática, e a segunda dous anos despois, da que deixou unha impresionante anotación no seu diario: «[Vigo] é unha baía rodeada de illas montañosas con fascinante poboación con forma de pintoresca azotea», para salientar despois «a riqueza de cores» e unha posta de sol «incomparable», na que podemos intuír un paseo pola cidade da oliveira. Como poderíamos seguir coas visitas de Guglielmo Marconi en 1928 e 1932, a bordo do seu iate Electra e a súa viaxe en coche polo Morrazo e visita a factoría de conservas Massó. Ou as horas viguesas da escala en 1936 do escritor Stefan Zweig camiño de Bos Aires fuxindo do terror nazi. Longa relación na que figuran tamén Federico García Lorca (1932) e a centena de participantes do III Congreso Internacional de Poesía que no mes de xullo de 1954 compartiron xira pola ría até as Illas Cíes conducida por José María Castroviejo como mestre de cerimonias… Recomendo que se deteñan un tempiño diante do Marco para gozar destas historias enagaiolantes do Vigo máis cosmopolita rescatadas do esquezo pola teimosía de Ceferino de Blas.

Viñetas desde o Atlántico

A dúas semanas da apertura prevista de Viñetas desde o Atlántico nada se sabe dos contidos do programa do festival de cómic da Coruña. Unha situación a todas as luces anómala, denunciada polo editor e autor Kiko da Silva que veu alertando da precariedade na que quedaba a organización do certame dende que no mes de marzo Miguelanxo Prado, fundador e director de todas as edicións, presentara a súa renuncia ao concello da Coruña, administración que se ocupou do seu sostemento económico e infraestrutura, a través da concellaría de Cultura e do equipo de organización de exposicións do Kiosko Alfonso. Nacido coa ambición de achegar a linguaxe da banda deseñada á sociedade galega, máis alá do público afeccionado, ademais de dar visibilidade á creación galega de cómic e ilustración, durante vinte e cinco anos «Viñetas» conseguiu localizar a Galicia no mapa mundial da banda deseñada e colocar a semana coruñesa como referencia ineludible no calendario internacional dos eventos de cómic. Un éxito popular e profesional incuestionable, atribuíble en moi boa medida ao talento e a implicación persoal de Prado, que a pesar do orzamento reducido e conxelado e a asfixiante rixidez administrativa, conseguiu preservar os principios fundacionais acordados en 1998 co concello coruñés de ofrecer un programa para todos os públicos, acoller con agarimo aos artistas convidados e remuneralos de forma digna polos seus servizos e presentar nas mellores condicións os materiais expositivos. Con estes vimbios Prado conseguiu unha cita que xa é patrimonio da Coruña, que como sucedeu noutros eventos culturais de éxito, como Culturgal e O Salón do Libro, ambos os dous en Pontevedra, debe agora enfrontar en condicións incertas unha nova etapa, conservando a ambición inicial e a identidade conformada, mais tamén utilizando un novo modelo de xestión que faga compatibles os patrocinios públicos e a actividade comercial do sector. Velaí o reto moi complexo da nova etapa de Viñetas desde o Atlántico.

Publicado en Nós diario: 26/07/2023

O escudo do Centenario

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao escudo do Centenario:

O éxito arrasador do himno do Centenario superou fronteiras como amosa o feito de que nunha semana chegase ao millón e medio de reproducións en YouTube, fose incluído pola crítica de New York Times como un dos dez mellores lanzamentos musicais da semana, gabado e envexado polas afeccións máis diversas e incorporado aos repertorios dos locais de verán. Unha visibilidade internacional con valor cultural engadido para a celebración do centenario celeste, mais tamén para a proxección  da Ría de Vigo e a súa historia e actividade económica, para o coñecemento da música tradicional galega como para homenaxear ao celtismo anónimo, sempre ao rescate do seu equipo nas encrucilladas, principais protagonistas do logradísimo traballo de C. Tangana.

Sen esquecer, secasí, que a peza audiovisual é unha excelente promoción turística para Vigo e Redondela, principais localizacións paisaxísticas, como en xeral para Galicia e a súa lingua, cultura e deporte; e o que semella pouco frecuente, sen que isto supuxera custes monetarios para as administracións públicas con competencias nesas materias (dende o Concello de Vigo e Deputación de Pontevedra até a Xunta de Galicia e o Goberno de España). Así e todo, este himno do Centenario ofrece a posibilidade de realizar outras lecturas.

Entre elas semella moi salientable a homenaxe explícita do compositor Antón Álvarez a Vigo, a cidade paterna, o seu berce celtista,  apenas percibida nas imaxes pero presente na metáfora rotunda do título da peza e subliñada graficamente no «escudo do Centenario». Unha homenaxe familiar de Tangana que levou de agasallo a creación dun símbolo que a partir de agora representará ao celtismo do século XXI, esa comunidade de seareiros (e cada vez máis seareiras) que o Celta de Vigo artellou ao longo de cen anos con cinco xeracións viguesas, despregada agora por todo o mundo. Unha creación gráfica de Ostap Yaschuk na que se funden en branco e negro os dous elementos primixenios do escudo da cidade dende 1813: o castelo e a oliveira (presentes nunha das pezas do paseo dos escudos do pazo de Castrelos). Cerna que acubilla o escudo celeste, ideado tras a fusión de Vigo e Fortuna por dous ces brancos (Club Celta) sobre fondo azul, ensamblado dende 1928 coa cruz de Santiago, utilizada dende entón, como a celeste, para representar a Galicia. Tangana ofrece, pois, unha nova insignia que recupera ao mesmo tempo o carácter netamente vigués e orgullosamente galego do Celta primeiro de 1923.

Unha creación brillante que, queirámolo ou non, trasacorda aquela moi desafortunada decisión de Carlos Mouriño que en 2016 eliminou a palabra Vigo do logotipo do club e dos descritores das redes sociais da Sociedade Anónima Deportiva. Criterio ao que non foron alleas as desavinzas do presidente coa alcaldía, que por desventura continuaron coa reforma de Balaídos e a apertura da bonita grada de Marcador, construída só cos fondos do Concello e a Deputación, e continúan para vergonza do celtismo e da cidadanía viguesa coa falta de entendemento de club e concello na celebración do Centenario.

O escudo de Tangana amosa que dende 1923 non se pode entender o Celta sen a presenza dunha oliveira (Vigo), árbore da paz que medra e abraza, símbolo de amor, lealdade e continuidade da propia cidade dende hai case douscentos anos. En definitiva, non hai Celta posible sen un Vigo capaz de imprimir o seu dinamismo e emprendemento industrial, tamén a súa resiliencia comunitaria, ao carácter do seu primeiro club deportivo. Como non se pode explicar a cidade de Vigo desde 1923, concibida como cifra de todas as galicias posibles, abella da ribeira e cidade guindastre, sen a cohesión entre xeracións, sen o relato de continuidade familiar, sen a representatividade de ansias colectivas, sen a unión e o afán, que foi proporcionando o Celta, un club de fútbol creado expresamente para representar a Galicia nas competicións estatais.

Incerto e optimista da vontade («sempre andan dicindo para o ano que ven»), o devir do Celta continúa sendo parte da conversa cotiá de varias xeracións viguesas, residentes ou non na propia cidade, que debaten sobre fichaxes, adestradores, vitorias ou decepcións nas páxinas do Faro ou sobre as cada vez máis numerosas opinións publicadas nas redes sociais do celtismo. Como non se pode esquecer que o carácter metropolitano da cidade de Vigo, capital das terras de Turonio, presente dende 1914 na súa xeografía tranviaria estendida do Calvario a Bouzas, da Calzada á estrada de Camposancos, facilitou a fundación do Celta e forma tamén parte da súa cerna, sendo seguido nos concellos das Rías Baixas, dende o Morrazo ao Val Miñor, dende a Louriña ao Condado e Baixo Miño, dende Pontevedra a Arousa, onde continúa tendo un dos berces da súa inesgotable canteira.

Oliveira dos cen anos


Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao himno do Centenario do Celta de C. Tangana:

En apenas tres días «Oliveira Dos Cen Anos», o himno do Centenario do Celta superou o millón de reproducións en You Tube. Unha cifra elevadísima que enche de orgullo a todo un celtismo, curtido en cen anos de ledicias e padecementos diversos, mais que nunca perdeu o horizonte de pertencer a aquel club vigués potente, soñado no verán de 1923 polos seus fundadores como Manuel de Castro Handicap, Juan Baliño e José Bar, para representar a Galicia nas competicións de balompé. Un éxito indiscutible atribuíble ao talento e afouteza de Antón Álvarez Alfaro Pucho, tamén coñecido musicalmente como C. Tangana e El madrileño, o artista cento por cento celtista que asumiu todos os riscos creativos de ofrecer para o Centenario un tema distinto, anovador e con valor engadido, enraizado tanto na música tradicional galega coma na identidade deportiva do Celta de Vigo; en definitiva, crear un himno e un escudo que no futuro acompañasen á elástica celeste como símbolos da identidade do celtismo.

E abofé que C. Tangana conseguiu un resultado espectacular, sobre todo nunha peza audiovisual de beleza hipnótica, alicerzada sobre unha excelente suite musical e un emocionante texto poético. Expresións artísticas capaces todas as tres de resumir en apenas cinco minutos dúas palabras claves, Sempre Celta!, que expresan un sentimento compartido e defendido polos milleiros de celtistas espallados hoxe polo mundo, como aqueloutros que xa non están entre nós, uns e outros aos que Pucho dedica o vídeo. Texto, imaxe e música utilizadas para representar os compoñentes dunha gramática do fútbol celeste abrazada e recoñecida por cinco xeracións de seareiros, e por ventura cada vez de máis seareiras, do cadro resultante da fusión do Real Vigo Sporting Club e o Real Fortuna, despregada sobre as lameiras viguesas, primeiro no histórico templo de Coia, e dende o 30 de decembro de 1928 na catedral do Fragoso.

Acerta de cheo C. Tangana cando asumiu o encargo musical de Carlos Mouriño, tras unha retranqueira sobrada dirixida ao mundo do Twitter celeste, como se dunha investigación académica se tratase na que cómpre indagar e acudir ás fontes. Artista vencellado inequivocamente coa cultura popular, Antón mergullouse durante meses e de forma apaixonada no mundo da música tradicional galega acompañado por músicos excepcionais como Xosé Lois Romero, Xisco Feijoo e Quico Comesaña, co-autores do tema, por mestres da E-TRAD viguesa como Rodrigo Romaní, membros d´A Roda como Alfredo Dourado, ou de «Sime» Cantó Gavira de Keltoi!, tamén co-autor e unha das voces do himno, xunto as de Tropas de Breogán, a Coral Casablanca e as pandeireteiras As Lagharteiras. Con todos estes vimbios e co seu espírito de fusión Tangana ofrece unha proposta sinfónica coral na que destaca unha potente sonoridade popular, subliñada pola xenuína utilización do aturuxo. Un resultado musical que milleiros de voces poñerán a proba na súa próxima estrea en Balaídos, mais que en todo caso polo carácter da letra da canción como das tres partes da suite non é difícil prognosticar que será emocionante e moi compartida.

Como acerta tamén Tangana na escolla da localización das imaxes do vídeo no anfiteatro da ría, con comezo e remate nas illas de San Simón e San Antón e protagonismo da ponte de Rande como medula de brétemas que une e articula o espazo do Vigo metropolitano. Unha localización de beleza desbordada, subliñada polas imaxes aéreas e as vistas dende o alto de Trasmañó, con evidentes connotacións históricas (batalla e tesouro de Rande, lazareto, campo de concentración..), literarias (Jules Verne) e económicas (bateas e actividade pesqueira e portuaria). Espazos representativos do carácter do Celta como punto de encontro de todas as poboacións  e comunidades da Ría de Vigo, e por extensión de Vigo como cifra de todas as galicias posibles, feito que explica a presenza do celtismo en tantas outras comunidades galegas.

Con todo, o maior acerto da narrativa celeste de Tangana é o seu carácter inclusivo. Pucho sabe por experiencia familiar como oriúndo vigués que para ser celtista non é necesario ter nacido en Vigo, abonda con querer selo e asumir o risco do precario cociente entre ledicias e padecementos que isto supón, mais sabendo que dende entón cada semana non se pode vivir sen ela. Como emociona no relato de Pucho o profundo respecto á memoria do celtismo, representado nun verso que abraza, «cada vez que mires atrás, sempre hei estar aquí», expresando o carácter do celtismo como unha comunidade proxectado no tempo, por riba dos xestores ou dos xogadores que leven o escudo no seu peito. Velaí os valores dun relato integrador que lle fai moito ben ao club no seu centenario como á propia cidade metropolitana. Moitos parabéns, Puchiño, polo logro que compartes.

Outro Vigo do libro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao fracaso da instalación da Feira do Libro de Vigo no Calvario:

O traslado da Feira do Libro de Vigo á rúa peonil do Calvario resultou un fracaso. A participación de apenas nove expositoras, das que só seis eran vendedoras, a ausencia das librarías viguesas máis dinámicas e comprometidas co libro galego, a incomodidade da instalación, tanto do estreito corredor para a circulación do público como dunha carpa de actos cativa, así como as molestas interferencias dos cheiros dunha chamada «Fiesta de la alegría», coa que compartiu un espazo público, en boa parte valado por obras, foron circunstancias que provocaron as queixas das lectoras que até alí se desprazaron e moi especialmente de autoras, editoras e dalgúns veteranos libreiros. En definitiva, o novo emprazamento escollido no Calvario pola Federación de Librarías de Galicia e o concello de Vigo non reuniu as condicións e a dignidade necesarias para celebrar a que debería ser a festa dos libros de Vigo, unha das actividades principais da axenda cultural anual da cidade.

Unha deterioración desta feira, creada por libreiros como don Antón Patiño hai case cincuenta anos na Alameda, iniciada hai unha década cando abandonou a súa localización fundacional e comezou un percorrido errático por diversos emprazamentos da rúa Príncipe, fose arredor do Marco ou da Porta do Sol, que nunca resultaron plenamente satisfactorios nin para os organizadores nin para o concello de Vigo. Como tampouco na edición deste ano foi satisfactorio o adianto das datas de celebración abandonando a tradicional primeira decena de xullo. Emporiso, a Feira do Libro de Vigo foi perdendo visibilidade social e relevancia na axenda viguesa, mesmo a pesar dos teimosos esforzos das editoras viguesas por ofrecer un programa atractivo de presentacións e sinaturas, conscientes do éxito que en todas as cidades suscita agora este tipo de encontros presenciais protagonizados polos autores e autoras. Mais como se dun novo prexuízo murguiano se tratase, en cuestión de libros Vigo é un sitio distinto e vai a recú da tendencia doutras cidades galegas que como A Coruña mantén con pulo (non exento de dificultades) a súa feira do libro de agosto, cunha participación de expositores que multiplica por catro á viguesa, ou Compostela ou Pontevedra que crearon cadansúa festa do libro e da lectura de novo cuño. En Vigo nin unha cousa nin a outra.

E o mesmo sucede cando de bibliotecas viguesas falamos, outro sitio distinto para o actual goberno municipal que identifica como bibliotecas públicas o que en realidade son salas de lectura e estudo e acceso gratuíto a internet. Unha estraña doenza viguesa, esta de abrir “bibliotecas” sen libros nin fondos hemerográficos nin servizos de fomento da lectura nin persoal técnico bibliotecario, para unha cidade incapaz no que vai de século de acordar entre as súas administracións a construción de vez dunha biblioteca pública do estado á que ten dereito. Un fracaso entendible polo curtocircuíto existente entre a alcaldía e a presidencia da Xunta de Galicia para abordar esta cuestión, como outras infraestruturas culturais, educativas e deportivas, mais non por iso xustificable nunha cidade que continúa sendo referente no sector da edición de libros en Galicia e no estado, mais que carece dun plan ou programa ou documento estratéxico municipal que oriente as políticas culturais e de lectura na perspectiva das profundas mudanzas de hibridación da sociedade posdixital. Como Vigo continúa sendo sitio distinto no funcionamento do seu carenciado arquivo municipal, o que provoca as queixas de investigadores e amantes da historia e memoria locais.

O inicio dun novo mandato do goberno municipal é unha oportunidade magnífica para que a alcaldía reorientase a súa estratexia bibliotecaria e de fomento do libro e da creación literaria. E por ventura semella que o estado das arcas do Campo de Granada permitirían dotar de fondos bibliográficos e de persoal bibliotecario as futuras bibliotecas municipais de Navia, Teis e Bouzas que probablemente, como xa sucede coa Xosé Neira Vilas, atenderían a máis de 20.000 socios e socias (de todas as idades), cifras superiores ás abonadas ao Celta centenario. Como a situación económica do concello semella propicia para ofrecer un calendario de eventos literarios, entre os que non debería faltar nin celebración dunha feira (festa) do libro nun espazo céntrico e recollido (quizais nos paseos portuarios) nin a creación en outono do festival internacional «Vigo noir» de narrativa criminal. Sen esquecer a recuperación da convocatoria, como xa temos proposto, do Premio Internacional de Poesía Celso Emilio Ferreiro, que volvería a poñer a Vigo no escaparate literario. Por insistir que non quede, sabemos que outro Vigo do libro, das bibliotecas e da lectura é posible.

Da Calzada ao Casco Vello

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación de Da Calzada ao Casco Vello de Vigo (Xerais 2023) de Jorge Lamas:

Coincidindo coa celebración da (estreita) Feira do Libro de Vigo aparece Da Calzada ao Casco Vello de Vigo. Un paseo a pé pola historia e a arquitectura (Xerais 2023), o novo libro do xornalista Jorge Lamas. Tras a publicación de Historias de Vigo (Xerais 2018) e O Vigo que viron os franceses na Reconquista (Instituto de Estudios Vigueses 2021), co pretexto de ofrecer unha guía para coñecer o Vigo histórico que fose máis alá dos límites do «Casco Vello», Lamas ofrece nun cento de páxinas ben documentadas e mellor escritas outra orixinal e moi atractiva historia de Vigo. Un libro concibido para axudar a camiñar e coñecer a cidade propia, e facelo devagariño, coma se por unha xornada fósemos viaxeiros ou turistas dun cruceiro, a actitude curiosa adoptada polo flaneur de Charles Baudelaire, polo home da multitude de Edgar Alan Poe ou polo camiñante urbano de Walter Benjamin,  que fan deste paseo sen rumbo aparente e sen afán mercantil unha nova forma de vida e da cidade que se redescubre como outra comunidade de acollida. Mais tamén é o do historiador Jorge Lamas un texto erudito de referencia onde consultar o dato preciso e a localización exacta, como unha síntese de centos de publicacións anteriores, o que aventuro facilita a súa utilización como recurso didáctico sobre a historia da cidade nas aulas viguesas.

Con ese espírito divulgador e capacidade didáctica, Lamas artella no Vigo histórico, no espazo que vai entre a Calzada, no límite con Teis, e o Casco Vello, tres rutas para percorrer: a primeira polas rúas García Barbón e Policarpo Sanz, que camiña entre camelias e laranxeiras cara a Porta do Sol; a segunda polas rúas Rosalía de Castro e Marqués de Valadares, camiño entre a Metalúrxica e Carral coa presenza permanente da arqueoloxía nuns terreos pouco alterados ao longo do tempo; e a terceira polo Areal e As Avenidas, camiño do primeiro ensanche extra muros iniciado a finais do século XIX para facilitar o desenvolvemento do emprendemento industrial (metalúrxico e conserveiro) e comercial (marítimo)  da que foi conformándose como cidade portuaria e cosmopolita. Tres camiños nos que ao fío da localización das edificacións pétreas, tanto das conservadas como das desaparecidas, seguindo en boa medida os criterios de clasificación e identificación de Vigo. Arquitectura Urbana (Concello de Vigo, 2000), o monumental catálogo de Xaime Garrido e Xosé Ramón Iglesias Veiga, investigadores do Instituto de Estudios Vigueses, aos que Lamas dedicada a obra, vanse desenobelando tamén as historias, os acontecementos e os relatos biográficos dunha cidade, por ventura, cada vez menos esquecediza.

Non se lle pasa desapercibida a Lamas que no espazo escollido está presente o celme do Vigo histórico, tanto pola presenza dos primeiros vestixios (hai 120.000 anos) e dun bosque prehistórico de oito mil anos de antigüidade como pola existencia dun porto de época romana, unha gran salina de evaporación solar (conservada e musealizada), dúas ducias de estelas funerarias e unha factoría de salgadura, que funcionou entre os séculos I ao IV e pode considerarse como a primeira fábrica de Vigo. Sen esquecer que no espazo descrito están localizadas as dúas freguesías históricas, a de Santiago de Vigo e a de Santa María de Vigo, berce daquel Vigo fundado polo poeta Martín Códax, do que se conserva a primeira referencia nun documento de 1097 referido a un preito entre os veciños de Vigo e Canadelo, topónimo aínda conservado (como Roupeiro e Miragaia), así como da presenza novidosa dunha mámoa, que abre unha nova interpretación sobre a cultura megalítica viguesa. Como relevante foi a aparición no Areal do ungüentario bizantino, exposto no Museo do Mar, que amosa as relacións comerciais que dende os séculos VI ou VII mantivo Vigo co Oriente Próximo.

Con todo, a cerna da obra de Lamas radica na explicación do patrimonio arquitectónico deste espazo monumental, onde está presente a diversidade das mellores pezas pétreas viguesas, tanto as de influencia modernista, rexionalista, ecléctica e racionalista (Michel Pacewicz, Manuel Gómez Román, Antonio Palacios, Jenaro de la Fuente, Madariaga, Francisco Castro…) como as máis recentes e de espírito contemporáneo (Xosé Bar Boo ou Desiderio Pernas). Lamas non esquece a arquitectura industrial deste espazo, tamén de emprendemento fabril (A Metalúrxica, A Barxa, A Molinera, Conservas Alonso…), as edificacións culturais ou comunitarias (Casa do Pobo, Teatro García Barbón, Hotel Moderno, Hotel Universal…) como o proceso de constante recheo do bordo marítimo, orixe da Alameda, das Avenidas e das instalacións portuarias e do ferrocarril do Areal. Recomendo vivamente un libro pensado para levar na man e consultar camiñando con espírito de viaxeiro na propia cidade.

Tortillas viguesas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo as mellores tortillas viguesas:

Nas tirapuxas de rivalidade entre viguesas e coruñesas, finalizada a visita ás salas de trofeos e revisión de insignias da súa galeguidade, aparece o debate gastronómico sobre as mellores delicias de cada unha. Acontece decote que os do sur presenten como particularidade a excelencia das humildes empanadillas e os do norte o das súas tortillas de patacas ao xeito de Betanzos ou Cacheiras, que contan cunha tradición centenaria forxada na guerra de Cuba. E a verdade que sendo rigorosos pratos tan modestos e cotiáns como empanadillas e tortillas son especialidades da Galicia enteira, nun país de comedores de patacas, como acuñou Manuel Rivas, e de empanadas, canto menos dende o século XIII, como quedou documentado na cantiga 57 das de Afonso X O Sabio ou nos Vinte e catro galegos rústicos (1746) do padre Sarmiento. Como tamén posuímos a experiencia de tomar excelentes empanadillas na Coruña e saborosas tortillas en Vigo, amosando que máis alá de rivalidades deportivas e económicas, necesarias na cohesión comunitaria, no esencial viguesas e coruñesas compartimos idéntico celme.

A profesora e culinaria Matilde Felpeto Lagoa, autora do referencial receitario Cociña galega tradicional (Xerais 2017), considera que, ademais de ser redonda, a variedade é unha das características da tortilla de patacas, un prato que precisa apenas de tres ingredientes: boas patacas, ovos de galiñas de curral en liberdade e bo aceite de oliva. Para Carmen Parada, autora do alboral Recetas de Cociña Galega (Galaxia 1982), son tres os principios para facer unha boa tortilla: o corte da pataca, o callado dos ovos e a frescura dos ingredientes. Mentres para Ángel Muro, autor de El Practicón. Tratado completo de cocina (1892), que morreu en Bouzas (1897), onde veraneaba, o segredo da boa tortilla reside no xeito de facela ao lume, aconsellando abanear a tixola coa man esquerda, imprimíndolle un movemento circular para que así calle, e permita despois xirar sobre a base, pero en sentido contrario, un «contramovemento» que indica o instante preciso para virala, momento decisivo para o que aconsella utilizar unha viradeira, utensilio de barro fabricado na olaría galega, que tamén pode ser de madeira, louza ou lata. Carmen Parada aconsella vixiar o fritido das patacas para que non se deouren de máis, retirándoas do lume cando se notan renxentes. Matilde Felpeto propón acompañar a tortilla dunha ensalada de leituga, tomate e cebola ou de pementos de Padrón fritos, o que fai unha comida deliciosa. Parada aconsella comer a tortilla moi quente, mais Muro cre que fría é máis saborosa, mentres que Emilia Pardo Bazán, que cita a tortilla en La cociña española antigua (1913) cre que debe quedar redonda e dura e «só é presentable en almorzos de moita confianza».

E, entón, cal é a mellor tortilla viguesa? Pregunta que non admite resposta doada, mesmo despois de probar e gozar das tortillas dos bares e restaurantes con maior sona na especialidade. Tortillas viguesas que, en liñas xerais, non son tan cremosas como as da Casilla de Betanzos ou a Penela coruñesa, mais posúen altísimo nivel, saborosas e refinadas, tanto pola súa sinxeleza na preparación como polo punto exacto de frixido da pataca e do callado do ovo, concibido para ser gozadas quentiñas decontado. Fórmula secreta que bordan no bar San Amaro, da rúa Rogelio Abalde, onde dende hai case cinco décadas a familia de José Campos e Carmen Ferreira, hoxe xubilados, levan preparando a mellor tortilla viguesa. Como non a desmerecen tanto a preparada na cafetaría Cosmos, da Praza da Princesa, probablemente a mellor tapa desta especialidade na cidade, como no bar Brillante, da rúa Barcelona, á altura do Regueiro, onde Miro ofrece dende hai tres décadas unha completa carta de tortillas, dende a clásica a outras híbridas, con chourizo, pemento, xamón ou mesmo estrugas. Como outra tortilla clásica, dende hai máis de catro décadas, é a da taberna O Porco, da rúa Real.

Mapa no que non poden faltar a localización do bar Carballo, na rúa Manuel Núñez, e d’ A tapa do barril, da rúa López Mora, onde preparan tortillas singulares polo seu punto zumarento, ideais para tomar en bocadillo. Como tamén teñen creto as do restaurante O Faro, fronte a Santiago de Vigo, ou varias das servidas na rúa Rosalía de Castro, en La aldeana, en La casa de Reme, tanto a preparada con cebola, como con chourizo ou grelos, ou na taparía Las Tablas, que ofrece unha excelente versión da tortilla ao xeito de Betanzos. Sen esquecer nesta viaxe, unha das miñas preferidas, a da taparía La chabola, do paseo Marítimo de Panxón, onde Silvana prepara a mellor tortilla do Val Miñor. Con todo, as mellores tortillas viguesas son as caseiras, as que preparamos nas cociñas ao gusto noso. En cuestión de tortillas non está nada escrito.

Sequiscentenario de «La Concordia»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao sequiscentenario de La Concordia e ao bicentenario do Semanario Patriótico de Vigo:

Celebramos hoxe, 2 de maio, o sequiscentenario da aparición en 1873 do primeiro exemplar de La Concordia, o periódico de oficiosa filiación liberal, que serviu á política, primeiro de Eduardo Chao, despois de Ángel Urzáiz, máis tarde, do agrarismo, que competiría durante cinco décadas con Faro de Vigo, aparecido vinte anos antes, que da man do seu propietario e impresor Ángel de Lema e Marina se fora vinculando coas posicións conservadoras de José Elduayen. Nacemento de La Concordia que celebraba aqueloutro, tamén un 2 de maio, mais de cincuenta anos antes, do Semanario Patriótico de Vigo, primeiro periódico impreso na provincia de Vigo na imprenta de Pascual Arza, cuxo único primeiro número (dos trece publicados) se conserva nos fondos do Museo de Castrelos. Xornal mural impreso por unha soa cara, a dúas columnas, desaparecería o 4 de agosto de 1823, cando as baionetas das forzas reaccionarias ao mando do xeneral Pablo Morillo –aquel heroe oportunista da Reconquista, nomeado coronel a toda presa, a quen hoxe se debería privar de honras– esmagaron ao pobo vigués, rematando así coa súa efémera capitalidade do trienio liberal.

Foi o primeiro director de La Concordia Miguel Fernández Dios, a quen axudaba o xove xornalista Ramón García Vicetto, establecendo a súa redacción na rúa Vitoria 10 e os seus talleres na praza da Constitución 6, na imprenta do seu director e propietario. Inicialmente saía os martes e os venres baixo o subtítulo de «Periódico de comercio e intereses xerais», epígrafe modificado en 1894 como «Primeiro diario de Vigo», no mesmo ano no que se trasladaron as oficinas e o prelo á Praza do Sol 3 e cando se lle asignou o teléfono número 50, o que se facía constar na mancheta, como tamén a cifra da tirada do día anterior, daquela próxima aos tres mil exemplares. A comezos de 1878 comezou a saír diariamente (menos os festivos), dirixido xa polos fillos do fundador, primeiro Eudoro Fernández Lema, despois Miguel, anticipándose máis dun ano á que Faro de Vigo, entón trisemanario, se convertese a partir do 7 de xullo de 1879 en «Diario da tarde». Continuou así unha oposición persistente entre ambas as dúas cabeceiras viguesas, que Xosé María Álvarez Blázquez considera «sempre ponderada e construtiva», «con esporádicas manifestacións de nerviosismo», o que non impediu nalgunhas ocasións que unisen as súas voces en defensa dos intereses de Vigo, mentres continuaba a competencia comercial e publicitaria.

Inicialmente apareceu cun formato de 23 x 24 centímetros e constaba de catro páxinas, dispostas a catro columnas, abrindo a primeira cun artigo editorial, durante algún tempo encabezado polo antigo lema do xornal La Oliva, do que se declaraba lexítimo descendente, «Todo por Galicia, todo para Galicia», dedicando a cuarta a publicidade. Formato, paxinación e maqueta modificada ao longo da súa historia, tanto polo incremento das súas seccións, a inserción dende 1907 de gravados de personaxes, paisaxes e monumentos como polas publicación dos seus folletíns de autores galegos como de estranxeiros traducidos, concibidos para ser encadernados como libros da Biblioteca de La Concordia. Procedemento utilizado para a publicación de varias das novelas de Benito Vicceto, escolmas de poesías de Alberto Camino (1881) e Francisco Añón Paz (1878) ou os ensaios El cura de Fruíme. Estado social de Galicia durante el siglo XVIII (1881) de Fernando Fulgosio e as Monografías de Vigo (1878) do chorado Teodosio Vesteiro Torres.

Nas páxinas de La Concordia, dirixidas desde 1900 por Miguel Fernández, neto do fundador, sendo redactor xefe Juan de Villavicencio, colaboraron figuras literarias como os poetas vigueses Luis A. Mestre e Juan Neira Cancela ou a pioneira Concepción Arenal. Como nos seus anos serodios na páxina dos luns dedicada a narración publicou Castelao algúns dos seus relatos e o poeta Luis Amado Carballo os seus primeiros textos. Anos, entre 1918 e 1922, nos que se ocupou da crítica literaria Manuel Lustre Rivas, figura por rescatar do esquecemento, o xornalista vigués mártir, asasinado o 10 de novembro de 1936 na Cuncheira, director que foi tamén do semanario Acción Viguesa (1922), redactor xefe do xornal vigués Galicia. Diario de Vigo (1923) e xa durante a República redactor de Faro de Vigo, redacción onde foi detido antes de ser encarcerado na illa de San Simón. La Concordia deixou de publicarse en 1924, tras a decisión adoptada pola súa propietaria a Editorial Vigo S.A., tamén a dunha cabeceira nova, El Pueblo Gallego, que dende o 27 de xaneiro de 1924 collera o revezo. Como noxento foi que a colección de La Concordia, como denunciou Álvarez Blázquez, fose queimada na vía pública, «nun acto de incualificable incivilidade», que pasará a historia das infamias viguesas ocultas.