Está vendo o arquivo da categoría » Autores

Gulliver xornalista

bretemas —  25 de Xaneiro de 2005



Celso Emilio Ferreiro

Hoxe chegou a miña mesa o primeiro título do ano. A obra xornalística do noso Gulliver non fora, ata agora, recompilada en libro, un desexo que tivera, desque publicou (a comezos dos anos cincuenta) a serie “La jaula de los pájaros raros” en Faro e que pretendía fose prologada polo seu amigo de Iria (o texto escribiuse, mais perdeuse). Moncho realizou unha magnífica edición, como xa fixera coa poesía; igual que a capa de Villalobos, sorprendente para este tipo de edición. Cando deseñamos a colección procurabamos a mantenta este choque de formas e a singularización sutil de diversas series. Os textos de Gulliver son unha gozada e, por riba, teñen o interese engadido de seren case descoñecidos, mesmo para os estudosos. Prendín neles desque Moncho me deixou as primeiras fotocopias. Hai artigos memorables como ese “Vigo, puro milagro”, onde metaforiza a Sal como cidade teorema.
Seremos capaces de sacar adiante un título como este? Polo momento, aínda non contamos con apoio institucional ningún. O histórico de vendas indica que previsiblemente non vai abondar coa colocación que faremos a vindeira semana en librarías. Procurar unha venda institucional. Velaí a tarefa inmediata.

Sísifo

bretemas —  19 de Xaneiro de 2005
Utilizo o mito de Sísifo porque este é un país onde as xentes que asumiron a defensa da súa identidade colectiva, xa a mediados do século XIX, fixeron en cada etapa xeracional esforzos titánicos para acadaren obxectivos e resultados que, rematada cada etapa, eran destruídos parcialmente ou ás veces case totalmente, de xeito que cada xeración tivo que comezar dende máis atrás de onde chegara a precedente. Abonda ollar e enfíar biografías de membros representativos das sucesivas xeracións -Faraldo, Rosalía, Murguía, Brañas, Villar Ponte, Castelao, por exemplo-: non hai continuum no proceso de construción do edificio da nación, senón unha sucesión de interrupcións, retrocesos e voltasa empezar.