Onte 2132: Xabier DoCampo 75

Emocionoume onte escoitar a entrevista que María Meizoso fixo a Xabier DoCampo o 31 de decembro de 2017 en Radio Voz. Rescatada do esquezo por un chío oportunísimo de Martin Pawley, estes dezasete minutos foron probablemente unha das últimas intervencións do mestre Xabier.

A pesar de que daquela xa sufrira algún episodio que anunciaba a súa doenza, amósase entusiasmado falando do valor da maxia da radio e da palabra contada, dúas actividades que formaron parte da súa vida, como presentando A nena do abrigo de astracán (Xerais 2017), que poucas semanas antes presentáramos en Lugo e na Coruña, en dous actos inesquecibles.  Confesa que tardou quince anos e medio en escribila e que nalgún momento creu que non sería capaz de rematala.

Quedo con dúas das súas afirmacións sobre o oficio de escritor. A primeira: «Escribo para que me queran máis os amigos, para que me lea a xente». A segunda: «Escribir é pasar á mente do lector un pensamento, unha previa que antes non existía». A concepción da escritura como pouso dos afectos e como transferencia son dúas herdanzas que nos deixou Xabier DoCampo, a quen lembramos onte con saudade e respecto, cando facía 75 anos do seu nacemento.

A entrevista pode escoitarse aquí.

Onte 1195: A estrelada de Celso Emilio Ferreiro

Máis alá da controversia erudita arredor de se Celso Emilio naceu o día 4 ou o 5 de xaneiro de 1912, en todo caso na víspera de Reis, todos os seus biógrafos acreditan en que o poeta de Celanova chegou ao mundo cando os tempos estaban a mudar. El mesmo o recoñece nestes versos: «Moitas vegadas / a miña nai contoumo. / O día que ti naciches / houbo estrañas sinales no ceo. / Outro era entón o vento de xaneiro, / as pombas do solpor tornaban lentas / na serán sosegada.» Quizais por esa estrelada sosegada e afortunada daquel xaneiro de hai cento tres anos, Celso nunca perdeu a lumieira que acompañou a súa obra. Hoxe continua accesa en milleiros de persoas. Un caso case único na literatura galega. Convido hoxe a escoitar un extraordinario documento oral, as entrevistas que lle fixeron María Xosé Porteiro e Xosé Antonio Perozo en 1978. Ergamos un vaso de caíño na súa lembranza.

Onte 1080: Manuel Rivas en Celanova



Rivas_le_asinatura_no_libro_da_casa_dos_poetas

Acompañamos a Manuel Rivas no acto de entrega do Premio Celanova Casa dos Poetas. Foi unha velada artística na que estiveron moi presentes as figuras de Curros e Celso Emilio Ferreiro, ás que se uniu a do autor d’ O lapis do carpinteiro como outro xornaleiro máis do porvir. As melodías contemporáneas de Zoar ensemble abríronlle a xanela a unha intervención absolutamente memorable de Xurxo Souto que chufou ben chufado a Rivas como «o escritor da épica dos humildes e da rebelión da realidade na procura do inefable«. No seu discurso Rivas, despois de agradecer o premio, referiuse á concepción anticipatoria da poesía de Curros, a de ver outro lado das cousas, utilizando información e emoción. Insistiu na necesidade de facer de Galicia un espazo de vida, desexo e creación, ao tempo que denunciou a situación de emerxencia da lingua, na que se cruzou a liña vermella, reclamando para a lingua «un rescate de pleno dereito, entre todos, coa intención de construír un espazo de simpatía e biodiversidade». Rematou a súa palabras Rivas convidando a brindar por un novo rexurdimento literario e popular.

Escoita a gabanza de Xurxo Souto (12 minutos).

Escoita o discurso de Manuel Rivas (13 minutos).

Onte 463: En Vilalba con Agustín

A Casa da Cultura de Vilalba quedou pequena para acoller ao centenar longo de persoas que participaron na presentación d’ O rastro que deixamos e do nomeamento de Agustín Fernández Paz como socio de honra do Instituto de Estudos Chairegos. Tras a fermosa e completa semblanza que do autor realizou Manuel Castro Santasmariñas, Isabel Soto, a editora do libro, conversou con Agustín sobre os temas principais dun libro construído sobre  dúas trabes, a memoria da infancia, e polo tanto a memoria da Vilalba dos anos cincuenta do século pasado, e a reflexión sobre o oficio de escritor. Un libro no que como editor sei que está o Agustín máis xenuíno, máis próximo e entrañable. Nestas páxinas d’ O rastro que deixamos está o ADN do fillo de Antoania e Antonio, o que fixo das Fontiñas o centro do mundo.

Como xa fixera na presentación de Vigo,  Agustín salientou que para todas as persoas «a infancia é esencial xa que é cando descubrimos o mundo», para expresar despois a importancia que tivo para el As Fontñas, o seu barrio, como Vilalba, a súa vila, os seus primeiros círculos concéntricos, lembrando que «todo lugar, toda vila é Macondo se se sabe contar». «A memoria, felizmente, é traidora, non é un rexistro fotográfico. Hais cousas que se esquecen e outras que se deforman. Como hai outras se sempre se lembran. Este é para min o caso da señora Xenerosa «A capadora» que viña quentarse á cociña da miña avoa. Contaba contos de medo que para min continúan sendo excepcionais. Outrosí sucede co cesto de Beti cheo de tebeos. Son fíos de memoria cos que un escrtior constrúe o o seu mundo. Neses fermentos están os fíos da vida que logo utiliza na súa obra». Logo relatou como descubrira a lectura da man do seu pai. «Meu pai e toda a súa familia lían moito. O tío Se tiña un baúl cheo de novelas, un feito que recollín en varias das miñas ficcións. Meu pai tiña unha biblioteca, dous andeis de libros, onde me aprendeu o devezo de ler. Son escritor grazas ao meu pai que me meteu este devezo de ler, que logo, anos máis tarde, me levou ao de escribir». Foi emocionante o relato de Agustín de como coñeceu ao escritor Álvaro Cunqueiro. «Foi na carpintaría familiar encargando unhas caixas para uns capóns que comprara para enviar a Néstor Luján e outros comellóns de Barcelona. “Este señor é don Álvaro Cunqueiro”, dixérame meu pai. Grazas aos libros de Cunqueiro, que o señor Crende prestáballe ao meu pai, descubrín que había libros en galego». Outras cuestións abordadas na conversa con Isabel Soto foron as referidas o oficio de mestre de Agustín, como membro dunha xeración de ensinantes «que quixemos facer unha escola democrática e íntegra», así como os seus inicios no oficio de escribir. Despois, a conversa estendeuse ao público, rematando o acto co nomeamento de Agustín como socio de honra do IECHA e cunha longuísima sesión de asinaturas. Un serán para a memoria dos que alí estabamos.

Decontado subiremos a gravación completa da intervención de Fernández Paz.

Onte 455: Cos Merlín no Porto

Foi intensa a xornada na Escola Superior de Educaçao do Porto participando nos décimo oitavos Encontros Luso-Galaico-Franceses do Livro Infantil e Juvenil. Particular interese para nós tivo a xornada de tarde na que se celebrou un encontro con escritores galegos premiados no Merlín (Fina Casalderrey, Ramón Caride, Antonio García Teijeiro e Marcos Calveiro), senllas sesións arredor de propostas de lectura na aula das novelas xuvenís de Ramón Caride e Agustín Fernández Paz, e un recital poético no que participou Antonio García Teijeiro, xunto a Vergílio Alberto Vieira e Joao Pedro Mésseder. Abríu o encontro cos escritores galegos Fina Casalderrey que comezou a súa intervención situando a colección Merlín como “imprescindible para tomarlle a temperatura a literatura infantil e xuvenil en Galicia”, afirmando despois que “se nalgún sitio me sentín máis libre foi en Xerais, onde as únicas ataduras son a ética e a estética. Calquera tema pode ser tratado a calquera idade. Na colección Merlín cabe o mundo enteiro”. Tras relatar a súa experiencia como gañadora do Merlín en 1991, cando se concedeu no Círculo das Artes de Lugo, rematou expresando a ledicia que lle proporcionaban esas “cartas de amor” que recibe decote dos lectores e defendendo o valor para todos da literatura infantil. Ramón Caride confesou na súa intervención que “foi un soño recibir o Premio Merlín co primeiro libro infantil que escribira”. Atribuíu o éxito da colección Merlín “a un traballo editorial ben feito” e “á renovación e reinvención constante da colección”. Comezou a súa intervención Antonio García Teijeiro reivindicando ao poeta como “roubaversos” para despois relatar que foi a súa muller quen presentou o orixinal, que rematara na casa de Rafael Alberti, ao premio Merlín, “Un premio que ten algo que non teñen os demais, quizais os mellor dos organizados en España”. Rematou as súas palabras apelando ao valor da poesía: “Todos os poetas do mundo fixemos medrar unha gran árbore universal, na que penduramos os nosos poemas, onde cabemos todos. Levo loitando toda a miña vida a prol da poesía. Amade a poesía, non lle teñades medo. Citando ao meu amigo o poeta Fran Alonso ‘a poesía non traba, non morde, sabe a chocolate, sanda as feridas’. Lede poesía”. Por último intervíu Marcos Calveiro que comezou a súa intervención confesando que este ano se presentara ao Marlín “porque xa o perdera noutras ocasións”, “no Merlín está o ADN da lix agalega, coa excepción de Docampo e Martín que non se presentaron”. A continuación explicou as razóns da súa escrita: “escribo para non perder aquel capitán de quince anos que fun, un lector voraz. Todos os meus libros son un exercicio de nostalxia daquel lector de quince anos, cando un libro podía mudarte a vida. Esa sensación nunca a volvín ter, nunca”. Rematou salientando a súa convicción que que “escribir é unha das cousas máis divertidas do mundo. Escribir e ler son dúas dimensións da mesma realidade. Para escribir hai que ser lector”. Pechou o encontro unha breve intervención de Blanca Ana Roig Rechou quen definíu “a literatura infantil e xuvenil como aquela que nos acompaña da nenez á vellez”. A pesar de que na viaxe de regreso choveu os sete choveres, volvimos todos moi satisfeitos, unha xornada literaria que pagou a pena.

As gravacións de cada unha destas cinco intervencións poden escoitarse premendo nos enlaces: Casalderrey, Caride, Teijeiro, Calveiro e Roig.

Noventa aniversario dos Mártires de Sobredo

Resultou moi emocionante a homenaxe aos Mártires de Sobredo con motivo do noventa aniversario daquel acontecemento clave na loita agraria antiforal. Dende o pasarrúas, animado por Os Folieiros de Lavadores, o acto resultou moi concorrido e vibrante. As intervencións de José Trillo, versificador popular de Guillarei, e Xosé Paraños Andrés, presidente do recén creado Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, recuperaron a memoria duns acontecementos que non poden ser esquecidos. O memorable e moi fermoso discurso de Marga Romero, a xeito de carta a Cándida Rodríguez, unha das vítimas, emocionou aos varios centos de persoas chegadas das parroquias da bisbarra baixomiñota e da área metropolitana de Vigo. Estas foron as miñas palabras nun acto no que foi unha grande fortuna ser convidado.

 

O discurso de Manuel Azaña

O famoso último discurso de Manuel Azaña, o das tres pes (“Paz, Piedad, Perdón), pronunciado o 18 de xullo de 1938 no concello de Barcelona, pode escoitarse completo aquí (setenta e catro minutos en sete arquivos). Un documento histórico para arquivar. Moi recomendable a súa utilización didáctica.

Etiquetas: