Está vendo o arquivo da categoría » Artigos_MeuCelta.com

Con este artigo inicio a miña colaboración con MeuCelta.com que hoxe estrea nova imaxe. Os meus parabéns e gratitude para este medio celtista publicado integramente en galego.

Son celtista desque meu pai me levaba a Balaídos con apenas tres ou catro anos. A miña infancia está gravada na bancada de Río do vello Balaídos, o estadio que se inundaba, un domingo si e outro tamén, pola subida do Lagares. O Celta daquela, militaba en Segunda, tiña vontade de equipo water-polista, xenuíno representante dunha cidade guindastre, deitada diante da ría, como é Vigo.

O vello Balaídos foi a aula onde aprendín as regras que rexen a gramática do fútbol celeste. Aos seis anos, papá fíxonos socios da grada (aboiante) de Río para seguir o equipo de Ibarreche e Las Heras, que xogaba co Indauchu, co Condal, co Basconia, co Europa, co Langreo, co Coruña (daquela chamábase así) ou co Pontevedra que conseguiría nun derbi co Celta o seu ascenso a primeira división, iniciando a súa inesquecible etapa do «hai que roelo!». Os rapaces do meu tempo tivemos que agardar até o ano sesenta e nove para ver xogar o noso equipo en primeira, feito celebradísimo na cidade que levou ao Faro a entregar (por vez primeira) un póster a cor do cadro de xogadores adestrado por Ignacio Eizaguirre, que decoraría durante anos moitas cociñas e canta taberna ou tenda de ultramarinos había por Vigo adiante. Aquel Celta de Manolo, Costas, Rivera, Abel, Suco ou Lito, un cadro na súa maior parte galego, foi sempre sentimentalmente o meu preferido. Acadou a primeira grande proeza do fútbol galego: xogar en 1972 unha eliminatoria da UEFA fronte ao Abeerden escocés; proeza, ben é certo, que quedou un chisco diminuída pola incapacidade do equipo do olímpico Juan (a nosa maior figura) para conseguir sequera algún tanto (perdimos 0-2 en Balaídos).

Ao remate da miña adolescencia (tras frecuentar moito Riazor, a comezos dos setenta, nos anos nos que fixen o bacharelato na Universidade Laboral da Coruña) e coa conquista das liberdades asumín o pensamento nacionalista e a defensa da lingua. O meu celtismo familiar madurou, da mesma forma, a un celtismo identitario e consciente. Foi cando viñeron dúas décadas do «sobe e baixa» e, máis tarde, as glorias europeas do xogo da serpe, a do mellor Celta das nosas vidas, o de Mostovoi e compañía, polo que hoxe pían algúns e que moi dificilmente volverá.

Creo que no fútbol se xoga, fóra do terreo, unha liga paralela, a das emocións dos seareiros. O fútbol, como case todos os deportes que empregan unha pelota, é na vida o que mellor escapa ás leis da vida. Todos os equipos son máis que un club, son manifestacións de identidades locais e nacionais; e os partidos son expresión da intelixencia en movemento nos que, como dicía André Maurois, se formulan problemas matemáticos de infinita complexidade que se resolven cun alustro, grazas a unha faísca de pensamento activo que posúen os futbolistas xeniais. Aí reside para min a grandeza deste deporte (tan deturpado actualmente polo tinglado económico e mediático), na súa capacidade para unir intelixencia, sentimentos, emocións e identidades.

Concibido o fútbol deste xeito, eu non podo ser máis ca celtista, como outros grandes amigos de meu non poden ser máis ca deportivistas ou seareiros do Club Deportivo Lugo. O Celta, dende a súa fundación, tivo a vontade de ser a primeira selección galega. Hai anos tiven a fortuna de coñecer a Juan Baliño Ledo, un dos impulsores da fusión do Real Vigo F.C. e do Fortuna, os dous equipos que conformaron o Real Club Celta de Vigo e da que esta semana celebramos o noventa aniversario. Baliño contoume emocionado que o grupo de fundadores pretendeu crear un equipo potente que levase as cores da bandeira de Galicia polo mundo adiante. O propio nome do equipo, escollido entre outros tan simbólicos como «Club Galicia» e «Breogán», amosa ese poder identitario galego que posúe o Celta. Durante toda a súa historia, mesmo a pesar da longa noite de pedra da ditadura, este entusiasmo galeguista, pacífico ate o lirismo, formou parte do ADN do Celta e do celtismo. Como a humildade do orzamento e unha aposta decidida pola canteira, pola xente da casa (como dicía meu pai), constituíu a mellor estratexia para soldar os vínculos entre a grada e bancada. Actitudes que, por riba de xogadores, adestradores e presidentes, o Celta non pode perder xa que forma parte da súa gramática esencial e xenuína. Coma sempre o de sempre, ala Celta!