A Exposición Industrial do 44

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á Exposición Industrial de Galicia celebrada en Vigo do 17 de agosto ao 12 de setembro de 1944:

Ao fío do artigo sobre Handicap e a fundación do Celta, no que fixen unha referencia á Exposición Industrial de Galicia celebrada en Vigo entre o 27 de agosto e o 12 de setembro de 1944, foron varias persoas maiores as que me lembraron o impacto que aquela mostra causara en Vigo, nun tempo de autarquía e represión franquista, días tamén de esperanza no que París era liberada da ocupación nazi, no que a cidade comezaba a recuperar as estratexias de desenvolvemento industrial e comercial iniciadas na segunda metade do século XIX. E nunha cidade esquecediza coma a nosa paga a pena lembrar o que foi aquel pioneiro evento feiral organizado coa pretensión de salientar o empeño industrial de Galicia. Mais por ventura podemos facelo seguindo o completísimo artigo de José Luis Mateo Álvarez, historiador a quen tantas esculcas debemos para recuperar a memoria viguesa, publicado en Glaucopis, Boletín do Instituto de Estudios Vigueses (2019): «A exposición industrial de Galicia en Vigo (1944): “o milagre dos corenta días”, un exemplo de arquitectura efémera do réxime franquista».

Conta José Luis Mateo que a idea naceu no mes de maio do mesmo ano nunha reunión de autoridades do réxime e representantes da Cámara de Comercio de Vigo no despacho da Alcaldía, na que o novo Gobernador Civil, Genaro Riestra Díaz, propuxo facer en Vigo unha Exposición Industrial seguindo o modelo das xa realizadas en Bilbao, Valencia e Barcelona. O alcalde, Luis Suárez Llanos, a quen se recorda pola creación da Zona Franca, o deseño da Gran Vía, o axardinamento e repoboamento dos montes do Castro e da Guía, asumiu o financiamento e presentou o proxecto de Exposición Industrial, que sería aprobado no pleno de 29 de xullo cun orzamento inicial de medio millón de pesetas, que logo sería triplicado. De contado comezaron as obras nos xardíns de Eijo Garay, diante da Comandancia de Mariña, espazo no que Fernando Molins Soto, xove arquitecto vigués discípulo de Antonio Cominges, deseñou un recinto expositivo distribuído en tres prazas, que acolleu 125 stands, salón de festas e recepcións, e Luciano Turc Bert, o técnico municipal en xardinaxe, creou uns xardíns, que sen alterar as árbores existentes, deran un punto natural a cada unha das estancias. Os traballos desenvolvéronse a correr en apenas corenta días, velaí a consideración de “milagre”, coa intención de que a mostra fose inaugurada por Franco o 27 de agosto.

Na Exposición Industrial tiveron presenza destacada a Unión de Fabricantes de Conserva e as empresas agrupadas en Suministros Metalúrgicos y Navales S.A. (SUMNSA) dedicadas á construción naval, fundición e industrias do envasado. Como tamén estiveron as estampadoras La Artística, La Metalúrgica e  Alonarti; os estaleiros de Enrique Lorenzo, Troncoso e Santodomingo e Paulino Freire; as porcelanas e vidros de Manuel Álvarez; e empresas de actividades diversas como a Panificadora, Unión Cristalera, Zeltia, Pedramol, La ibense ou Casa Pérez Conde, entre outras. Como indica José Luis Mateo, a burguesía local, que apoiara aos golpistas do 36 e formaba parte da estrutura viguesa do réxime dende o seu inicio, “aproveitou a Exposición como plataforma de promoción para reivindicar o seu protagonismo”. Estratexia das elites franquistas da cidade que tivo o éxito recoñecible tres anos máis tarde, cando o Goberno concedeu ao porto de Vigo a Zona Franca do Norte, o que permitiría o seu aproveitamento comercial intercontinental, facilitaba as exportacións, potenciaba a subministración naval e unha década máis tarde a creación de novas instalacións industriais como a de Citroën.

Ademais da expresión do perfil industrial, fabril e portuario do Vigo da década de 1940, na Exposición estivo presente o traballo artístico dos creadores do Servicio Nacional de Propaganda na decoración dos espazos máis emblemáticos, entre os que estaban o escultor José Luis Medina Castro (ao que o concello de Vigo encargaría en 1949 catro esculturas de animais, entre elas o famoso Oso dunha peza do Castro) e os pintores José Romero Escassi e Juan Antonio Morales (autor dos murais alegóricos A Terra e O Mar da entrada principal). Mentres os artistas vigueses se ocuparon do arranxo dalgúns stands, como Urbano Lugrís (decorador do da unión de conserveiros con motivos mariños e da ilustración do Anuario de Vigo 1944/45 dedicado ao evento) Laxeiro, Demetrio Lobato, Riego, Barbosa, Oliveira e Ernesto Bao (autor do excelente cartel anunciador). Como estiveron presentes membros do sindicato vigués de Artesanía como os escultores Camilo Nogueira e Manuel Longa, o tallista Victoriano Gonzalo Tomé, os ourives Irmáns Hernández  ou o forxador Romero, autor da emblemática “Farola de Urzaiz”, que amosaron algunhas da súas producións máis emblemáticas.

Funicular ao Castro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á mobilidade vertical e metropolitana na cidade de Vigo:

A edificación na aba e declive dun outeiro fixo de Vigo un anfiteatro sobre a ría que marabillou aos que nos visitaron tanto se chegaban por mar como polos camiños entre as milleiras do Val do Fragoso. Admiración expresada polo escritor Benito Pérez Galdós no artigo «De Oporto a Vigo», publicado en Faro de Vigo o 12 de agosto de 1885, no que ademais confesa que para el «a máis fermosa das catro rías é a de Vigo, que tamén é o primeiro porto de España e quizais de Europa…». «Non se poden formar ideas, sen vela, daquela inmensa balsa de auga encalmada, que mide cinco légoas de longo e dúas de largo nalgunhas partes, defendida dos furores do Océano polas illas Cíes, dique natural que tapa a entrada…» Xeografía que facilitou que todo chegase a Vigo dende o mar e que obrigou a comprometer o seu porvir coa mellora do seu porto. Un modelo que condicionou o seu desenvolvemento urbano, documentado por vez primeira en 1597, no plano de J. Turriano, como unha vila en forma de «H» inclinado con dous brazos, un sobre o Berbés e outro no Areal, con rúas costentas, cualificadas por Galdós, tamén como «incómodas, estreitas e tortuosas».

Dende entón, Vigo conformouse como cidade portuaria atlántica, sendo diversas as iniciativas para superar os «inconvenientes» da súa orografía e facilitar a mobilidade entre o Berbés, A Laxe e o Areal cos novos ensanches que gabearon arredor do Castro. Entre todos elas, probablemente, foi a máis ambiciosa a de Antonio Palacios, no seu Plan de Reforma Interior de 1932, que concibía Vigo como futura  capital dunha Galicia autónoma. Palacios tendía unha liña ferroviaria paralela á costa, introducía liñas de funicular e teleférico, que darían acceso á cidade universitaria e aos miradoiros da Guía e a Madroa, e outra liña de metro soterrada entre o peirao de pasaxeiros na Laxe e o Castro, onde o porriñés instalaba a sede do Pazo Rexional. Proposta que quedou no papel, como aqueloutra de ordenación comarcal, baseada nunha vintena de poboacións satélites, en boa medida xa modelada pola expansión da rede do tranvía eléctrico de Vigo, concibida xa no seu inicio, en 1914, como metropolitana, que en 1927 estendía as súas vías en 47 km e nas décadas de 1940 e 1950 chegaba até Baiona, Gondomar, O Porriño e Chapela e superaba os trinta millóns de billetes anuais, cando a poboación da comarca era a metade da actual.

Outra iniciativa de mobilidade vertical viguesa foi o proxecto da empresa de tranvías, dirixida entón polo emprendedor e soñador Gerardo Campos, que en 1942 quixo cubrir de forma rápida e cómoda o acceso desde o peirao de transatlánticos até o monte do Castro, que comezaba a ser convertido en parque, por medio dun funicular. Rescatado do esquezo polo historiador Antonio Giráldez Lomba nas documentadísimas páxinas do seu libro Recordando los Tranvías de Vigo (Deputación de Pontevedra, 2005), unha das alfaias da bibliografía viguesa, aquel proxecto fascinante sería presentado en 1948 polo enxeñeiro de Camiños José Antonio López Jamar e quedaría como as liñas de Antonio Palacios no caixón da enxeñaría viguesa de papel. Un proxecto dun funicular monorraíl de 32 prazas e dúas cabinas que por medio de dous túneles e a unha velocidade de 18km/hora uniría a estación da Pedra coa Porta do Sol (á altura da Praza de Argüelles) e dende alí seguiría douscentos metros até o Campo de Granada, onde deixaba de correr sobre o raíl para rematar o traxecto desprazándose por un cable aéreo até a estación superior do castelo do Castro.

Ambos os dous proxectos, tanto o de Antonio Palacios como o de Gerardo Campos, pretendían facilitar a mobilidade peonil no interior da cidade, establecendo conexións mecánicas entre os perfís lonxitudinais do porto e da nova avenida de Circunvalación (dende 1963 bautizada como Camelias). Proposta que só despois de medio de século comezou a abordarse coa instalación dos primeiros elevadores do «Vigo vertical» na rúa Segunda República e nas propias Camelias. Como ambos os dous inserían as súas propostas nunha trama metropolitana, truncada tras o erro histórica de suprimir en 1968 as liñas do tranvía. Dúas dimensións, a vertical e a metropolitana, que deberían ser tomadas en conta á hora de deseñar o plan de mobilidade sostible que limitará o tráfico nas Zonas de Baixas Emisións do Vigo central que comezarán a funcionar dende o primeiro de xaneiro de 2023. A pesar da xa inevitable atmosfera electoral, o concello debería presentar decontado o seu plan de mobilidade sostible, que obriga a reconsiderar os itinerarios de vitrasa e os percorridos urbanos das liñas metropolitanas da estación de Urzaiz, mais tamén os trazados de carrís bici, a instalación de novos elevadores, as dimensións das novas peonalizacións e rotas alternativas e estacionamentos periféricos para os vehículos privados.

Baixas emisións

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar unha política de baixas emisións para Vigo:

Dous espazos naturais de encontro e convivencia dentro da cidade de Vigo emiten estes días o seu mayday, ameazados de desaparición. Refírome ao Parque García Picher, no corazón industrial da beiramar, situado entre as factorías de Barreras e a de conservas Albo, onde hai un século estivo instalado o campo de fútbol de Coia, espazo de privilexio que o concello anuncia converter noutro macroparque infantil de cemento e caucho, o que polas infografías difundidas polos medios dixitais suporá inevitablemente a desaparición completa do arborado e da herba e a súa posibilidade de utilización interxeracional, dende as crianzas ás persoas maiores. Refírome, en segundo lugar, aos xardíns das Avenidas, arranxados hai arredor de trinta anos na actuación Abrir Vigo ao Mar, onde se anuncia a construción dun aparcadoiro soterrado, xustificado como ampliación daqueloutro do Náutico, o fracasado «Robotizado», nunha actuación urbanística no moi sensible perfil da beiramar viguesa avalada polo concello, Autoridade Portuaria e Consorcio da Zona Franca.

Actuacións ambas as dúas en zonas verdes consolidadas que destruirán, no caso da primeira, unha paisaxe viguesa moi singular, onde dende apenas dúas décadas se funde de forma case única en Vigo o arboredo coas guindastres e os cascos de ferro nas gradas dos estaleiros, e no caso da segunda, os xardíns urbanos de Montero Ríos, que dialogan coa frescura centenaria da Alameda, en pleno ensanche ideado por García Olloqui, coa pretensión de meter aínda máis coches nunha zona xa moi saturada que dende o Berbés, pasando pola Laxe e a praza da Estrela, até ao Areal, conta cunha decena de estacionamentos soterrados. Cabe preguntarse se con intervencións no tecido urbano como estas dúas se contribúe de forma eficaz a que Vigo conte a partir do 31 de decembro de 2023 dunha Zona de Baixas Emisións (ZBE), a que está obrigada pola Lei 7/2021 de Cambio Climático e Transición Enerxética como cidade con máis de 50.000 habitantes, para reducir a contaminación no entorno urbano?

Transformación innecesaria do Parque García Picher explicable só pola grandilocuencia que o goberno municipal imprime a cada unha das súas actuacións dirixidas á infancia, coma se a súa obriga fose a de ofrecer parques de atraccións con estruturas de proporcións enormes e deseño extravagante, o que de facto supón consolidar parques cada vez máis desnaturalizados que privan ás criaturas do escaso contacto que na cidade poden ter coa natureza. Tras corenta anos observando o xogo infantil acredito con maior convicción que os elementos naturais, a auga e a terra, a area e a herba, son o mellor parque de atraccións e a primeira aula de aprendizaxe para os nenos e nenas de todas as idades; elementos naturais que facilitan ás crianzas a conquista da autonomía, a exploración dos perigos, o desenvolvemento psicomotor, as habilidades sociais e a cooperación entre iguais ou a exploración da creatividade. Seguindo as tendencias que hoxe se impoñen en Europa máis que grandes estruturas de esvaradoiros e chans de caucho requentado concibidas para un xogo guiado, o que se bota en falta nos parques infantís vigueses son árbores para gabear, máis randeeiras e xiradeiras, máis fontes e areeiros, limpos e ben conservados, como máis espazos de calma, sombra e frescura para os picariños e bancos para os avós e avoas ou nais e pais que os acompañan.

Como a todas luces é innecesario outro estacionamento soterrado nas Avenidas que como o resto dos existentes nun traxecto lonxitudinal de dous quilómetros contribuirá paradoxalmente a atraer máis tráfico sobre o centro e, polo tanto, máis emisións contaminantes. Compensa desfacerse do arborado arraizado nos xardíns de Montero Ríos, que por experiencia en intervencións anteriores semellantes sabemos será apenas substituído por arbustos chantados en macetas? Compensa semellante previsible desfeita dun espazo público naturalizado para dotar de máis prazas de estacionamento aos usuarios dos atraques  de embarcacións deportivas dunha concesión privada? Compensa estoutro paso atrás na difícil tarefa de facer un Vigo máis biodiverso e comprometido coa redución das emisións?

Neste contexto de transición ecolóxica convén lembrar que establecer unha Zona de Baixas Emisións obrigará en Vigo, como no resto das cidades, a aplicar restricións de acceso, circulación e estacionamento. Como tampouco está de máis recordar que conservar os espazos verdes existentes constitúe un requisito para preservar a biodiversidade urbana. No camiño de facer un Vigo máis verde e menos contaminante, un Vigo máis amigable para crianzas e maiores non semella a estratexia máis axeitada construír máis aparcadoiros no centro ou desfacerse de espazos naturais interxeracionais.

Arquitecto Pacewicz

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición de rúa sobre o arquitecto Pacewicz:

Unha mostra dunha ducia de paneis de cartón pluma lembra diante do Marco o legado vigués do arquitecto francés de orixe polaca Michel Pacewicz. Con motivo do centenario do seu pasamento na nosa cidade, o 2 de febreiro de 1921, a delegación viguesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e o Concello de Vigo organizaron esta exposición, comisariada por Nacho Hortas e inaugurada a comezos de ano no centro Vialia, coa intención de facer visible a pegada decisiva dun arquitecto responsable dunha parte moi significativa do deseño pétreo do ensanche burgués, transformando a comezos do século XX fóra do perímetro da muralla unha cidade portuaria de apenas 23.000 habitantes nunha boiante cidade industrial e cosmopolita que pretendía contar coas infraestruturas e comodidades dunha capital europea.

Responsable dun catálogo de máis de vinte proxectos, desenvoltos en Vigo entre 1897 e 1918, asinados todos por outros arquitectos, na súa maior parte polo mestre de obras catalán Dimas Vallcorba, xa que non lle foi recoñecida a súa titulación francesa como membro da Sociedade Central de Arquitectos de París, Pacewicz decidiu instalarse en Vigo en 1904 coa súa dona Anne Marie Traber e desenvolver aquí o derradeiro treito dunha vida profesional, que até entón fixera en París. E abofé que esas dúas décadas de traballo deixaron algúns dos edificios máis relevantes do Vigo do século XX.

Un legado arquitectónico rescatado do esquecemento e investigado de forma titánica por José A. Martín Curty, autor de Pacewicz, arquitecto vigués 2020 (Instituto de Estudios Vigueses, 2021), obra referencial na que amplía e actualiza a monografía que editara en 1992 (COAG). Debemos á formidable esculca de Curty nos arquivos franceses e vigueses o coñecemento do fío que coseu de por vida a Pacewicz con Vigo. E non foi outro que o tirado pola figura de Benito Sanjurjo (1856-1916), que marchara a París en 1872 a estudar arquitectura e probablemente coincidira con Pacewicz no estudio de Paul Abadie onde o franco-polaco se formaba. Da amizade con Sanjurjo debeu nacer tamén o contacto co primeiro cliente vigués, Manuel Bárcena Franco, Conde de Torrecedeira, na visita que fixera con outros industriais vigueses á Exposición Universal de París de 1889, centenario da Revolución Francesa, marcado pola inauguración da Torre Eiffel.

Dese nobelo tirou Curty para documentar os primeiros proxectos de Pacewicz na comarca de Vigo, na ampliación e axardinamento do pazo do Conde de Torrecedeira na parroquia redondelá de Cedeira, datados entre 1888 e 1890. Como documentou nas páxinas de Faro de Vigo a primeira visita de Pacewicz a Vigo, instalado durante dez días de setembro de 1897 no Hotel Europa da rúa do Príncipe, no recanto coa do Circo (hoxe Eduardo Iglesias), nos que debeu abordar o estado dos seus primeiros proxectos vigueses: a casa para Joaquín Acuña Soaje, o edificio Bárcena («Hotel Moderno») e a Escola de Artes Oficios encargada por García Barbón. Tres edificios claves, cos que nos anos de entre séculos inicia unha gran actividade construtiva que o levará en 1904 a fixar a súa residencia coa súa dona na cuarto andar da Casa Bárcena e a instalar en Vigo o seu primeiro estudio en Urzaiz 37 na axencia de proxectos do seu amigo Benito Sanjurjo.

Nos paneis desta mostra de rúa, ten particular relevancia a presentación das fachadas emblemáticas de Pacewicz, características do seu eclecticismo internacional de influencia francesa, como a da casa para Paulino Yáñez (1900) da praza de Compostela, un dos edificios vigueses máis notables e fermosos, nos que destacan o seu elegante traxe de granito e a galería de madeira do seu chafrán neogótico. Como chaman moito a atención a planimetría das vivendas de renda da problemática promoción de Benito Sanjurjo na rúa Urzáiz (11-23), nas que rescataba as solucións parisinas para as vivendas de alugueiro. Como atrae a casa de campo de carácter neomedievalista deseñada para Rosendo Silva (1900) na estrada de saída a Baiona, hoxe rúa López Mora, rodeada dunha cúpula vexetal extraordinaria marcada por dúas araucarias centenarias que resisten como símbolo da cidade xardín que Vigo tamén quixo acubillar.

Completan a mostra a lembranza dos cines desaparecidos, o Royalty de Velázquez Moreno, o primeiro cinematógrafo de Vigo, e o Odeón de Urzáiz, así como da súa arquitectura funeraria de Pereiro, onde foron depositados os seus restos até que en 1926 pasaron ao osario xeral, sen que ninguén os reclamase. Un remate humilde en orfandade para quen tanto fixo por engrandecer Vigo como unha cidade europea. Triste paradoxo semellante ao que vivimos coa colocación dun escenario fixo para pequenas actuacións na Porta Sol diante do Moderno, o edificio máis emblemático do arquitecto vigués Pacewicz.

Leiro no Marco

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición do Leiro antropomórfico instalada no Marco:

Na madrugada do 7 de novembro de 1991 colocáronse as catro toneladas de peso do Sireno sobre dúas columnas de granito negro de 12 metros de altura. Dende entón a escultura deste home-peixe creada por Francisco Leiro (Cambados 1957) preside a Porta do Sol, un espazo sagrado para a cidadanía viguesa, converténdose nunha das iconas da cidade, probablemente tamén a que mellor representa o Vigo de fin do século XX daquelas catro grandes pezas encargadas nun exercicio político de grandilocuencia por Manoel Soto, alcalde de Vigo de 1979 a 1992, coa intención de modernizar e transformar puntos nodais do espazo público: os cabalos de Juan Oliveira na Praza de España, a Porta do Atlántico de Silverio Rivas na Praza de América e o Monumento ao traballo (popularmente «Os redeiros») de Ramón Conde na encrucillada de Urzáiz coa Gran Vía.

Un Sireno que o escultor cambadés, entón residente en Nova York, concibiu en altura a partir do encargo de Soto e do seu concelleiro Francisco Santomé, que lle solicitaran unha escultura metálica para unha fonte de 12 metros de diámetro e outras tres illas máis pequenas, unha solución creativa alternativa que confesou ideara pensando na cabeza do león alado da praza de San Marcos en Venecia. E así foi como a partir da figura clásica do Tritón, un centauro de mar, coa parte superior dun corpo de home e a  inferior dun golfiño, Leiro desenvolveu unha peza de aceiro inoxidable puído de sete metros de lonxitude de rostro humano e corpo mariño, dotada de aletas cubertas de escamas brillantes, que cando a contemplamos non sabemos se voa ou nada. Unha figura coa que o arousán pretendía representar o vínculo permanente de Vigo co mar, dende as primeiras factorías de salgadura romanas e as cantigas de Martín Códax, pasando polas primeiras instalacións de conserva no Areal e as escalas dos transatlánticos nos que embarcaron milleiros de emigrantes, até a cidade portuaria actual, coa súa industria pesqueira, naval e automobilística de Berbés a Bouzas.

Unha escultura antropomorfa que Leiro chamaba «Home-peixe», mais que sería bautizada de forma casual polo concelleiro Santomé nunha roda de prensa na que pretendía explicar o proxecto e acabou dicindo que o que preparaba Leiro para a Porta do Sol era «un sireno». E a verdade é que o traspés do edil foi tan afortunado que superou ao nome previsto polo artista. Sireno foi un nome capaz de recoller as intencións do creador de converter a esta figura híbrida, metade humana e metade animal, nun ser mitolóxico único e orixinal que posuíse os principais trazos do carácter da cidade. Como co tempo, pasada a polémica inicial, Sireno foi un nome suficientemente orixinal e provocativo para representar a capacidade da estatua para imantar a propia praza e dialogar cos seus edificios máis emblemáticos, o Simeón do arquitecto galeguista Manuel Gómez Román, o Galoya do madrileño Romualdo Madariaga e o Hotel Moderno do polaco vigués Michel Pacewicz, sen menoscabo da súa ollada melancólica contemplando a propia ría de Carral á Laxe.

Case tres décadas despois de instalar as pezas do seu Nadador na Laxe e nos xardíns da Estrela, Francisco Leiro volve a Vigo cunha grande mostra no Marco comisariada por Miguel Fernández-Cid, tamén director do museo vigués de arte contemporánea. Unha exposición de produción propia centrada no Leiro antropomórfico (1986-2022), na que sen constituír unha retrospectiva e renunciando a unha presentación cronolóxica, reúne dende pezas de hai máis de tres décadas até algunhas de nova produción concibidas para ser instaladas nas salas da planta baixa do museo de Príncipe. Esculturas de granito, bronce e madeira e de moi distintos tamaños nas que como sucedera co Sireno o artista outorga calidades o trazos humanos a animais e obxectos. Unha mostra impactante polo xogo de escalas que se propón en cada unha das salas, nas que se dispoñen series de pezas como Escorredoiras (2021), Pavitas (1992-1999), Ceboliños (2019), Androias (1998) ou a recentísima Agrelados (2022), así como estimulante para o visitante pola variedade de temáticas, rexistros e materiais.

Sorprende a capacidade do cambadés para reinterpretar, como xa fixera no Sireno ou en pezas como Pájaras (1987), a mitoloxía clásica e a popular, sexa galega ou da tradición azteca. Como asombra a súa capacidade para ocupar os espazos expositivos con pezas de diversas escalas, sexan as enormes como Dama de Navalcarnero (2006), instalada na galería panóptico, ou os impoñentes Lacazán (2002), Winter (2021) e O home de pau (2021), até as máis pequenas e delicadas de menos dun metro de altura, como as memorables Danzantes (2020), Mameluco (2019), Escarranchada II (2019) ou Revirosa (2019). Recomendo vivamente a visita e parabenizo ao artista e comisario por tan magnífica mostra.

O Cristo da Guía

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a instalación dun Sagrado Corazón de Xesús na ermida da Guía:

Coñecemos hai poucos días o busto do Cristo da Guía, unha das seis pezas que formará parte da escultura do Sagrado Corazón de Xesús que esta semana se colocará sobre a ermida da Virxe da Guía, dedicada a Nosa Señora das Neves. Unha imaxe de granito de seis metros de altura e oito toneladas de peso realizada pola Escola de Canteiría de Poio da Deputación de Pontevedra, grazas a un convenio co Concello e a Diocese de Vigo, que setenta anos despois pretende rematar o proxecto que para a igrexiña da Guía fixo o arquitecto Manuel Gómez Román. Cun custe de 84.000 euros, pagados entre o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, esta escultura relixiosa está chamada para os seus promotores e patrocinadores a converterse nunha nova icona da cidade de Vigo marcando o perfil da ría dende os cen metros de altura do outeiro do castro da Guía, dende os que se pode enxergar tanto o horizonte das illas Cíes como o estreito de Rande e a enseada de San Simón e das salinas do Ulló. Unha instalación promovida inicialmente polo párroco de Teis que considera, segundo as súas declaracións á web infocatolica.com, «será a escala como unha especie de Cristo de Corcovado de Río de Janeiro», e que a propia alcaldía de Vigo considera «moi importante» porque «será visible dende toda a cidade».

Mais lonxe de tratarse doutra escultura instalada polo concello no espazo público, a colocación desta imaxe do Sagrado Corazón de Xesús (SCX) na ermida da Guía ten nun estado constitucionalmente aconfensional coma o noso unha dimensión crítica na orientación da política cultural da cidade tanto por tratarse dunha peza inequivocamente relixiosa como polas connotacións históricas que o SCX tivo para lexitimar ao bando dos sublevados en 1936, e a súa manipulación para dotar de “sobrenaturalidade” á guerra civil e a Francisco Franco como o seu líder e despois consolidar o seu goberno. Exaltación do SCX cunha forte pegada belicista, estudada polo historiador Pablo Baisotti (Cultura Latinoamericana, 2015), que dende o inicio da guerra civil se realizaba nas súas cerimonias de consagración e entronización presididas por xenerais e autoridades civís e relixiosas en igrexas ou nos locais de Falanxe, Sección Feminina ou Acción Católica. Como nas bandeiras do Requeté ondeaba a imaxe do SCX e os combatentes desfilaban cun distintivo de tea que levaba bordado o SCX coa palabra “detente”, transformando o simbolismo do corazón en protección contra as balas inimigas.

Culto ao SXC introducido en España polo xesuíta Bernardo de Hoyos  no século XVIII coa intención de conseguir a adhesión popular á devoción, que ao longo do século XIX se politizou intensamente sendo considerado en España como un símbolo da restauración do absolutismo monárquico e unha vía para consolidar a plena confesionalidade do Estado.  Tras o agravamento da chamada cuestión social a comezos do século XX e das políticas secularizadoras dos réximes liberais, a estratexia de procurar unha lexitimación relixiosa para a reconstrución cristiá da sociedade foi culminada coa consagración de España ao SCX no Cerro de los Ángeles o 30 de maio de 1919, estendéndose como devoción a Cristo rei durante a ditadura de Primo de Rivera como antagonista da cultura política democrática republicana que triunfaría nas eleccións de 14 de abril de 1931. Culto ao SCX que tras o Alzamento representaría a estratexia do nacional catolicismo que unía nun mesmo discurso os conceptos de Cruzada, relixión e Franco como Caudillo de España. Estratexia infelizmente recuperada no comezo da Reforma Política da década de 1970 cando o berro de “¡Viva Cristo rei!”, converteuse no identificador da extrema dereita.

Con semellantes antecedentes históricos é incomprensible e inédito que dúas administracións, concello de Vigo e Deputación de Pontevedra, custeen con fondos públicos unha imaxe relixiosa que representa a estratexia do nacional catolicismo de mesturar os cultos relixiosos coas súas implicacións políticas. Como é aínda máis desafortunado facelo na proximidade do espazo onde foi paseada o 11 de abril de 1937 unha parella de veciños de Teis, Ángela Iglesia Rebollar e José Niebla García, baleados de costas, cuxo único delito foi ser protestantes e desafectos ao réxime. Como tampouco cremos que a instalación da imaxe poida ser xustificada para completar o proxecto de Gómez Román, abandonado en 1951 por falta de recursos, nin tampouco para transformar o miradoiro en corcovado emblemático, cando apenas precisa de maior coidado do seu espazo natural e de regular o estacionamento de vehículos. Como é absurdo recorrer á instalación dun abuso de ostentación do nadal e a sufragar imaxes e procesións relixiosas coa intención de converter a Vigo nunha postal atractiva da que se sinta tamén orgullosa a súa veciñanza.

Baixo Elduayen

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos achados nas obras de Elduayen e na Porta do Sol:

Rematado o trimestre de luces e panxoliñas, que converteu a Vigo por desexo da súa alcaldía na capital do Nadal catódico das cidades felices, a nosa abella da ribeira recupera por outros nove meses o ritmo do seu latexo, unha gráfica con picos, onde non faltan azos para a esperanza nin sobran motivos para a preocupación. Unha diferenciación entre cidades felices e infelices que xa non admitía Italo Calvino no seu libro máis memorable, «As cidades invisibles», do que existe excelente versión galega de Miguel Anxo Murado (Xerais 2000), no que propoñía unha clasificación alternativa das cidades «entre as que, a través dos anos e das mutacións, seguen dando a súa forma aos desexos, e aquelas nas que os desexos ou logran borrar a cidade, ou son borrados por elas».

E abofé que de aceptar como útil esta liña divisoria, trazada nas conversas entre o emperador mongol Kublai Khan e o mercador veneciano Marco Polo, voces das fermosas narracións de Calvino, gustaría que Vigo se continuase adscribindo as primeiras, a aquelas cidades xustas que se constrúen coa pulsión colectiva da cidadanía sobre o substrato da súa memoria. Gustaría, considerando tamén, como propón o filósofo Antón Baamonde, que «unha cidade é un estado de ánimo, un corpo de costumes e tradicións, e de actitudes organizadas e sentimentos», que Vigo tras a invención deste mito natalicio, protagonizado pola alcaldía como estratexia de promoción turística, continuase sendo, como afirma X.L. Méndez Ferrín, ese volcán de dinamismos que ao longo dos dous últimos séculos «mudou con moita rapidez de fisionomía aínda que non de espírito». Gustaría, en definitiva, que o Vigo futuro fose un espazo urbano viable e sostible, innovador e creativo, que sen renunciar a súa identidade e tradición fose capaz de liderar a rede de cidades galego-portuguesas do Eixo Atlántico.

A retirada das luces de Nadal, aínda incompleta a comezos de febreiro no xardín histórico da Alameda e noutros espazos vigueses, sacou a luz nas obras do túnel de Elduayen a Policarpo Sanz, antigas edificacións e a bóveda do túnel de arredor de vinte metros que durante aproximadamente cincuenta anos, entre 1880 e o inicio da Segunda República, uniu a rúa do Príncipe coa canella dos Caños. Achados que non constitúen sorpresa ningunha para as especialistas en arqueoloxía e amantes da historia da cidade, mesmo recoñecibles en varias novelas viguesas, que alertaron reiteradamente da súa existencia cando se anunciou hai dous anos o proxecto do túnel, mais que agora abren un interesante debate cidadán sobre o coñecemento e a conservación do patrimonio cultural e histórico. Achados preciosos para coñecer a composición do palimpsesto urbano vigués, probablemente con vestixios de cando a cidade comezou a retirar a muralla e abrir os seus ensanches urbanos próximos, que constitúen unha oportunidade formidable, probablemente única, para saber máis da historia viguesa e reflexionar sobre as súas carencias e oportunidades.

As investigacións sobre este período decisivo de mudanza da rede viaria extramuros do arquitecto Jaime Garrido Rodríguez, recollidas no seu libro esencial «Vigo amurallado. Origen y evolución histórica» (Instituto de Estudios Vigueses, 2019), permiten coñecer que o trazado da actual rúa Elduayen, entón Travesía de Vigo (1879), proxectado por Manuel Fernández Soler, autor do que quizais puidese considerarse como o primeiro plan xeral de Vigo, obrigou a cortar as rúas do Pracer e da Misericordia, que partían da praza da Herba (hoxe Argüelles). Novo trazado que «obrigou ao derrubo total ou parcial de numerosos edificios e, entre eles, da capela gremial da Misericordia do século XVI, da maior parte da casa-pazo de Fuente-Pita e así mesmo da artística fonte de Neptuno». Vestixios de construcións familiares  como as da rede de sumidoiros da rúa Sombrereiros, contemplados en 1890 no ancheamento da nova travesía a quince metros, que probablemente continuarán aparecendo nas escavacións das vindeiras semanas.

As obras do túnel de Elduayen e da Porta do Sol, unha infraestrutura tan complexa e custosa como claramente innecesaria para a imprescindible peonalización deste espazo urbano de privilexio, constitúen unha oportunidade para debater sobre o tipo de Vigo que se pretende construír: unha cidade alicerzada sobre o palimpsesto da súa tradición e memoria identificable nestes achados ou ben outra que quere borrar esas pegadas ou botar terra sobre elas canto antes. Achados que aconsellan unha estratexia demorada de valoración deste xacemento por parte dos arqueólogos e restauradores, e mesmo a posibilidade, como propón o movemento Vigo Histórico, de deter as obras mentres os técnicos debaten como integrar estes restos históricos no tecido urbano futuro.

O Vigo de Palacios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Plan Palacios (1932):

Na magnífica exposición sobre Antonio Palacios no Museo do Mar de Alcabre enfeitiza a atención da visitante a maqueta realizada polo alumnado do IES Politécnico que plasma en tres dimensións o «Plan de extensión e reforma interior da cidade de Vigo» presentado á corporación en decembro de 1932 polo arquitecto porriñés. Substituíndo a aqueloutra de escaiola preparada no estudio vigués de Palacios para acompañar ás explicacións públicas do plan ao longo do ano 1934, esta nova maqueta de 4 m x 2,6 m realizada coas técnicas actuais da impresión dixital permite coñecer con todo detalle o deseño daquel Vigo de Palacios ideado para o seu desenvolvemento urbano deica o ano 2100. Un Vigo artellado sobre a medula espinal da rúa Galicia, que unía o monte do Castro coa Laxe, e sobre o despregue de dúas grandes avenidas, a Gran Vía Atlántica paralela á ría e a Gran Vía Cornixa, arredor do Castro, que conecta Teis con Samil, coas que conflúe en cota intermedia a Vía Céltica e transversalmente a Vía Alba, a Vía Sárdoma e a Gran Vía Erizana.

Un Vigo que Palacios deseñou como unha peza artística e funcional a un tempo, cunha silueta urbana identificable dende o mar, na que segundo o profesor de Historia da Arte da USC Jesús Sánchez García, comisario da mostra do Museo do Mar, utilizou solucións ensaiadas noutras cidades deseñadas por arquitectos formados na École des Beaux Arts de París, como o novo Guayaquil (1907) ou Tesalónica (1918), que trataron tamén a estas cidades como creacións orixinais, obras únicas e irrepetibles. Un Vigo soñado por Palacios no contexto da crise dos anos vinte e do caos urbanístico vigués, nunha cidade extendida sobre a ría de pouco máis de 65.000 mil habitantes (1930), tras a anexión de Bouzas (1904), que carecía dun planeamento que ordenase e controlase de forma unitaria e global o seu crecemento. Un Vigo radicalmente novo que para Xosé Manuel Souto González, historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses, constituía a resposta aos desexos da burguesía viguesa de facer a grande cidade do Atlántico, proxecto que Palacios identifica como a Barcelona atlántica que no ano 2000 superaría os 600.000 habitantes.

Unha cidade central monumental concibida como corazón dunha acrópole artellada en socalcos sobre a rúa Galicia, onde conflúen todas as vías, ao xeito dun formidable anfiteatro sobre a ría, que acada a súa cota no monte do Castro, onde se instalaría o Gran Palacio rexional con cúpula para planetario, o que supón que para Palacios Vigo sería a sede das institucións galegas. Unha cidade que no andar intermedio, ao nivel do castelo de San Sebastián e o Campo de Granada, instala a súa nova casa do concello, os xulgados, os museos, a biblioteca e dous grandes hoteis, deixando o nivel inferior para as sedes de oficinas industriais e de comercio e para unha pasaxe comercial, que bautiza como «Invernia». Unha cidade zonificada ao xeito de Le Corbusier en tres grandes áreas (marítima, interior e exterior) concibida como cidade xardín estendida sobre o Val do Fragoso e como cidade imán que organiza o territorio metropolitano de até máis de vinte núcleos satélites. Cidade portuaria na que Palacios contempla os espazos industriais (detrás da Guía), a estación marítima, os peiraos pesqueiros e até unha zona balnearia en Samil. Como tampouco esquece propoñer para solucionar a accidentada topografía viguesa un sistema radial no que se utilicen varios medios de transporte, dende estrada a ferrocarril, sen esquecer liñas de trolebuses, as conexións das embarcacións de ría, liñas de metro soterradas do porto ao Castro e de Urzaiz a Samil, ao emprego de funiculares, teleféricos e elevadores ou dun heliporto na estación do ferrocarril.

O arrasamento de boa parte do tecido urbano ao que obrigaba abrir a rúa Galicia foi o principal argumento para deixar o proxecto de Palacios sen efecto, tras unha dura polémica que o enfrontou con outros arquitectos vigueses do seu tempo como Manuel Gómez Román e Jenaro de la Fuente (fillo). De pouco serviu o seu argumento de artellar un  burgo arqueolóxico en Castrelos, na contorna da igrexa románica, un espazo onde se puidesen trasladar casas históricas e vivendas populares da zona vella, incluídas as asoportaladas dos barrios mariñeiros do Berbés e do Areal.

A arquitecta Alba Estévez Caldas, no seu magnífico traballo fin de grao sobre o Plan Palacios (2021), identifica solucións das contempladas polo porriñés que manteñen a súa vixencia, dende a edificación de mazás abertas e zonas verdes, á apertura de avenidas con bulevar francés, até o modelo transporte intermodal e a zonificación metropolitana. Benvidas tanto a recuperación da maqueta palaciana como estas novas lecturas da obra dun arquitecto xenial que soñou o futuro de Vigo como cidade atlántica.

A mostra do arquitecto Palacios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición sobre o arquitecto Antonio Palacios instalada no Museo do Mar en Alcabre:

No panorama expositivo vigués deste nadal, ademais das mostras pictóricas de Lodeiro na Fundación Laxeiro e de Manuel Quintana Martelo no Marco, destaca a dedicada ao arquitecto Antonio Palacios Ramilo instalada na sala de exposicións temporais do Museo do Mar de Galicia da Xunta de Galicia. Baixo o título «Antonio Palacios. Soños de Modernidade. Compromiso con Galicia», a exposición da que é comisario o profesor de Historia da Arte da USC Jesús Ángel Sánchez García presenta unha escolma razoada da obra do arquitecto porriñés dende a dupla ollada da súa implicación en diferentes frontes de modernización e do seu compromiso coas raíces e as manifestacións culturais de Galicia. Máis de duascentas pezas que sen afán de exhaustividade permiten un percorrido polo amplísimo legado palaciano dende as primeiras obras na súa vila natal (1904), a Fonte do Cristo e as escolas da Fundación Fernández Areal, até as que continuou en Madrid, a cidade onde deixou unha obra máis numerosa e fixou a súa residencia habitual, tamén na que gañou éxitos e recoñecementos polas seus grandes edificios públicos e industriais, como o Palacio de Correos e Telégrafos de Cibeles, o Banco do Río da Prata ou o Círculo de Bellas Artes, e polas obras de infraestrutura comezadas hai un século como as do Metro.

Mostra que, ademais, amosa o vínculo de Palacios coa renovación artística galega e presenta algunhas das súas máis destacadas obras arquitectónicas e proxectos urbanísticos en Galicia (Vigo, Compostela, Ourense, Vilagarcía…), onde sempre mantivo chantado un alicerce dende o seu estudio vigués, quizais a cerna desta excelente exposición, concibida tamén como homenaxe no setenta e cinco aniversario do seu pasamento. Ollada cara á cultura, a arte e ás tradicións construtivas galegas estudada polo profesor José Ramón Iglesias Veiga, o primeiro e máis concienciudo investigador da obra de Palacios, desaparecido hai un ano, que salienta tanto o interese das súas incursións como pintor e ceramista como o compromiso de Palacios coa organización das exposicións de arte galega no Centro Galego de Madrid. Tarefa de divulgación do patrimonio galego e da nosa arquitectura histórica asumida por Palacios nas súas célebres conferencias como as que ditou en Vigo no Círculo Mercantil o 9 de abril de 1930 sobre a casa popular galega, onde foi presentado por Castelao, ou en novembro de 1931, na sociedade La Oliva, sobre as tres igrexas románicas viguesas. Tarefa didáctica asumida tamén nos artigos publicados en Vida Gallega, Faro de Vigo ou El Pueblo Gallego onde con espírito literario presentou as pezas da arqueoloxía megalítica da contorna viguesa.

Na exposición ten relevo de seu a obra de Palacios no Vigo metropolitano, dende as tres grandes pezas viguesas, o Teatro García Barbón (1913-1926), construído co granito branco das canteiras de Castrelos, o edificio da Banca Viñas Aranda (1941) de Marqués de Valadares e o inconcluso mosteiro das Salesas Reais (1941) no barrio da Calzada, até o conxunto das edificacións no Balneario histórico de Mondariz, o Templo Votivo do Mar en Panxón (1932-1937), a escultura monumental da Virxe da Rocha en Baiona (1910-1930), con certo paralelismo á estatua da Liberdade que manda no porto de Nova York, a casa para Sileno (1920) na praia de Lourido, o chalé de Celso Méndez (1932) en Panxón, a Botica nova do Porriño ou a extraordinaria casa do concello do Porriño (1918), aclamada polo poeta Ramón Cabanillas como «unha obra que marcará, por sempre, o comezo do noso rexurdimento artístico».

No entanto, é a extraordinaria Maqueta do plan de Vigo, recuperada en 3D polo CIAG e o alumnado de Fabricación Mecánica do IES Politécnico de Vigo, tras a desaparición hai vinte anos da orixinal en escaiola que acompañou a exposición pública en 1932, a peza central da mostra. Recuperación dunha peza histórica, merecedora de ser conservada no museo da cidade, que concreta as liñas xerais imaxinadas por Palacios ao gusto dos arquitectos de cidades Beaux-Arts para o desenvolvemento urbanístico de Vigo: primeiro en 1908, con motivo da Exposición de Industrias do Mar; despois nas conferencias que ditou en La Oliva en 1919, onde as preexistencias construídas no centro histórico e na ribeira do Berbés apenas tiñan valor; e por último recollidas na zonificación urbana proposta no Proxecto de Ensanche e Reforma Interior da Cidade de Vigo, aprobado pola alcaldía en xaneiro de 1934 e finalmente desbotado en 1937 pola corporación sublevada.

Unha exposición valiosa que reivindica o legado dunha das figuras claves da Galicia da primeira metade do século XX ao tempo que reabre o debate sobre o futuro urbanístico desa cidade metropolitana que quixo ser a Barcelona Atlántica. Visita máis que recomendable ao fermoso museo de Alcabre.

Conservar Alfageme

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo a reclamar a conservación integral do complexo industrial de Alfageme de Bouzas:

Dentro do patrimonio industrial vigués, se a Panificadora (1924) no Vigo vello é a nosa catedral laica que impón o seu perfil sobre o anfiteatro da ría, o conxunto fabril de Alfageme (1931) de Bouzas é o noso principal monumento da beiramar. Dúas edificacións senlleiras, chaves da identidade viguesa, mostras do diálogo do fabril co urbano. Dous complexos industriais deseñados polo arquitecto Manuel Gómez Román cando acentuaba a súa intención rexionalista no emprego do granito e aproveitaba as solucións construtivas máis actuais, entón ligadas á utilización do ferro, nunha década de entusiasmo de entre guerras, tamén decisiva para a industrialización do Vigo moderno. Dúas instalacións baleiras e abandonadas, a Panificadora dende o seu peche hai corenta anos, xa moi deteriorada pola desidia e pola pegada inevitable do paso do tempo; a de Alfageme, liquidada hai apenas unha década, en moito mellor estado, mais que coa perspectiva esperanzadora de celebrar o seu próximo centenario agardan ambas as dúas a súa rehabilitación integral e novos usos.

A publicación do libro «Alfageme. Historia e memoria» (Instituto de Estudios Vigueses, 2020), na que se inclúen os textos expertos de Xoán Carmona, Mariña López e Xosé Ramón Iglesias, pon de relevo o papel sobranceiro da familia Alfageme na historia do sector conserveiro vigués ao longo dun século, así como a importancia da supervivencia dunhas edificacións de valor monumental e artístico incuestionable, que para o profesor Carmona representan «un elemento da identidade e memoria viguesa» e «un orgullo e o emblema dunha cidade industrial». Chegada a Vigo dende Candás (Asturias), onde tiña un negocio de conservas e sidra, a familia de Bernardo Alfageme instalou a súa primeira fábrica de conservas nunha nave alugada no Areal (1913), a carón doutras conserveiras como Curbera, Portanet e Antonio Alonso. Actividade que mudarían a Bouzas, no barrio de San Gregorio, no espazo que ocupara o campo de fútbol do Fortuna, a carón dos estaleiros de Coia, primeiro para instalar un serradoiro e un negocio de comercialización de madeiras de importación (1927), despois unha moderna factoría de conserva, instalada para Carmona nun «edificio de autor», encargado a un arquitecto de prestixio, inaugurada en 1931 e ampliada en 1939.

Conformada pola fábrica, un amplo xardín sobre a rúa Tomas Alonso e unha vivenda familiar, para Xosé Ramón Iglesias «o arquitecto logra definir unha edificación equilibrada e sobria, na que conviven a atención ás necesidades funcionais da produción industrial e a necesidade de ser icona de marca» como pretendía a familia Alfageme. O resultado do proxecto de Gómez Román foi unha edificación sen excesos ornamentais, na que se emprega de forma maioritaria o granito manipulado por expertos canteiros, situada entre a tradición e a modernidade, na que o factor estético non restou peso á procura da racionalidade nun edificio fabril considerado como modélico durante décadas. Carácter iconográfico que a arquitectura rexionalista imprimía nas edificacións da industria da conserva procurado tamén por Jenaro de la Fuente Álvarez co seu proxecto (1929) para a factoría Albo instalada entón na proximidade do campo de fútbol de Coia, hoxe entre as rúas Jacinto Benavente e Paz, se ben o énfase decorativo historicista sería moito maior ca en Alfageme. Edificación fabril a de Albo, aínda hoxe en funcionamento, mais para a que se anuncia o traslado ao Porto Seco de Salvaterra, o que abre un interrogante sobre o seu uso e conservación futura.

Agardando a concreción do proxecto de usos de Zona Franca para a Panificadora, o futuro da fábrica dos gatiños de Conservas Miau constitúe todo un enigma. Como sinala Carmona «Alfageme representa un grande espazo construído e interiormente case diáfano, céntrico e a cabalo entre Bouzas e Coia», barrios aínda moi necesitados de dotacións sociocomunitarias públicas, que alí poderían ter acubillo. Como no marco dos programas de reconstrución e da Axenda Local 2030, Alfageme podería ser sede dunha renovada actividade industrial vinculada coa pesca, a conserva e a construción naval. Con todo, como tamén sinala Carmona hoxe «é preciso elaborar un programa de conservación preventivo destinado a manter a integridade do ben», para o que é necesaria a colaboración da administración local e autonómica. En todo caso, agardemos que o novo PXOM, tal como asegurou a alcaldía, incorpore a protección integral do complexo construído e non só das súas fachadas, como desgraciadamente pasou co espantallo edificado na Metalúrxica. Todo o espazo industrial de Alfageme debe ser conservado e rehabilitado, o que permitiría preservar a memoria e o significado da actividade conserveira para o Vigo contemporáneo.