Castañas e magostos

bretemas —  14 de Novembro de 2017 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a castañas e magostos:

As castañeiras viguesas da praza da Farola, da rúa García Barbón, do Calvario, de Teis ou de Travesas moitos cucuruchos de bullós prepararon nas súas locomotorciñas esta fin de semana, na que Vigo celebrou os seus magostos populares. Unha festa estacional campesiña do tempo de Samaín, na que a carón do lume os galegos rendemos culto o froito do castiñeiro, a árbore máis representativa, xunto co carballo, da nosa paisaxe tradicional. Magostos que dende hai catro décadas chantaron raíces nos centros escolares e nos barrios vigueses, dende o xa clásico e concorridísimo dos soportales do Berbés aos das parroquias do periurbano, para celebrar así a chegada dos primeiros fríos do outono e prepararse, ás portas do nadal, para os rigores do inverno.

Dende a chegada dos romanos, somos un pobo de comedores de castañas. Na Idade Media, citada por Afonso X o Sabio nun verso da súa cantiga 386 (“A que avondou do vinno aa dona de Bretanna”: “que sól non lles minguou dele que valvéss’ ũa castanna”), durante o inverno, constituía o alimento principal da poboación, un auténtico pan do pobres, até que co descubrimento de América foi substituída polo millo e, sobre todo, polas patacas, as chamadas castañolas, castañas mariñas ou castañas de terra. Os castiñeiros co seu porte maxestoso e os seus troncos robustos e gretados convertéronse así nas árbores da memoria, algúns monumentos naturais senlleiros da nosa paisaxe, como os do Souto de Rozabales de Manzaneda, onde chantou hai concocentos anos raíces o castiñeiro de Pumbariños, hoxe cun perímetro de case trece metros. E non foi allea, tampouco, para a importancia da castaña a expansión da cultura dos mosteiros, que provocou a limpeza e roturación dos montes e a plantación de viñas e castiñeiros nos seus arredores.

Xaora, chegado o outono, a veciñanza de cada aldea soutaba, recollía as castañas que estaban bulladas e atoleiraban os castiñeiros coas súas baloiras (ou taloiras, noutros lugares) para guindar os ourizos ao chan. Logo de petelalas, ourizalas coa petela, un pau en forma de pinzas, levábanas aos sequeiros, pequenos edificios unidos á casa ou a unha parte dela, e deitábanas sobre un andar coas táboas do piso lixeiramente separadas e cheas de buratos. Alí permanecían, durante dúas semanas, ao coidado dunha persoa que as remexía cun rodo cada dous ou tres días. Cando estaban secas e logo de desbotar os picóns e as carabulecas, as castañas mirradas ou de peor calidade, que se arredaban para cebar aos porcos, pasábanas ao canizo, de onde se ían collendo a medida que se necesitaban.

Os comedores de castañas –balocas, crocas, degaros, destelos, restrelos, que son outros nomes que recibe o froito do castiñeiro– coa excepción das pilongas, as castañas bravas que din agoiran mala sorte e son tremedamente indixestas, sabemos que son exquisitas tanto crúas e asadas como cocidas en auga ou leite. Cando se cocen coa casca en auga e sal mudan de nome e pasan a ser zonchos, marmotas ou zamelos. Se o facemos sen ela, delubadas, son moi sabrosas anisadas, en almibre, con leite, azucre mel e fiuncho. Sen esquecer as posibilidades que temos de cocer as castañas con chourizo ou con fabas; preparalas en crema, en tortas, en pasteis ou en purés, óptimos estes para acompañar as carnes e sobre todo ás pezas de caza.

Pero non esquezamos que a castaña tamén protagoniza o magosto, a festa de orixe pagana, acristianada como tantas outras, que celebramos entre os días de santos e difuntos e o de san Martiño de Tours, o patrón de Moaña e de Ourense. Foi Manuel Murguía, o primeiro en sinalar a importancia dos magostos, considerándoos coma un xeito de banquete funerario no que a castaña, o viño, e o lume simbolizan a presenza da vida e tamén da morte: a castaña medra, incha e estoupa; o viño é o sangue da terra; e o lume, símbolo do deus da vida, é o elemento purificador e unificador de toda a cerimonia. Como outro valor simbólico do ritual do magosto é a súa contribución ao reforzamento dos vencellos dos membros de cada comunidade veciñal, que celebran cos seus aturuxos aos froitos recollidos da terra, xa que cada vez que estoura unha castaña na grella, cómpre dar un aturuxo.

Concibidos hoxe en Vigo como unha merenda popular ao aire libre, o ritual non escrito dos nosos magostos populares aconsella, ademais de papar nas castañas asadas e beber unha fecha de viño ou un quinto de cervexa, exaltar o lume e xogar a tisnarse coa borralla, o que semella axudará a enfrontar con maior fortuna as dificultades do inverno que se achega. E que non falten tampouco nin a gaita nin a pandeireta para cantar as coplas:

Non chas quero, non chas quero

castañas do meu magosto;

non chas quero, non chas quero

que me cheiran ao chamosco.

E unha vez rematado o magosto, cada moucho ao seu souto, que hai moita por facer.

Comparte este artigo:
Facebook Twitter Digg Email

Sin comentarios

Podes ser o primeiro que abre unha conversa sobre este artigo.

Deixa unha resposta

Podes utilizar algúns tags HTML para formatear a túa resposta. Preme no seguinte link HTML. <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

*

Canto suman 5 + 8 ?
Please leave these two fields as-is:
Esta pregunta faise porque a maioría dos comentarios veñen de robots. Deste xeito sei si és humano.