Campo do Fragoso CXXXVI

OUBIÑADA

Foi a de onte unha tarde dunha grande oubiñada, tanto polo gol decisivo do capitán celeste coma polo seu extraordinario partido no que sostivo ao Celta fronte ao mellor equipo do mundo. Poucas veces celebramos tanto un gol do grande Borja Oubiña, insignia do Celta desta década, como esta marabillosa cabezada, caíndo en chapa preto da área pequena. Un gol memorable, fermoso, que permite aos nosos continuar con maior pulo na pelexa pola permanencia. E non foi doado acadar este empate, que soubo a gloria, fronte a este Barça construído arredor dun Messi obsesionado por golear en Vigo e acadar outra das súas marcas.

Abel Resino adiantou a defensa, afastou aos seus laterais das bandas e con Insa e Pranjic construíu un trivote no medio do campo baixo o control de Borja. Este debuxo táctico permitiulle xuntar as liñas e reducir os espazos arredor de Messi, o que supuxo ademais reducir o tempo de posesión do Barcelona. Resultou un acerto, sobre todo polas posibilidades que tiveron Orellana e Augusto para chegar a área de Pinto, mais tamén un grande risco no terreo defensivo, xa que facilitou uns amplísimos corredores polos que Tello e Alexis intentaron buscarlle as costas aos nosos laterais Jony e Roberto Lago, aos que lles tocou a peor parte.

O partido foi tan igualado coma xusto resultou o marcador final. Foi de tenteo o primeiro cuarto de hora, no que o Barça xa procurou a entrada dos seus extremos. O Celta respondeulle coa velocidade dun Orellana motivadísimo e coa vontade diesel de Augusto, a quen lle foi anulado un gol no minuto doce. A posesión pasou ao Barcelona, mais o Celta non perdeu nin a súa intensidade nin a súa orde nin a súa paciencia, procurando atopar a mínima oportunidade para quebrar a cintura de Piqué. Cando os nosos aínda se recuperaban da primeira xenialidade de Messi, apareceu unha ocasión de ouro para eles. Park foi derrubado na área de Pinto, tras outra combinación de Orellana e Augusto. Un penalti non sinalado, que sería “compensado”, sete minutos despois, preto da media hora de xogo, cando o árbitro non quixo ver unha falta semellante de Roberto Lago sobre Messi.

Durante o treito final da primeira parte o xogo estaba moi vivo en ambas as dúas áreas. Oubiña xutou moi duro sobre Pinto, aproveitando na área un erro colosal de Piqué. Respondeu Messi cun servizo sobre Tello que a promesa guindou a Marcador. O Celta quería, e puido. No minuto 37, volveuno intentar Orellana. Entrou na área, caneou a dous defensas e deixou que fose Insa quen marcase o primeiro tanto dun biqueirazo. Decontado respondeu Messi cun saque de falta maxistral, desviado in extremis por Varas. Mais, un minuto despois sería Tello quen igualaría o marcador, cando por fin, despois de moito intentalo, pillou as costas de Jony.

Tras a reanudación o Barcelona recuncou na súa estratexia de entrada polas bandas. Nunha destas tiradas, Messi fabricou o gol que precisaba o seu historial. Abriu moi profundo sobre Tello, que despois de superar ao seu defensor centrou para que o astro arxentino marcase a pracer. Faltando menos de vinte minutos o encontro diante de tan poderoso rival semellaba perdido. Porén, o Celta de Resino non se rendeu. A entrada do medio centro gabonés Madinda foi decisiva. Das súas biqueiras naceu a incrible igualada. Un balón gañado polo canteirán permitiu o centro de Orellana que viu como quedara só Oubiña na área pequena. Non fallou o gran capitán. Foi un partido inesquecible para a nosa memoria como afeccionados. Poderemos contar que vimos marcar a Lionel Messi o seu primeiro gol en Balaídos, no mesmo encontro no que Borja Oubiña respondeu cunha gran cabezada para a historia do celtismo.

Vídeo de Gol tv.

2 comentarios
  1. GalizaCeltista
    GalizaCeltista Dice:

    Só um comentário, o de ontem nom foi o primeiro golo de Messi em Balaídos, já marcara um na anterior visita do Barcelona que rematara com derrota do Celta por 2-3.

    Responder
  2. bretemas
    bretemas Dice:

    Pois non o lembraba. Efectivamente, foi o 28 de agosto de 2006, na primeira xornada da tempada do último descenso. Recupero o texto da crónica daquel partido que titulara «Boas vibracións»:

    A pesar da derrota, a estrea celeste deixou boas vibracións na bancada. O encontro como espectáculo deportivo foi unha gozada: houbo goles dabondo, alternancia no control do xogo, fermosos caneos, pases longos e cambios de orientación por parte dos dous conxuntos e, sobre todo, un vistoso enfrontamento de dúas concepcións tácticas de dous grandes adestradores, a da defensa atacante característica de Fernando Vázquez e a do ataque defensivo que manexa o simpático Rijkaard. Foi a primeira parte propiedade dos célticos grazas á súa disciplinada presión defensiva que impedía desde a media lúa central a chegada de pelotas francas para os dianteiros barcelonistas. Esa tensión foi a que permitiu que Baiano inaugurase a súa tempada goleadora tras un recorte preciso dun prometedor Nené. Porén, a segunda foi claramente blaugrana, debido ao baixón físico dos celestes, que provocou a perda da súa concentración defensiva e a posibilidade de que uns magníficos Iniesta e Deco comezasen o seu recital de distribución cara os seus espazos preferidos, onde Etoo e Messi son xa inapelables. O oportunísimo gol, nunha xogada a balón parado, dun moi acertado Gustavo López (o mellor dos celestes) fixo albiscar esperanzas de remontada o que, paradoxicamente, provocou unha inxustificada precipitación dos viguesss que derramaron as posibilidades de vitoria ou sequera de empate nos emocionantes minutos finais. Con todo, a pesar da febleza física de medio campo para diante, os célticos deixaron boas vibracións: a disciplina defensiva da liña de catro, as boas maneiras dos debutantes (tanto do lateral Lukas como do volante Nené) e o carácter batallador de todo o equipo prometen outra tempada moi ilusionante.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *