Campo do Fragoso CXXXVI

NAUFRAXIO

A innecesaria sobreexcitación de Iago Aspas no derbi de Riazor abriu unha perigosa vía de auga no Celta. Na matinal de onte, milleiros de celtistas comprobamos nun silencio inquedante como este furado na estrutura acadaba un tamaño alarmante. Non quedaban moitas dúbidas, arruinábanse as ilusións depositadas nun equipo que se afundía diante das nosas olladas abraiadas, quedando coma un barquiño de papel ao capricho da ventoleira combinativa do excelente Raio Vallecano de Paco Jémez.

Sobre o campo do Fragoso evidenciáronse onte moitos dos erros celestes dunha tempada moi mal planificada por Miguel Torrecilla, o principal responsable técnico deste novo fracaso. E moitas son as opinións a este teor que os seareiros realizan na bancada, que tamén deben ser compartidas no espazo público. Sen entrar a valorar os recursos económicos dos que dispuxo (superiores aos doutros clubes hoxe mellor clasificados), o director deportivo fichou mal, tanto en verán coma en inverno, con eleccións tan misteriosas como as do coreano Park ou a do veterano Pranjic. Desaproveitou a tempada de inverno para reforzar o equipo cun segundo mediocentro que acompañase a Borja e cun dianteiro que servise de referencia en ataque. E se todo isto non abondase, a absurda contratación de Abel Resino, incluído o estrafalario episodio do ultra Salva Ballesta e a conseguinte reacción de apoio incondicional da caverna mediática deportiva madrileña, só contribuíu a aumentar o deterioro no club e a liquidar a mellor das herdanzas do ascenso con Paco Herrera, o patrón de xogo dun equipo ordenado e sereno que coidaba o balón e procuraba así as súas oportunidades.

Fronte ao Raio, o Celta naufragou dende o inicio. Resino prescribiu ao seu equipo a mesma receita que diante do Barcelona. Defensa moi adiantada, case na medula, presión do resto dos xogadores por todo o campo e atención para as xogadas a balón parado a cargo de Fabián Orellana. Aí remata toda versatilidade táctica dun adestrador que en apenas seis xornadas (acadou catro puntos) estirpou de raíz calquera rastro do xogo académico dun equipo ao que, até entón, lle faltaba gol e lle sobraba capacidade combinativa. Foille moi doado ao Raio fender semellante proposta. Abondoulle deixar que o galego Trashorras dirixise devagariño e como moita precisión, como a el lle presta, a orquestra vallecana na que Lass e Leo Baptistão colleron moitas veces as costas dos nosos laterais, outra volta moi afastados das bandas. Non pasara o cuarto de hora, cando os madrileños se adiantaron grazas a un fermoso remate de tacón de Piti, xerado tras un erro celeste garrafal na marcaxe dos extremos. Daquela co taboleiro de marcas en inferioridade, o mellor do Celta en todo o partido xa pasara, catro minutos nos que chegou a forzar catro saques de recanto consecutivos. Rematou a primeira parte con dúas oportunidades estragadas por un Park moi nervioso, un cacheirón e unha cabezada dende a frontal que chegaron a Marcador.

Na reanudación o Celta non recuperou nin a orde nin o concerto. O partido transformouse nun pasacorredoiras no que o balón voaba dunha área a outra con escaso sentido. No obstante, a entrada de Mario Bermejo como dianteiro centro, un traballo de auténtico atalante, incomodou na área pequena á defensa madrileña. Foi un espellismo. Cando Trashorras e o seu escudeiro Domínguez recuperaron o control, o partido volveu coller acougo e o fútbol volveu ter sentido. O golazo de Delibasic, faltando apenas dez minutos, froito de catro pases ben orientados, amosou que o Raio Vallecano xogaba ao fútbol e os de Abel Resino á ruleta (rusa). Consumábase así o naufraxio dun equipo que queda á deriva. Boa falta fai un salvavidas.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *