Campo do Fragoso CXXXV

AFOUTEZA

A pesar do que vexamos na táboa clasificatoria, apenas un posto por riba do pechacancelas, o Celta non está morto. Fronte ao Real Madrid amosou que o seu lume aínda alampea, que atesoura doses moi elevadas de afouteza e orgullo e mesmo algunhas valiosas alternativas tácticas para este treito decisivo da liga, os próximos tres ou catro partidos, no que pode ou quedar desenganchado definitivamente ou continuar pelexando deica o derradeiro alento.

Resino non fixo grandes modificacións no seu once inicial, apenas a entrada de Túñez, que fixo mellorar a toda a defensa, e a inusual colocación de Quique de Lucas como enganche, entre Augusto e Krohn-Dehli, aos que o toledano quere como extremos natos. Porén, dispuxo unha defensa en liña máis adiantada da que era adoito con Herrera, probablemente coa intención de desfacer o perigoso ataque dinámico dun Madrid que durante a primeira media hora quedou unha e outra vez en fóra de xogo. Esta exitosa variante defensiva, xunto a unha intensidade de inequívoca intencionalidade atacante incomodaron a un Madrid que tardou vinte minutos, si vinte, en chegar á porta de Javi Varas cun disparo frouxiño de Cristiano Ronaldo. Pola contra, durante este tempo o Celta estragou tres grandísimas oportunidades de superar a Diego López, o extraordinario gardameta da selección galega. Excelente durante os noventa minutos, pelexando con afouteza cada pelota con Pepe e Albiol, foi Iago Aspas quen dispuxo a primeira no minuto nove, cando xutou moi cruzado dende o recanto esquerdo da área, obrigando ao mangallón de López (un metro noventa e seis) a estricarse ao máximo e a desviar coas unllas  pelota a poucos centímetros do pau. Na seguinte xogada, foi Álex López quen recuncou cun soberbio pexegazo dende a frontal que permitiu lucirse ao porteiro de Paradela. Dez minutos máis tarde, sería Quique de Lucas quen enviou con moitísima intención, xusto ao ángulo dereito, unha dura falta de Pepe sobre Aspas, merecedora dun cartón.

A decoración mudou no derradeiro cuarto de hora da primeira parte, no que comezou a funcionar o ataque dinámico visitante, sobre todo cada vez que o balón chegaba ás biqueiras de Benzema, o único dianteiro madridista capaz de superar a defensa celeste polas bandas. Con todo, sería Cristiano quen enviaría un remate ao pao tras outro centro excelente do internacional francés e Callejón quen estragaría un man a man con Javi Varas, na que foi a mellor oportunidade do seu equipo durante o primeiro período. Tras a reanudación, o Madrid coa incorporación no medio do campo de Xabi Alonso gañou en orde e rouboulle o balón aos nosos. O Celta comezou a zumegar tinta. Marcelo avisou aos dez minutos cunha subida que estragou guindando o balón á grada de gol. Mais catro minutos despois, Cristiano non perdoou, aproveitando de potra un rexeite do porteiro na área pequena, tras un xute de Callejón. Marabilla foi que o Celta se sobrepuxese decontado, marcando Iago dous minutos máis tarde, aproveitando un pase de Bermejo, que acabara de entrar. Un remate do astro de Moaña case a cámara lenta, nunha posición complicada, ao que semellaba podería chegar Diego López, mais que entrou para a ledicia nosa.

Co empate no peto, o Celta recuperou a iniciativa, procurando un segundo tanto. Puido conseguilo Iago nun pexegazo que López parou in extremis. Mais foi unha xogada desgrazada, cando mellor estabamos, á que estragou un partido moi notable dos nosos. Javi Varas chegou tarde a un balón doado e derrubou a Kaká. O penalti transformado por Ronaldo pechaba as nosas grandes esperanzas. Con todo, aínda puidemos e debemos empatar cando faltando un minuto, Park toqueou ao longueiro un centro magnífico de Pranjic.  Poucas veces nesta tempada quedamos tan chafados. A afouteza do Celta non merecía esta derrota.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *