Campo do Fragoso CXXIX

O NOSO DERBI IGUALADO

O noso derbi máis galego-portugués da historia –até nove xogadores galegos e cinco lusos saltaron á lameira do Fragoso durante o encontro– resultou tamén un dos máis igualados e emocionantes dos que lembramos. O empate non foi un mal resultado para un Celta que estivo moi por baixo das nosas expectativas; aínda que, probablemente, este resultado foi un chisco decepcionante para un Deportivo que xogou moito mellor do que o veu facendo dende o comezo da liga. Con todo, polo visto no terreo, o empate resultou xusto e acorde cos méritos e deméritos de ambos os dous equipos.

A saída electrizante de Iago Aspas aventuraba unha noite de gloria. Na segunda vez que contactou coa pelota xerou o gol celeste. Foi unha internada pola esquerda na que a nosa figuriña superou ao seu marcador e disparou axustado ao pao dereito, obrigando a Aranzubía a despexalo con moitas dificultades, de xeito que o balón quedou morto para que Mario Bermejo, oportunísimo, o envíase doadamente ás redes. Tras o gol, o Celta creceuse. Cabral puido marcar cinco minutos despois, mentres que Iago coa súa mobilidade toleaba á defensa visitante. Foron os seus mellores minutos de xogo. Co balón no seu poder sentíase seguro, chegaba con certa facilidade a área deportivista e intentaba recuperar a pelota moi arriba, grazas á intensidade de Bermejo, Iago e Krohn-Dehli. Porén, o Deportivo foise estricando amodiño e conseguiu o empate á media hora de xogo grazas a unha xenialidade de Valerón que deliñou un xenial pase interior para que Juan Domínguez batese a Varas. A partir dese momento comezou a deriva celeste, que baixou a intensidade da súa presión e foi cedendo ao Coruña o control do partido. Valerón gañáballe a Borja na súa particular competencia, mentres que a veteranía cutre de Marchena pretendía quecer un partido, até entón de luva branca, descentrando a Aspas que até entón intimidaba aos visitantes con cada unha das súas intervencións.

Na reanudación foi clave o erro gravísimo do central Cabral que recibíu senllas tarxetas amarelas nos cinco primeiros minutos de xogo. Amoestacións, quizais rigorosa a primeira, mais que deixaron aos celestes en clara inferioridade. Oltra viu aquí a súa oportunidade e adiantou ao seu equipo de xeito que non deu tregua aos vigueses até o remate. Un minuto despois da expulsión, Pizzi, o mellor dos dianteiros coruñeses, lanzou un falta lateral de forma maxistral, de xeito que Varas salvou o tremendo cacheirón in extremis, na súa mellor intervención. Aí salvou o Celta o partido. Os visitantes insistiron na súa posesión, mentres que aos nosos abondoulles con defenderse con orde e serenidade, tratando de aproveitar un par de contrataques, especialmente un moi ben levado polo lateral Hugo Mallo, outro dos máis destacados do serán, que Iago non foi capaz de definir por centímetros. O troco inxustificado da figura de Moaña polo coreano Park, explicable apenas por razóns extradeportivas ou publicitarias, amosou que Herrera xa se conformaba cun empatiño.

Este noso derbi, lonxe das urxencias dramáticas da pasada tempada, foi moito máis sensato, temperado e agarimoso ca noutras edicións, tanto dentro como fóra da lameira, coa excepción dalgúns excesos verbais rotineiros de parte da bancada celeste, que deberían ser superados de vez. O feito de que no Celta xogasen sete xogadores galegos encheunos de fachenda.

A foto destacada é de Jesús de Arcos (Faro de Vigo)

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *