Campo do Fragoso CXLII

DESCONCERTO

Semana horribilis para o Celta. Apenas un punto de nove. Aquel esperanzoso inicio de liga, con bo xogo e mellores sensacións, quedou en augas de bacallao. Coa derrota fronte a un Elxe moi combativo, que coas mellores artimañas da Segunda non deu un balón por perdido, Balaídos quedou inundado de dúbidas e dun desconcerto xeralizado capaz xa de contaxiar a unha bancada afectada por vez primeira do coñecido virus da melancolía celtista. Pensabamos que esta tempada iamos escapulirnos de medos e dificultades, mais transcorridas catro xornadas aínda non vimos gañar aos nosos no campo do Fragoso, sendo o seu xogo cada vez máis ruín e as decisións do adestrador máis discutibles. En definitiva, os afeccionados sabemos que quedan por diante moitas xornadas difíciles e que custará, como é adoito, ferro e fariña conservar a categoría.

Tras a inxustificable actuación de Xetafe, un partido que avergonzou aos celtistas, as declaracións de Luis Enrique o venres na Madroa tampouco agoiraban nada bo. Por primeira vez, o adestrador amosaba dúbidas, non tanto no que falaba aos periodistas, xeralidades referidas á composición do cadro de xogadores ou á necesidade de rotacións e refresco físico, como na actitude desafiante, non exenta de doses de crispación, coa que foron expresadas. Palabras e, sobre todo acenos, nos que percibín (esa é a marabilla de Internet) que algo xa non corre as mil marabillas no vestiario celeste. Imaxino que tras a reiteración do fracaso, desta volta fronte a un equipo recén ascendido, un deses rivais directos cos que nos xogamos o ser ou non ser, a atmosfera do vestiario farase máis mesta. Máis aínda valorando as escasas probabilidades de obter un bo resultado no desprazamento da vindeira fin de semana ao Manzanares para xogar co equipo máis en forma do actual campionato.

Luis Enrique sacou o que pode ser considerado o seu equipo de gala fronte a un Elxe que chegou a Vigo doído, tras padecer un roubo arbitral fronte ao Real Madrid. O asturiano volveu as súas orixes empotrando a Oubiña entre ambos os dous centrais. Disposición táctica que, polo visto tanto fronte ao Vilarreal coma ao Elxe, non soluciona a saída do balón por dentro de forma fluída cara a Rafinha e Álex, os medios sobre os que descansa a responsabilidade ofensiva. Prodúcese así un atoamento que fai o xogo do Celta tedioso e previsible, obrigando, sobre todo ao canteirán David Costas, a abusar dos pases longos e imprecisos sobre os laterais adiantados.

Porén, non foron só as dificultades de debuxo as que levaron ao Celta a unha certa inferioridade en moitas fases do encontro, senón a ausencia de intensidade fronte a un equipo que gañaba todos os balóns divididos. Unha actitude ofensiva coa que os ilicitanos comezaron e remataron a primeira parte con dúas oportunidades salvadas por Yoel in extremis. O Celta non lle colleu o punto de intensidade que requería o partido até que os visitantes, cando faltaba aínda media hora, fixeron o seu gol nunha contra de Javi Márquez. Foi decisivo para isto a entrada de Krohn Dehli e Santi Mina, que introduciron unha marcha máis ao até entón melancólico e conformista xogo celeste. Das asociacións veloces xeradas polo danés naceu no minuto 81 o golazo anulado a Mina, que as imaxes amosan plenamente legal, tras unha boa cabezada desta promesa xuvenil que leva o gol no seu ADN. Sen dúbida, o resume foi que o Celta non mereceu perder o partido, mais tampouco fixo os méritos suficientes para gañalo.

Superar o desconcerto provocado por esta primeira crise de xogo e resultados é un reto para o amplo equipo técnico de Luis Enrique. Agardemos que saiba enfrontala con intelixencia e acougo introducindo as melloras que o Celta precisa.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *