Campo do Fragoso CVII

CINCO EN LIÑA

Paco Herrera encomendouse á “solución Lotina”, dispoñer a cinco defensas en liña, tres centrais e dous laterais con vontade atacante, para atallar a hemorraxia de derrotas que padece o Celta en Balaídos dende comezos do mes de marzo. Unha solución ensaiada con certo éxito en Salamanca no partido de entre semana e consolidada fronte a un Raio Vallecano, escasamente cobizoso que pretendía tirar o punto que precisaba para acadar o ascenso. A “solución Lotina” amosouse moi eficaz defensivamente, sobre todo a partir da incorporación no inicio da segunda parte de Jonathan Vila. Despois de meses de continua incerteza, xaora, a defensa celeste colleu certa consistencia e intensidade, un feito ao que sei non foi allea a incorporación de Túñez, un central de calidade que hai xa moito tempo debería ter atopado o seu lugar no cadro inicial. Porén, outro conto ben diferente éche para Herrera reatopar o vieiro das vitorias que só veñen da man dos goles. A pesar de realizar o seu mellor encontro en Balaídos dende aquel fatídico día de febreiro no que colleu o liderado diante do Tenerife, a pesar de que contou cunha decena de oportunidades provocadas pola electricidade que achegan Aspas e Abalo nos seus escintileos de clase e pola potencia diesel dun Michu en día de si quero, a pesar de todas esas condicións favorables hoxe o Celta tampouco tivo pegada abonda para marcar. Unha mágoa estragar unha decena de oportunidades bonitas, creadas a maior parte das veces tras as faíscas de xenio de Aspas e Abalo, dous rapaces que entre eles xogan de memoria, arrichados nos taconazos, capaces de desbordar cos seus caneos e combinacións, mais tamén de desesperar a bancada coas súas inxenuidades, protestas innecesarias ou perdas súbitas de concentración. A clave do encontro estivo no xutazo que dende a banda dereita Abalo enviou ao longueiro no minuto 32 da primeira parte, cando Dani, o magnífico porteiro vigués do Raio, xa estaba superado. Aos nosos faltáronlles eses cinco centímetros de sorte que só posúen aos gañadores, moito máis necesarios cando apenas cinco minutos antes, Roberto Lago, moi activo no ataque durante a primeira parte non foi capaz de finalizar con éxito unha extraordinaria xogada persoal. Na segunda parte semellaba que o Raio saía cunha dose máis de intensidade, porén axiña foi recuando amedrentado polos gadoupazos de Michu na área vallecana chamados a desnivelar o encontro. Foi durante este período cando ao Celta lle faltou un pouco máis de coraxe e de alternativas tácticas para ir a polos tres puntos necesarios para asegurar a primeira eliminatoria da fase de ascenso. Cando o Celta podía recuperar a superioridade no medio do campo, xa que o veterano Movilla comezaba a desincharse, tras un partido impecable, Herrera errou retirando a Abalo e incorporando a un Quique de Lucas que non achegou unha mellora apreciable ao xogo de ataque do equipo. Durante o derradeiro cuarto de hora, o inagardado ataque de conformismo que sufriron os nosos e o medo insuperable dos vallecanos a perder o seu obxectivo desfixo o clímax dun partido até entón moi xeitoso e igualado. A pesar das luces e das sombras que deitou o Celta no encontro, é esperanzadora esta melloría defensiva que incrementa a competitividade do equipo e o seu estado anímico nun momento decisivo da tempada. Malo será que nos vindeiros partidos, Michu, Abalo e Aspas, os nosos tres canteiráns en liña, que como na tempada anterior asumiron a responsabilidade de liderar o equipo nos momentos máis difíciles, non atopen, por fin, o camiño do gol.