Campo do Fragoso CIV

EVITAR A DESOLACIÓN
O pasado sábado o Celta sofriu baixo un continuo ballón unha das derrotas máis contundentes que lembramos en Balaídos. Un cero a tres fronte a un magnífico Recreativo de Huelva que durante os noventa minutos de xogo mallou sen piedade nos nosos en todas as liñas e puxo en evidencia a profundidade do foxo no que caeron os de Paco Herrera. Desque collera o liderado, o Celta non dá unha a dereitas: un punto de quince posibles, tres derrotas consecutivas en casa e, o que é máis preocupante, unha crise do seu xogo que agora parece vulnerable e pouco competitivo. Para explicar o rotundo fracaso fronte ao equipo onubense non abonda coa inferioridade numérica provocada na primeira parte pola expulsión de Falcón –tras un comportamento moi pouco profesional e deportivo do porteiro celeste, que debería ser sancionado, tamén, polo propio club– xa que até entón o Recreativo dominaba con claridade e chegara con moito perigo en varias oportunidades. Nin tampouco chega, con ser moi importante, o erro clamoroso do adestrador de colocar a Bustos como lateral na banda dereita, o que provocou que se desfixese a estrutura de apoio aos centrais e as posibilidades de recuperación de balóns para a segunda liña de medios. Nin se explica a derrota só pola fraxilidade defensiva que provoca a ausencia de Jonathan Vila nin polo pésimo estado de forma de Quique de Lucas e David Rodríguez, os dianteiros nos que confía o adestrador, a pesar da súa escasa achega actual ao equipo e a súa actitude máis diletante e individualista ca comprometida e solidaria coas necesidades do conxunto. Nin explica completamente a derrota a escasa lucidez de Herrera para introducir algunha variante táctica durante un encontro no que o seu equipo nunca tivo o control da pelota nin gozou de oportunidades de gol; carencias ás que estou seguro non foron alleas as súas decisións caprichosas sobre os trocos, retirando a Trashorras na primeira parte, cando aínda estaba fresco, para dar a entrada ao porteiro Yoel ou incorporando a Dani Abalo e Papadopoulos cando o encontro estaba inevitablemente perdido. Cremos que catro derrotas en tan curto espazo de tempo e un xogo tan deplorable como o desenvolvido nestas xornadas polo Celta requiren dunha intervención enérxica por parte dun adestrador que non pode ser o primeiro en comezar a expresar dúbidas sobre as posibilidades do seu propio cadro. Sucede algo que descoñezamos no vestiario celeste? A preparación física do Celta é a máis axeitada para enfrontar esta fase decisiva da segunda volta na que se debe encarreirar o camiño do ascenso? Hai posibilidades de recambios no vestiario ou acudindo ao filial? Esta situación aínda se fai máis preocupante diante dos dous próximos encontros fronte a un Betis recuperado e a un Valladolid en estado de graza, dous dos nosos rivais directos, diante do que nos xogaremos o ser ou non ser da tempada. Herrera non pode adiar máis tempo a recuperación. Ten a obriga de intentar crear unha nova dinámica que devolva ao cadro o compromiso e a confianza, actitudes que veñen faltando neste nefasto mes de marzo. Quizais tería que comezar por deixar no banco aos xogadores en baixa forma, sexa cal fose o seu nome ou o importe da súa ficha, e volver apostar pola implicación da xente da casa. Se Herrera non é capaz de parar esta deriva, é moi probable que o Celta teña dificultades para clasificarse para o play-off. Estou seguro que é posible evitar semellante desolación que este fracaso provocaría.