Bologna na brétema

As cinco e media recólleme un taxi na casa. O fulano ten ganas de palique. Confésame que leva conducindo dende as catro da tarde. Pregúntolle ónde naceu. “En Cali, pero llevo ya cinco anos en Galicia”. En Colombia deixou unha noiva, moi bonita, aínda que a moi “desgrazada” meteuse na droga (“ahora se inyecta, es una bomba”). O taxista regresa dun servizo para un ionqui que quería pillar nos apartamentos de Teis. Cobroulle quince euros “para nada”, xa que a xitana mandouno a tomar polo cu (“como dicen ustedes”) e non quixo venderlle (“pensé que me pegaba, cuando lo dejé en la Porta do Sol”). Cóntame que no seu país traballou como condutor de autobús e de trailer, mais cando chegou a Espanha non lle reconheceron os seus carnés (“aquí todo es papeleo, papeleo”, insiste con moita graza). Currou dous anos na construción, mais non lle gusta. O seu é ser chofer. Está contento con esta quenda de tarde (“haré un poco de plata y saco lo suficiente para los carnés de camión”. Cando lle pago, comprobo que o pobre cae co sono (“a las seis entrego, tenga buen viaje”). Nunca trece minutos de parolada de madrugada déronme para saber tanto.
No aeroporto comezo o primeiro orixinal. Non consigo concentrarme. Distráeme a conversa dos tres marinheiros que estàn ao meu carón. As súas historias de campanhas petroleiras lévanme a orella. Cada vez que collo un avión convénzome de que esta é a xente de máis mundo e máis viaxada coa que contamos no paìs.
Trabalho catro horas en Madrid e falo unha chea de veces polo celular.
Problemas. Cada vez é máis difícil fumar. En todo o día apenas dez ou doce pitillos. Mesmo, tres horas sen apagar. O meu maior éxito nos seis últimos meses. Acabarei sendo partidario desas prohibicións?
Bologna recíbenos triste baixo a brétema e cunha temperatura inusualmente baixa. Ceo o clásico antipasto do hotel (probeinos melhores) e no sofá repaso cansado La Reppublica (dentro de todo o edificio é vietato fumare). Indubidablemente sobre a cuestión do cónclave aquí están moito mellor informados ca nós: o maior problema que ten Tettamanzi (un dos favoritos italianos) para ser elixido é ser pequeno e gordecho. Os cardenais queren un papa atlético. Velaí o verdadeiro culto ao corpo.
Desculpas pola ortografìa, o teclado italiano non reconhece os nosos tiles, nin existe a letra do Cervantes.