Está vendo o arquivo da categoría » bretemas

No Teucro

bretemas —  18 de Xaneiro de 2005
Día de viaxes e xuntanzas. Primeiro fun a Teucro onde nos reunimos con Luís, o concelleiro de cultura máis salado e futurista que coñezo. O proxecto de organizar un grande Salón do Libro e da Industria Cultural ao remate do ano (o noso modelo é o de Durango) parece factible. No xantar, moi saboroso, pasámolo de medo rexoubando. Mágoa!, ter que arrear co café ás presas para Compostela e participar na que, cría sería, a derradeira xuntanza da Comisión do Libro. Afortunadamente, aprobamos o borrador da lei, mais a xuntanza quedou un chisco deslucida. Lamento non estar máis fino no debate cando un dos participantes acusou aos editores de vivir durante vinte anos das subvencións. Unha afirmación prexuizosa e inxusta que, por riba, non obedece á realidade. Acordamos traballar sobre un borrador do Plan de Lectura e manexar nova documentación, pouco coñecida entre nós, para intentar, así, rematar o documento no mes vindeiro.

Terra. Lingua. Cultura

No Teucro Luis agasallounos cuns novos cedés e Miguel coas novas conversas con Beiras. Xa teño ganas de debullalo. É un xénero que me presta e, por riba, o libro preséntase con moito interese e un depoimento do protagonista.

No coche viñen remoendo a idea de promover unha entidade transversal parecida ao Ómnium catalán. Terra. Lingua. Cultura. Tres eixos para o traballo cívico que precisamos. Debemos promover un novo tipo de asociacionismo cultural. Non abrirlle as portas nin a desolación nin ao desánimo, insistir, non desistir, penso cando chego á nosa cidade revolcada.

U-la edición en galego?

bretemas —  17 de Xaneiro de 2005
Teño tres exemplares que recibín con cada un dos xornais impresos que comprei onte. Ningún deles está en galego. No País de hoxe aparece unha nota de desculpa lamentando o erro que supuxo que na súa edición de Catalunya se agregasen exemplares non editados en catalán. A quen teño que reclamar en Galicia?: A cada un dos xornais que distribuíron a edición só en castelán? Á Delegación do Goberno? Á DXPL? Quen garante os meus dereitos lingüísticos de recibir información pública na nosa lingua? Que voces dos partidos se pronunciaron para denunciar esta discriminación lingüística tan clamorosa?

Ae fond kiss

Sei da nova película de Loach por dous novos blos: Infixo e Café instantáneo. Elegantes e magnificamente escritos. Seguireivos, benvidos!!!

A boa sorte

Outra benvida: a da nova editora galega Xixirín, promovida por Daniel Rozados. Recibo o seu primeiro título, a tradución dun dos best sellers do pasado ano, que aborda as claves da prosperidade ou, falando con menos eufemismos, as claves para converterse en millonario. Abrín o libro e topei cunha das citas máis coñecidas de Woody: “o noventa por cento do éxito consiste sinxelamente en insistir”. Pregúntome se na edición, insistindo o noventa e cinco ou máis por cento das veces, como é posible que, aínda así, fracasemos? Lerei con atención o primeiro libro editado por Daniel.

O xesto de Castrillo

bretemas —  16 de Xaneiro de 2005
Sae publicado no Faro o artigo que enviei sobre os efectos da saída de Castrillo. É de xustiza salientar que o balance do seu traballo (13 anos no concello) foi positivo, aínda que tamén non se pode negar que a súa saída era unha medida imprescindible (chega tarde) para iniciar o proceso de restauración da esperanza da maltreita esquerda viguesa, sometida aos “tapóns” do disenso e a rixidez que supoñían tanto a súa presenza como a de Bartleby Mariño.

A marcha de Castrillo non vai supoñer unha moción de censura, mais creo vai permitir que o BNG poida retomar a iniciativa perdida e acometer unha nova estratexia, seguramente máis vencellada á democracia cívica, consolidando, con tempo suficiente, o novo liderado municipal de Olveira.

O miolo do asunto está no que poida facer o PSdeG-PSOE diante deste xesto do Bloque, que semella pretende tender unha man dun entendemento municipal futuro en Vigo, ao tempo que visualizar a posibilidade real dunha alternativa progresista tras as eleccións autonómicas deste ano. Témome que o xesto será imperceptible ou irrelevante para Mariño, Blanco e Vázquez, persoas para as que unha Xunta coaligada sería un grave contratempo para os seus intereses. Unha cousa é o que se di e outra a que se fai.

Librarías galegas

É interesante a reportaxe sobre o futuro das librarías especializadas. O traballo de Couceiro e Andel polo libro galego-portugués é heroico.

Sutilezas

bretemas —  15 de Xaneiro de 2005



Lois Greenfield, American Reportory Ballet.

Vaia artigo do Rivas!

Dúas mostrar da sutileza que procuramos na creación cultural.


Tintas galegas

bretemas —  14 de Xaneiro de 2005
Xantamos en Gaifar con Carlos e don Álvaro Álvarez Blázquez. Repasamos o estado da catalogación da obra de Serigrafía Galega, a experiencia máis notable de popularización da arte contemporánea galega nos anos do tardofranquismo, e da necesidade de asegurar que no futuro a colección poida quedar a cargo dunha institución pública. Don Álvaro, pertence a xínea dos Álvarez, conserva aos seus oitenta e catro anos unha lúcida memoria do pensamento galeguista e republicano. Sempre é un privilexio participar na súa conversa, lúcida e informadísima sobre todo o que acontece.
Pola tarde, reviso con Carlos o estado dos proxectos que nos está preparando: pechamos esa Coruña por Ferrer da que tanto temos falado e acordamos a estrutura definitiva da Fotobiografía de María Casares (1922-1996), que pretendemos editar en setembro do vindeiro ano, con motivo do décimo aniversario do pasamento da actriz. A coruñesa, filla do presidente republicano, a actriz galega máis internacional do século XX, apenas é recordada en Galicia (só unha rúa en Torre); sen embargo, levan o seu nome rúas de Málaga, Almería, Badaxoz e Aviñón (Francia toda recoñeceuna como un patrimonio nacional indiscutible). No seu libro de memorias deixou escrito que lle “gustaría morrer amodiño en permanente estado de alerta” (unha desas citas famosas que impresionan). Non estaría de máis que, antes de rematar a edición desta fotobiografía, poder ler esa Residente privilegiada (debe ser difícil de atopar) e ver Orfeo, un dos seus filmes inesquecibles. A Casares é outro capítulo da nosa cultura do exilio que tan pouco coñecemos.