Está vendo o arquivo da categoría » bretemas

Cinco retos para o libro

bretemas —  13 de Marzo de 2005
Coñezo por Nelson un novo sitio para os profesionais do libro. É interesante o debate que se propón arredor dos cinco retos do sector do libro e un informe sobre a situación das bibliotecas nas CC.AA.. Hai que rexistrarse. Recomendable.
Ao fío deste debate propoño os meus:

  1. Incrementar os índices de lectura en galego, aumentando a dotación bibliotecaria pública.
  2. Crear un novo tecido de mediadores fomentando clubes de lectura, blos, suplementos, programas televisión… que aborden a cultura do libro.
  3. Manter a actual rede de librarías de proximidade e o prezo fixo dos libros.
  4. Promover a tradución do literatura galega contemporánea e o seu coñecemento internacional.
  5. Desenvolver a edición galega nos soportes dixitais e en rede.

Xogo da serpe

bretemas —  13 de Marzo de 2005


Marea celeste

O noso corazón celeste levounos a incorporarnos á marea de afeccionados de Sal. Había tempo que non gozabamos co xogo electrizante da serpe e coa reivindicación da irmandade nacional. O estirón que prometeu o noso Arrigo é un feito que non ten volta. O taconazo defensivo de Borja foi o mellor do encontro.

Nas terras de Merlín

bretemas —  13 de Marzo de 2005


Loureiro e Merlín

A vella cidade de Merlín recibiunos onte cun fiíño de brétema. Participamos na cerimonia da presentación da novela de Loureiro e do irmanamento coa cidade guindastre. A reivindicación das Terras de Escandoi desta terceira Bretaña e a presenza virtual do Chanceler, do meigo Merlín e dos membros de Toxos e Froles transformaron o acto nunha páxina máis desta novela alucinante onde se mesturan o mundo e o trasmundo sen solución de continuidade. Marchamos para o partido tan conmovidos coma asustados.

Independencia

bretemas —  13 de Marzo de 2005
Foi unha alegría contar con Franco Grande presentando o libro de Veiga. O veterano académico é exemplo de que a independencia de criterio é un camiño, por difícil que semelle, posible na intervención política e cultural en Galicia. As súas palabras foron atinadas. A literatura, basicamente, é facerse preguntas.

Con Cuerda

bretemas —  11 de Marzo de 2005


A lingua das bolboretas

Onte á noite coñecín a Cuerda. Foi un dos presentadores do libro de Antón en Auria. O cineasta rendeu un tributo á educación como transmisora de talante crítico (mágoa o abuso desta palabra) e da capacidade de análise da realidade social. Pareceume un tipo ben simpático e moi bo narrador oral. Enunciou un discurso aceirado contra a civilización do espectáculo e da percusión: “se non fas ruído ninguén che atende nesta sociedade maceirada polo poder”. Cuerda prefire a harmonía das melodías de Alejandro.