Está vendo o arquivo da categoría » bretemas

Irak (2003-2005)

bretemas —  20 de Marzo de 2005


Irak (2003-2005)

Apoio o necesario recordo de dot. Coas tropas españolas na casa, acabou a guerra para nós?

Novidades sobre Ence

bretemas —  19 de Marzo de 2005
Recibo por correo electrónico un artigo que Luís Bará, o concelleiro de Cultura, enviou hoxe aos medios valorando a manifestación a prol de ENCE celebrada onte. O cerco informativo ao que están sometendo algúns medios ao goberno municipal pontevedrés é noxento. Transcribo o aclaratorio texto de Bará.
ENCE: A PASTA CONTRA A ÉTICA

Luis Bará, Concelleiro de Cultura de Pontevedra

O conflito de ENCE constitue a escenificación dunha ofensiva total dos poderes económicos e políticos (Caixa Galicia e PP), co apoio do brazo sindical e mediático, contra un goberno lexitimamente constituído que representa a vontade marioritaria da cidadania de Pontevedra e que defende a legalidade urbanística, o desenvolvemento sustentábel da cidade e a recuperación da ría.
O omnímodo poder financeiro, acostumado a poñer e quitar gobernos, leva intentando distintas manobras para violentar a vontade popular e impoñer a súa lei: primeiro foi a fallida declaración de supramunicipalidade, despois a tamén truncado intento de substraer do dominio público os terreos do complexo industrial, a continuación o asalto ao pleno e agora a tentativa tamén condenada ao fracaso de vincular o asentamento da fábrica ao porto de Marín.
A manifestación do venres 18 foi o último episodio dunha estratexia equivocada: os centos de millóns repartidos en prebendas, patrocinios, subvencións e anuncios non foron quen de influir nunha cidadanía madura e que sabe decidir por si mesma, sen interferencias nin manipulacións interesadas.
Os acontecementos das últimas semanas tráennos unha lección da que todos debemos tirar conclusións, especialmente os máximos dirixentes de Caixa Galicia e do PP: co diñeiro pódese conseguir moitas cousas, pódense comprar clubes deportivos, apoios de institucións e de empresas, submisión de sindicatos, fidelidadades inquebrantábeis de medios de comunicación. Mais todo o diñeiro do mundo non poderá comprar a un alcalde e a un goberno firme nas súas conviccións democráticas e no seu compromiso con unha causa xusta.
Porque ao final non se trata dun debate sobre os postos de traballo de ENCE: como se explica senón que se organice unha manifestación e unha feroz campaña mediática con 13 anos de antelación sobre a data en que a fábrica debe trasladarse da ría?
Non se trata tampouco dunha discusión serea e rigorosa sobre a industria forestal e o seu papel no desenvolvemento económico de Galiza. Quen decidiu que o futuro deste sector pasa inevitábelmente pola instalación dunha papeleira na ría de Pontevedra?
Nin sequera se trata do que queremos que sexa a nosa ría e a nosa cidade no futuro: se aceptamos mansamente unha realidade imposta, con todas as súas imposturas, ou se nos sumamos a unha tendencia compartida por ducias de cidades de toda Europa, desde Manchester a Barcelona, de Bilbo ata A Coruña, que están transladando as instalacións fabrís para gañar novos espazos de convivencia e desenvolvemento equilibrado.
Non nos equivoquemos. A estas alturas, o debate está xa situado nun ámbito moito máis transcendente: é a loita pola ética, por demostrar que na política non somos todos iguais, que non todo vale; por deixar claro que o poder económico move moito pero a vontade das persoas é invencíbel.
Porque, señores de Caixa Galicia e do PP: se vostedes teñen a forza dos cartos, nós temos o poder da dignidade; se vosa é a pasta, nosa é a ética. E a ética é un ben que non se vende.

Fast book

bretemas —  18 de Marzo de 2005
No Portal Literal, un sitio brasileiro sobre libros que visito con frecuencia, atopo un artigo sobre a utilidade da mercadotecnia no mundo editorial. Valor de mercado e valor literario son categorías antagónicas?, cales son as relacións entre a literatura e os produtos editoriais?, como diferenciar o ouro da ganga? Preguntas as que este interesante texto intenta responder.
No mesmo sitio pode accesderse á blogesfera literaria brasileira.

Kavafinho

bretemas —  18 de Marzo de 2005


Baudelaire

Volve con pulo Kavafinho, o mellor blo que coñezo de poesía en galego, con moitas novidades. Destaca a tradución de Derek Walcott e os poemas sobre o 11 de marzo de Torneiro e Ignacio Chao. Recomendo vivamente a visita.

Respecto para a crítica

bretemas —  18 de Marzo de 2005
Unha crítica recente aparecida no Cartafol está provocando moita polémica. Desque exerzo a profesión de editor, e xa van aló anos, quizais de máis, nunca quebrei o meu compromiso de non contestar a crítica ningunha por desacertada que fose. Sei que cómpre asumir coa mesma sobriedade os paos cas cenorias. E por moito que me doia o caso que nos ocupa (unha obra que considero das verdadeiramente grandes), non vou rebater a lectura do xove crítico nin comentar a súa pericia no uso dos adxectivos.
Creo que editores e autores debemos apoiar e respectar o traballo da crítica (tantas veces minusvalorada e con tan escasos espazos de difusión nos nosos medios) e esixirlle rigor e independencia, criterios que me consta asume o
responsable deste Cartafol. Equivócanse os que anuncian teorías apocalípticas da conspiración e a existencia de manobras de poderes ocultos que manexen o tinglado da nosa edición. O noso eido é tan pequeniño que non dá para tanto. Atopo a explicación desta polémica nosa nunha cuestión moito máis sinxela: confróntanse as subxectividades e visións da vida que provoca nos lectores e lectoras unha novela tan frondosa literaria, temática e formalmente coma esta. A quen non o fixera, convídoo a que aproveite estes días de lecer para lela de vagariño e sen os prexuízos que poida ocasionar a crítica de marras; logo poderá opinar con liberdade e con coñecemento de causa.