Árbores urbanas

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a reivindicar ás árbores da cidade:

Somos varios os veciños que tememos que o anuncio das obras nas beiravías do treito de María Berdiales, comprendido entre a Gran Vía e a rúa Hernán Cortés, supoña a desaparición das árbores que prenderon raíces hai vinte anos, cando se realizou a primeira humanización dunha das rúas do centro. Como sucedeu hai pouco, cando se acometeron as obras entre Hernán Cortés e Manuel Núñez, tememos que agora sexa arrincada a media ducia de ligustros que achegan sombra e frescor a unha rúa que con estas árbores adquirira unha fermosa identidade.

Reemprazadas por pequenos arbustos colocados sobre soportes, a rúa María Berdiales perdeu nesta nova humanización a vida que lle achegaban os ligustros, árbores coñecidas tamén en galego como “sempreverdes”, “alfaneiros”, “filseiras”, ou en castelán “aligustres” ou “alheñas”, que florecen entre maio e xuño, alfombrando as beiravías coas súas corolas brancas e o seu recendo a frescura. Gañou en humanidade a rúa substituíndoas por macetas con arbustos e flores de quita e pon?

E o noso temor aumenta cando o concello anuncia que as obras da cinta transportadora do chamado “Vigo vertical” ocuparán o bulevar da Gran Vía, o que agardamos, madía leva!, non supoña a desaparición das arboriñas laterais deste paseo, que resisten no espazo da cidade máis contaminado polos vehículos a motor.

Mudanza de árbores por macetas sobre soportes que se vén producindo en case todas as rúas humanizadas, nas que a ampliación do espazo para as beiravías e a renovación dos seus servizos, o que constitúe unha mellora para o paseo e o benestar dos cidadáns, se fixo a costa da desaparición das árbores. Unha práctica na que chove sobre mollado nunha cidade que durante as últimas décadas arrasou coas laranxeiras de García Barbón e Policarpo Sanz, coas árbores de Urzaiz, da rúa Coruña, de Pi e Margall e Paseo de Afonso, por citar só algunhas, caídas en cada nova humanización das súas beiravías. No entanto, a estas alturas mudar árbores por macetas, modelo do que a dinosebe da Porta do Sol é a principal icona, non semella unha alternativa de desenvolvemento sostible para un concello, como o de Vigo, que pretende presentarse como respectuoso co medio ambiente.

Este arboricidio, tan silencioso como aparentemente inocuo, é incompatible cunha cidade que posúe un patrimonio forestal extraordinario, tanto pola súa coroa única de parques forestais, que percorren todo o seu periurbano, como pola conservación desa alfaia natural que son as illas Cíes e os arboredos de Samil, como tamén polos parques do Castro, Castrelos, A Guía, A Riouxa, A Bouza, O Lagares ou da Praza da Compostela, que completan un catálogo botánico ben diverso. Un arboricidio inadmisible nunha cidade simbolizada dende hai dous séculos por unha árbore, a oliveira do Paseo de Afonso. Unha cidade na que talar árbores no entorno urbano está prohibido pola normativa municipal, que obriga ao seu traslado cando por algunha circunstancia de forza maior deben ser retiradas dalgún lugar concreto.

As árbores son fonte de vida e de luz, razón pola que a súa presenza no entorno urbano é indispensable máis alá do seu carácer decorativo ou ornamental. As sufridas árbores urbanas son os primeiros amortecedores da contaminación acústica e atmosférica, crean espazos de sombra, de socialización e lecer, artellan unha pantalla de frescura no bochorno estival, sinalan o paso das estacións e son capaces de crear unha xanela onde a natureza asoma entre a agresividade do bulir urbano. As árbores son, ademais, capaces de crear identidades para algúns espazos emblemáticos. Imaxinamos o Vigo contemporáneo sen as árbores do Castro, as palmeiras do Pazo de Castrelos ou os chopos do paseo de Coia? Do mesmo xeito, imaxinamos que Barcelona, París ou San Petersburgo decidisen sacrificar os ligustros e outras árbores dos seus bulevares ou que todos estes paseos fosen empedrados? Hai algunha razón que descoñezamos para que en Vigo sexa tan difícil a continuidade para as súas árbores urbanas?

A renovación das beiravías de María Berdiales non debería obrigar a talar os seus ligustros. Máis aínda cando o que Vigo precisa é proporcionar de vida renovada a todas as súas árbores, para o que cómpre mimalas, censalas e diagnosticar o seu estado. Xaora, se queremos unha cidade humanizada, un termo do que moito abusou a mercadotecnia política até baleiralo de contido, en Vigo precisamos plantar milleiros de árbores, novos camelios e carballos, magnolios e outras especies que inunden en ringleira o perfil das nosas rúas. Como o recuperado corredor do Lagares, que vai de Cabral a Muíños, precisa de máis salgueiros, chopos e ameneiros. Vigo precisa máis árbores que prendan as súas raíces, eis un modelo de humanización para as xeracións futuras.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *