Antolóxica de Pulido

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a antolóxica de Antón Pulido no Centro Cultural A fundación de Vigo.

BerbesDespois do éxito de “Kermesse”, a exposición que o pasado nadal encheu de cor as salas do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, o pintor Antón Pulido ofrece unha antolóxica no Centro Cultural Afundación de Vigo, inserida na serie “Grandes artistas galegos”, que dende hai trinta anos se ven realizando na sala situada baixo o Teatro García Barbón. Unha retrospectiva memorable na que o mestre dos Chaos de Amoeiro repasa en apenas trinta e catro cadros toda a súa traxectoria creativa, dende aquela primeira paisaxe nevada de finais dos sesenta, cando exercía de mestre de primaria en Pena Trevinca, unha mostra dos seus inicios figurativos e expresionistas, até os boureos coloristas das famosas kermesses, característicos da súa produción abstracta máis recente. Exposición intensa, emotiva, cálida, fermosa, humana, diversa nos temas e formas expresivas dun artista de formación académica moi sólida, mais tamén de inequívoca raíz popular, que en cada un dos seus cadros expresa a súa perplexidade diante dun mundo en tránsito e a súa confianza nos seres humanos para enxergar a esperanza e a confianza na plenitude da vida.

Tras máis de catro décadas de traballo artístico, despois de centos de pezas, Antón Pulido é un dos grandes mestres da pintura galega. Discípulo na escola de Belas Artes de Barcelona de Joán Hernández Pijuan, desenvolveu un proxecto moi singular de creación artística no que poñendo no centro a fraxilidade da condición humana (eis o tema central de toda a súa pintura) a investigación plástica dialoga coa tradición. Un proceso ao que non foi nunca allea a súa vocación docente e a súa afouteza creadora que o levou a experimentar, ás veces contra corrente, primeiro coas posibilidades do impresionismo figurativo de raíz popular, máis tarde de fauvismo, e xa de regreso a Galicia, asentado en Vigo como profesor de Secundaria, do expresionismo figurativo e máis tarde abstracto.

Nesta escolma do Pulido esencial o espectador comproba con sinxeleza, como sinala o crítico Carlos L. Bernárdez, como a pintura pulidiana “segue o ronsel do clasicismo moderno, expresivo, que compatibiliza o lúdico e o tenso” e como pasou nos anos noventa con asombrosa naturalidade da expresión figurativa á abstración xestual actual, na que non renuncia a presenza da figuración. Eis a razón na antolóxica da presenza dunha das súas paisaxes urbanas do porto pesqueiro do Berbés (1987), unha das súas marabillas viguesas, ou das súas emblemáticas figuras en soidade, sexa as retratadas no medio do camiño da vida, a dos músicos tocando para si ou a de seres desconcertados ao pé do abismo, todas envoltas na plenitude da súa cor, na potencia dun trazo capaz de simplificar os detalles do contexto da traxedia. Cadros que son relatos breves, contos condensados, de grande forza narrativa como “Noite” (1992) ou “O sono” (1989), nos que na intimidade dos amantes nun cuarto ofrece elipses visuais envoltas en sombras, capaces de expresar a fraxilidade do cotián e a complexidade da relación humana.

Xaora, a de Antón Pulido é unha pintura de rostro humano, que a pesar da complexidade da existencia, evita a desolación, o desacougo e o pesimismo conformista e paralizante. Eis a presenza na retrospectiva da potencia cromática das kermesses, dende aquelas primeiras nacidas a comezos dos noventa, características da produción pulidiana das dúas últimas décadas, que como sinala o crítico Antón Castro constitúen “un modelo de representar a vida e a arte, conciliando o equilibrio entre a natureza e o home, vertebrando os seus estados de ánimo nas atmosferas festivas e non festivas”. Antón Pulido conseguiu así devolverlle a emoción e a sinceridade á pintura, envolvendo o xesto gráfico con formas e cores, escrutando os límites das sombras e abrindo os cadros pola potencia da sinfonía da cor ao gozo e ao abraio do espectador.

A intervención artística que Antón Pulido realizará en Peniche, entre o remate de Pi e Margall e o camiño de Pazos, constitúe unha moi grata noticia. O que foi durante varias décadas un espazo de fronteira de Vigo coa súa cidade xardín, recuperará da man do artista unha nova personalidade de seu. A kermesse pulidiana, na que a potencia do vermello emerxerá sobre a sinfonía cromática vibrante dun grande mural que terá continuidade en varios edificios, transformará unha encrucillada moi degradada nun punto de encontro, descanso e lecer cidadán. A arte humanizando os espazos públicos, a pintura rexenerando o tecido urbano, os artistas contribuíndo a humanizar a cidade, a cidadanía interrogándose coa creación artística. Por fin, unha noticia cultural en Vigo que merece ser salientada en tipografía negriña, como esoutra da magnífica antolóxica de Antón Pulido, un dos grandes artistas do noso tempo.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *