Agradecidos, Fernando


Fernando Vázquez, o grande.

Fernando Vázquez o grande xa nos devolveu a primeira. Os que temos corazón celeste quedámoslle moi agradecidos.
Tras unha longa década de ouro, a do Celta europeo de fantasía electrizante, nunha mesma tempada contemplamos incrédulos como tocabamos con moita dignidade o ceo da Champions e, poucos meses despois, precipitabámonos no baleiro do inferno da segunda. Horacio Gómez e os responsables técnicos non souberon, ou non puideron, prolongar o ciclo feliz protagonizado por unha xeración de futbolistas talentosos que nos permitiron gozar dun xogo marabilloso e soñar co horizonte dos títulos maiores (mágoa, que só conseguísemos unha Intertoto!). Co descenso recuperamos a nosa condición natural de equipo “sobe e baixa”, e a impotencia que de forma irónica recolle a cantiga d’ A Roda (“Sempre andan dicindo para o ano que vén, e pasa outro ano e outro tamén”). Situámonos, nin máis nin menos, onde sempre estivemos, o que non constituíu unha traxedia, aínda que nos doa.
Fernando Vázquez, unha persoa culta e criteriosa, entendeu perfectamente está situación. Sen caprichos, contando cos restos do naufraxio que lle deixaron (as “figuras” millonarias, que marcharon ao escape, coa excepción de Edu, dalgún xeito cedido no Betis, fracasaron alí onde foron), con moi escasas incorporacións de calidade (Cannobio, Vryzas e Perera) e apostando de forma paciente pola canteira deseñou unha estratexia arriscada, que nos vai levar a primeira. Fernando conseguiu, contra vento e marea, afianzar un patrón táctico, considerado por algúns seareiros pouco vistoso (as opinións sobre as cuestións artísticas son moi diversas e respectables) mais, que sen embargo, se demostrou moi eficaz (os resultados están aí) para desenvolverse con éxito nunha categoría tan liorteira coma esta segunda división. Vázquez soubo cohesionar, arredor do seu modelo de xogo, a un grupo que viña derrotado e dotalo da fortaleza psicolóxica e da autoestima precisas para acometer a tarefa común do ascenso (a maior parte dos clubs non o conseguen o primeiro ano e outros caen nun pozo aínda máis profundo). Con esta afouteza do adestrador, que soubo asumir moitos riscos, acadáronse diversas remontadas fóra de Balaídos que situaron ao equipo á fronte da táboa clasificatoria, nunha segunda volta, obxectivamente, memorable, a pesar das dificultades recentes provocadas pola lesión de Oubiña, o eixo e o corazón do seu modelo táctico.
Debémoslle a Fernando a posibilidade de soñar co valor da canteira –o que nunca fixeran os adestradores da idade de ouro–, subindo ao primeiro equipo a máis de media ducia (e os que virán no futuro) de futbolistas novos. Esta é a mellor noticia celeste que recibimos nos últimos anos. Non debemos impacientarnos polo xogo que vimos este ano, estou certo que no futuro volveremos gozar coa fantasía da serpe. Co seu traballo honesto, Vázquez puxo esta tempada os alicerces para construír un novo soño. Debemos agradecerllo e animalo para que a vindeira tempada en primeira profundice no seu proxecto deportivo. Hoxe estamos moi felices.