A rebeldía do trasno

O amigo Xoán Abeleira envíame este texto sobre Isaac para publicalo no blog:

Ás veces penso, seriamente, que Díaz Pardo non existe. Isaac, digo: ise ‹‹libertario conservador›› (conservador dos nosos tesouros) con nome antergo de profeta. De feito, ata arestora, eu pensaba que non existía. Víao por aí, facendo as súas viravoltas, e coidaba: ‹‹Non. Ise home non existe. En realidade non é un home: é un trasno. É o traste ise das nubes, que sempre está a barrenar. Non hai máis que verlle as orellas…››
Isaac Díaz Pardo. Oitenta e tódolos anos. Tódolos anos do mundo. Tódalas idades da Historia resumidos nunha face. Nunha man/chea de engurras. Xa o dicía o Doutor Freud, que, a partir dos corenta invernos, cada quen ten a face que se merece, for un home ou un trasgo. E, abofé, levaba razón, porque Isaac Díaz Pardo ten boa cara do que é: un xenio con tódalas da lei. Un xenio con pelos e sinais. Un xenio dises das lampadiñas, escandalosamente xeneroso, que, denantes de nós llo pedir, cumpriu tódolos nosos desexos. Iso… e moito, pero moitísimo máis.
Isaac Díaz Pardo: o noso Grande Compoñedor. O noso Mago de Oz. Un día ergueu un dedo e levantou unha fábrica. Dúas. Tres. Outro día, chiscou un ollo e xenaron mil libros. Dous. Tres. Cen mil milleiros de historias. Outro día botou a lingua a pacer, con esa divina impertinencia, e tódolos mortos das nosas vidas volveron falar. E así con todo. En Arxentina ou na Galiza. Na Pampa Húmida ou na Ría. E así sempre con todo. Sempre con todo pra todos. Ah, iste Tiziano dos Avernos que pintou a Barca de Caronte chea de ánimas vivísimas! Esa Barca de Caronte na que imos todos nós, vestidos de todos nós! Pois mesmo iso nos regalou. A con_paixón do seu pincel. E sen pedir ren en troques.
Isaac Díaz Pardo. En xullo do 36, sendo menos mozo ca agora, apedrou a farmacia dun falanxista, un criadeiro de matóns. Dende aquela, non tivo outra empresa que esa: esnaquiza–las tendas dos ruíns. Enfrontarse, a corpo aberto, cos mercachifles da Maldade.
Isaac Díaz Pardo. Hai uns meigallos atrás, lin unha entrevista con il. Cando o xornalista lle preguntou qué era, consonte o sabio, o que máis precisaba Galiza, o moi renarte retrucou: ‹‹A Revolución››. A Revolución, vive Deus! ‹‹Porque, eiquí –aseverou– endexamais se fixo››. E que certo estivo, carallo! Que axeitado e que asisado! E que vergoña pra nós! Que teña que ser il, un meniño cun século ás costas, quen esixa a Revolución!
Isaac Díaz Pardo. A súa vida é unha película. A Nosa enteira Película. A película de Nós. Isaac Díaz Pardo. Eilo temos aínda. Promovendo a Revolución dende que alí, na Rúa das Hortas, a Raíña Moura das Fadas lle debuxou unha boca… Non en van non foi il quen lle dixo a Castelao –ó mesmísimo Castelao!– que era ‹‹un vello reaccionario››? ‹‹Carallo co rapaz.›› Carallo, si, co rapaz.
Isaac Díaz Pardo. Toda a vida resistindo. E –para Rilke o Visoiro– resistir éo todo. Ó diaño cos seus perseguidores! Ó diaño cos seus usurpadores! Eu teño máis confianza nil da que nunca tiven en Cristo. Eu confiaríalle a miña alma tan só polo intre en que dixo esta soa, única frase: ‹‹Hai palabras que non podemos deixar desaparecer. Por exemplo a palabra folga››.

Isaac Díaz Pardo. O noso Cordeiro Sen Deus. O Neno Obreiro crucificado na palma de Luís Seoane. Existe ou non existe iste Isaac doutro mundo, iste Principiño redivivo, estoutra sorte de ET? É un home ou un trasno? Un xigante ou un abelurio? Porque un empresario non é! Xa que… Que clase de empresario pode ser un que bota pestes da Usura? A Usura –clamou Ezra Pound ós ceos– é o motor da economía. A fame do noso sistema. O capital do capitalismo. Mais a Usura, en efecto, non fixo os cadros de Uccelo. Nin a Comedia de Dante. Nin a Anta do Castro. A Usura o máis que fixo foi esta Torre de Babel. Iste paraíso de merda no que agora boqueamos. A Usura o máis que fixo foi acabar coa Galiza. Coa Galiza da chaira. Coa Galiza do mar. Coa Galiza da montaña. E agora, nun tantarantán, nunha infame xudiada, quere acabar con Sargadelos. Quere acabar co profeta e con toda a súa liñaxe. Quere, ai!, rematarnos dunha puta–puta vez. Pra que non falemos máis. Pra que non soñemos máis. Pra que non creamos máis nunca que é posible a Beleza. XOÁN ABELEIRA.

Etiquetas:
2 comentarios
  1. ARUME DOS PIÑEIROS
    ARUME DOS PIÑEIROS Dice:

    Ezra Pound clamou ós ceos contra a Usura (USA) abrazando o fascismo como arma principal. Non sei canto de antisemitismo e racismo tiña aquela diatriba de Pound contra a usura. Os Cantos de Pound son a esencia da poesía do século XX, pero non tivo precisamente un ollo para a política naqueles anos de glamour e fascismo en Rapallo (nesto hai que loubarlle o gusto).
    Citalo a propósito de Isaac Díaz Pardo, o máis grande e ilustre dos nosos homes, non sei.

  2. Boedense
    Boedense Dice:

    Unha palabras ben merecidas para unha figura tan senlleira da nosa cultura. É unha auténtica tropelía a que lle fixeron coa empresa Sargadelos.

    BOEDENSE

Los comentarios están desactivados.