"A lúa dos Everglades": presentación en Melide

Esta mañá presentamos no concello de Melide A lúa dos Everglades, a novela de Xesús Manuel Marcos gañadora do Certame de narrativa Terra de Melide 2007. Quedei abraiado pola intervención de Socorro Cea, a alcadesa do BNG, que soubo contextualizar a presentación na tradición da edición de Terra de Melide o 7 de xuño de 1933 por parte dos membros do Seminario de Estudos Galegos e de Ánxel Casal (que xa ten rúa en Melide, dende o pasado mes de agosto), ademais de amosarse moi agarimeira co traballo da editorial. Grazas, moitas grazas.
Na súa intervención Marcos alternou a lectura de fragmentos [moi ben escollidos] da novela con algúns comentarios sobre eles. Quedei na libreta con estas notas das súas palabras:

  • “O tema da emigración, paradoxicamente, foi pouco tratado na literatura galega”.
  • “A novela abrolla no tempo e na distancia, que non se mide en espazos, senón, como sinala o poeta Xoán Neira, en sentimentos”.
  • “Os personaxes da novela percorren as rúas de Bos Aires, Madrid ou Miami, mais co seu espírito percorren os vieiros dun pasado inesquecible. […] A droga máis dura que coñecen: a súa Terra”.
  • “Cada emigrante recende a pan e maila terra mollada”.
  • “Os Tamara son a melodía da distancia”.

Culminamos a presentación cun pouquiño de empanada e queixo, adozado con melindres e eses “Ricos” (únicos) de Melide, dos que trouxemos un par de bolsas para Vigo.

Actualización (28-10-2007): a noticia da presentación na Voz de Galicia e a referencia aos Ricos (doces en perigo de extincio) no blog de Marcus.

4 comentarios
  1. Brétemas
    Brétemas Dice:

    A verdade é que nos regalaron os Ricos e os melindres dw casa “Melchora”, un establecemento sobre o que, Marcus, pagaba facer un monográfico audiovisual no teu blog.

  2. Marcus
    Marcus Dice:

    Coido que no blog non se pode falar ben dos doces de Casa Melchora nin do Estilo, pois o sabor é algo que non se transmite ben pola Rede.
    Os ricos son algo difícil de describir (e só recomendable para a xente con bos dentes), e no tocante ós melindres, moita xente cre que en tódolos sitios se fan con anís (e os de Melide non son así).
    O día en que os sabores se poidan difundir pola Rede a gastronomía galega dominará o mundo.

Los comentarios están desactivados.