A entrevista de Suso.


Edicions Bromera (catalán)

Recomendo a lectura devagariño da longa entrevista a Suso de Toro que aparece hoxe en Vieiros. Non ten desperdicio. É moi clarificadora sobre o momento que vivimos. Reflexivo e mirando cara o futuro, esas inxeccións de esperanza que tantas veces faltan aquí, Suso reclama a mobilización cidadá para abrir unha nova etapa política.
9 comentarios
  1. randiland
    randiland Dice:

    Está moi ben a entrevista e coincido en argumentos… pero ALUCINAME certas cousas: que defenda a fraga deste xeito tan desprendido, que xustifique o seu cambio de opinion política coma si tivese mala conciencia e que con artes reductoras xibarice a uns (nacionalistas) para amosar a outros (socialistas)coma os bos e sans. Se cadra a sua amizade co seu admirado zp faille esquecer a istoria desta terra en mans das forzas políticas amamantadas na capital, as do pensamento radial. Esquece tamén a loita sempre desigual dos nacionalistas e que eles e so eles foron a forza que levou a defensa desta terra ate a suas últimas consecuencias… e non há que mirar moi atrás para decatarse. O Suso escomenza a sentirse cómodo nesa cadeira con tantos apoios, que non se lle reblandeza o cú nin xogue coa ambiguedade do iluminati que, ó fin,
    deu co bo camiño. Non nos confundas. Claridade.

  2. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Penso que Suso de Toro e algún outro … están preparando o seu cuíño para pousalo ao sol que máis quenta (seica vai ser o do PSOE). Mesmo estou convencido de que, se o PP se chega a manter no poder uns anos máis, Suso había ‘pousar’ o seu cuíño nese outro sol.

    ‘Eu non teño ideoloxía… Non podo dicir sequera se son de esquerdas’. (Suso dixit)
    Cousas veredes!

    Outro anaquiño:
    ‘É o momento de pensar nacionalmente:nin “nacionalistamente á española” nin “nacionalistamente á galega”. Para min, é o momento dos cidadáns’.

    É dicir, que Suso pon AO MESMO NIVEL ao PP (nacionalistamente á española) e ao BNG (nacionalistamente á galega).

    Cousas veredes!!!!

    Eu respecto o dereito de Suso de Toro a cambiar (do BNG ao PSOE, e mesmo ao PP). Pero, como di randiland,
    que non intente confundirnos!
    Claridade!

  3. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Ben o falamos esta tarde. Suso xa tivo “blo”, cando aínda non exitían como tales. Unha páxina que alimentaba con textos con moita frecuencia (escrito en galego-portugués, con tradución castelán). Mágoa que a abandonase hai un par de anos. Temos intención de recuperalos. Suso daría hoxe un blogueira moi produtivo.

  4. Martin Pawley
    Martin Pawley Dice:

    Si, aquelas botellas ao mar. Pero eran outros tempos, na prehistoria da rede, antes de que se xeneralizan as ligazóns, os comentarios, as imaxes.

    Que volva, que volva.

  5. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Eu penso que Bragado está no mesmo barco que Suso de Toro. Poida que me equivoque.
    En todo caso, paréceme moi grave que un editor que vive do galego apoie ao PSOE, sabendo que se o galego aínda ten algunha esperanza, é polos nacionalistas (non precisamente por Paco Vázquez, nin por Méndez-Romeu, nin por Pérez-Mariño).

    Gustaríame que Bragado dixese se está a favor de que gobernen os que non cren no galego (moita xente do PSOE, moitos e moi influíntes), ou que gobernen os que defenden o galego (os nacionalistas).

    Bragado está a aproveitar este blo para atacar ao Bloque (sabendo que lle fai moito dano, pois estamos en período pre-eleitoral). Por iso lle pediría claridade. Que deixe de marear con eses ataques ao Bloque, que diga que vai votar ao PSOE e, como di Quintana, ‘punto redondo’.

    O que me parece lamentábel é que agora, en plena precampaña, el e mais Suso de Toro se dediquen a marear, que se dediquen a intentar desmotivar a un eleitorado que sigue fiel ao nacionalismo e que sabe que só un Bloque forte no goberno galego podería conseguir tirar ao galego desta agonía na que está inmerso.

    Claridade, Bragado. Tes todo o dereito do mundo a mudar de opción política (do BNG ao PSOE, e mesmo ao PP), pero, iso si, por favor, un pouquiño de claridade.

    Creo que os que nos esforzamos (mercando os teus libros, etc.) en que o galego siga sendo unha língua viva e de cultura, temos dereito a saber a que xogas.

  6. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Meu amigo anónimo: hoxe xogo no mesmo campo no que levo xogando toda a miña vida política, desde os dezaseis anos. Quen siga as miñas opinións (en Faro de Vigo ou na Radio Galega), comprobará que nunca apoiei aos que están en contra da construción da nación, da súa lingua e da súa cultura. Nunca. Apoiei publicamente en moitas ocasións, sen ser nunca militante ao BNG (funno de Erga e de PSG-EG durante toda a súa traxectoria) e paguei un prezo bastante elevado por isto. Colaborei de forma entusiasta e comprometida co Foro do Estatuto, promovido pola nova executiva do BNG, e en cantas outras iniciativas fun convidado. Creo que non teño que estar xustificando constantemente as miñas posicións e facendo confesión de fe nacionalista (a única convicción que profeso). Apostar polo galeguismo republicano, dende a miña condición independente, é lexítimo nun debate de ideas que debe seguir aberto. Neste momento preelectoral aposto pola mobilización de todo o electorado de esquerdas e nacionalista como estratexia para abrir unha nova etapa política, tras catro mandatos consecutivos de Fraga Iribarne. É unha estratexia equivocada? Debatámola. Busquemos outra máis axeitada (nunca fun dogmático, nin pretendo seguir outro camiño que non sexa o da procura honesta do mellor para a miña nación, síntoo, no me gusta o termo “país”). Mais non descalifiquemos, por favor. Iso, na miña opinión, sería facerlle un favor aos que pretenden impedir acordos entre o BNG e o PSOE (ou é que xa esquecimos o que está sucedendo vergonzosamente en Vigo). O 19 de xuño a miña maior alegría sería poder felicitar a Anxo Quintana como novo presidente da Xunta. Esta é a claridade que se me solicita? Sempre fun da cultura dos matices. Creo que é a única posible para debuxar un novo horizonte. Manuel Bragado.

  7. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Grazas pola túa resposta, Bragado.Posíbelmente nestes momentos estou sensíbel de máis.

    O que che quero transmitir (acertada ou equivocadamente) é que as críticas, sendo sans e enriquecedoras en calquera sociedade, nestes momentos de precampaña son, na miña opinión, inoportunas. E refírome concretamente ás críticas a un partido co que un sente máis afinidade.

    Evidentemente, eu non che vou dicir a ti, nin a Suso de Toro, que non as fagades, pois estades no voso dereito. O que si quero, de todo corazón, é transmitirvos o que penso: que non son oportunas se o que se quere é acabar con esta etapa negra para Galicia e que un goberno BNG-PSOE (ou PSOE-BNG) chegue á Xunta.

    Tan só transmitirche iso, que esas críticas, cando menos a min, prodúcenme desacougo porque penso que este é o momento de ilusionar á xente de esquerdas e mobilizala.

    O Bloque, coma outros partidos, ten as súas eivas. Pero este, penso, non é o momento de remexer nelas.

    Espero que saibas desculpar as descalificacións.

  8. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Agradecido. Sei que estamos todos no mesmo proxecto. Nun artigo que publico no vindeiro número da revista Enclave falo de que o proxecto de construción nacional estase construíndo tanto dende as organizacións políticas nacionalistas (o BNG, singularmente) como dende a propia sociedade civil (dende o asociacionismo ou a empresa). Os criterios non sempre coinciden, sen embargo, o horizonte é compartido. Non vou falar das eivas do BNG, quizais fun un chisco imprudente. Pido desculpas, se ofendína a alguén (non foi a miña intención).

Los comentarios están desactivados.