A balea negra

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición «A balea negra» instalada no Marco con motivo do seu décimo aniversario, tamén do accidente do Prestige.

Foi grande o impacto que na memoria da miña xeración supuxo o incendio o 5 de maio de 1970 do “Polycommander”. O petroleiro noruegés (230 metros de eslora) tocou fondo nun baixo da illa norte de Cíes, á altura da Punta Meixueiro, ás catro e vinte da madrugada, cando pretendía abandonar a ría de Vigo tras desembarcar unhas horas antes no porto a Karin Alstad, unha camareira que precisaba axuda médica. O erro na manobra, probablemente provocado por unha dificultade de entendemento entre o capitán e o práctico do porto, provocou unha fendidura por babor, que afectou aos tanques 5 e 6, e despois un incendio cuxas lapas vimos atónitos durante día e medio dende Vigo, ademais dun verquido de 15.000 toneladas de petróleo. Á marea negra conseguinte, da que quedaron algunhas pegadas nas illas Cíes e na costa de Panxón a Baiona, uníuse a morte de vinte e tres dos tripulantes do enorme petroleiro.

As impresionantes fotografías que o afouto Magar realizou dende unha lancha de oito metros, publicadas no “Faro de Vigo” do día seguinte, quedaron como testemuño dos labores de extinción do incendio e da contención da marea negra, que con medios tan precarios como artesanais dirixíu o guardés Laureano Galiñanes Vega, como xefe do negociado de Pesca e Carburante da Comandancia de Mariña de Vigo. Nestes traballos foi decisiva a participación dos bombeiros vigueses e das tripulacións de dez pesqueiros, chegados dos diferentes portos da ría, que conseguiron tender unha teas que serviron de barreira para conter o verquido.

Coa traxedia do “Polycommander” iniciouse a xeira de cinco mareas negras que dende entón estragaron a costa galega. No mes de maio de 1976 o “Urquiola” derramou 100.000 toneladas sobre a ría da Coruña, que volvería ser castigada só dous anos depois polo “Andros Patria” e en 1992 polo “Mar Exeo”, que verqueu 80.000 toneladas diante da Torre de Hércules. A catástrofe máis recente foi, como todos lembramos, a do “Prestige”, que verqueu 63.000 toneladas desque se accidentou o 13 de novembro de 2002, mentres que as 14.000 restantes que transportaba permanceron nos seus tanques até que se afundíu no abismo a 260 km da nosa costa, despois de esgazarse ao medio, o 19 de novembro. Esta terrible xeira de traxedias ecolóxicas no litoral galego constitúe o pretexto temático da exposición “A balea negra”, aberta no Marco con motivo do décimo aniversario da súa inauguración, coincidente co día no que se producíu o accidente do “Prestige”. Unha moi interesante exposición na que a partir da de sinistros como os do “Polycommander”, mais e sobre todo do “Prestige”, se propón animar o debate e a reflexión arredor das relacións do ser humano coa natureza.

Roubándolle o título a unha expresión que Man o alemán de Camelle acuñou nun soño premonitorio, “A balea negra” presenta dous relatos, a detallada reconstrución documental dos acontecementos do outono de 2002 e da posterior marea de máis de cen mil voluntarios e das protestas de Nunca Máis de 2003, xunto coas lecturas críticas, épicas ou poéticas xeradas dende as diversas artes. Mestúranse así nas instalacións do museo de Príncipe as visións obxectiva e subxectiva dun fenómeno aparentemente local como foi o do “Prestige” e Nunca Máis transformado en mito universal, expresión de solidariedade e defensa dun modelo ecolóxico sostible.

Destacan entre as pezas da exposición as fotografías de Manuel Sendón de “Cuspindo a barlovento”, a reportaxe “Marea negra” de Allan Sekula publicada en “La Vanguardia”, a mítica foto de Xurxo Lobato do afundimento do “Prestige”, como unha serie de cinco viñetas de El Roto (recente Premio Nacional de Ilustración), nas que probablemente se condensa a intencionalidade de toda a mostra: “¡Hay que impedir que el derrame de petróleo llegue a las conciencias!”. Sen esquecer o impacto que provocan o cráneo de cetáceo procedente da casa museo de Man de Camelle ou os dous óleos de grande formato de Antón Patiño de 1987, agoirando o que sucedería na Costa da Morte quince anos despois.

“A balea negra”, unha exposición cuxa visita recomendo moi vivamente, coincide co inicio do tan agardado xuízo do “Prestige”. Mágoa a incredulidade que provoca na cidadanía un proceso xudicial onde non responderán no banco dos acusados os responsables políticos da xestión da crise, precisamente os que fixeron que un accidente dunha barco en mal estado se convertise na maior catástrofe ecolóxica da nosa historia. Con todo, é de agardar que tanto o xuízo como as actividades previstas con motivo deste décimo aniversario do “Prestige” contribúan a impedir que se repitan este tipo de catástrofes, cuxa orixe non é outra que a obsesión e a cobiza por obter o maior lucro, como lle sucedía ao capitán Ahab de “Moby Dick” na procura incansable da balea. Mareas negras, nunca máis!

A foto destacada é de Magar.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *