Está vendo o arquivo da categoría » Febreiro 2018

Ferrín co Laxeiro

bretemas —  27 de Febreiro de 2018 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao premio Laxeiro que recibiu Xosé Luís Méndez Ferrín:

O xoves na roda de prensa celebrada no concello de Vigo na que se anunciou a celebración o 24 de febreiro do xantar no que a Fundación Laxeiro entregou o seu premio de 2018 a Xosé Luís Méndez Ferrín, o autor de «Con pólvora e magnolias» confesou que o mestre Laxeiro, a quen coñeceu cando o pintor regresou da Arxentina na década de 1970, subministráralle material para a súa imaxinación en forma de soños. Desde que na súa adolescencia coñecera na sala de billar do café Moderno de Pontevedra aquel mural de Laxeiro titulado o «Outro Mundo», aquelas figuras grotescas que danzaban ao son dun laúde cuadrangular, Ferrín tivo numerosos soños dentro dos seus cadros, «nunca puiden saír fóra da súa pintura», xa que o artista de Lalín «ofrecía en cada cadro ou en cada mural unha mensaxe oculta, xa que en todos se agochaba algún misterio, xa que todos eran dunha ou doutra forma narrativos, xa que todos contan unha historia».

Unha débeda artística con Laxeiro que Méndez Ferrín xa recoñecera en 1996 nun texto moi fermoso incluído no catálogo publicado polo CGAC con motivo da exposición antolóxica dedicada á obra do lalinense, sendo directora artística do museo Gloria Moure, no que lembra aquel día pontevedrés no que descubriu o «Outro Mundo», mural que define como «festival transgresor de toda severidade, unha pintura que convocaba á transgresión e o riso universal, a un país de Ningures que Ninguén visitara». Unha noitiña de invernía na que Ferrín confesa sentiuse chamado a penetrar no interior do propio cadro, sentíndose «recoñecido polas máscaras a participar no folión». Unha experiencia marcante para o autor de «O crepúsculo e as formigas» xa que recoñece que «desde aquela festa nunca deixei de soñar, de vez en cando, imaxes ocres con figuras carnavalescas dotadas da capacidade de me alegrar o ánimo e, simultaneamente, de me amosar as extremas da loucura e as marxes do terror».

No xantar do sábado no que recibiu o seu merecido Laxeiro, Ferrín tivo moi presente aquela experiencia pontevedresa e orgullouse de que os cadros e os murais do pintor de Botos contribuíran á formación da súa sensibilidade estética contemporánea e do seu universo literario: «Teño pensado moitas veces que o meu traballo poético fundamental foi darlle nomes descomunais a algúns bonecos ideados por Laxeiro». Como recoñeceu a seguir que «as figuras, formas, cores, liñas, silencios ópticos que me atraían e desconcertaban sendo rapaz dos cadros de Laxeiro, formaban parte dos meus propios soños e se prolongaban nas miñas fantasías diurnas». Como escribira en 1996, «Laxeiro tamén me ensinou a aprezar as calidades da textura, a soñar nelas e, consecuentemente, a deixarlle paso a Burri, a Tápies e a Fautrier nos territorios dos meus pesadelos, facéndoos máis tráxicos, máis materiais, máis terrestres, máis sórdidos». Como tamén daquela gabara a capacidade de Laxeiro de entregarse á abstracción con idéntico espírito, «coa consciencia de pura procura plástica, co aviso permanente da fronteira e do medo que lle eu dera coñecido en Pontevedra cando entrei no seu cadro».

Moi emocionantes foron as palabras de Ferrín o sábado cando no seu discurso reivindicou a súa condición de «laxeirano militante» e a adscrición de Laxeiro ao Vigo literario e plástico, o que o autor de «Estirpe» ten acuñado nos seus artigos de «O confín dos espellos» de «Faro de Vigo» como o «Vigo de Manuel Antonio», outro dos compoñentes do ADN vigués, como o do Vigo obreiro que curta chapa de aceiro nos estaleiros de Beiramar. Laxeiro forma parte do Vigo plástico, como o pintor Serafín Avendaño, que asegurou estaba presente na sala en forma de «querido fantasma», e outros pintores «como Urbano Lugrís, Carlos Maside, Manuel Colmeiro, en diversas partes das súas vidas, con outros e outras, contribuíron a facer desta nosa cidade a capital artística de Galicia, labor que [enfatizou] continuarán algúns artistas aquí presentes». Unha referencia sutil á continuidade do protagonismo de Vigo na cultura galega contemporánea, sobre todo no eido das Artes Plásticas, cando está en perigo de desaparición o MARCO, como peza clave na promoción da súa creación e difusión.

Ademais de constituír un merecido recoñecemento a quen é figura cimeira da cultura e política galega contemporáneas, dun ourive da peza da esperanza resistente, desa alfaia de ouro coa forma dunha espiral ou dunha trabe, este premio Laxeiro a Xosé Luís Méndez Ferrín contribúe a reparar na relación entre dous dos mestres da cultura do noso tempo. Laxeiro e Ferrín son dous grandes narradores de soños, tamén, dúas figuras da creación que empregando as ferramentas de disciplinas artísticas distintas contribuíron a ampliar o relato da nación dos galegos e das galegas. Merecidas beizóns ao premio e á Fundación Laxeiro.

María Victoria, cidadá galega

bretemas —  26 de Febreiro de 2018 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana en Luzes á concepción de cidadanía de María Victoria Moreno:

A María Victoria Moreno (MVM), a escritora homenaxeada o vindeiro 17 de maio, amoláballe ser considerada «unha autora estremeña que escribía en galego». Comentoumo anoxada en máis dunha ocasión no proceso de edición de Diario da luz e a sombra, o texto autobiográfico onde relatou a súa experiencia como enferma de cancro e onde reflexionaba sobre como unha doenza, por grave que fose, non muda a personalidade de ninguén, se non que apenas resalta os trazos característicos de cadaquén. E tiña razóns abondas a autora de Anagnórise, xa que ela nin era estremeña nin moito menos escritora alófona galega, como Federico García Lorca ou Carles Riba. María Victoria Moreno era cidadá e escritora galega por elección consciente e persistente.

Opción de cidadanía moi presente nas diversas biografías que sobre María Victoria apareceron estes días, dende a primeira, a das académicas Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, a outras posteriores como a dos seus amigos Xavier Senín e Isabel Soto e a da profesora Montse Pena Presas, que reconstrúen una peripecia biográfica e formativa pouco convencional, dende o seu nacemento en Valencia de Alcantara o 1 de maio de 1939 até a súa instalación definitiva en Pontevedra a mediados dos anos sesenta. Sabemos agora que MVM naceu na localidade cacereña por puro azar, xa que alí acudiu a súa nai Sara (mestra malagueña) que tiña o home, Vicente (militar de Toledo) na fronte de guerra, para dar a luz na casa do seu irmán, Antonio que traballaba de policía na fronteira con Portugal. Como sabemos que despois de apenas tres anos en Badaxoz, a familia trasladouse a Segovia, onde seu pai fora destinado como administrador do cárcere provincial, e máis tarde a Sepúlveda, onde a súa nai reingresou como mestra. Localidades segovianas nas que MVM cursou os estudos primarios, antes de vivir interna nun colexio da Sección Feminina de Barcelona onde fixo o Bacharelato e trasladarse máis tarde a Madrid onde cursou Filoloxía Románica na Complutense. Un periplo pola península que a futura escritora completará en 1963, cando despois de casar co valenciano José Luis Llacer, o matrimonio se instala en Pontevedra onde o seu home é destinado como profesor do colexio da actual ONCE.

Unha etapa de formación na que MVM adquiriu a súa condición políglota, xa que aprendeu catalán e francés, o que lle facilitará a partir de 1965, cando coñeceu a Xesús Alonso Montero como profesora do Instituto Masculino de Lugo, a súa rápida inmersión no galego e a súa adscrición posterior a nosa literatura, participando nos primeiros concurso de contos convocados pola agrupación Cultural O Facho da Coruña e publicando en 1973 en Ediciós do Castro o seu primeiro libro para crianzas, Mar adiante, o mesmo ano no que abre en Pontevedra con outros socios a mítica Librería Xuntanza. Unha opción de vida que á xove profesora do Instituto Feminino de Pontevedra lle custará máis dun desgusto, como a retirada do pasaporte en 1974 por dar clases de galego no Ateneo de Ourense, o que daquela constituía una actividade sospeitosa.

A biografía galega de MVM nada ten que ver coa súa nacenza galega nin sequera cunha posible orixe familiar galaica dos seus ancestros, xa que o seu ADN era andaluz e castela, nin tampouco pola súa formación superior e universitaria que fixo dacabalo de Barcelona e Madrid. María Victoria Moreno foi cidadá galega porque quixo, porque escolleu o galego de forma consciente para instalarse na súa vida cotiá e para ser a lingua na que educase aos seus fillos. MVM, como sinalan Casalderrey e Aleixandre, «é galega porque Galicia foi a terra onde máis tempo viviu e coa máis se identificou». Unha elección republicana de cidadanía galega que merece ser coñecida e que pode axudar a explicar un concepto de identidade galega e de elección lingüística, que nada ten que ver coa etnicidade nin coa orixe familiar. Cidadanía por querenza consciente, pola vontade de incorporarse á formación da comunidade galega. Roubándolle as palabras ao inacabable Celso Emilio, MVM foi galega «porque si, porque lle gustou, porque lle petou quixo e deulle a gaña». Eis a galeguidade cento por cento. Brava María Victoria Moreno!

Campo do Fragoso CCVIII

bretemas —  25 de Febreiro de 2018 — Deixa un comentario

VIRAVOLTA

Na tradicional tertulia do descanso no corredor de Río Alto poucos confiabamos en que o Celta dese a viravolta a un encontro no que o Eibar estaba sendo moi superior. Os discípulos de José Luis Mendilibar coa súa defensa adiantada até case a medula do campo, co porteiro colocado como libero e cunha presión moi intensa sobre os dous centrais celestes déronlle un baño a un Celta que impotente e moi desconcertado non conseguía combinar con xeito a pelota e saír do labirinto vasco mais alá da súa primeira liña. Un partido que mudou de xeito radical dende o comezo do segundo acto, coa entrada na lameira viguesa de Emre Mor capaz cos seus caneos veloces de darlle a volta ao carpín e noquear aos armeiros nun par de lances decisivos finalizados de forma brillante, como é adoito, por Iago Aspas e Maxi Gómez.

Non estivo ben o Celta na primeira parte onde puído saír goleado polos eibarreses, que non souberon aproveitar as oportunidades moi claras que tiveron primeiro de Joan Jordán, que obrigou a Rubén a empregarse a fondo; despois de Kike García e, sobre todo, do xaponés Inui que no minuto 42, a porta baleira na frontal da área pequena, guindou o balón a Marcador. Ao moi traballado tacticamente cadro de Mendilibar faltoulle saber finalizar con gol a súa presión afogante e o seu xogo afouto, que non impediu que o Celta de forma intermitente dese sinais de vida en tres ocasións perigosas: a que no 17 permitu a Maxi Gómez no centro da área encarar o gardameta Dmitrovic; aqueloutra errada de forma clamorosa no 29, case na área pequena, por un Pione Sisto fora de punto, que soíño diante do porteiro guindou o balón a grada de Gol; sen esquecer, tampouco, o fermoso xute de bolea de Daniel Wass no 38, a un servizo de alta escola de Aspas, que pola súa fermosa execución merecía maior fortuna.

Con certeza que durante o descanso Unzué decidiu mudar o panorama, deixando a Pione na caseta, nunha das súas actuacións mais desafortunadas como celeste, e procurando coa incorporación de Emre Mor abrir unha fenda pola banda esquerda e cos balóns máis longos dos saques de Rubén obrigar aos vascos a atrasar as súas liñas. Tardou apenas dez minutos en que cundise esta nova estratexia. No 55 un cambio fantástico de banda de Maxi e un desdobre entre Emre Mor e Jonny permitíu que o de Matamá chegase á liña de fondo e dende alí servise atrás ao turco-dinamarqués, que non dubidou en canear e centrar a velocidade de vertixe, entre tres defensores, para que Aspas á espreita rematase sobre o primeiro pao, superando a presión do seu marcador. Un caroliño de moitos quilates, o décimo sexto do mago de Moaña, que noqueou ao Eibar e deixou aos de Unzué como donos do xogo, agardando crear superioridades nunha estratexia á contra, que deixaba toda a iniciativa a un Eibar cada vez máis incómodo.

O segundo tanto puido chegar noutra combinación entre Emre Mor e Aspas, unha sociedade moi prometedora, e sobre todo tras un centro magnífico de Daniel Wass que Sergi cabezou á rede nunha posición moi dubidosa, que o árbitro interpretou como fóra de xogo. Cada vez máis cómodos, insistiron os celestes que no minuto 78 liquidaron o partido co gol de Maxi Gómez. O charrúa cun dos seus furóns letais culminou unha xogada na que Hugo Mallo o fixo case todo: roubou en campo propio, pasou sobre Aspas, correu pletórico cincuenta metros pola banda, recolleu na área rival un globo de Daniel Wass e centrou de forma primorosa sobre o internacional uruguaio. Unha marabilla de concepción e execución dun contrataque lateral que demostra a madurez do noso capitán de Marín, onte un dos nosos mellores.

Un partido no que o Celta, sen asoballar coa posesión inútil de partidos anteriores, como sucedeu fronte ao Espanyol, conseguiu recuperar a eficacia da súa parella goleira. Unha viravolta fronte a un Eibar poderoso e con aspiracións de rival directo, que deixa aos de Unzué na sétima posición, un privilexio que agardamos poida conservar até a finalización da tempada. O obxectivo europeo está ao alcance do xogo deste Celta que ten posibilidades no banco de procurar alternativas cando máis as precisa.

A Casa do Libro de Vigo acolleu onte a presentación de Os Megatoxos e a Batalla de Rande de Anxo Fariña. Esta sexta entrega da que xa é a serie máis extensa da literatura infantil e xuvenil galega, dirixida ao lectorado na fronteira entre infancia e preadolescencia, viaxa aos acontecementos da Batalla naval de Rande que se produciron na ría de Vigo o 23 de outubro de 1703. Unha nova entrega na que os personaxes principais coñecen elementos da cultura maia e sofren un proceso de maduración obrigados a enfrontarse a unha serie de dilemas morais complexos e a unha reflexión sobre o alcance do amor e da amizade. Os catro Megatoxos (Faísca, Ruxe, Lúa e Serea), despois dunha excursión do instituto na que visitaron o faro e as instalacións de Cabo Silleiro, coñecen a existencia dun galeón, O Indomable, que non figuraba nos rexistros, que levaba un arma que podía facer mudar o rumbo da historia. Na súa viaxe no tempo deben responder ao dilema de se é posible e xusto modificar os acontecementos o pasado para mudar o presente?

Resultou interesantísima a presentación de onte na Libraría Internacional de Ourense d´ As sete mortes de Leopoldo Pardo, a primeira novela de Jorge Emilio Bóveda no catálogo de Xerais e a terceira protagonizada por este «desheroe» ourensán tan singular, que se move na vida só baseado nos intereses económicos. Gustei das palabras do presentador, o poeta Eladio Medel, que foi enfiando cos seus poemas unha lectura da novela, na que caracterizou ao protagonista como «un desheroe, un monstro que aparece como un incordio non querido» e na que relacionou as sete vidas do gato de Leo, coa súa reencarnación en figuras como Curros Enríquez, Tomás Bóveda, Castelao, Eduardo Blanco Amor ou Breogán.

Pola súa banda, Jorge Emilio Bóveda salientou que nesta terceira entrega da serie de Leopoldo Pardo, despois de Asasinato no centro comercial e A morte vén en chancletas, desenvólvese un enredo sobre os comportamentos sociais e morais no ámbito da cultura galega. «Localicei a novela na nosa Auria e propoño unha reflexión fonda sobre o que aquí atopamos hoxe, aínda que corresponde ao lector identificar as refencias. As sete mortes de Leopoldo Pardo é unha novela de escarnio e maldizer, unha novela espello do que vemos, do que nos atopamos e do que somos nós. Pretendín ofrecer unha mestura dos xéneros populares coa cultura galega. Sei que nesta intención ten moito que ver o feito de que o meu pai nos permitise enfrontarnos ao cinema fantástico. Como escritor pretendo atopar a miña propia voz e creo que un xeito de innovar é combinando o xénero popular, neste caso o thriller, con obxectos icónicos da cultura galega. En definitiva, facer combinacións raras para conseguir unha voz propia capaz de ofrecer unha lectura amena e crítica da realidade».