Onte 1866: Afouteza, afoutar, afouto/a

Afouteza_Redeiros

O Gran Dicionario Xerais da Lingua achega dúas acepcións do substantivo afouteza. A primeira referida á disposición para actuar sen considerar dificultades nin perigos, sendo os seus sinónimos os de ousadía, audacia ou ardimento. A segunda identifica a afouteza coa coraxe, coa capacidade e forza moral para facer algo. O dicionario inclúe, ademais, o verbo afoutar que expresa dar ou infundir alento ou ánimo, sendo sinónimo de animar, alentar ou arrufar. Por último, o Gran Xerais inclúe o adxectivo afouto/a para referise á caldiade de quen actúa con valentía e temeridade sen considear os perigos, sendo algúns dos seus sinónimos os de arrichado/a arriscado/a, atrevido/a ou ousado/a. Esta consulta ao dicionario, ás portas da histórica semifinal europea de mañán, amosa o acerto de utilizar estas tres palabras como cerna da identidade celeste. Agardamos con ilusión afoutar mañán no vello Balaídos ao afouto Celta de Berizzo.

Aí vén o maio

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á festa dos maios:

maios-color-redondela-3_gHai poucos días falando co ilustrador Evaristo Pereira sobre a celebración da festa dos maios no Vigo vello, xurdiu, inevitablemente, “Ahi ven o maio” (1975), a canción memorable de Luís Emilio Batallán, un dos himnos da nosa xeración, da que, por certo, entre outras moitas, hai unha versión ben fermosa do autor e Pablo Milanés en Luar (2013). Xaora, Pereira insistiume na actualidade do texto da canción, o poema “O maio”, incluído por Manuel Curros Enríquez en “Aires da miña terra” (1880), que, coma sucede tantas veces en “Cantares gallegos” (1863) de Rosalía de Castro, comeza cuns versos populares (“Aí vén o maio / de frores cuberto…”), referidos á festa popular dos maios, da que despois fará unha cumprida glosa: “Puxéronse á porta cantándome os nenos / e os puchos furados para min estendendo…”.

No entanto, como sinalan os profesores Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel, baixo a aparencia de composición costumista, neste poema sobresae o tema cívico e político, xa que Curros identifica a voz en primeira persoa do poeta coa de Galicia, o asoballado pobo galego “para o que non hai maio” e para o que cómpre cantar “un maio sen bruxas nin demos / un maio sen segas, usuras e preitos…”. Versos que non era alleos á calamitosa situación do campesiñado galego da segunda metade do século XIX, sometido a severidade dos foros e os seus xuros, ás penalidades da emigración e á prepotente posición da Igrexa en cada parroquia, situacións que o poeta de Celanova denunciaba con afouteza, non exenta dunha certa impotencia e desacougo.

Nesa tradición cívica da poesía currosiana, a pesar de que xa é un feito a desaparición da cultura agraria galega, non perdeu sentido a celebración da festa dos maios nas nosas cidades e vilas. O Maio simboliza o renacer da vida e das plantas, o comezo do ano agrícola e gandeiro, a ledicia de que o sol alumee con forza, a intención de afastar as pragas, as doenzas dos animais, as xeadas, as treboadas e outras adversidades. Cada comunidade facía o seu Maio para exaltar o renacer do ciclo da vida, para festexar a morte do inverno, para expulsalo e para anunciar o agromar da primavera. Esta festa popular de culto á primavera, á vexetación, ao amor, á boa sorte remóntase á noite dos tempos. A súa orixe atópase nos ritos das sociedades neolíticas, perpetuados nas festas de Ceres da tradición greco-romano, que adoptaron manifestacións diversas en toda Europa, dende Suecia e Alemaña até os países mediterráneos. En todos estes países, os seus maios son a festa da esperanza.

Diversidade presente tamén no país de noso. En cada lugar de Galicia o Maio vai ser diferente, nunha tradición  de vello que vén de Prisciliano e Martiño de Dumio. Non existen regras para a súa construción e ornamento, aínda que se adoitan utilizar paos e bimbios para a estrutura (na que non se empregan cravos) e para a decoración elementos naturais como musgo (en Ourense), fiuncho (en Redondela), xestas, carrabouxos, barazas, bugallos, pampullos, laranxas bravas, cascas de ovos, margaridas, rosas e outras flores. Os maios máis enxebres son os figurativos, de forma cónica ou piramidal, imitando árbores, aínda que cada vez son máis frecuentes os artísticos que adoptan formas de canastro, campanario, pazo, apeiros de labranza ou construcións significativas de cada zona. Tanto uns coma outros van rematos cun bo ramo ou coroa. Mais tamén existían os maios humanos, un Maio ou unha Maia vestida de pés a cabeza con motivos vexetais.

Sen esquecer, que os maios son un tempo para a crítica e un certo escarnio sobre todo aquilo que o merece. Para iso están as coplas (tamén bautizadas como “os maios”) de sabor poético popular, intención social e carácter irónico e satírico, como acontece tamén coas do Entroido: “Nesta nosa Reboreda/ trouxeron un crego novo/ que arregla a igrexa / con cartos de todo o pobo”. Estas coplas posúen unha métrica e un ritmo moi preciso sendo acompañadas, cando van ser cantadas, con golpes de paus (como se fai en Redondela) ou batendo no chan con fungueiros e estadullos (como acontece en Pontevedra). Coplas, compoñentes esenciais da festa, que tradicionalmente se vendían ao longo do desfile coa intención de financiar o Maio e contribuír á merenda, unha vez tirado.

Os maios teñen unha xeografía de seu, na que salientan localidades como Redondela, onde se celebran o primeiro de maio, e Ourense onde se fan o 3, coincidindo coa festa relixiosa da Santa Cruz. Xaora, o feito de que fosen anovados como festa primaveral da esperanza en case todo o país, mesmo en cidades como Pontevedra, Vigo, A Coruña ou Vilagarcía, supón un valioso exercicio de autoestima colectiva. Aí vén o maio de esperanzas cuberto.

Onte 1865: “Lady Macbeth”

cartel-de-lady-macbethMágoa que confunda tanto o título de connotacións shakesperianas da ópera prima de William Oldroy, adaptación á Inglaterra vitoriana da novela Lady Macbeth de Mtsenk do ruso Nicolai Leskov, contemporáneo de Dostoievsky. A protagonista do drama de Oldroy comparte apenas a determinación e o carácter feroz da Lady Macbeth de Shakespeare no seu proceso de empoderamento fronte a abafante sociedade patriarcal, representada no micromundo dunha granxa vitoriana de North Cumberland. A interpretación de Florence Pough, un prodixio na utilización da ollada como forma expresiva, sostén todo o relato do devir dunha muller que comeza sendo vítima dun matrimonio amañado por razóns económicas, mais que será capaz de empoderarse sexualmente, o que lle permitirá tamén recuperar o control da súa vida; para despois perdelo, vítima dunha psicopatía e crueldade extrema, que o guión non xustifica como merecería.

A composición austera de interiores, a utilización constante do primeiro plano e a práctica ausencia de banda sonora intensifican o dramatismo e a brutalidade do relatado. En todo caso, o principal interese do film radica na súa indagación sobre como o abuso pode converter ás vítimas en verdugos. Outra volta de porca ao debate sobre se é lexítima a vinganza e sobre cales son os límites da liberdade persoal, onde o magnetismo sedutor da protagonista provoca que o espectador dificilmente vaia ser capaz de evitar a ambigüidade.

Onte 1864: O retroceso da edición en galego

5901ae8f01e58-ztiew

O novo retroceso do número de títulos editados en galego en 2016 é tan agardado como explicable. O remate da implantación dos libros de texto da LOMCE en 2º e 4º de ESO e 2º de BAC, así como a rebaixa da produción do libro electrónico, xustificada pola merma do entusiasmo polo formato epub, explican estes novos datos catastróficos. Factores que continuarán afectando ao longo deste 2017 e que, moito me temo, agoiran un retroceso histórico para a estatística do ISBN en lingua galega deste ano, que acadaría o seu peor resultado nas dúas últimas décadas. Non teño dúbida de que este é un problema específico do sector do libro galego (a edición no resto das linguas oficiais medrou e mesmo lixeiramente a edición en Galicia no seu conxunto), feito ao que non é alleo a súa dependencia do subsector do libro de texto, que vén achegando arredor do 40% da súa facturación e o 20% do seu número de títulos, mais cuxo peso, por moi diversas razóns, diminuirá nos próximos exercicios.

No eido da edición literaria e infantil, o que podemos chamar a edición cultural, o sector mantén as súas cifras, a pesar de que vive totalmente a intemperie, por utilizar un eufemismo, ao abeiro dos avatares do mercado e da competencia coa edición española. As cifras falan por si soas: en 2017 o sector do libro galego contará apenas con 200.000 euros da Consellaría de Cultura para dotar de novidades en galego as bibliotecas municipais. Cifra que supón apenas o 1% da facturación anual do sector (arredor de 20 millóns de euros) e, con respeto a idéntica partida de hai dez anos, un recorte do 84 %.

Porcentaxes inauditas en calquera outro sector económico considerado estratéxico (como establece a vixente Lei do Libro e da Lectura de 2006) que expresan unha evidencia: para os diversos gobernos de Alberto Núñez Feijoo o sector do libro en galego é pouco máis que un bonsai ornamental para exhibir en acontecementos como a Feira do Libro de Buenos Aires e para citar en efemérides rituais como o 17 de maio. Picada o que estes gobernos consideraron «burbulla editorial», aos editores se nos ofrece periodicamente o engado da redacción dese plan da cultura galega (cuxo obxectivo sería abordar tamén as feblezas do noso sector), que aparece e desaparece dende hai anos dos discursos dos responsables culturais do goberno.

Xaora, os teimosos editores galegos continuamos editando tanto como permiten os recursos do noso cativo mercado, intentando facelo o máis atractivo e visible posible. Confeso que en case tres décadas de profesión nunca coñecín un activismo literario tan intenso e estenso como o actual, protagonizado tanto polos autores e autoras como polas editoras e librarías en centos e centos de presentacións, lecturas, asinaturas e referencias nas redes sociais. Un activismo de resistencia que tamén conta e que non aparece nas estatísticas do ISBN. Ampliar a comunidade de lectoras e lectores en galego continúa sendo unha das prioridades do sector, como a da reclamar de todos os poderes públicos que non eludan a súa responsabilidade sobre as políticas de lectura e fomento da lingua galega.

Calidade da noite

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á problemática da contaminación luminosa, ao fío da creación de Calidade da noite, o foro galego portugués polo fomento do patrimonio natural e cultural nocturno.

Vigo_noite

Na actualidade só de forma moi excepcional é posible contemplar dende unha cidade como Vigo un ceo nocturno estrelado. Impídeo o emprego abusivo da luz artificial que provoca un aumento do brillo da atmosfera e, como consecuencia, o incremento do brillo do fondo do ceo e a desaparición da nosa vista dos obxectos celestes que, como a Vía Láctea, forman a paisaxe nocturna que acompaña a humanidade desde as súas orixes. Bautizado como contaminación luminosa, este fenómeno que afecta como un veleno tan sutil como inocuo ao 99 % das poboacións de Estados Unidos e Europa e ao 80% do resto do mundo, que viven baixo ceos nocturnos contaminados de luz, ten efectos moi nocivos. Sobre o  futuro do planeta, na medida que supón un desbaratamento de consumo enerxético e un incremento das emisións de CO2, con inevitables consecuencias sobre o cambio climático. Perigosos para saúde dos propios individuos, xa que altera o seu reloxo biolóxico e modifica a secreción de melatonina, provocando problemas de insomnio e posibles desordes cognitivas e emocionais. Daniños sobre o equilibrio do medio natural, das súas especies, dos seus hábitats e paisaxes, ameazadas pola ruptura do ciclo natural de luz e escuridade.

Abonda con gozar da experiencia extraordinaria e inesquecible de vivir unha noite estrelada nas illas de Cíes e Ons para comprender como un ceo estrelado se ofrece dende a antigüidade como a maior biblioteca do mundo.  Sabemos que as estrelas guiaron durante séculos a navegantes e exploradores e que a noite posúe luz propia que orientou aos seres humanos de todas as épocas e xeografías. O escritor Agustín Fernández Paz lembrou en novelas memorables como Desde unha estrela distante (2013) ou Lúa do Senegal (2009) que por riba das procedencias xeográficas como dos valados que pretenden separarnos todos os seres humanos compartimos idéntico ceo estrelado e un mesmo corno da lúa onde prender os nosos degoiros. Un ceo que dende hai un milenio orientou aos peregrinos camiñantes por Europa e que hoxe auxilia aos refuxiados das guerras esquecidas do continente africano ou das de Siria e Iraq. Os seres humanos común temos o ceo, reescribindo o verso de Celso Emilio Ferreiro,

E por ventura tanto é así que a contemplación do ceo estrelado debe ser recoñecido como un dereito inalienable da humanidade, equiparable ao resto dos dereitos ambientais, sociais e culturais, como propón a histórica Declaración da Palma de 20 de abril de 2007, asinada por representantes da UNESCO e doutras axenciais científicas internacionais. A visión da luz das estrelas foi ao longo da historia, e deberá continuar sendo, unha inspiración para todos os seres humanos, como a súa observación representou un elemento esencial para o desenvolvemento cultural e científico de todas as civilizacións. Declaración da Palma asumida na súa integridade e de forma unánime polo Parlamento de Galicia na súa declaración institucional de 29 de setembro de 2015,  que reclama o control da contaminación luminosa en todo o territorio galego, a protección da saúde dos cidadáns e dos ecosistemas nocturnos,  así como o acceso ao ceo estrelado e a incorporación da Astronomía e dos valores científicos e culturais asociados a ela na actividade educativa.

O noso país non é alleo a esta mancha de luz nocturna que impide a visión das estrelas. Para Salvador Bará, coordinador do laboratorio de contaminación luminosa da Universidade de Santiago, en Galicia desbaldimos o 30 % da luz artificial nocturna dirixíndoa cara o ceo ou a puntos mortos. Un verquido de luz que se intensifica en cidades como Vigo, que conta con 45.000 puntos de luz, o que supuxo no ano 2015 unha factura de consumo eléctrico de 2,5 millóns de euros, unha cantidade anual importante, a pesar dos aforros obtidos pola posta en marcha do plan de eficiencia enerxética e de renovación da rede de alumeado público con lámpadas LED.

E a cerna desta deboura, segundo “Calidade da noite”, o Foro galego-portugués polo fomento do patrimonio cultural e ambiental nocturno, recentemente constituído por colectivos e persoas preocupadas pola contaminación luminosa, estaría en que os nosos concellos asumisen os principios dun uso responsable da luz artificial. Do que se trata é de iluminar onde sexa necesario e facelo sen derramar luz en espazos adxacentes nin enviar luz cara o ceo. Iluminar cando se precise, sen ter a luz permanente acendida, e facelo co nivel de intensidade e co espectro (cor) adecuados, sinalados polos especialistas. En definitiva, á hora de establecer as políticas de iluminación pública, os concellos, ademais dos criterios de eficiencia enerxética, deben asumir os de redución da contaminación luminosa.

Onte 1863: “Stefan Zweig. Adeus a Europa”

Stefan_Zweig_Adi_s_a_EuropaStefan Zweig non aparece como un heroe no biopic de María Schrader. Escollendo apenas cinco episodios vividos polo austríaco, entre 1936, cando visitou por vez primeira o Rio de Janeiro, e 1942, cando se suicidou coa súa dona en Petropolis, Schrader ofrece o retrato da desolación dun escritor que foxe da Europa na que Hitler comeza a perseguir aos xudeus. Utilizando os recursos da elipse e, sobre todo, de longos planos secuencia (tanto o inicial como o que dá cabo á narración son memorables), relátase o desarraigo do exilio e a profunda mudanza de quen acreditaba no valor intrínseco da creación literaria e das artes para a construción dunha Europa en paz. A directora consegue un retrato verosimil dun Zweig progresivamente derrotado, sumido na melancolía, onde a enerxía dos seus discursos públicos como escritor non pode agochar a súa actitude coitada e diletante para enfrontar as dificultades da vida cotián.

Agradécese que non esteamos nin diante dunha haxiografía nin dunha peza grandilocuente sobre o valor da literatura e do protoeuropeísmo. Visualmente o film paga moito a pena, conseguindo algunhas imaxes de interiores inesquecibles, como a da conversa en Nova York de Zweig coa súa primeira muller, na escena máis dramática e desacougante, ou a da visita do editor e o seu entusiasmo voluntarista, achegando novas e agasallos. Xaora, a pesar dalgunhas pingas de humor, a película está tinguida dun pouso de melancolía, que non evita a localización naquel Brasil vizoso da década de 1940, que xa acreditaba na súa candidatura a ser considerado como “o país do futuro”. Un convite a volver sobre a obra de Zweig, reeditada con mimo por El Acantilado.

Onte 1862: Iº Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade

Premio_AFP_Igualdade_2017Viaxei onte a Vilalba para acompañar a Marisa Barreiro, presidenta do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), e Agustín Baamonde, alcalde de Vilalba, no acto de presentación das bases do Iº Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade. No salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba, onde tantas veces compartín mesa con Agustín, non puiden evitar a emoción cando comecei a relacionar algunhas das obras nas que abordou o tema da igualdade, unha das preocupacións temáticas que máis impregnou o seu catálogo. Obras mestras como Valados, O meu nome é Skywalker, Lúa do Senegal ou Non hai noite tan longa, constitúen testemuñas desta angueira principal no seu compromiso literario. A magnífica e orixinal iniciativa do IESCHA e do concello de Vilalba de convocar un premio de narrativa infantil e xuvenil (nix) con esta orientación temática merece todo o noso apoio. Sen dúbida será outro acicate para manter o interese das novas xeracións de lectores e lectoras pola obra de Agustín, ademais dun estímulo para a creación da nosa nix. Agardo grandes textos para este certame que aventuro será emblemático.

Onte 1861: Cara Solna

Celta_semifinalista

Co acceso ás semifinais da Europa League o Celta rompeu onte o seu teito europeo. Un fito histórico para un equipo e unha afección humilde, prudente até o lirismo, tan escasamente fachendosa como afeita ao sufrimento sen apenas laiarse. Os de Eduardo Berizzo amosaron en Genk unha envexable solidez competitiva, sendo capaces de sobrepoñerse a un erro defensivo e a conter durante os vinte minutos finais e de forma solidaria as ondadas continuas do xogo directo flamenco.Nunca estivemos tan cerca os celtistas de pendurarnos do corno da lúa, de traer para Vigo ese título que a fortuna nos ten negado. Desta volta contamos co valor engadido de que sexa Berizzo, o mestre do esforzo e da humildade, quen dirixe a viaxe cara Solna. Cheguemos ou non ao estadio sueco, ninguén poderá roubarnos a ledicia que estamos vivindo. Seguimos ilusionados.

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1860: Miguel Suárez Abel, azos de tenrura

Miguel_Suárez_AbelEntristeceunos o pasamento do bo de Miguel Suárez Abel, un escritor no que identifiquei o intelixente optimismo da vontade e a xenerosa entrega para a amizade. Coñecino cando editamos Sabor a ti (Xerais, 1992), unha novela que foi finalista do premio Xerais e que moito lle ampliou as portas que abrira con Turbo (Xerais, 1988), o premio Blanco Amor co que se dera a coñecer. Gustoume sempre como columnista, quizais o eido literario onde a súa ollada de lector humanista e cosmopolita era máis lúcida, non exenta de orgullo pola tradición nin de aguillón crítico contra a inxustiza. Eis ese derradeiro e memorable artigo, “O rato roe óso“, no que con sinceridade e afouteza relataba como se preparaba para a morte, “apaciguando e calmando os temores máis negros e fundados”. Lembraremos a Miguel pola súa dignidade e por tantos azos de tenrura que agasallou ao longo da súa vida. Saudades e abrazos intensos, Miguel!

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1859: Saudades do Xabarín

20170418180050_anverso2006

Twitter inundouse onte de saudades do Xabarín lembrando o viséximo terceiro aniversario da primeira emisión do programa da TVG que meceu con tanto agarimo á xeración de entre séculos. Xaora, non foron as cancións rabudas de espírito bravú nin a iconografía creada por Miguelanxo Prado o que onte celebramos.Foi unha forma de entender a Televisión de Galicia como un servizo público, unha trabe de ouro nas políticas de fomento do galego, tamén dos picariños e da mocidade. Eis o valor inclusivo extraordinario do Xabarín Club creado por Suso Iglesias, sendo Francisco Campos presidente da CRTVG.

Hoxe cando a Televisión de Galicia conta con dúas canles, a súa programación infantil, emitida na TVG2 e na app “Xabarin TVG”, perdeu todo aquel fulgor e protagonismo de hai dúas décadas, apenas outra expresión do alleamento (como sucede en boa parte das nosas escolas) ao que se somete a nosa rapazada con respecto ao galego. Aquel prioneiro Xabarín Club demostrou que a TVG pode ser unha ferramenta interxeracional de poderosos efectos para o prestixio da nosa lingua e para o fomento do seu uso nos contextos de lecer para galegos e galegas de todas as idades. Dúas das razóns da existencia da propia compañía como do traballo dos seus profesionais. Recuperar aquel espírito entusiasta do Xabarín Club demostraría que outra TVG aínda é posible.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar