Está vendo o arquivo da categoría » Decembro 2017

Despedimos o 2017 un chisco desacougados, mais non queremos estragar a cadea do blog e celebramos o serán de San Silvestre cun tema de Oasis, os rapaces pelexados de Manchester. E como sabemos que para conservar a tradición precisa de mudanzas, escollín esta versión jazz de «Wonderwall» na voz da cantora arxentina Karen Souza, incluída no disco Cool Jazz Blends (2014) de The Cooltrane Quartet, no que fan versións de éxitos pop dos noventa.

A mítica canción de Noel ten moitas outras versións marabillosas, como estoutra que moito me gusta de Ed Sheeran, como mesmo outras jazz, tinguidas todas elas dunha doce melancolía na que identificamos as dificultades de percorrer camiños, que se tornan confusos, seguindo luces cegadoras, que aparentemente nos guían.

Os meus votos para que en 2018 contemos todos e todas co noso «wonderwall».

Saúde, amor e boas lecturas galegas!

Apareceu onte por Facebook á famosa reportaxe que Juan Cruz publicara en 2012 sobre as difíciles relacións entre autores e editores. Ao fío da que mantiveron Thomas Bernhard e o editor de Suhrkampf Sigfried Unseld, abalando sempre no gume da amizade e do odio, entre a fronteira do amor e a dor, Cruz recaba as opinións de diversos editores literarios como Peter Meyer (Penguin), Michel Korda, Enrique Murillo (Libros del Lince), Juan Casamayor (Páginas de Espuma) ou Mario Muchnick, que coinciden en reivindicar a paciencia como unha das aptitudes necesarias deste traballo. Despois de case tres décadas como editor en lingua galega engadiría que a discreción, a teimosía e a humildade como lector tamén son necesarias para manterse de forma constante nese segundo plano do foco, unha posición imprescindible para a nosa tarefa de escoller e visibilizar os mellores textos para públicos diversos. Nunca está de máis lembrar quen somos e que se agarda de nós.

Onte 1940: «Afouteza» 2017

bretemas —  28 de Decembro de 2017 — Deixa un comentario

O feito de que «afouteza» fose escollida como palabra galega do ano polo Portal das Palabras da Real Academia Galega, tamén a máis buscada no seu dicionario en liña, expresa a influencia decisiva da publicidade e do mundo do deporte para achegar connotacións positivas o uso da nosa lingua. Como xa se ten salientado, documentada dende o século XIV, «afouteza» adquiriu prestixio a partir da súa inclusión no himno do Celta de Vigo e, sobre todo, cando o propio club comezou a utilizala como eixo da súa comunicación corporativa, na campaña de abonados e nos partidos de competición europea da pasada primavera.

«Afouteza«, ademais de referise á disposición de actuar sen temor a dificultades e perigos ou á seguridade en si mesma que demostra unha persoa, adquiriu un valor identitario e comunitario xa que xa forma parte desa listaxe escollida de palabras que funcionan coma un resorte afectivo de positividade, expresión de unión e de confianza nas nosas propias posibilidades. Por ventura, «afouteza» pasou de ser un patrimonio do celtismo a ser o tamén de todo a comunidade galega. Procuremos continuar tinguindo desta afouteza inclusiva a nosa fala empregando as posibildades pouco exploradas que nos achega o mundo do deporte e da publicidade.

Mulleres no rueiro

bretemas —  27 de Decembro de 2017 — Deixa un comentario

Dediquei o artigo da semana no Faro de Vigo ao empoderamento das mulleres e a reclamar un rueiro paritario nas nosas cidades:

2017 foi un ano de empoderamento das mulleres. Unha nova esperanzadora no entorno dun tempo de incerteza e conformismo. Trinta e nove anos despois que Marilyn Gloden acuñara o termo “teito de cristal”, referido ás barreiras aparentemente invisibles que limitan o desenvolvemento das mulleres nas empresas e na vida social e política, son moitas as iniciativas feministas que en todo o mundo se desenvolveron para loitar contra as lacras das violencias machistas e acadar unha igualdade real. Campañas de empoderamento como #Metoo (#EuTamen), ao fío das denuncias do abuso sexual en Hollywood, ou @BBC100women, que identifica as mulleres máis influentes no mundo e os seus problemas principais; o éxito de series feministas como “O conto da criada”, baseada na novela de Margaret Atwood; ou o feito de que a palabra “feminismo” sexa a máis buscada no dicionario americano “Merrian-webster”, amosa que se estaría dando en todo o mundo un impulso para enfrontar os problemas das mulleres.

Iniciativas tamén nacidas na sociedade galega, onde tamén hai exemplos deste empoderamento. Eis o programa “Mulleres en acción. #Violencia zero” promovido pola Deputación de Pontevedra no marco do seu Plan de Igualdade. Eis as diversas iniciativas no eido da cultura, sobre todo no mundo editorial galego, coa publicación das coleccións “Mulleres bravas da nosa historia” de Urco, “Contos pola igualdade” de Baía ou os álbums que reinterpretan os contos clásicos de Xerais, destinadas ao público infantil; como do calendario 2018 “Mulleres de Pacheco” e do proxecto “Pioneiras. Galegas que abriron camiño”, ambos os dous de Xerais. Eis a celebración da xornada “Desfacendo a raia”, organizada por Galix e centrada na memoria das mulleres na LIX e a elección do tema “Mulleres de conto” por o Salón de Pontevedra para render homenaxe ás mulleres neste eido. Eis a acollida entusiasta entre o lectorado dos novos libros de escritoras como María Xosé Queizán, Ledicia Costas, María Reimóndez, Eli Ríos, María Canosa, Rosa Aneiros, Elena Gallego, Teresa Moure, María Solar, por ventura, entre outras moitas, ou o ingreso, por fin, na Real Academia Galega de tres mulleres, Marilar Aleixandre, Chus Pato e Ana Romaní, sen esquecer a homenaxe a María Victoria Moreno o vindeiro Día das Letras Galegas.

Iniciativas feministas que se desenvolven tamén no marco dalgúns dos concellos das nosas cidades que nos seus plans de Igualdade pretenden galeguizar e feminizar espazos públicos e edificios con nomes de muller rematando con outra das moitas discriminacións, aparentemente invisible, a dos nosos rueiros. É un feito que as rúas galegas non teñen nome de muller, e, cando o teñen, a maior parte das veces é de carácter relixioso ou están vinculadas á realeza, apenas outra herdanza dunha visión androcéntrica da nosa historia. Sucede en Ourense, onde das 349 rúas con nome de persoa apenas o 16 % teñen o nome de muller. Outrosí acontecía en Pontevedra, onde de 196 con nome só 20 o tiñan feminino, anomalía que a concellaría de Cultura do concello capitalino pretende subsanar de forma enérxica coa incorporación de vinte e sete mulleres ao rueiro, escollidas entre os nomes da historia e da memoria colectiva dos diversos sectores de actividade. Nomes como os de Isabel Barreto, a primeira navegante (século XVI), Josefina Arruti e Virxinia Pereira, pasando polos de Dolores Trabado, primeira taxista da cidade, ou Dolores Calviño, lavandeira do Pontevedra, acompañarán aos da escritora María Victoria Moreno e a profesora Ernestina Otero no novo rueiro pontevedrés, que pretende ser un pouco máis equilibrado e menos androcéntrico.

Como atención merece o caso do rueiro vigués que, a pesar de contar con 50 nomes femininos, despois da incorporación hai dez anos dos de seis mulleres da memoria (entre as que estaban A Calesa, Urania Mella e Mercedes Núñez), continúa esquecendo os nomes das mulleres, xa que segundo datos da Concellaría da Muller, supoñen apenas o 12 % dos correspondentes a nomes de persoas e actividades e case o 3% dos topónimos vigueses de rúas, camiños, prazas e parques. Unha discriminación de xénero inadmisible xa que se pretendemos construír unha cidade para habitar en igualdade é imprescindible, tamén, que a presenza feminina sexa paritaria á masculina. Unha desigualdade que, como no caso de Pontevedra, podería ser atacada cunha estratexia que, sendo compatible coa conservación de topónimos e microtopónimos tradicionais, promovese a incorporación de nomes como os das escritoras Xela Arias, Begoña Caamaño, Xohana Torres, a oceánografa Aida Fernández Ríos, a xornalista Carmen Parada ou tantas outras mulleres viguesas que forman parte da memoria da cidade e merecen ser lembradas.

Morir, a segunda película de Fernando Franco, demostra que o cine, ademais dun medio de lecer, pode ser unha poderosa ferramenta de reflexión sobre a propia vida. Este de Franco é un relato amargo dunha viaxe emocional provocada pola irrupción inesperada do cancro que descompón a unha parella para enfrontala ao qué entenden por amor. Unha película austera nos medios, mais de narrativa hipnóptica, que apenas nos concede tregua na cadeira. Alicerzada sobre unhas interpretacións extraordinarias, sobre todo a de Marián Álvarez, que o di todo coas súas olladas e os seus silencios, o film conta coa presenza constante do latexto do mar, que funciona como contrapunto da vida que se deteriora e axita sobre o precipicio. Morir é un relato convincente sobre a dor e sobre o propio momento da morte, tan difícil de representar na pantalla, tanto pola súa sobriedade como pola súa dureza conmovedora. Non é doado esquecer algunhas imaxes que nos enfrontan coa crueza da morte e da vida.