Está vendo o arquivo da categoría » Outubro 2017

A pesar da dor da catástrofe incendiaria da fin de semana, presentamos onte na Casa do Libro de Vigo Cociña galega tradicional de Matilde Felpeto, unha obra referencial para a culinaria d enoso. Coma sucedera hai tres anos, cando publicáramos O polbo e a súa cociña, foi o poeta e gastrónomo Xabier R. Baixeras o presentador excepcional dunha “obra de gran alcance na que a autora amosa toda a súa experiencia culinaria  teórica e práctica”. Despois de discutir o título, que considerou “froito da humildade da autora”, xa que para el debería ser A cociña galega tradicional, “xa que constitúe un compendio da cociña galega por antonomasia, Baixeras encadrou o libro na tradición culinaria galega “na que se mesturan a cociña rural coa cociña burguesa ou de vila, neste caso influída pola cociña francesa”. Referiuse o autor de Diario de comidas a obras como La cocina práctica de Picadillo, libro moi exitoso publicado en 1905, como aos textos de Emilia Pardo Bazán, a pesar de que non escribiu ningún tratado específico de cociña galega, ou ao Practicón de Ángel Muro, “aquel madrileno que morreu en Bouzas din que dun atracón de ameixas”, no que se uniron con moito éxito as liñas culta e popular da cociña galega.

Para Xabier Baixeras no libro de Matilde Felpeto “están perfectamente ensambladas a liña da tradición popular da cociña das aldeas e a cociña das vilas; así vemos aquí asociadas as patacas cocidas con ovos coas croquetas de marisco ou o pastelón de lebre trufado, a filloa coa torta de Pontedeume”. “Para Matilde a sinxeleza non é sinónimo de vulgaridade, ao tempo que non renuncia a ofrecer receitas de pratos de alta cociña, concibida como cociña de mercado de calidade, aberta á inspiración feminina, transmitida de xeración a xeración, xa que en moitas delas se abre o espazo para a improvisación, para a entrada da inspiración”. Seguiu Baixeras referíndose á estrutra da obra, “na que se aprecia un continuo afán didáctico, e ademais práctico, xa que este é un libro concibido para ensinar cociña galega como un acto reparador que ten tamén carácter histórico, tendo que ver tanto coa economía e coa sociedade, un libro sobre a arte culinaria galega, para enterdermos que é e coma é”.

Rematou Baixeras referíndose aos catro pratos que están na cerna do libro, o cocido, o lacón con grelos, os callos e a fabada, que expresan, como sinalaba Álvaro Cunqueiro, a capacidade de diálogo da cociña galega con outras cociñas que conforman a chamada “cociña occidental”. Dedicou o presentador as últimas palabras ao apartado de sobremesas e docería, “no que a autora ten ampla experiencia, tanto polos seus gustos do norte como polas larpeiradas do sur”, sinalando “entre tanta cousa rica, a receita da “Torta de mazán da tía Rosa”, un doce de orixe xudía, anosada pola autora para a nosa cociña”. Finalizou saudando con ánimo expectante esta ¨publicación de Alta Gastronomía”.

Arde Galicia

bretemas —  16 de Outubro de 2017 — Deixa un comentario

Onte á tarde, cando comezaba a conformarse a catástrofe incendiaria, enviei este artigo de urxencia que hoxe publica Faro de Vigo:

Na pasada fin de semana os lumes volveron asolagar Galicia. Máis dun cento de incendios forestais nas catro provincias, con especial incidencia nas do sur, na área metropolitana e nas parroquias da propia cidade de Vigo arrasaron bosques, eidos e enseres provocando o pánico, a raiba e a indignación da veciñanza impotente e orfa para poder parar semellante besta de lume. No Courel, no Xurés, nos Ancares, en Chandrexa, en Rebordechau, en Vilariño, en Pantón, en Carballedo, en Melón, en Xinzo, en Pazos de Borbén, en Soutomaior, en Redondela, nas Neves, na Cañiza, en Covelo, en Ponteareas, en Salvaterra, en Baiona, en Morgadáns, en Vincios, no Galiñeiro, en Chandebrito, en Valadares, na Madroa… (a lista é interminable) o lume chegou ás aldeas e ás casas, sobrepasou as estradas principais (incluídas a VG-20, A-52 e AG-57) e as vías do ferrocarril provocando o horror da veciñanza e dos automobilistas e viaxeiros que regresaban da ponte.

Os servizos de emerxencias, tanto o 112 como o 085 colapsaron, incapaces de proporcionar resposta e medios de extinción, mentres que os responsables do dispositivo da Xunta de Galicia atribuían a orixe dos danos aos incendidarios e ás condicións meteorolóxicos deste outono moi caloroso de temperaturas diurnas de arredor de 30 graos. Outra catástrofe ecolóxica (e van non se sabe cantas), que afecta a varios dos parques naturais de Galicia e a zonas protexidas da Rede Natura, que chegou ao entorno dos polígonos industriais metropolitanos, que xa non se oculta na propia cidade de Vigo, tinguida dende o domingo de cinza e cuberta cun inquedante ceo de chumbo. Un inferno que obrigou mesmo a desaloxar a veciñanza de Vincios.

Xaora, desque preside a Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijoo os incendios forestais son considerados como se dunha catástrofe natural se tratase, cuxa orixe está irremediablemente vinculada coas condicións meteorolóxicas e coas actuacións de catro pirómanos tolos, aos que sempre resulta moi difícil deter e levar diante da xustiza. Unha interpretación feijoana da catástrofe dos incendios que, cómpre recoñecer, foi calando na poboación como poalla fina e conseguiu apartar practicamente o tema da axenda política galega. Os incendios quedaron reducidos, en todo caso, a outro apartado desa lista de “desgrazas do país” con escaso (ou nulo) remedio, como a desertización do mundo rural, o devalo demográfico, a emigración da mocidade ou a perda de falantes iniciais do galego. Un modelo conformista de enxergar o futuro, porén ben aceptado por unha boa parte da poboación galega, e que até agora, eis os datos, rendeu excelentes resultados electorais ao presidente dos Peares.

Xaora, diante doutra catástrofe incendiaria como a destes días, non é difícil establecer relación entre a coincidencia da falta de medios para combatelos e o despido o pasado 1 de outubro de 430 traballadores temporais do servizo público contraincendios. Despedimentos que se produciron a pesar de que os conceptos de estacionalidade, sobre o que está deseñado este custoso dispositivo de extinción, como denunciaron os sindicatos do sector, está superado, xa que un ano si e o outro tamén o monte arde en Galicia máis alá das datas que o calendario sinala de remate do verán. Como tampouco esta alerta podía coller de novas á Administración Galega cando as predicións meteorolóxicas agoiraban esta fin de semana a posibilidade de fortes ventos coa chegada “salvadora” das choivas e treboadas tropicais do Ofelia. Como tampouco se podería descartar que nalgún momento deste veroutono (outro efecto do cambio climático) co monte abandonado e cos operativos públicos parcialmente desactivados podería chegar unha forte ondada de lumes. E chegou.

Non fai falta ser enxeñeiro forestal para entender que estes incendios, que se producen en Galicia, como tamén en Portugal, non son catástrofes naturais, son froito da intervención consciente e premeditada dos seres humanos, sexa pola súa acción como pola súa omisión. Que estes incendios non son alleos nin as políticas de ordenación, conservación e explotación do monte, onde se potenciou a expansión do eucalipto e outras especies pirófitas, nin a ausencia de políticas agrogandeiras capaces de fixar a poboación no mundo rural nin sequera aos efectos da cada vez máis intensos da privatización da poderosa industria vinculada a extinción dos lumes. Non fai falta ser especialista para entender que os lumes forestais son tamén un asunto político diante do que non poden permanecer conformes nin os responsables do Goberno Galego nin os partidos da oposición nin o conxunto da cidadanía galega. Se non coutamos de raíz estoutra lacra, o país emprenderá un lento como inevitable suicidio. Evitala é corresponsabilidade de todos.

Poemar o mar

bretemas —  10 de Outubro de 2017 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a Antonio García Teijeiro, recente gañador do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil polo seu libro Poemar o mar.

Coma se fose outro milagre laico ou serindipia inesperada a noticia da concesión do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil a Poemar o mar (Xerais 2015), o libro escrito polo poeta vigués Antonio García Teijeiro e ilustrado por Xan López Domínguez, produciuse cando o Pergamiño Vindel, que atesoura as sete cantigas de Martín Codax, estaba xa para orgullarnos depositado temporalmente no Museo do Mar de Alcabre.

Dúas obras protagonizadas polo mar que coa diferencia de oito séculos comparten a ría de Vigo como espazo poético. Dúas pezas escritas en galego que arrecenden a marusía, senllas exaltacións da nosa admiración polo mar coma suxeito protagonista e fonte de vida: “Ai, ondas que eu vin mirar!, / se me saberedes contar”; “E bañarnos hemos nas ondas!”, cantou a finais do XIII Martín Codax, o fundador literario da cidade de Vigo. “Quero chegar ao mar para abrazalo”, “Quere o mar o que non ten / os seus soños / non se ven”, “Eu quero en silencio / perderme no mar”, canta Teijeiro, a comezos do XXI.

Outro nacional –o máximo premio que unha obra literaria editada en galego pode recibir–, o vixésimo primeiro que recibe a literatura e edición galegas desde que 1978 comezaron a ser convocados estes premios polo Ministerio de Cultura, o undécimo para unha obra publicada por Edicións Xerais de Galicia, e o terceiro no que se premia un libro de poesía infantil, que recoñece tanto a excelencia dun libro memorable como a traxectoria de máis de tres décadas dun autor que concibiu a creación poética e a formación do lector de poesía como idéntica tarefa.

Xaora, o nacional de Antonio García Teijeiro, o sexto obtido por un libro infantil editado orixinalmente en galego –tras os de Paco Martín (1986), Xabier DoCampo (1995), Fina Casalderrey (1996), Agustín Fernández Paz (2008) e Ledicia Costas (2015)–, constitúe outro éxito colectivo da nosa vizosa e potente literatura infantil e xuvenil, un recoñecemento da excelencia dos seus textos e creacións editoriais, mais tamén nestes tempos difíciles para a nosa lingua un formidable exemplo do valor da diversidade acuñada polas minorías.

Un nacional que lle chega a Antonio García Teijeiro no momento máis acaído, o da súa madurez autoral, coincidindo coa súa xubilación como docente do Colexio Possumus, cando conta con máis de medio cento de libros individuais publicados en galego e mobiliza todo o seu fulgor creativo como activista poético. Un catálogo de autor o seu extraordinario que supera con moito o cento de obras, se incluímos as edicións dos seus poemarios en castelán, as súas obras de narrativa, ensaio, as súas edicións de poetas como Rosalía e Celso Emilio ou a súa participación sempre xenerosa en libros colectivos. Un labor literario comezado en 1980 nas páxinas de “Artes e Letras” do Faro de Vigo, que entón compaxinaba coa súa actividade docente e deportiva (non esquezamos que Teijeiro foi porteiro do Academia Octavio e do Teucro en categoría nacional). Un traballo continuado a partir de 1984 no suplemento “A Pizarra”, tamén de Faro de Vigo, onde se ocupaba da crítica de literatura infantil e onde publicou entrevistas inesquecibles con figuras como Rafael Alberti, con quen tanto amigaría.

Dende 1988 iniciou o seu camiño como autor de tres libros fundacionais para a nosa poesía infantil, publicados na colección “Tartaruga” de Galaxia: Nenos, Coplas e Aloumiños. Textos nos que empregou os recursos da raíz popular e comezou a súa depuración da sonoridade como ferramenta necesaria para contaxiar a emoción da palabra poética. Son algúns dos seus moitos libros imprescindibles: Cacarabín, cacarabón (Edelvives 1991), Na fogueira dos versos (Xerais 1996), premio Merlín, premio Pier Paolo Vergerio e Lista de Honra do IBBY; Paseniño, paseniño (2003); Chove nos versos (Xerais 2004) e Un rato díxolle a lúa (Xerais 2013), antoloxía da súa obra, que inclúe un disco no que canta tres poemas, entre eles o xa mítico “Que ocorre na terra?”, aos que lles puxo música o seu amigo Paco Ibáñez.

“Poemar o mar”, o libro co que Antonio obtivo o nacional, forma parte da súa Triloxía do Mar, formado tamén por En la cuna del mar (Creotz 2015) e Palabras do mar (Embora 2015), un proxecto poético no que demostra que o emocional é compatible cun discurso crítico que afonda na complexidade da innovación estética. “En cada libro que escribiu, –sinala o seu antólogo o poeta Fran Alonso– o seu verso foi medrando, como un mar de escuma, como un mar de prata, como un mar de bruma”. Aí atopamos o ADN da obra deste poeta vigués do mar, pacifista comprometido, amante da música, seguidor de Bod Dylan e Luis Eduardo Aute, que entende a poesía como unha chave expresiva capaz de transformar as persoas. Parabéns, Antonio. Que continúen chovendo versos e palabras azul celeste!

Interesantísima resultou a presentación onte na LIbraría Andel de Vigo de Rosalía de Castro e o poder sexual, o libro máis recente de María Xosé Queizán. A escritora viguesa conversou coa escritora e membro da plataforma de crítica A Sega Susana Sánchez Arins arredor dunha obra híbrida, que inclúe ensaios, poemas e contos, onde hai un cuestionamento explícito dos xéneros. «A unidade do libro é o meu criterio sobre Rosalía», confesou Queizán, para quen «a soidade e o traballo son os os temas fundamentais para Rosalía, tamén para xustificar a morte dóce que propón para aquelas mulleres polas que ninguén agarda». Arins comezou agradecéndolle a Queizán que co seu ensaio Misoxinia e racismo na poesía de Pondal lle descubrise «como Rosalía contesta a Pondal, ofrecendo unha lectura dos dous en contrapunto, membros da mesma época e da mesma sociedade, aínda que con diferentes modelos e puntos de vista; dende entón non canto o himno galego, dun autor que non me representa».

Sinalou Susana que Queizán tamén lle descubrira a palabra «viriloide«, «coa que se referían a Rosalía na súa época, formando parte das visións deitadas sobre ela, como santa ou chorona, polos señores críticos». Sinalou Susana a soidade que sufriu Rosalía, «unha muller moi avanzada no seu tempo, que non se escondía detrás dun pseudónimo masculino, unha muller a que lle faltou a rede de afectos e apoios, como os que conformamos hoxe na Sega, como quizais tamén a propia María Xosé».

Queizán insistiu en que o fastío de Rosalía tiña unha causa política e non existencial, «non é este mundo para mulleres, percibe que está no lugar e no tempo equivocado». Rematou a conversa, na que Susana estableceu un nexo directo entre Rosalía e Queizán, que recuperou a narrativa feminina en galega en 1965, debatendo sobre a oportunidade do título, que podería levar a confusión. Para Queizán «Rosalía é unha das escritoras que mellor comprendeu e reflectiu na súa obra, a sedución, entendendo esta como o poder sexual que os homes exercen sobre as mulleres. Toda a obra de Rosalía ten como fío condutor a sexualidade e o poder patriarcal. Rosalía capta ese poder sexual, soubo distinguilo perfectamente, con tanto adianto, antes de que se estudase e se lle dese nome ao patriarcado, foi pioneira, con orixinalidade e audacia, nun tema tan vixente na actualidade».

Viaxamos onte a Monforte para acompañar a Manuel Garrido na presentación da nova edición da súa  guía d’ A Ribeira Sacra. Un acto no que autor reivindicou o turismo lento como mellor forma de abordar a visita á Ribeira Sacra, un espazo turístico e patrimonial que dende as últimas dúas décadas medra en número de visitantes e proxección. Para Garrido «non hai turismo caro ou barato», «o que interesa á Ribeira Sacra é o viaxeiro que quere introducirse nela, o que quere sentila, o que pretende gozar das súas singularidades, desas cousas que hai aquí e non existen noutros lugares: os cañóns, os soutos de cincocentos anos ou os mosteiors románicos, a viticultura heroica…». Gabou Manuel Garrido o pulso gastronómico que se veu producindo na Ribeira Sacra durante os últimos anos, así como do sector do viño, propoñendo que se ampliase á produción de vexetais e outros produtos de horta. Rematou como comezara reivindicando os praceres pequenos: «a natureza foi xenerosa coa Ribeira Sacra, está é unha terra para tomarse un bo viño, dar un paseo, xantar ou pasmar e non facer nada».