Está vendo o arquivo da categoría » Xuño 2017

Carlos_Nuñez_29-06-2017

Resultoume imposible acompañar a Carlos Núñez na lectura do seu Pregón na Feira do Libro de Vigo. Unha peza nacida da experiencia e das conviccións dun dos profesionais máis destacados da edición, o deseño e a industria gráfica do noso país. Non esquezamos que Carlos Núñez Le Vieux é autor de obras neste eido tan importantes como o monumental Diccionario Histórico de la Escritura y de las Artes e Industrias Gráficas (2015), ou senllos libros sobre tipografía de noso Ó pé da Letra: A istoria da tipografía galega (2000) e Alfabetos Gallaecia Castelo e Gótica galega (2001).

No seu pregón (pode baixarse aquí en pdf) Núñez defendeu a o valor da lectura, a pervivencia do libro impreso e da industria editorial, salientando o carácter de Vigo como capital editorial de Galicia e unha das cidades españolas de maior produción de libros. Defendeu, ademais, «o complexo mundo de profesionais que traballan o libro, os deseñadores, tradutores, encadernadores, impresores…, eses equipos complexos que dan forma con moderna tecnoloxía á mensaxe escrita polo autor, que non se ven pero son os que plasman o carácter editorial pola súa experiencia e coñecementos. Eses equipos de profesionais son os que están a facer realidade que o libro do futuro non sexa un ladrillo inmutable e áspero, senón un atractivo soporte literario de papel impreso. A todos eles e elas o recoñecemento do seu traballo, a súa paixón e a súa arte. É obrigado sacar á luz o papel descoñecido da muller nos oficios gráficos, por iso hai que recoñecer os nomes e a achega de relevantes mulleres vinculadas á escritura, ao universo gráfico e á arte do libro. Destacamos o noso recoñecemento ao papel da muller, nunca valorado suficientemente na constante achega escritora e desenvolvemento do mundo gráfico librario.»

Tivo tamén palabras Carlos Núñez para o libreiro, «a figura imprescindible que vai sobrevivindo á implantación das grandes cadeas, que vai soportando o impacto das novas tecnoloxías e, como toda a cadea de produción libraria, sostén sobre as súas costas a maldita crise.» «Estamos ante un cambio que necesita máis que nunca da análise dos expertos, porque as librerías son un dos pulmóns das cidades, alimento para a intelixencia e os sentidos.». Como non esqueceu lembrar aos editores e impresores vigueses: «Vigo e a súa área metropolitana ten longa historia dos numerosos mestres impresores e libreiros ambulantes ata o século XIX en que as imprentas e librerías se consolidaron, como a de Juan Compañel, o impresor de Cantares Gallegos, Angel de Lema impresor e fundador de Faro de Vigo, o libreiro e impresor Eugenio Krapf, os impresores Noya…, e unha longa lista de mestres e familias impresoras, editoras e libreiras que viviron o xurdimento da sociedade industrial, a ideoloxía liberal, os cambios sociais e algúns sufriron o terror do franquismo máis recentemente. Gardamos con honra o recordo de todos os nosos mestres da fabricación e a distribución do libro e tamén polo seu compromiso social e cultural.»

Xaora, o momento máis emocionante chegou ao cabo da intervención cando Núñez dedicou o pregón «ao recordo de todos os escritores, artistas, impresores, editores, libreiros que foron perseguidos ao longo da Historia por defender a liberdade de conciencia e expresión; encarcerados, condenados polos poderes relixiosos, políticos e a insensatez humana. O meu recoñecemento ao seu soño de liberdade e heroísmo. Defendamos a literatura da liberdade impresa en papel…!»

Presentacion_22_segundos_Pontevedra_28-06_2017

Magnífica e emocionante resultou a presentación de 22 segundos, a primeira novela de Eva Mejuto, celebrada onte na Casa da Luz no marco das actividades do Free Live Orgullo Pontevedra e do Día Internacional do Orgullo LGTBI. Un acto que contou coa participación de Marcos Ceive e Eric Dopazo, dous mozos trans, e da actuación do grupo musical Canela Cafuné.

XG00271801Eva Mejuto expresou que a súa intención con 22 segundos foi «contribuír con toda a empatía e amor a visibilización dun colectivo de persoas até agora silenciado». Confesou que o seu interese naceu «cando vin unha reportaxe na televisión, El sexto sentido, no que se relataba a experiencia de crianzas de tres ou catro anos cuxa identidade de xénero non se correspondía co sexo asignado no seu nacemento». «Impactoume este sufrimento e o noso descoñecemento da transexualidade, asociada á marxinalidade e aos mundos da droga ou da prostitución». «Pretendín facer unha novela dirixida ao público mozo, que fose capaz de mudar entre eles esa imaxe falsa e prexuizada». Eva desvelou que a través do documental coñeceu a Viruta, un cantautor trans madrileño, por quen chegou despois a contactar co asociación Arelas de familias trans. «A partir de aí puxéronme en contacto cun grupo de whatsapp de Galiza e varios mozos, entre eles Marcos Ceive, compartiron comigo as súas vidas e as súas cicatrices, tanto as simbólicas como as reais. Coas súas testemuñas construín o personaxe de Alex, que ten un pouco de todos eles.»

Tendas con historia

bretemas —  27 de Xuño de 2017 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao programa da Cámara Municipal do Porto de protección aos establecementos comerciais con máis de cincuenta anos de historia:

favoritabolhao_small11

A Cámara Municipal do Porto identificou as primeiras 37 tendas históricas da súa cidade, que estarán protexidas no programa “Porto de Tradição”. Establecementos todos cun mínimo de 50 anos de actividade, entre os que se inclúen algúns tan coñecidos polos galegos como a ourivesaría Coutinho (1859), a papelaría Modelo (1921), as librarías Lello (1869) e Académica (1912), a vidraría Fonseca (1908), a padaría Ribeiro (1878), a confeitaría Arcadia (1933), os cafés Majestic (1921) da rúa Santa Catarina e Guarany (1933) da avenida Aliados, a mercearía A Favorita do Bolhão (1934), a xastraría London Style (1918) ou a farmacia Lemos (1780). Xaora, alén desta lonxevidade, sexa pola especificade do seu produto ou servizo como pola súa ubicación, decoración ou estilo, todos posúen un significado para a historia e a memoria da cidade portuense. Son, en definitiva, tendas con historia, que forman parte do patrimonio histórico material e inmaterial e como tales merecen ser apoiadas e conservadas.

“Porto de Tradição”, programa semellante ao de “Lojas con História” da Cámara de Lisboa, naceu para contribuír a preservar e facer sostible as actividades económicas destes establecementos e afrontar a “Lei do Arrendamento Urbano”, que en Portugal supuxo un aumento desorbitado dos alugueiros e fixo perigar a viabilidade do comercio tradicional. Lonxe de calquera saudosismo dun tempo que nunca regresará ou do perigo da súa fosilización como “tendas museo”, este programa municipal portuense establece medidas de protección e apoio económico (incluídos beneficios fiscais para os propietarios dos inmobles das tendas distinguidas), tanto no que atinxe a autorización de intervencións no interior ou exterior como da divulgación e promoción da súa actividade económica. Preténdese, pois, que estas tendas de comercio tradicional, integradas como patrimonio da memoria colectiva e da identidade da cidade, sexan ademais trabes no proxecto da súa rexeneración urbana.

Magoadamente en Vigo un programa de conservación de tendas con historia como o portuense chegaría xa moi tarde debido a que nas últimas catro décadas se produciu unha desfeita do tecido comercial vigués do século XX. As tendas do centro son hoxe apenas nomes que quedaron na memoria de noso: as mercearías como A Favorita e Amalia; os cafés como Derby, Goya ou Flamingo; as cervexarías como Joaquín ou Eusco; as librarías como Cervantes ou Barrientos; as papelarías como a Española ou a Comercial; a tenda de música de Manrique Villanueva de Velázquez Moreno; as zapatarías como Miami, Segarra, Novus, Cruces, Bar, Chavalín ou Layton; xoiarías como Resende ou Arosa; as pastelarías como As Colonias e Arrondo; os comercios como as Tres BBB, El Louvre, o Sport, Esmar, Gladys, Vigobazar, Cividanes, Joperi, Ropal, Blancazul, Galerías Romero, A Norma, Kadete, Gervasio, Karina, Barros ou Pousa; as farmacias como a de Carrascal ou Sanchón; quioscos como o Perrete; os almacéns como El Pilar, El Príncipe, Simeón, Olmedo, Asefal e Alfredo Romero; as xoguetarías como Tobarís e Moya; os bazares como Reguera ou A Ideal… Unha relación interminable que a memoria de cadaquén pode engrosar coa dos cines, hoteis, restaurantes, pubs, clubs, discotecas e mesmo algúns centros educativos borrados da xeografía de noso. Tendas con historia reemprazadas polas das cadeas de vestiario e polas oficinas de bancos e caixas, caídas arestora en desgraza, como se ve na desoladora rúa Policarpo Sanz, con boa parte dos seus baixos a barbeito.

Decote gabámonos de vivir nunha cidade marabillosa e temos razóns abondas para facelo. Mais non podemos negar que o Vigo actual é unha cidade capaz de devorarse a si mesma, incapaz de singularizarse e conservar boa parte da súa arquitectura pétrea e tecido comercial que fixo daquel Vigo de hai cincuenta anos unha cidade probablemente máis cosmopolita e moderna do que é na actualidade. Por ventura, aínda quedan abertas algunhas tendas con historia, auténticas mohicanas que merecen ser catalogadas  e protexidas polo concello, como se está facendo en Porto, a cidade atlántica da que tanto temos que aprender. Unha nómina que comezaría coa xoiaría de Ramón Fernández de Príncipe, a esmaltaría dos Hernández de Gran Vía, a armería a Naval Viguesa de Carral, a farmacia de Díez de Castrelos, a pastelaría Ramos de Pi e Margall, a libraría Librouro de Eduardo Iglesias, as ferraxarías Iturmendi de Progreso e Julio Rico da praza de Almeida, a tenda de electrodomésticos Carbón Radio de Camelias, a viñoteca Arjeriz de Carral, o Herbolario Vanara de Sanjurjo Badía… Relación na que non poden faltar outros moitos establecementos do Vigo Vello, de Teis, Travesas, Bouzas e o Calvario abertos de 1960 en diante. Poñer en valor estas tendas con historia é un exercicio pendente.

Onte 1879: Festa dos Libros

bretemas —  25 de Xuño de 2017 — Deixa un comentario

dav

Foi onte, día de san Xoán, unha desas xornadas que puxo de manifesto a existencia dunha pulsión de entusiasmo resistente no noso sector do libro. Pedro Feijoo encabezou unha excursión dun cento de persoas á illa de Ons na procura do Buraco do Inferno, localización decisiva da súa novela, mentres na Feira do Libro de Ribeira e na Festa dos Libros de Pontevedra desenvolvíase un programa excelente de presentacións, sinaturas e outras actividades arredor do libro. Confeso que gustei moito da montaxe que trece librarías de Pontevedra e o concello fixeron na praza da Ferraría acuñando alí un novo modelo de ocupación cos libros do espazo público. Un deseño moi atractivo e unha programación diversa e orixinal abren, como en Compostela se fixera na SELIC, un modelo alternativo nuns casos, complementario noutros, ao ciclo anual de Feiras do Libro de Galicia. O esforzo das librarías pontevedresas por compartir e transformar cos seus fondos durante unha fin de semana unha praza nunha auténtica festa dos libros merece todos os parabéns e gratitudes. Sen dúbida que haberá que axustar detalles, o que é inevitable nunha primeira edición, mais o de Pontevedra é un modelo de levar os libros ao espazo público que ten moito futuro e podería ser emulado noutras cidades.

Cronopios_23-06-2017

XG00264201Acompañei a Pedro Feijoo estes seráns pasados nas primeiras presentaciónsOs fillos do lume, a súa cuarta novela, na que afonda na historia da Guerra napoleónica de Galicia e desmonta os mitos acuñados en Vigo sobre o episodio bautizado como “A Reconquista”. Actos nos que conversamos sobre unha novela na que Feijoo recupera os personaxes de Simón Varela e Mariña Dafonta, protagonistas d´Os fillos do mar, coa intención de abordar o conflito entre absolutistas e progresistas aberto dende finais do século XVIII, esencial para entender tanto a orixe da fundación da cidade de Vigo como o devir da historia contemporánea de Galicia. Agarimado pola comunidade de lectoras, que aumenta con cada unha das súas entregas, Pedro Feijoo sorprende en cada intervención polo rigor e claridade do seu discurso histórico, froito dun moi concienciudo traballo de documentación, e polo seu entusiasmo reclamando unha nova historia para Galicia, que substitúa os mitos acuñados pola historiografía romántica.

A relevancia das localizacións no Vigo Vello, a intriga como motor dunha trama alicerzada sobre un caso de corrupción política e económica,os límites imprecisos entre a realidade e a ficción, as homenaxes á comunidade de lectoras por medio dos maqueos nalgúns personaxes ou a forma de entender o amor da parella protagonista son outros temas nos que os participantes nas conversas amosaron interese. Presentacións nas que, tamén, se fala da importancia para a narrativa galega actual de ampliar o perímetro do seu público, un feito no caso do novelista vigués que, como comprobamos en Ourense, A Coruña e Compostela, conta con lectoras en todo o país.