Está vendo o arquivo da categoría » Marzo 2017

A_elgancia_do_seculo_30-03-2017

XG00262501Moita xente, moita, acompañou onte a Pura Tejelo na presentación en Portas Ártabras do seu primeiro libro de poemas, A elegancia do século, premio Johán Carballeira 2016 do concello de Bueu. Tras as cantigas dos Cantareiros do Naval, o poeta Xulio Valcárcel salientou a madurez deste debut poético, todo un canto humanista de esperanza, “onde as palabras de Pura firen o noso corazon”. Un poemario sobre a cidade e sobre os libros, “Se vas morrer na guerra leva un libro contigo”, dise con ironia nestas páxinas onde abrollan, tamén, flores de pena e contrapena, que posúen a intriga do descoñecido. Un serán onde a autora leu versos memorables, acompañada do acordeón desgarado de Sabela Caamaño: “Mentres a nai lea, haberá luz na casa”. Un libro cuxo título, explicou a autora, “fala de emigrantes que remiten fotos da nova cidade onde viven dando esperanza e valor ás persoas que aquí os agardaban”. Un libro que é un ramallo de vida.

Guardar

Academia_Galega_28-03-2017

A elección de Víctor Freixanes como presidente da Academia debería abrir un período de relanzamento da institución de Tabernas. A experiencia de xestión empresarial de Freixanes, a súa capacidade de comunicación e o seu compromiso inquebrantable coa patria da lingua son razóns abondas para confiar nun proxecto que deberá enfrontar retos complexos. O primeiro, asumir a situación dramática da lingua galega e contribuír ao desenvolvemento dunha alternativa ao vixente decreto de plurilingüismo que, asegurando a adquisición da dobre competencia de todo o alumnado ao remate do ensino obrigatorio, sexa capaz de forxar un amplo consenso social e político. O segundo, consolidar o carácter académico da institución, coa publicación da nova Gramática e co desenvolvmento de novos estudos sobre a produción literaria galega dos séculos XX e XXI. E o terceiro, quizais o máis determinante para o éxito do proxecto, recuperar o diálogo a nivel interno, mais tamén coa sociedade civil, con especial incidencia co asociacionismo e co mundo empresarial. O resultado da votación de onte expresa que o novo presidente conta co apoio dunha maioría ampla no plenario, anque tamén que continúa aberta unha fenda cun sector significativo, aquel que durante as presidencias de Barreiro e Ferrín termou dos proxectos da Academia (como o Portal das palabras, o dicionario en liña ou a comunicación dixital) máis exitosos e valorados pola sociedade. Como tamén será un reto para Freixanes continuar feminizando a institución e pluralizando a procedencia das súas incorporacións, até agora moi debedoras de dinámicas que veñen de moi lonxe. En definitiva, non vai ser doado para Víctor Freixanes transformar a Real Academia Galega nesa factoría de ideas e plataforma de encontro que tanto precisa o país. En todo caso, sei que Víctor e o seu equipo vai intentar darlle a volta ao carpín con toda a súa intelixencia e traballosa teimosía. Os meus parabéns e mellores desexos dun venturoso desempeño.

Vigo literario

bretemas —  28 de Marzo de 2017 — Deixa un comentario

No día da Reconquista dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a importancia de considerar o Vigo literario como un eixo estratéxico para o Vigo metropolitano:

XG00262201Coincide a festa da Reconquista deste ano coa chegada ás librarías de O Códice esmeralda (Xerais, 2017), a novela de Alberte Blanco arredor da batalla de Rande de 1702, que utilizando os recursos dun engaiolante relato de intriga, alicerzado sobre unha sólida documentación, afonda nun dos episodios históricos claves do Vigo metropolitano. O escritor de Santoardán deita outra ollada orixinal sobre o tema da procura do tesouro dos galeóns de Rande, que xa fora abordado polo cronista Avelino Rodríguez Elías en La escuadra de plata (1935), libro felizmente reeditado en facsímile polo Instituto de Estudios Vigueses (1994), e con gran éxito por Pedro Feijoo en Os fillos do mar (2012).

Blanco e Feijoo escolleron a ría de Vigo para localizar as súas novelas convertendo este espazo metropolitano en excepcional coprotagonista duns relatos nos que afondan na historia e na orixe da propia cidade. Un recurso que de forma pioneira empregara a escritora María Xosé Queizán en Amor de tango (1992) e que, máis recentemente, foi usado por Domingo Villar en Ollos de auga (2006), Jaureguizar en Amor de serea (2013), Francisco Castro en Tes ata as dez (2014), Fran P. Lorenzo en Cabalos e lobos (2015) ou Ledicia Costas en Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta (2016). Obras, todas elas escritas en lingua galega, capaces de formar un catálogo dunha auténtica cidade de novela, relatos que dende os territorios da ficción contribúen a forxar a memoria local e o orgullo de cidade, probablemente de forma máis eficaz que os textos (imprescindibles) dos investigadores locais, ao tempo que a proxectala no mundo, na medida que a maior parte delas foron traducidas a outras linguas. Novelas viguesas, pois, que fan cidade e cidadanía lectora.

A esta condición de ser cidade de novela, Vigo engade a súa orixe de estar fundada no século XII polos versos do poeta Martín Codax, como testemuña o “Pergamiño Vindel”, a nosa primeira icona, cuxo orixinal por ventura coñeceremos in situ no vindeiro outono. Como Vigo ten na historia de Galicia o privilexio de ser a cidade onde Rosalía de Castro publicou “Cantares Gallegos” (1863), o seu primeiro libro de poemas. O seu editor, Xoán Compañel, iniciou no obradoiro da rúa Real, a condición de Vigo como cidade editorial, que a partir da década de 1940 recuperarían editores vigueses como Eugenio Barrientos na editorial Cíes da rúa Elduyen, Francisco Fernández del Riego da Galaxia de Reconquista 1 e Xosé María Álvarez Blázquez das edicións Monterrei e Castrelos da rúa Pi i Margall. Tres editores pioneiros dunha actividade que dende 1980 convertiu a Vigo en capital editorial de Galicia e un dos referentes máis activos da edición en España.

Vigo é cidade literaria de seu por contar coa Biblioteca Penzol, a primeira en temas galegos do mundo, co Verbum, un museo (infrautilizado) dedicado á palabra, e coa potencia formativa e investigadora da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. E, sobre todo, é cidade literaria por que aquí viviron algunhas das grandes figuras literarias das últimas décadas, como don Álvaro Cunqueiro, o poeta Celso Emilio Ferreiro ou os para nós inesquecibles Agustín Fernández Paz, Xela Arias e Ramiro Fonte. Como o é por que en Vigo continúan traballando arreo María Xosé Queizán, Xohana Torres, Xesús Alonso Montero e Xosé Luís Méndez Ferrín, nomes que inician a longa lista de autoras e autores vigueses. Como é cidade literaria polo seu carácter de segunda cidade verniana do mundo, un privilexio que para si moito quixeran outras con tradición cosmopolita, ademais de berce da lírica galego-portuguesa, como xa adiantamos.

Xaora, chama moito a atención que, coa excepción do Festival Kerouac de performance e poesía, que se celebra dende hai seis anos no mes de outubro, Vigo careza doutros grandes eventos, como festivais, encontros ou feiras do libro, que mobilicen os recursos e a atención dos públicos lectores. Como é incomprensible que, despois da desaparición hai dúas décadas do Premio internacional de poesía Celso Emilio Ferreiro, o concello de Vigo non promova nin participe nalgún premio literario relevante, apoiando así a creación dos nosos autores e autoras ou recoñecendo a traxectoria dalgunha figura internacional, como correspondería a unha cidade literaria cosmopolita, que pretende ser recoñecida como tal.

A súa condición de cidade literaria, case milenaria, achega a Vigo unha potencialidade de cohesión interna e de proxección internacional, que non debería desaproveitar. Poñer en valor o Vigo literario debería constituír un dos eixes do desenvolvemento estratéxico metropolitano.

Afonso Vázquez Monxardín presentou onte no Liceo de Ourense Versos dun fistor republicano, marxista, ateo e un pouco epicúreo, onde Xesús Alonso Montero escolma a súa produción poética das últimas cinco décadas. Comezou abeizoando ao profesor polo seu labor interesante no seu período como presidente da RAG e lamentou a escasa presenza de autores ourensáns na RAG, tanto como membros de número como correspondentes. Sinalou a seguir que «Xesús Alonso Montero é o intelectual que conta co máis amplo catálogo de obras e premios dos que hoxe están activos en Galicia». Lembrou que hai sesenta anos tivo a súa primeira prohibición cando lle foi negada a súa participación com orador nos Xogos Minervais. «A traxectoria activísima de don Xesús é un luxo para o país e para todos os que somos os seus amigos».

XG00268801Monxardín ocupouse de comentar a palabra fistor, clave no título da antoloxía. Segundo o dicionario de Carré Alvarellos de 1951, fistor é un vate popular, é unha palabra galega e do norte de Portugal que fai referencia a unha persoa moi falangueira. En definitiva, fistor identifícase co popular». Ocupouse despois de explicar a estrutura do libro, composto por 43 poemas organizados en dez capítulos temáticos. «Comeza cun poema moi duro, datado o 2 de abril de 1963, escrito despois de escoitar pola radio a noticia do fusilamento de Julián Grimau. Inclúe algunhas paráfrase de poemas coñecidos de Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou Rosalía de Castro, dos que utiliza a súa forma. Homeaxea a Lorca, Machado, Chichi Campo ou a MIni e Mero. Mesmo hai pregóns de festas e algunhas xoais como é o poema das 110 palabras máis fermosas da lingua galega ou o poema de amor a María, inédito até agora, de carácter neotrobadoresco no que dialoga coa cantiga de Mendinho».

Concluíu Afonso resumindo as tres liñas temáticas do fistor Alonso Montero: a primeira a de poemas militantes, con compoñente revolucionario e antimonárquico;  a segunda, a de poemas de sabor medieval, na que homenaxea a lírica galago-portuguesa; e a terceira, a epicúrea, na que celebra os praceres da vida. «Versos dun fistor republicano… é un libro importante na traxectoria de Xesús Alonso Montero, a pesar de que a poética non é a súa faceta intelectual máis importante. Un libro que moito recomendo».

Locas_de_alegr_a-140534491-largeMágoa de tan enganoso título que a distribuidora española escolleu para La pazza gioia (A tola ledicia), a película de Paolo Virzi sobre as estreitas marxes nas que se moven as persoas que padecen doenza mental grave. As interpretacións memorables das protagonistas, Beatrice (Valeria Bruni Tedeschi), unha ricachona con trastorno bipolar, e Donatella (Micaela Ramazzotti), unha moza excluída con depresión, sosteñen unha trama bastante previsible, sobre todo cando pretende homenaxear a fuxida en automóbil de Thelma e Louise. Dúas mulleres vulnerables asómanse a un abismo no que hai tempo foran devoradas. La pazza gioia é o relato esgazador, non exento de tenrura, deste fracaso, da imposibilidade de dar continuidade a momentos de ledicia ou apenas a conservar a memoria do sorriso do fillo dunha delas. A amizade como táboa de salvación e a intervención humanista dos profesionais da institución psiquiátrica (relativamente aberta) mitigan a tristeza desoladora dun relato valioso.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar