Está vendo o arquivo da categoría » Agosto 2016

Parladoiro

bretemas —  30 de Agosto de 2016 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a comentar a publicación de Parladoiro, o libro que escolma a obra xornalística de Ramón Otero Pedrayo.

parladoiroDentro da obra oceánica de Ramón Otero Pedrayo, o patriarca por excelencia das letras galegas do século XX e creador da prosa culta no noso idioma, non se ten salientado como merece a súa monumental achega ao xornalismo como primeiro columnista que publicou decote en galego. Un corpus de máis dun milleiro de artigos literarios, que Otero comezou a publicar en “La Centuria” (1917) e a partir de 1921 de forma regular na revista “Nós”, onde publicou o seu primeiro texto en galego, “Irlanda política no século XIX”.

Unha actividade de publicismo galeguista incesante que desenvolveu até o seu pasamento en 1976 en moi diversas publicacións como “La Zarpa”, “A Nosa Terra”, “Céltiga”, “Vida Gallega”, “Logos”, “Grial”, “Vieiros”, “Finisterre”, “Sonata Gallega”, “Posío”, “Mundo Gallego”, “Galicia emigrante”, “Tapal”, “Gelmírez”, as emisións galegas de BBC e nos xornais “Galicia”, “Faro de Vigo”, “Pueblo Gallego”, “La Voz de Galicia” e, sobre todo, nos composteláns “El Correo Gallego” e “La Noche”, onde dende 1947 a 1949 desenvolveu a serie titulada baixo o rubro de “Parladoiro”.

Obra xornalística escolmada e organizada por vez primeira en 1973 polo catedrático de Filosofía Carlos Baliñas nun volume titulado, tamén, “Parladoiro”, revisado polo autor e concibido entón pola editorial Galaxia como a primeira entrega das súas “Obras selectas”. Libro inatopable durante moitos anos que, catro décadas despois, acaba de ser reeditado pola fundación e editorial oterianas dentro da biblioteca dedicada ao autor de Trasalba. A edición deste “Parladoiro” contribúe ao proxecto de posta en valor do xornalismo oteriano, angueira iniciada coa edición de “Teoría de Galicia. Obra xornalística completa en ‘Vida Gallega’ 1926-1963” (Alvarellos, 2007), modélico volume de catrocentas páxinas preparado polo inesquecible Marcos Valcárcel, quen no limiar analiza tamén a decisiva contribución de Otero Pedrayo ao noso xornalismo literario.

Unha obra xornalística variadísima, tanto pola temática como pola diversidade dos medios nos que foi publicada, inzada de metáforas e referencias culturais de inequívoco carácter clásico e europeísta, na que hoxe identificamos as pegadas dunha auténtica “pantasma do século XIX” (como ao propio don Ramón lle gustaba definirse). Un vínculo co pasado, onde aparece (en palabras de Freixanes) “a memoria de todas cousas”, anticipando fórmulas utilizadas máis tarde polo máis moderno e incisivo xornalismo de opinión con poética propia e inequívoca vontade de estilo. Artigos nacidos de lembranzas autobiográficas, de variacións do ciclo anual, de novidades bibliográficas ou apenas de comentarios impresionistas, inevitablemente circunstanciais e, nalgúns casos, efémeros, referidos ao que Baliñas define como “actualidade interior”.

Artigos oterianos que van construíndo devagariño unha interpretación global de Galicia, “concibida como unha unidade indestrutible a través do espazo e do tempo” (unha nación), conformando así o que Ricardo Carballo Calero identificou como “unha auténtica teoría sobre Galicia”. Artigos nos que Pedrayo se demora na descrición continuada da xeografía de Galicia e da personalidade da súa paisaxe (“unha guía literaria de Galicia por anacos”), ou relatos nos que recrea personaxes, situacións ou evocacións de ambientes, moi próximos ao estilo envolvente da súa narrativa.

A oportuna reedición deste “Parladoiro” permite volver sobre os textos de Otero cunha ollada desprexuiciada, desfacendo os tópicos de escritor díficil. Artigos de intervención, propios dun intelectual que, como sinalou Carmen Fernández Pérez-Sanjulián, “entrega toda a súa forza de pensador e todo o seu talento creativo ao servizo da emerxencia simbólica e identitaria da súa propia nación”. Artigos que constitúen unha fotografía en palabras, apenas retratos dun instante, máis que non perderon unha miga de actualidade, como “A Galiza do pan e a Galiza do viño” (“Nós”, 1922), “O Fontán en Buenos Aires” (“La Noche”, 1947) ou “Da decadencia da conversación” (“La Noche”, 1949), onde en tempos difíciles de silencio Otero reclama o valor xeneroso e libre dos cafés e das súas tertulias.

Un espírito oteriano presente en Vigo, dende hai máis dunha década, na tertulia bautizada tamén como o “Parladoiro”, que formamos vinte persoas, homes e mulleres de moi diversas profesións, procedencias xeográficas, sensibilidades políticas e posicións ideolóxicas, unidas todas pola vontade de expresar a palabra e de compartir a escoita atenta e respectuosa, como a nosa achega á construción dunha cidade e dun país que queremos de todos. O parladoiro é o lugar onde se dá leria, onde se comparte coñecemento, emoción e opinión. Longa vida para o Parladoiro e o espírito de Otero!

dav

A instalación da segunda fase da Kermese de Antón Pulido converte a praza de Peniche nun dos espazos máis coloristas de Vigo. Desta volta, a utilización dun fondo branco e a presenza de verdes e amarelos crea un segundo tapiz que dialoga cos vermellos do mural primixenio. Toda a forza da cor de Pulido, cada vez máis materica e compacta, convida ao entusiasmo e a conversa vagorosa nunha praza que até a súa remodelación era apenas unha estrondosa encrucillada. O magnñifico traballo de Pulido, como o de Liqen na rúa Hispanidade, demostra o valor deste tipo de intervencións artísticas na humanización dos entorno urbanos.

Fusilamentos_27_agosto_Evaristo_Pereira

Moito agradezo ao meu amigo o ilustrador Evaristo Pereira o seu esforzo para que o oitenta aniversario dos fusilamentos de Pereiró non pasase desapercibido en Vigo. A súa estremecedora ilustración elexiaca, os textos que publicou Faro de Vigo e o magnífico e deatalladísimo artigo de Xoán Carlos Abad, presidente do Instituto de Estudios Vigueses, reconstruíron o relato dunha ignominia que aínda non foi reparada. Alédome, tamén, que como ven sucedendo nos últimos anos, as autoridades do concello de Vigo participasen nos actos de homenaxe aos mártires de Pereiró, abrindo así unha fenda no muro de silencio sobre o sucedido na mencer do 27 de agosto de 1936. Só o coñecemento da verdade poderá pechar un dos capítulos máis negros da represión fascista en Vigo.

Bono_Cultura

Coñeceuse onte a posta en marcha por parte do goberno italiano do bono cultura. Utilizando unha aplicación móbil (18app), as persoas residentes en Italia que fagan 18 anos en 2016 (máis de medio millón) terán dereito a gastar 500 euros (achegados polo Ministerio de Bens Culturais) en produtos e servizos culturais (libros, discos, entradas de cine, teatro ou museos). Cun importe de 290 millóns de euros, o Goberno Renzi pretende o vindeiro ano ampliar o programa ao profesorado “para complementar a súa formación”. É de xustiza lembrar que esta medida incentivadora do consumo cultural é semellante a estoutra pioneira do Goberno Vasco (2012) e ao Bono da cultura galega, que puxo en marcha a Xunta en 2015 (iniciativa ben encamiñada e pesimamente xestionada). Xaora, agardemos que este bono italiano, que “inviste en cultura como garantía de futuro e integración social”, contribúa a conformar novos modelos públicos que garanten o acceso de toda a cidadanía aos bens culturais, o mellor apoio que poden recibir as industrias culturais.

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á situación do proxecto de recuperación da Panificadora como espazo público para usos culturais e sociais:

panificadora

O anuncio do inicio dos traballos do proxecto da Panificadora na Xerencia de Urbanismo abre unha xaneliña de luz para cumprir o soño de tantas persoas que reclamamos teimosamente a recuperación integral para usos públicos deste edificio emblemático construído polo arquitecto Manuel Gómez Román. Abandonado dende hai catro décadas, derrubados algúns dos seus elementos máis característicos como a cheminea e a cuberta acuática, expoliadas as valiosas madeiras do seu edificio principal, arruinadas as súas instalacións e a súa maquinaria industrial, a icona arquitectónica dunha cidade industrial en estrépito, a catedral laica viguesa, a esvelta ponte dun barco sen bandeira atracado no Campo de Granada, agarda a súa oportunidade, quizais a derradeira, para ser salvada da piqueta e transformada nun espazo público para a cultura, o lecer e o encontro cidadán.

Porén, non podemos agochar o noso temor a que este anuncio tan esperanzoso puidese quedar en augas de bacallao como aqueloutro que fixo tamén o alcalde Abel Caballero a comezos do outono de 2010 cando anunciou a construción na Panificadora da Biblioteca Pública do Estado, dotación que cun custe estimado de oito millóns de euros sería financiada integramente por parte do Ministerio de Cultura, a cargo dos orzamentos xerais do estado de 2011 a 2014. Con aquel compromiso abríase un futuro esperanzador para a Panificadora despois de que a Xerencia de Urbanismo aprobase a suspensión de licenzas nestes terreos, pechando así a posibilidade de desenvolver o proxecto comercial e residencial (que contemplaba a construción de máis de 200 vivendas en todo o seu perímetro, cunha altura que igualaba a actual da rúa Falperra, e protexía apenas os emblemáticos dez silos de formigón), conveniado en 2003 entre os propietarios e o concello de Vigo e autorizado polo Plan Especial do Casco Vello (Pepri) de 2007. Seis anos sen avances no proxecto nos que pola contra se incrementou a deterioración da Panificadora e a degradación de todo seu entorno, dende a Falperra ao barrio do Cura, sometido a idéntica situación de abandono e marxinalización, tras o traslado do asilo.

Para non volver poñer o carro diante dos bois, a prioridade hoxe é pechar decontado a recuperación para o patrimonio público dunha propiedade de elevado valor simbólico para a cidade, para logo abrir con luz e taquígrafos un debate sobre os usos futuros das instalacións e sobre os criterios que guíen a redacción do proxecto arquitectónico de rehabilitación para a súa completa recuperación e posta en valor. Para facer fronte a esta operación, sexa por acordo de compra cos actuais propietarios ou pola vía da expropiación (o máis probable), o esforzo compartido entre o concello e a Zona Franca, como propón Abel Caballero, semella unha solución que previsiblemente sería asumible para o patrimonio municipal, aínda que como contrapartida conlevaría a reserva de espazos para o desenvolvemento de actividades vinculadas ao consorcio dependente do Ministerio de Facenda que, non esquezamos, tamén é o primeiro axente de desenvolvemento económico da área metropolitana.

Só cando a Panificadora forme parte do patrimonio público, poderá a Xerencia de Urbanismo asumir a responsabilidade de escoller un proxecto arquitectónico que debería contemplar a conservación e recuperación integral de todas as edificacións actuais, tanto das orixinais da década de 1920 como dos engadidos posteriores das rúas Falperra e Cachamuíña realizados tres décadas despois. Un proxecto que, ademais, debería ser capaz de integrar as propostas recibidas, tras un amplo debate entre os grupos políticos e os colectivos cidadáns, no que se contemple tanto os usos culturais e sociais (Biblioteca Pública do Estado, Centro Social, Auditorio, Factoría de emprendemento cultural…) das diferentes pezas arquitectónicas como a súa integración na remodelación da propia Praza do Rei e da Casa do Concello como na parte do Casco Vello comprendida entre as rúas de Santiago, Cachamuíña, Falperra e Paseo de Alfonso.

Se consideramos o éxito que tiveron intervencións semellantes sobre espazos do patrimonio industrial, como as da antiga Alhóndiga de Bilbao (onde se integraron unha gran biblioteca pública cun ximnasio e varias piscinas) ou El Matadero de Madrid, a nova Panificadora está chamada a transformar radicalmente o espazo do antigo Campo de Granada, o auténtico corazón do Vigo histórico, durante as catro próximas décadas. Estamos falando, pois, dunha intervención histórica e estratéxica, merecedora dos máis amplos niveis de consenso tanto dentro da actual corporación como entre as administracións participantes. En abordar este proxecto con esa altura de miras, radica a nosa esperanza para o futuro da Panificadora.