Poema de hoxe 117: “Palabras para un baleiro” de Baldo Ramos

mentres hai silencio
hai esperanza

Baldo Ramos, Palabras para un baleiro (Espiral Maior, 2009)

Onte 1653: «Tártarus» de Antonio Manuel Fraga

Tartarus_FNAC_23-04-2016

Moito pagou a pena a presentación de Tártarus, a novela de Antonio Manuel Fraga, que fixemos na FNAC con motivo do día do libro. A crítica María Xesús Fernández conversou co autor sobre unha novela de fantasía da que salientou «o seu carácter de relato enmarcado no que unha muller relata a historia protagonizada por outra que accede a un mundo mítico».

XG00248001O autor confesou que a súa idea era que esta novela xuvenil puidese ser lida tamén polo público adulto. «Quixen que estivese presente a música, a narración oral e unha relación entre unha persoa nova e outra adulta, como xa fixera no Castañeiro de abril. Sei que é unha novela de fantasía e asumo que escribo máis literatura de fantasía da que eu mesmo consumo.» Ao fío das pegadas de Ende e Tolkien na creación deste entorno de ficción verosímil, o autor confesou que fora divertida a creación deste mundo: «Aproveitei unha serie de realidades parciais. Os nabrallos naceron en Cuba, como un reflexo de certas realidades que vimos nalgunhas cidades, a vitalidade dos seus habitantes, o tráfico caótico e, sobre todo, o seu optimismo para superar as dificultades. O mundo de Nigrofe tamén saíu de Cuba. Como foi engaiolante crear a linguaxe güenda, inspirada nas linguas do norte de Europa. Pola contra a lingua mallumá provén sobre todo do esperanto.» «A vontade foi crear unha sociedade simplemente distópica, que pode lembrar á sudafricana do apartheid, aos ghettos xudeus ou á Palestina actual».

Antonio expresou a súa preocupación de que fose comprendido o crebacabezas da novela, xa que está estruturada sobre dúas voces principais, a de Guiomar e a da súa profesora de klavia, ás que se incorporan outras, ao xeito de monecas rusas. «A novela pode lerse de xeito liñal, pero tamén pode xogarse a identificar as relacións existentes entre as dúas historias paralelas.» No que atinxe á incorporación de textos informativos ao comezo de cada capítulo, o autor xustificounos na media que «forman parte do xogo de construción deste mundo ao que pretendín darlle máis autenticidade».

María Xesús Fernández elacionou Tártarus con outras obras da literatura de fantasía nas que existe un paso a outro mundo como Alicia no país das marabillas, as Crónicas de Narnia ou a Historia interminable. Fraga confesou que, efectivamente, fora a súa intención que existise un paso entre as dúas historias, como tamén que existise, como sucede na novela de Ende, unha relación entre unha persoa nova e outra vella«. Seguiu a conversa salientando a importancia das personaxes femininas e da feminización dos propios espazos, xa que para autor «esta é unha novela de mulleres con valores que as afastan dos típicos».

Rematou a conversa sinalando a importancia da evolución dos propios personaxes, o que caracteriza ás novelas de iniciación, así como salientando o autor a importancia da presenza da música na obra, tanto polo feito de que as protagonistas sexan unha mestra e unha alumna de klavia, como pola importancia que ten o Hicupé, para os güendos, música inspiraada na negra de jazz«. Antonio Manuel Fraga rematou anunciando que deixara aberta a historia para darlle continuidade nun segundo volume no que xa está traballando.

Poema de hoxe 116: «25 de avril» de Sophia de Mello Breyner

Esta é a madrugada que eu esperava
O dia inicial inteiro e limpo
Onde emergimos da noite e do silêncio
E livres habitamos a substância do tempo

Sophia de Mello Breyner Andresen, O Nome das Coisas

Onte 1652: Ledicia e melancolía no día do libro

CguwsDdWYAABzxH

A pesar de que o Día do Libro en Galicia non entrou aínda a formar parte da axenda pública, o de onte foi bastante cumprido para nós. Ao mediodía, de camiño á nosa libraría, atopamos aos membros do equipo do goberno vigués e do seu partido lendo textos literarios nas escaleiras do Marco. Caballero elixiu un fragmento de Macbeth, que leu primeiro traducido en castelán e logo na versión orixinal. O concelleiro de Cultura leu un anaco do Quixote, como tamén o fixo o primeiro teniente alcalde. A concelleira de normalización lingüistica escolleu a Celso Emilio Ferreiro e a de Servizo Sociais a Rosalía de Castro. A concelleira de Educación e o deputado Abel Losada escolleron poemas de Manuel María, a quen se homenaxeaba na Casa Galega da Cultura cunha lectura popular da súa obra. Xa en Librouro fixemos unha boa cola para pagar nun sábado moito máis animado do que é costume. Alí souben dos Premios da Crítica para o O último día de Terranova de Manuel Rivas en narrativa e para O deserto de María do Cebreiro en poesía, sen dúbida dous grandes libros literarios.

CguzPWKW4AAZaMqDespois de xantar collemos o tren para a Coruña onde presentamos na FNAC Tártarus, a novela de Antonio Manuel Fraga que publicamos en Fóra de Xogo. Alí coñecimos que o Losada Diéguez de creación fora para Un animal chamado Néboa, o libro de relatos sobre a guerra de Ledicia Costas, que horas antes coñecera que o 10 de xuño recibirá o premio concedido pola Consellaría de Educación como a autora máis lida nos Clubs de Lectura das Bibliotecas Escolares. Un día do libro emocionante e inesquecible para Ledicia Costas, que viviu en Buenos Aires, xunto a outros autores e autoras que representan a nosa literatura na FILBA.

Ao longo do día chegaron mensaxes do San Jordi, onde asinaron exemplares Diego Ameixeiras e Pedro Feijoo. Souben que Pedro asinou unha das súas morenas ao arcebispo de Barcelona, o que sen dúbida,constituirá un fito na súa carreira literaria. Xaora, nesta extraordinaria festa dos libros barcelonesa a participación do libro galego foi inferior a outras edicións, o que debería obrigarnos a reflexionar ao conxunto do sector do libro en Galicia, incapaz de compartir unha estratexia potente de visibilización no seu mercado interior nin da súa proxección no exterior. Ledicia e melancolía para outro día do libro.

A marabillosa ilustración é dun mural de David Pintor no Porto.

Poema de hoxe 115: «Neve» de Lucía Novás

«A viaxe
irromperá na noite

Lucía Novás, Neve (Espiral Maior, 2010)

Onte 1651: «Tempos de bebidas isotónicas e fast-food» no Café Badía

Cafe_Badia_22-04-2016

Visitamos onte o Café Badía, para min o máis xeitoso dos novos cafés literarios do país, para presentar Tempos de bebidas isotónicas e fast-food, o libro de relatos de Álex Alonso, gañador do premio Ánxel Fole 2015.  Foi unha gozada acompañar a Álex na conversa que mantivo con Marcos Calveiro, o noso xeneroso anfitirión.

Comezou Marcos lembrando que coñecera ao autor cando Álex traballaba de camareiro no Café Dublín de Vigo. Unha experiencia que para Calveiro facilita a capacidade para escoitar, onde quizais estea a razón de que a maioría dos contos do libro estean escritos en primeira persoa, cun rexistro lingüístico diferente e un galego moi vivo. Confesou Álex Alonso que para el «o barman é coma un periscopio, capaz de controlar cousas que as persoas que están doutro lado da barra non son conscientes. barman identifica a soidade da xente ou recibe confesións que os clientes non farian a ninguén». «En cada un dos relatos quixen poñerme no lugar do personaxe, do outro. Este é un exercicio moi positivo para todos, que permite comprender a quen é ou pensa diferente ca ti. Se nos puxéramos máis no lugar do outro, a sociedade será máis tolerante.»

XG00246601 (1)Despois Marcos propuxo unha reflexión sobre o carácter urbano dun libro, que definiu como «político e indignado», onde semella desapareceu o mundo rural. Álex  desvelou que «os relatos están tirados de noticias de xornais que me chamaron a atención, coa intención de expresar a rabia sobre a situación de precariedade que vivimos, dende as preferentes á precariedade laboral, que se dan na cidade». Marcos salientou o carácter cinematográfico de moitos dos títulos dos relatos dun «libro no que se alterna o foco entre o humor e unha denuncia moi dura». Alonso confesou que os títulos lles saían moi rápido, «quizais por que vou sempre ao cinematógráfico». Con respecto á outra cuestión, o autor confesou que o seu primeiro libro, Xénero imperfecto,  no que abordaba o tema da violencia de xénero, «a algunha xente resultoulle moi duro». «Neste segundo quixen escribir relatos moi duros, pero tratei ir compensando. No libro aparecen os relatos ordenados tal como os fun escribindo, mesturando o humor, a parodia e a ironía duns coa dureza doutros.»

Calveiro abordou despois o papel sobranceiro das novas tecnoloxías no libro, onde hai críticas moi duras ás redes sociais. Entre sorrisos Álex confesou que «hai anos cría que Facebook era algo narcisista, mais agora o utilizo con frecuencia, a pesar de que son cosciente que estamos completamente idiotizados polo uso destas tecnoloxías das que penso hai que facer un uso máis racional». Marcos seguíu o fío dese nobelo e reiterou a preocupación de Álex pola diversidade de voces e pola autenticidade do galego, mais tamén «pola preocupación pola perda da linguaxe, pola escritura con xeroglíficos, pola vacuidade de moitas conversas». Alonso contestou que «hai unha involución no xeito de expresarse, provocada polo uso das linguaxes icónicas». «Sobre a cuestión do galego pretendín que os personaxes non se afastasen do seu rexistro, sobre todo para que non perdesen autenticidade nin credibilidade».

Rematou a conversas comentando o uso de palabras claves nalgúns relatos como «chinito», «balón medicinal», »la chica» e «terrorista». Ao respecto da última, Álex comentou que coñecera cando traballaba en Lugo a Antón Santos, a quen dedicou un relato no que «quixen salientar a desproporción coa que se abordan algúns destes casos». Pechou Marcos Calveiro agradecendo a Álex Alonso «un libro que é signo dos tempos, polo tanto unha homenaxe a Prince. Un libro claramente político».

Poema de hoxe 114: «A cidade sen roupa ao sol» de Marga do Val

Camiñan as horas pola ponte
os seus dedos non tocan
a auga que a atravesa.

Marga do Val, A cidade sen roupa ao sol (Espiral Maior, 2010)

 

A fuga de Marín

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao conflito do porto de Guixar.

guixarO anuncio da marcha de Maersk, a empresa armadora dinamarquesa con actividade en todo o mundo, que move máis dun terzo dos contedores do porto de Vigo, da terminal de Guixar a de Marín-Pontevedra pon en evidencia as importantes dificultades de competitividade da terminal marítima viguesa. Unha medida traumática que suporá para o porto vigués a perda anual de 400.000 toneladas, mercadorías valoradas en 1.680 millóns de euros, mentres que para o porto da ría de Pontevedra un máis que apreciable incremento do 20 % da súa actividade. Unha decisión tomada despois dunha poxa entre empresas terminaristas privadas, no marco de competitividade entre portos de interese xeral, sobre a que, porén, non é descartable que teñan influído dunha ou doutra maneira decisións e designacións políticas e mesmo a interpretación da execución de sentenzas xudiciais. Unha importante e sorprendente fuga de tráficos portuarios que quebra a liña de crecemento ininterrumpido da terminal viguesa, tanto de vehículos a bordo dos buques Ro-Ro como de contedores, que até agora supoñían o 70 % da súa actividade comercial.

A pesar de que a medida adoptada por Maerks é dificilmente reversible, xa que a empresa anuncia o comezo da súa actividade en Marín para o 16 de maio, non é doado entender para os profanos como é posible que se produza un traslado de tan importante dimensión, que afecta as liñas semanais de Maersk de Algeciras e Namibia, ao porto de Marín, sobre o que o Tribunal Supremo ditou unha sentenza firme pola que se anula a ampliación e o recheo onde foron ampliadas unha parte das súas instalacións. Abonda con consultar internet e comprobar como o Supremo ordenou en 2009 destruír un recheo de 300.000 metros cuadrados e obrigou a retrotraer a situación do entorno á Autoridade Portuaria de Marín, presidida por José Benito Suárez Costa, o home da ministra de Fomento en funcións, da que depende a entidade Puertos del Estado. Unha sentenza que nunca se ten cumprido, e que semella ben difícil que algún día se execute, mais que estando recorrida á última instancia pola propia Abogacía do Estado aconsella, canto menos por prudencia xurídica e política, até que non haxa outra resolución xudicial en sentido distinto, ser considerada como un factor condicionante do desenvolvemento do porto da ría de Pontevedra.

A pesar de que Jorge Llorca, presidente de Puertos del Estado asegure que o traslado de Maerks a Marín nada ten que ver co conflito deste recheo portuario, os cidadáns traducimos este galimatías xurídico-técnico nun paradoxo sen aparente resolución lóxica: “mentres as sentenzas do Supremo e do TSXG ordenaron a demolición do recheo do porto de Marín, nese mesmo porto a actividade portuaria increméntase de forma moi significativa”. Un oxímoron que nos leva a unha reflexión pesimista sobre o alcance destas complexas sentenzas sobre cuestións urbanísticas e medioambientais.

O traslado de tráficos portuarios a Marín terá, previsiblemente, consecuencias negativas e incomodidades, xa que ralentizará algúns procedementos das xestións de tránsito e seguridade aduaneira, ademais de incrementar o tráfico terrestre na rede viaria metropolitana, xa que afectará a mercadorías de sectores económicos da área, o que constitúe un prexuízo para a cidadanía do concello de Vigo e do Morrazo por onde circularán máis camións. Xaora, a que bautizamos para a historia como “a fuga de Marín” pon sobre a mesa a necesidade de deseñar un desenvolvemento estratéxico para o porto Vigo, coa intención de gañar competitividade, especializar os seus tráficos e reordenar e optimizar os seus espazos en relación co tecido urbano metropolitano e co dereito da cidadanía viguesa de acceder ao perfil portuario. Neste contexto non semella crible que os custes elevados da colla viguesa poidan ser a única razón desta perda de conexións marítimas de Guixar, mesmo a pesar de que o actual procedemento de estiba puidese ser obxecto de profundas modificacións para facer, insisto, a actividade portuaria viguesa máis competitiva e atractiva para as empresas terminaristas e armadoras.

Como sucede con outras infraestruturas básicas de mobilidade, o aeroporto de Peinador, as estacións do ferrocaril ou a futura intermodal de Urzaiz, o futuro do porto de Vigo é unha cuestión estratéxica que afecta tanto aos seus usuarios como ao conxunto da cidadanía metropolitana. Razón pola que o porto, a pesar da longa reixa de Areal a Barreras, non pode ser considerado un estado alleo á cidade nin tampouco un espazo opaco de privilexios. Esta fuga de contedores a Marín é un síntoma de que algo non funciona como debera no porto de Vigo, obriga a reconsiderar colectivamente tanto o seu futuro como o seu papel como un dos principais motores da nosa abella da ribeira.

Onte 1650: Liquidación de Existencias

Liquidacion_de-Existencias_DifusoraXG00246701Expresei onte as nosas desculpas a Marcos Lorenzo e a Difusora de Artes, Letras e Ideas pola coincidencia de títulos entre a obra que eles publicaron en 2005 como Liquidación de Existencias e a novela de Ramón Caride que publicamos en Xerais en xaneiro. Sei que é de xustiza expresar as nosas desculpas polos prexuízos que esta coincidencia puidese ter ocasionado ao noso admirado Marcos Lorenzo e aos nosos colegas de Difusora. Desculpas de corazón, compañeiros.

Poema de hoxe 113: «Sebes contra o vento» de Alfonso Álvarez Cáccamo

Unha onda sutil arrasará
un verso náufrago.

Alfonso Álvarez Cáccamo, Sebes contra o vento (Espiral Maior, 2009)