Poema de hoxe 82: «O tempo» de Xosé Luís García Mato

xose_luis_garcia_matoO tempo é fondo e longo.

O tempo…

non ten remate nin comezo

Xosé Luís García Mato,

Onte 1619: Día da poesía 2016

XG00246801Celebramos onte o día da poesía e o día da árbore, efemérides que coinciden coa chegada da primavera. Unha xornada que a rede en galego dedicou, sobre todo, a homenaxear a figura de Manuel María, «o poeta que quixo coñecer aos galegos un a un», en afortunada definición do escritor Manuel Veiga. Un ano dedicado a Manuel María, poeta moi prolífico, autor de medio cento de poemarios, que debería contribuír a pór en valor e visibilizar a poesía galega toda. Xaora, en Xerais quixemos que este día da poesía coincidise coa publicación da edición monumental de Follas novas, preparada por Anxo Angueira, coa publicación do retrato e da antoloxía da poesía infantil do poeta chairego e das dúas primeiras novidades da colección Xerais Poesía, Os fillos da fame de Ismael Ramos e Masculino singular de Carlos Negro. Quen pode dubidar que a poesía é destilación da palabra e da frase, ese grande milagre do mundo que continúa a abraiarnos cada día.

Poema de hoxe 81: «A poesía é o grande milagre do mundo» de Luís Pimentel

a_poesía_é_o_gran_milagre_do_mundo copiaQuedarás deslumbrado pola súa luz,

baixo da sombra verde do bosque.

A poesía é o grande milagre do mundo!

Luís PimentelSombra do aire na herba (1959)

Onte 1618: «Borgen»

Borgen_Serie_de_TV-356020276-largeSomos dos moitos que caímos nos enredos de Borgen, a serie dinamarquesa de culto que relata os problemas políticos e familiares dunha primeira ministra. Borgen é moi diferente a House of cards, onde aparece esa reviravolta maligna do poder, quizais porque a serie da televisión pública dinamarquesa pretende só desvelar de forma realista as interioridades do seu exercicio, dende as traizóns e amaños da clase política e dos medios de comunicación a ela asociados, até as fraquezas e emocións dos seus protagonistas. Xaora, nos primeiros capítulos, que relatan o proceso de formación dun goberno de coalición, presidido pola líder do partido centrista, que non pertence a ningunha das dúas forzas maioritarias, é doado facer analoxía co que está sucedendo en España. Borgen amosa que a política dinamarquesa non é moi distinta á nosa, xa que ambas comparten a materia prima, que non é outra que o exercicio do poder. De aí a vixencia de Maquiavelo. Recomendo Borgen.

Onte 1617: A despedida de Tricicle

BitsFomos onte ao García Barbón a gozar de Bits, o espectáculo co que Tricicle se despide dos escenarios tras máis de tres décadas de éxito. Lonxe dos seus mellores traballos, ofrece outra mostra do seu teatro xestual, enfiando situacións diversas co pretexto dunha viaxe por internet. Nun espectáculo de ritmo irregular, sobre todo na primeira media hora, Tricicle escolma algúns dos seus mellores gags, homenaxeando á cultura clown e deitando un aroma de inevitable melancolía e tamén un chisco de autocompracencia. Xaora, brilla en escenas memorables como a homenaxe a Les Luthiers, a da pesca na praia, a do casting (onde presentan o seu mellor repertorio de mimo) ou a da prancha de bacon coa que rematan os oitenta minutos da súa despedida. No entanto, é difícil agochar a decepción de que os cataláns apostasen por este humor tan branco, sen apenas referencias ao actual contexto social, mesmo a pesar de utilizar como pretexto temático o mundo dixital. Non se pode ter todo.

Poema de hoxe 80: «Permiso denegado» de Laureano Araujo Cardalda

Laureano_Araujo_CardaldaQuen che deu,

meu amor, permiso

para tomar posesión desta derrota?

Laureano Araujo Cardalda, Os días condenados (Xerais 2014)

Poema de hoxe 79: «Dos días escuros» de Mª Carmen Caramés Gorgal

Mª_Carmen_Carames_GorgalO primeiro golpe é o que máis doe,

o que sinala e debilita,

o que marca o epicentro

e orixina as fendas.

Mª Carmen Caramés Gorgal, Dos días escuros (Xerais, 2015)

Onte 1616: Polo activismo da lectura en galego

IMG_0113Acompañamos onte a Manuel Iglesias Turnes na presentación de Que non te aten na Casa da Cultura de Mazaricos. Como sucedera a pasada semana en Arzúa foron case un cento as persoas participantes nun acto literario excelente que pechou o mónólogo que o veterinario e fotógrafo José Luís Míguez Vázquez preparou sobre o Libro No país das vacas de Xurxo de Lobato. Tras actos tan magníficos como o de onte na Picota, reitero a miña convicción de que é posible ampliar os públicos da edición literaria en galego, un proxecto que require contar tanto co activismo dos autores, editores e libreiros como co compromiso das administracións para facer visible o libro galego no espazo público. Cada vez estou máis convencido que resulta moito máis util para o sector da edición galega apostar por este activismo de colocar a lectura como cerna das políticas culturais ca laiarse de forma rotineira na dependencia do noso sector do mercado infantil e educativo. Diante da desfeita da política para o sector do libro galego dos gobernos de Feijoo e asumindo ás dimensións reducidas dos nosos públicos e as feblezas da nosa rede de distribución libreira, paga a pena comprometerse por un novo activimo orientado a ampliar a edición en galego a novos públicos e novos espazos, mais tamén capaz de esixir que a lectura en galego sexa a cerna das políticas culturais, lingüísticas e de igualdade de todos os poderes públicos.

Poema de hoxe 78: “18 de marzo de 2003” de Xosé Lois García

Xose Lois GarciaContinuamos buscando o suco para ese manancial

Xosé Lois García, Kalendas (Xerais, 2005)

Onte 1615: Labregos do tempo dos sputniks

th_3124ea708af53565e35556648d09d6c0_Labregos_LibrementeNa primeira escoitada deseguido, pareceume moi potente Libremente, o disco de Labregos do tempo dos sputniks que acaba de publicar Ouvirmos. Estre traballo d’ O Leo, Lydia Botana e O García, do que coñeciamos algúnha peza, aventuro suporá un fito no punk-rock galego dun trío que reivindica aquela canción protesta de hai corenta anos. Gustei moito da versión de «Un vento vén«, a canción pioneira de Xulio Formoso, mesturada co poema mítico de Luís Pimentel «a poesía é o grande milagre do mundo». Como tamén gustei da de «Libremente», un dos seis temas de Celso Emilio Ferreiro, o grande homenaxeado no disco, canción na que se produce un diálogo espectacular entre a melodía d’ O Leo e ofrseo d’ O García. Como tamén son de salientar nun disco ritmicamente moi variado as versións d’ O García de «Comandante Rebeldía», o clásico de Carlos Puebla, e a de d’ O Leo do clásico de The Clash «Should I Stay or Should I Go». Agardaremos por un directo do trío de Labregos que promete será espectacular.