Onte 1472: Pedro Feijoo aposta pola comedia

XG00242501Pedro Feijoo volveu onte a Galicia para comezar o lanzamento de Morena, perigosa e románica. Publicada de forma simultánea en galego e castelán, nesta terceira novela, despois do éxito d’ Os fillos do mar e A memoria da chovia, Pedro arrisca introducindo un argumento a prol da comedia e do humor coa intención de dar outra resposta ás preguntas esenciais da súa narrativa: «Que é realmente a vida? Cales son as razóns que moven aos seres humanos a erguerse cada mañá?» Se nas novelas anteriores utilizara para respondelas algunhas convencións do xénero negro (sen recorrer nin a policías nin detectives) e da traxedia clásica (sen faltar nunca doses de humor e retranca), desta volta, sen perder as marcas da casa, aposta por seguir as leis da comedia, o xénero elegante por excelencia, con tradición máis teatral ca narrativa dende Aristófanes a Moliére, aínda que pouco frecuentado na literatura galega. Con este pinchacarneiro de xénero, Feijoo confírmase como auténtico narrador natural cun talento de moitos dobróns.

Morena, perigosa e románica é unha comedia de intriga ao xeito de road movie. que comeza nas rúas viguesas polas que deambulan os membros da Banda Perigo e remata en territorio catalán, despois dunha esperpéntica aventura, chea de malentendidos, esforzos e xeniais trasacordos. Como require as convencións do xénero escollido, os protagonistas, xente disparatada, representan unha parte dos vicios e malestares do noso tempo, ofrecendo, como facía Molière nas súas pezas, unha galería que sirve de espello da cobiza, da rebeldía, do medo, do desexo, a envexa e doutras expresións de condición tan humana. E como comedia de espírito clásico que é nesta Morena nun moi traballado argumento non faltan nin os roubos nin as estafas nin as persecucións nin as burlas nin os enganos nin as paparotas conformando o que autor bautiza como «comedia dantesca». Pedro Feijoo merece o noso recoñecemento por esta afouteza de ofrecer, como fixera o seu (e noso) admirado Eduardo Mendoza, dende os territorios da comedia novos vieiros para explicar a complexidade da condición humana.

Onte 1471: «Ostrácia» de Teresa Moure

3b9434e5-0439-45b8-80ae-1fe4a6acf8e6Foi unha honra acompañar onte a Teresa Moure no lanzamento da súa Ostrácia na libraría Andel de Vigo. Ostrácia é unha novela na que Moure, despois de dez anos da publicación de Herba moura, condensa moitas das súas preocupacións de expresión libre, rebelde, feminista e militante. Ao fío do relato da relación de Inessa Armand e Lenine, ofrécese unha reflexión sobre as relacións entre amor e política, para as que a autora reclama entrega total, absoluta, case sen condicións, xa que só así poden transformar a realidade. Tras a peripecia biográfica de Inessa Armand, militante bolxevique, nai de seis fillos, xornalista, promotora de círculos feministas, auténtica muller árbore de folla perenne que sofre o desterro, o exilio e a soidade agóchase a presenza da araña e o lobo ártico; dous animais que expresan a sumisión e a liberdade, o conflito nunca resolto entre Lenine e Armand, entre a erótica e a política.

Ostrácia paga moito a pena como novela histórica, que reconstrúe con rigor documental e alento narrativo o complexo proceso de debate político interno e intervención social que levou ao partido bolxevique ao poder en outubro de 1917. Ostrácia merece tamén o interese do lectorado como coidadísimo farrapo literario no que a voz da narradora se vai ganduxando con textualidades diversas (cartas, entrevistas, poemas, ensaios politicos), facilitando así unha lectura alternativa á diacrónica, ao xeito de rayuela cortazariana. Mais e sobre todo, Ostrácia é unha obra moi valiosa pola súa indagación sobre as marxes, os límites e os territorios da exclusión voluntaria. Ostrácia é unha reivindicación da natureza salvaxe da auténtica política, mais tamén dunha nova amoroloxía, novo concepto acuñado pola nosa autora. Ostrácia e, pois, un territorio fértil para a liberdade e a disidencia. Recomendo moi vivamente estoutra gran novela de Teresa Moure.

Feijoo e o Vigo metropolitano

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño unha reflexión sobre a posición de Feijoo e do PPdeG sobre a Área Metropolitana de Vigo.

area_vigo_r2_c1Tras a lectura da magnífica entrevista que Irene Bascoy fixo a Alberto Núñez Feijoo para Faro é doado comprender que o Partido Popular ten un problema grave en Vigo. O presidente da Xunta de Galicia aínda non valorou o peso que Vigo ten na economía e política galegas nin entende o seu carácter de cidade metropolitana, a “cidade en bisbarra” da que falaba Ramón Otero Pedrayo. A pesar de ter a súa residencia na abella da ribeira, Feijoo é incapaz de conectar coas preocupacións e coa memoria da maioría social viguesa, un alma cívica que moi pouco ten que ver cos parabéns que recibe das “elites” conservadoras en actos de partido e, por suposto, moito máis ampla co electorado dos distritos do centro onde o seu partido é hexemónico en cada elección. Vigo é unha cidade revolcada, moito máis complexa do que pode enxergarse dende o outeiro de Monte Pío.

No entanto, para quen coñeza o ADN vigués e a historia da cidade nas últimas catro décadas non é difícil explicar que as severas derrotas municipais sufridas polo partido de Feijoo en Vigo, coincidindo coas súas lexislaturas á fronte do Goberno Galego, sobre todo a do pasado mes de maio, máis alá da pouco afortunada elección da candidatura, tiveron a súa orixe no desinterese do presidente polo que sucedía en Vigo e na súa área metropolitana. Un erro colosal sobre o que Abel Caballero construíu de forma moi intelixente a súa esmagadora maioría absoluta. O alcalde socialista si soubo liderar o profundo malestar cidadán provocado pola marxinación orzamentaria coa cidade da Deputación presidida por Rafael Louzán e a indignación provocada polas políticas erradas de Feijoo en temas quentes para Vigo como a fusión das caixas de aforros, cando xa se foran a pique. Como tamén o fixo cando recuncou na casa do Campo de Granada co abandono inxustificado do Hospital Xeral para usos sanitarios, o negocio millonario da privatización do Hospital Álvaro Cunqueiro e, sobre todo, o caos do traslado ao novo centro sanitario denunciado nas avenidas viguesas por milleiros de persoas.

Nestes sete anos, tampouco soubo entender Feijoo a importancia política da presidencia da Autoridade Portuaria, case unha segunda alcaldía na cidade, onde colocou primeiro a Corina Porro e despois a Ignacio López Chaves. Ambos os dous, a pesar de representar perfís persoais moi diferentes, careceron da capacidade de intermediación na sociedade industrial viguesa e de diálogo interinstitucional necesario coas diversas administracións, sobre todo co concello, para integrar as diversas actividades do porto (fosen as turísticas, deportivas e de lecer como as estritamente industriais) no proxecto estratéxico e urbanístico de Vigo. Como non comprendeu Feijoo, cando utilizou politicamente os contratos de Pemex, o valor (e mesmo a pegada afectiva) que a industria naval ten na beiramar viguesa dende hai máis dun século. Con todo, o seu maior fracaso político en Vigo é a súa obstinación por non recoñecer o liderado indiscutible do concello de Vigo e da súa alcaldía sobre unha área metropolitana que conta con case medio millón de habitantes, que polo momento agrupa a catorce concellos (con outros seis con interese en incorporarse) e ocupa o territorio de comarcas naturais como o Morrazo, o Val Miñor, a Louriña, o Condado e o Baixo Miño. Ese Gran Vigo, o Vigo metropolitano, que nas eleccións municipais de maio deulle na maior parte dos concellos unha lección de coherencia ao Partido Popular, espíndoo coma o rei nú e outorgándolle a presidencia da Deputación á socialista viguesa Carmela Silva.

Tras semellante pau, parecía que Feijoo aprendera e sería capaz de trasacordar sobre os termos da Lei da Área Metropolitana de Vigo aprobada de forma unilateral polo seu partido en 2012. Mesmo chegou a comprometerse en facelo decontado na entrevista que mantivo co alcalde vigués o pasado mes de setembro. Porén, todo quedou en auga de castañas e o presidente volve enlearse na súa calculada retórica de administrativista, ao tempo que aproveita a operación Patos para mover apenas dous dos seus peóns de posición no taboleiro vigués e mandar así un sutil recado ao equipo de goberno vigués. Movementos que cos calendarios electorais na man, con convocatorias en decembro e na vindeira primavera, agoiran que Vigo dificilmente contará nesta lexislatura coa posta en marcha dunha nova Área Metropolitana.

E o caso desta lea da máis resesa política non é nin moito menos menor para os concellos (e a cidadanía) da área metropolitana viguesa xa que deste acordo depende o funcionamento de servizos básicos como o transporte metropolitano (do que Vigo até agora quedou fóra), o tratamento de residuos, o abastecemento de augas e tantos outros temas de carácter metropolitano. Polo visto e expresado, co Vigo metropolitano Feijoo non mudou de chip.

Onte 1470: «A praia dos afogados»

caratula_grande1422Como sucedera coa estrea d’ A Esmorga foi onte unha beizón acudir aos Norte para ver nunha sala chea A praia dos afogados en versión orixinal en galego. A pesar de ser unha película sen apenas elipses nin omisións con respecto á novela homónima de Domingo Villar, conquistounos como golosina visual viguesa. A aparición na pantalla de espazos queridos, como o porto de Panxón e as dunas de Gaifar, tiraron do noso interese por esta narración policial con pingueiras etnográficas. Chamoume a atención o esforzo de Gerardo Herrero por facer presente a lingua galega, coa intención de arraizar a historia, aínda que isto facilitase a visualización do prexuízo da falsa amabilidade lingüística. Tamén é moi destacada a magnífica interpretación dos secundarios galegos, como Luis Zahera, Celia Freijeiro e Celso Parada. A pesar de que non é unha película das «memorables», é unha fachenda contar cunha adaptación desta factura tan digna dunha obra literaria galega.

Onte 1469: Mascherano

PORTADA-AVANCE-45Paga a pena dispór de catro minutos de acougo para escoitar as declaracións que Mascherano fixo este mes á revista Panenka. O grande central do Barça confesa que a súa posición preferida (na que se fixo futbolista) é a de mediocampista central defensivo e que sofre durante cada partido de competición, que para gozar na lameira xa están para el os adestramentos. A concentración, a atención que require cada partido provócalle sufrimento, a pesar de xoga ao fútbol porque lle gusta. Non obstante, renega da fama e dos privilexios dos futbolistas cando son figuras públicas. Toda unha lección de humildade e realismo, como sempre foi o seu estilo dentro da cancha, que lle viría coma anel ao dedo a moitas figuriñas de tres pesetas. Grande o xefeciño cando confesa que os futbolistas nunca deixan de selo até que o adestrador deciden non poñelos e deixan de xogar.

Onte 1468: Fito esperanzador

logosO comunicado de Encontro Cidadá pola Marea Galega e Iniciativa pola Unión convocando de forma conxunta aos partidos a participar nun foro onde debater sobre a formación dunha candidatura unitaria galega constitúe un fito moi esperanzador. A posibilidade desta única candidatura sen exclusións, alicerzada sobre estas dúas iniciativas cidadás, queda agora en mans do acordo dos partidos nacionalistas e non nacionalistas que compartan o compromiso de presentarse baixo unha fórmula de unidade popular que conciba Galicia como suxeito político e defenda os intereses xerais da cidadanía galega, Sexa cal sexa o resultado deste proceso, que dende onte e a pesar das diferenzas entre os partidos semella cada máis factible de concluír con éxito, o papel das dúas plataformas está sendo sendo decisivo para facilitar os acordos, superar resistencias e, sobre todo, para xerar sintagmas de entusiasmo e compromiso na cidadanía que acredita no soño de que Galicia conte de vez cun grupo parlamentario soberano.

Onte 1467: Venres nas librarías

cartel-venres-nas-librarias_2015Coa magnifica presentación en Cartabón de Interferencias, a novela que supón o regreso de Manuel Seixas, iniciamos a nosa participación no ciclo «Venres nas ibrarías», unha iniciativa da Federación de Librarías de Galicia e da Asociación Galega de Editores, apoiada pola Consellaría de Cultura. Un programa que pretende contribuír a achegar máis visibilidades aos autores e autoras da literatura e edición galegas, ao tempo que a fomentar o costume de participar nestas actividades ao comezo da fin de semana, Mágoa que este programa non invistese máis en promoción e anuncios dos actos nos medios e nin sequera a CRTVG o contemplase nas súas previsións informativas. Xaora, sexa co pequeno apoio desta iniciativa gremial e institucional sexa contando coa xenerosidade de librarías e autores, Xerais organizará este ano máis dun cento de presentacións nas librarías galegas. O apoio á dinamización da libraría cultural constitúe unha das prioridades para unha nova política para o sector do libro,

Onte 1466: «De remate», sorprendente booktrailer

XG00236701Publicamos onte o booktrailer do lanzamento da novela De remate de Héctor Cajaraville, gañadora do Premio Xerais 2015. Preparado por César Galdo este sorprendente documental de máis de nove minutos de duración sintetiza a historia do escritor e xornalista Bieito Sanmarful, protagonista da novela, na voz de catro persoas que o coñeceron e amaron. Un guión excelente, unha realización moi coidada e unha interpretación memorable e emocionante de actores e actrices amadoras, veciñas do realizador en San Sadurniño, caracterizan unha das pezas audiovisuais máis audaces e conseguidas que temos coñecidas. César Galdo e o seu equipo de Entremedias Comunicación demostran as enormes posibilidades da colaboración do sector audiovisual coa promoción do libro e a lectura en galego, ademais do aproveitamento como recurso didáctico deste tipo de pezas. A nosa maior gratitude e recoñecmento para eles. Animo a compartilo.

Onte 1465: Con Leiceaga en Couceiro

XG00240901A profesora Dolores Vilavedra conversou onte en Couceiro con Xoaquín Fernández Leiceaga sobre Agosto de memoria e morte. Unha conversa moi atractiva que convidou ao numerosísimo público a ler unha novela que Vilavedra recomendou moi vivamente. Leiceaga confesou que a escribira hai tres anos «nun momento de transición, nun tempo morto» coa intención de «poñer en papel unha historia que tiña na cabeza dende hai tempo». Non descartou, se dispón de tempo, escribir unha segunda entrega co mesmo investigador. Situou a novela no tempo xusto anterior á Transición, «un periodo que nos achegou outra vez a Europa, despois de que a Guerra Civil nos afastara dela». Leiceaga desvelou, tamén, a súa preferencia polo xénero policial e por obras como Agosto de Rubem Fonseca, «que coa miña obra ten unha orixe histórica moi concreta». «O xénero policial é altamente condificado o que proporciona ao autor seguridade e máis liberdade para abordar outros temas».

Onte 1464: O xiro social de Feijoo

goberno_galego_05-10-2015Cando queda menos dun ano para as elecccións autonómicas Feijoo revoluciona o seu goberno, aumentando o número de consellarías, sacrificando á responsable de Sanidade e incorporando ao executivo a José Manuel Rey Varela, ao que parece elixiu como novo «delfín». Unha mudanza de goberno que o presidente anuncia tamén de políticas, mesmo abandonando a austeridade da que foi un grande adiantado.

Moi mal deben dar as enquisas que se manexan en Monte Pío para dar semellante volantazo con tintes inequivocamente electoralistas. Con todo, tampouco é difícil reparar no novo Goberno Galego a erosion provocada polas mobilizacións cidadáns contra a xestión privatizada do HAC ou a realizada polo sector leiteiro en defensa de prezos xustos, que deterioraron a imaxe de xestor eficaz do presidente.

Analizando os datos orzamentarios, como fixo onte Praza, o prometido xiro social de Feijoo requiriría mil millóns de euros, só para igualar a cifra de 2009. Despois das tesoiradas introducidas en Sanidade, Educación, Cultura e servizos sociais comunitarios, non vai ser doado  recuperar da noite para a mañá as partidas anteriores. Sendo así, é moi previsible que a revolución social anunciada polo dos Peares quede apenas nunha renovación de chapa e pintura dun goberno cada vez máis afastado das preocupacións da cidadanía e dos problemas estruturais do país.