Está vendo o arquivo da categoría » Marzo 2015

2683f7c249f8121df148b097a13c8278Tras a publicación onte da clarificadora e rigorosa análise de ProlIngua e da documentadísima anotación de Alba Nobueira sobre a sentenza do Tribunal Supremo ao recurso presentado pola RAG ao Decreto de Plurilingüismo saco tres conclusións. Primeira: o Supremo fixo máis unha valoración política ca unha análise xurídica, xa que ignora tanto os contidos da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias como a actual situación regresiva do galego. Segunda: por máis que lle doa aos responsables da política educativa e lingüística da Xunta de Galicia, a sentenza do Supremo ratifica a anulación de dous artigos do decreto, os referidos a enquisa entre as familias de Educación Infantil e o emprego na aula por parte do alumnado da lingua da súa preferencia. E terceira: hoxe a defensa do galego pasa tanto pola continuidade do preito da RAG diante do Tribunal Supremo e, se fose necesario, nos tribunais europeos, como se comprometeu o seu presidente, como pola substitución do Decreto de Plurilingüismo por un novo marco normativo capaz de garantir a supervivencia da nosa lingua.

CARTAZ DÍA DAS ARTES GALEGAS

Pareceume un acerto a iniciativa da Real Academia Galega de Belas Artes, que preside o pintor Manuel Quintana Martelo, de instituír dende este ano o «Día das Artes Galegas» coa intención de exaltar, divulgar e promover a creación artística en Galicia. Como tamén o foi o de escoller para esta efeméride a data do primeiro de abril, en lembranza da mesma xornada do ano 1188, coa que se certifica nas limeiras do Pórtico da Gloria aquel como obra do Mestre Mateo. Comézase así unha nova institución da nosa cultura exaltando ao Mestre Mateo, o xenio renovador da arquitectura e escultura románicas, retratado para a ocasión con todo o xenio de Miguelanxo Prado.

Sobre a figura de Mateo, o mestre de obras da Catedral de Compostela dende 1168, non se ten investigado abondo na nosa cultura. Coa intención de saber máis sobre a súa figura recorrín onte á erudición de Xosé Filgueira Valverde no seu traballo, «Datos y Conjeturas sobre la biografía del Maestro Mateo«, publicado no seu libro Historias de Compostela (Bibliofilos Gallegos, 1970; Xerais, 1982), onde aos datos achegados pola historiografía romántica, o polígrafo pontevedrés apenas engade a posibilidade de que o pai de Mateo fose o arquitecto da ponte de Salime, sobre o río Navia. Moito queda aínda por afondar, coñecer e poñer en valor de quen foi un dos piares da cultura de noso.

Xaora, este Día das Artes Galegas da Academia de Belas Artes, como a proposta que hai varios anos xa fixera a viguesa asociación A Nave das Ideas, homenaxeando ao pintor Urbano Lugrís, á actriz María Casres e ao músico Xesús Bal y Gay, supón unha ollada transversal, modernizadora e vivificadora da cultura galega, aínda moi ancorada nos límites do fenómeno literario. Celebrar a nosa creación artística no seu conxunto, sexa a literaria, a musical, plástica, dramática, cinematográfica ou transmedia, supón unha oportunidade para que a cultura galega recupere azos e alento en tempos moi difíciles como os que vivimos.

É innegable o éxito popular da festa da Reconquista que onte levou a milleiros de persoas a ruar a empurróns polo Casco Vello entre os postos do mercadiño de artesanía e os de bocatas de chourizo frito. A Reconquista viguesa homológase así a outras festas como a Arribada ou a Feira Franca onde unha parte das participantes vesten con fachenda «roupas de época» e interpretan música de foliada, mentres outras persoas comparten na rúa petiscos e bebidas. A pesar do éxito de participación, que leva a que festa se derrame dende o Berbés á Porta do Sol, na fase actual de consolidación desta nova tradición viguesa, non está de máis preguntarse sobre o seu sentido histórico, coma onte facía o escritor Pedro Feijoo no seu formidable artigo no xornal electrónico Vigo é. Efectivamente, eu tamén son dos que pensan que os vigueses e as viguesas quizais nos equivocamos de bando naquel enfrontamento que hai douscentos anos se librou no Val do Fragoso entre os valores republicáns (liberdade, igualdade e fraternidade) e a intolerancia do absolutismo monárquico. Xaora, Abel Caballero, por se tiñamos algunha dúbida, inaugurando na noite de onte a súa rotonda de Coia aclarou quen representa hoxe cada unha das posicións. En todo caso, é unha beizón que milleiros de persoas compartan no Casco Vello os acordes da foliada e o espírito xenuíno do Vigo popular, onde está a nosa identidade.

premio_anxel_fole_27-03-2015

Foi onte un día importante para a consolidación do novo modelo do premio Ánxel Fole de narración curta, organizado polo concello de Lugo e editado por Xerais. Pola tarde reunímonos os membros do xurado da XVII edición, formado tamén por Cristina Corral Soilán e Pedro Feijoo, que despois de darlle moitas voltas e viravoltas decidimos por unanimidade outorgar, entre as 41 obras presentadas, á titulada Tempos de bebidas isotónicas e fast-food, presentada baixo o lema «Historias mínimas», que unha vez aberta a plica por Darío Xohán Cabana, secretario do xurado e coordinador de publicacións do concello de Lugo, resultou ser de Alexandre Alonso Alonso, que asina co nome literario de Álex López. Foron as outras dúas magníficas obras finalistas as presentadas cos lemas «Inger Nilsson» e «Ex oblivione», que agardo reciban no futuro o recoñecemento que tamén merecen. A de Álex Alonso foi toda unha estupenda sorpresa, xa que supón a incorporación dun novo narrador ao noso catálogo. Celebrouse despois no Salón de Plenos do concello, coa participación do alcalde Orozco, a presentación institucional de Funambulistas, a obra de Mercedes Leobalde, gañadora da edición anterior. Un acto literario no que se anunciou o ditame do xurado e no que Leobalde expresou a súa ledicia polo feito que fose premiado Álex Alonso, «unha persoa xenial, sei que as súas ocorrencias son xenialidades e as súas historias moi conmovedoras e cinematográficas.»

alex_alonsoTempos de bebidas isotónicas e fast-food é un monllo de trinta relatos que deitan unha ollada, unhas veces de gran angular, outras de teleobxectivo, que retrata as contradicións e o devalo da sociedade galega do noso tempo. A utilización preferente da primeira persoa como voz narradora testemuñal, axustada en cada peza ao rexistro do personaxe, confire unha rotundidade e credibilidade brutal a cada unha destas historias mínimas. Un humor de marabilla, sutilmente retranqueiro, e un coidado rexistro lingüístico coloquial, impregnado cos aromas dos viguismos e das variantes da fala popular das Rías Baixas, tiran dunha lectura tan engaiolante coma acedamente divertida. Dende o memorable «O curso de novas tecnoloxías, que abre o libro a gargalladas, pasando pola versión bífida de «By Glory Lake» ou polo o emotivo «Non me chames terrorista», até o estremecedor «Vitrasas», Álex Alonso debulla algunhas das causas e prexuízos da desigualdade e precariedade da Galicia actual. Un libro que mantén lazos e fíos formais e temáticos cos Funambulistas de Mercedes Leobalde, autora coa que Álex Alonso comparte a súa profesión de lingüista da Administración de Xustiza.

Nacido en Vigo en 1968, Álex Alonso traballa na actualidade na Audiencia de Pontevedra. Como narrador foi premiado en 2003 cunha mención especial no certamen Manuel Muguía de Arteixo polo seu relato «Estremonías» e no 2010 gañou o premio de relatos de igualdade Matilde Bares do concello de Bueu por «Xénero imperfecto».

Onte 1276: Novela mulata

bretemas —  27 de Marzo de 2015 — Deixa un comentario

couceiro_antesala_luminosa_25-03-2015

Na libraría Couceiro de Santiago presentamos A antesala luminosa, a novela coa que Antonio Tizón debuta na narrativa galega. Presentación dun relato definido polo autor como «novela mulata» ou mestiza, na que participaron o xornalista Aser Álvarez, o profesor Ramón Rodríguez, a psiquiatra Lucía Pérez Ramírez e o propio autor.

XG00212501Aser Álvarez confesou que «quedara enganchado con esta novela arraiana, unha obra entre fronteiras e entre xéneros, que fala da loucura, de gastonomía e de viño.» «A antesala luminosa é unha novela gourmet, moi coidada e traballada.» Despois Aser salientou a importancia da gastronomía na novela (coma no ser humano) e sinalou as numerosas referencias gastronómicas presentes e os restaurantes de Madrid, Ourense e A Coruña citados por Tizón. Pola súa banda, Ramón Rodríguez, a quen presentamos como o Esteban Latorre da novela, comezou as súas palabras agradecendo a súa presenza en nome dos personaxes da novela, para gabar despois «o sentido de tolerancia e alegria de Antonio.» «A novela ten un encanto personal, o do sentido máxico da literatura, transmite a maxia e a bondade do seu autor, que representa a toda unha xeración que tiñamos moitas ganas de ler. Antonio Tizón representa a literatura, esa avidez polos libros da que tanto disfrutamos xuntos.»

A psiquiatra Lucía Pérez Ramirez comezou sinalando que «todo acto que achegue o trastorno mental á sociedade é importante.» «Neste novela son os capítulos pares, os que falan do personaxe Gustavo Gallego, os que abordan o trastorno bipolar. Unha doenza na que se mesturan episodios maniacos de enerxía desbordante con outros depresivos. Persoas que viven entre a euforia e unha profunda tristeza. Coa lectura desta novela calquera persoa pode meterse na pel doutra que padece o trastorno bipolar.» A psiquiatra salientou dous aspectos da novela que lle mereceron grande interese:«o primeiro, a importancia de coñecer o mundo interno dun enfermo que padece trastorno bipolar, a súa experiencia e o seu sufrimento; o segundo, o interese que o propio exercicio narrativo supón para o trastorno bipolar, xa que quen o padece non adoita ser consciente que o sofre.»

Na súa intervención, o autor, despois de realizar os agradecementos aos intervinientes, abordou tamén a cuestión do trastorno bipolar, «unha doenza que afecta a un 2% ou 3% da poboación, en España varios millóns de persoas.» «Os bipolares na fase maniaca teñen necesidade de contar con interlocutores tanto coñecidos como descoñecidos para falar. Esa elocuencia na fase depresiva pode converterse en meses enteiros sen pronunciar unha palabra.» «Como tampouco debemos esquecer que as persoas que padecen o trastorno bipolar teñen un sentido cósmico oculto que afecta ás causalidades e casualidades.» Referiuse despois Tizón ao obxectivo da novela: «quixen escribir unha historia de amor, loucura e morte», para engadir que «a maior parte da literatura é sempre autobiográfica, xa que un do que mellor pode falar e do que vive, do que sabe.» «Quixen escribir unha novela negra diferente, un pouco orixinal, coa intención de iniciar unha serie da que teño case escrita a segunda entrega.»