Está vendo o arquivo da categoría » Novembro 2014

7c992706d82ede1426ccd3fc4a408e34Dentro da programación do Culturgal 2014 non deben pasar desaparecibidos os programas formativos para profesionais. Particular relevancia ten o foro Culturgal para o profesorado de educación non universitaria, «Novas ideas na escola: das ferramentas TIC e outras tecnoloxías», que se celebrará ao longo da xornada do sábado, en sesións de mañán e tarde, nas salas de conferencias do Pazo da Cultura de Pontevedra. Un programa completísimo que abrirán a conferencia de Diego Rosales Galiñanes sobre a elección dun modelo de ensino dixital e a presentación da premiadísima aplicación Creappcuentos creada por unha empresa viguesa.

Nas primeiras sesións de tarde presentaranse as experiencias das bibliotecas escolares do Rosal e das Neves e da Biblioteca Municipal de Ribadavia. Así mesmo a Coordinadora Galega de ENDL organiza unha serie de obradoiros prácticos:  o de iniciación ao audiovosual do IES As Barxas de Moaña a cargo de Seso Durán; o obradoiro de xoguetes tradicionais como recurso didáctico, a cargo de Xosé López e Xosé Manuel García e o obradoiro de radio escolar impartido polo profesorado e alumnado promotor de «Ponte en galego» a radio escolar do IES Breamo de Pontedeume.

Xa nas derradeiras sesións, os participantes poderán asistir á presentación da experiencia formativa «Un Artista na escola» de EducaBarrié ou ao debate sobre «A lectura e a lectura en galego», impulsada polo servizo de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia e a Asociación de Bibliotecarios Municipais de Galicia, na que participarán a editora de OQO Eva Mejuto, á bibliotecaria de Caldas de Reis Rosa María Barreiro Novás, a asesora do servizo de Bibliotecas Escolares Pilar Sampedro e o escritor Pedro Feijoo. Unha xornada formativa completísima. Outro xeito de construír Culturgal.

Aquí pódese baixar o programa do Foro Culturgal para o profesorado e aquí enlazar co descritor da actividade recoñecida como formativa pola Consellaría de Educación.

Onte 1160: Día das librarías

bretemas —  29 de Novembro de 2014 — Deixa un comentario

964cf6d0ab765dc66dbc0a88343ed6d7O Día das librarías celebrado onte pasou en Galicia sen pena nin gloria. Apenas un acto na libraría Pedreira, incluído dentro do programa «Venres nas librarías», iniciativas aquí e acolá de librarías entusiastas, algún escaparate preciso, algunhas referencias en twitter e un acto institucional en Ourense no que o actual conselleiro de Cultura e Educación entregou á directiva da Federación de Libreiros de Galicia un exemplar do Calendario do Libro e da Lectura 2015. Pobrísimo balance para o que debería ser unha data de referencia e colaboración para todo o sector do libro e a lectura (libraría, edición e creación) que ben precisa aproveitar a visibilidade e as faíscas de fulgor destas efemérides. Xaora, o feito que non aparecese a versión en galego do lema deste día das librarías, «Como vai sobrevir a ignorancia se está rodeada de libros?», promovido por CEGAL, constitúe apenas outro síntoma da preocupante anemia que na actualidade padece o sector libreiro galego. Nin o 24 de febreiro (día de Rosalía) nin o 2 de abril (día do libro infantil e xuvenil) nin o 23 de abril (día internacional do libro e dos dereitos de autor) nin o 17 de maio (día das letras galegas) nin a maioría das feiras do libro nin agora este derradeiro venres de novembro (coincidente co black friday) semellan ser oportunidades aproveitadas polo sector en Galicia para o seu encontro cos diversos públicos lectores. Fronte a semellante fatalismo conformista non se me ocorre outra receita que o entusiasmo e a colaboración inconformista daqueles libreiros/as, autores/as e editores/as que non nos damos por vencidos.

fina_casalderrey_27-11-2014

XG00226901Memorable foi onte a presentación organizada polo Ateneo de Pontevedra no salón de actos do Museo de Pontevedra de Historia da bicicleta dun home lagarto, o libro máis recente da escritora Fina Casalderrey. Case trescentas persoas arrouparon á académica de Lérez nun serán artístico que abriu e pechou o xenio de Óscar Ibáñez, un gaiteiro virtuoso, e no que escritor Miguel Suárez Abel realizou unha extraordinaria intervención tan emocionante coma clarificadora sobre o contido da obra. Nas súas palabras, Fina Casalderrey explicou que a orixe deste libro estivera na solicitude dun conto breve que lle fixera o Museo de Telefónica e da fotografía que lle enviaran dunha bicicleta que pertencera a un celador de telefonía da Serra de Albaicín. «Aquela historia levedou nestoutra sobre a Guerra Civil. Pretendín abordar o tema da guerra sen ocultar os seus horrores, mais sen traumatizar aos lectores novos. Creo que a mellor opción ante unha guerra é evitala.»

Comezou Miguel Suárez Abel falando das relacións da autora co mundo da infancia. «Fina Casalderrey ten un coñecemento do funcionamento intelectual dos nenos como ningunha outra persoa que eu puidese coñecer. Todos os seus libros son intelixentes, son incoentes, teñen humor, están amosándonos o neno que fomos, mais tamén aos que coñecemos cada día nas aulas. Os nenos de Fina non están inventados, están calcados na súa alma. Con cada un dos seus libros volvemos á infancia. Cada un dos nenos das súas obras é un neno real, non é unha invención para nos distraer. O humor non é unha gracieta, é unha reacción para defenderse do medo e da ignorancia. Está é unha das claves principais das obras de Fina Casalderrey.»

«Historia da bicicleta dun home lagarto recolle a smellores cualidades da literatura de Fina.» «Como xa adiantei, os nenos de Fina non son de cartón. E así é como un neno chamado Mundo bautiza a un celador de telefonía como “home lagarto”. Non o esquezamos, Fina sabe poñer os nomes axeitados ás persoas e os animais. E un home lagarto debe ter algo, un obxecto, que entusiasme a un neno. E así aparece unha bicicleta para manter o misterio e a tensión do relato.» «Mundo non ten medo nin aos lobos nin aos ratos nin sequera á garda civil. Porén, o neno vive, entende e padece a guerra. E poucas cousas poden estar mellor reflectidas na guerra como a sensación de perda. Mundo sabe que algo ocorre, sobre todo cando desaparece a figura do pai. Así é como coa sutileza que ela manexa, a narradora vai presentando unha grande traxedia tras os ollos do neno, medrando na dor e na tristeza.» «O libro ten un fío ético en todos os seus capítulos que non leva á moralina, carece de carga doutrinal que poida facer rexeitar a súa lectura.»

Rematou Miguel Suárez Abel o seu discurso referíndose o que definou como «dúas pezas maxistrais no libro»: as infinitas maneiras de debuxar a felicidade e a capacidade dos nenos de aguantar sen respirar. «Para Fina a felicidade ou a ledicia, que tanto ten a palabra, é unha cunca de leite sen auga, ou as gargalladas da nai, ou a volta do pai. Para Fina os nenos utilizan a súa capacidade de aguantar sen respirar para esperar que cheguen noticias boas, ou os reis magos, ou o día máis bonito, ou para vencer o medo, ou para saber como resistir, contando até 27 ou até o que faga falta.»

1417011375_588648_1417036975_noticia_normalA noticia da concesión a Chévere do premio nacional de teatro é magnífica, sobresaliente. Recoñécese a creatividade, capacidade de innovación e risco dunha compañía teatral en lingua galega capaz de resistir cunha proposta artística potente, creada en man común, no entorno da crise e da anemia brutal das políticas públicas no eido das artes escénicas. Os seus traballos máis recentes, o espectáculo Citizen, polo que gañaron o Premio da Crítica Galicia 2011, como Eurozone, polo que foron finalistas este ano, amosan a súa capacidade para conectar co público, probablemente acuñada nas numerosas representacións que realizaban na Sala Nasa, a que fora pechada pola miopía reaccionaria daquel alcalde de Compostela, que por ventura ninguén bota en falta. Este nacional tamén é dalgunha maneira un premio, unha luzada para todo o sector do teatro profesional galego, dende as súas compañías aos actores, actrices e persoal técnico, que nestes anos están vivindo os seus momentos máis críticos. Parabéns, Chévere, polo voso talento e compromiso!!!

Onte 1157: Mans

bretemas —  26 de Novembro de 2014 — Deixa un comentario

mans__-e1416872144545-632x107Gustei do comunicado publicado onte por Implicadas no Desenvolvemento e People’s Development Initiatives e as mulleres de Támil Nadu coas que traballan ambas as dúas organizacións con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Efectivamente, «só unindo as mans contra as violencias diarias será posible conseguir sociedades que non toleren que a metade da súa cidadanía reciba malleiras de forma sitemática, sexa obxecto de violación, asasinato, dependencia económica, responsabilización da honra, das crianzas, da comida e da familia.» Non será posible erradicar a violencia constra as mulleres sen eliminar ese virus machista presente de forma implícita ou explícita en tantos eidos da vida social e comportamentos cotiáns aparentemente inocentes. Aí é onde está a orixe desta lacra noxenta.