Está vendo o arquivo da categoría » Setembro 2014

O Vigo de Sereos

bretemas —  30 de Setembro de 2014 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a alertar sobre a situación do programa Sereos de asistencia a persoa excluídas e con adiccións.

grupo_imanResúltame difícil de comprender como é posible que nunha cidade como Vigo, cuxo concello conta en 2014 cun orzamento anual de gasto de 228 millóns de euros, non sexa capaz de dispoñer dun local onde ofrecer en condicións dignas o servizo de “café quente e bocadillo” do programa Sereos, xestionado pola Fundación Érguete e financiado polo concello, a un grupo persoas excluídas e empobrecidas, a maior parte delas vítimas das adiccións do alcohol e das drogas ou de patoloxías psicolóxicas.

Mais a precariedade do servizo de Sereos, outro capítulo do libro “Historias tristes de Vigo”, ven de lonxe. Foi a finais do século vinte, tras os excesos dos anos oitenta da movida, cando nos locais onde estiveran instalados uns aseos públicos na escalinata entre a rúa Elduayen e a praza de Argüelles, atopou teito o programa asistencial municipal que pretendía cubrir as necesidades básicas dun grupo de drogadictos do centro de Vigo. O intercambio de xiringas e o reparto de preservativos, medidas profilácticas imprescindibles na loita contra a SIDA, así como o engado dun “café quentiño” no inverno, constituían axudas de emerxencia para aquelas persoas que até entón deambulaban polas rúas do centro e do Casco Vello entre as súas choupanas e chutadeiros. Bautizado polos técnicos municipais de Benestar Social como Sereos, pola proximidade do local á escultura de Francisco Leiro da Porta do Sol, o programa alicerzábase sobre a metodoloxía da “axuda entre iguais”, concibindo a hora do café-calor como un punto de encontro, unha referencia na súa rotina, máis tamén nunha oportunidade de socialización, acougo e posibilidade de realización de actividades formativas e rehabilitadoras entre persoas que alí se sentían durante unhas poucas horas formando parte dunha comunidade.

Hoxe desapareceu aquel modelo de intervención socioeducativa que pretendía sacar a estas persoas empobrecidas e doentes do inferno da rúa e do desarraigo provocado pola súa soidade. Sereos transformouse apenas nun programa de reparación de danos que se ofrece nos días laborables de dez a catorce horas nunha furgoneta instalada na rúa Jacinto Benavente, preto da rúa da Paz. Entre o rebumbio propio dun espazo industrial e portuario, entre os perigos do tráfico dos trailers e vehículos dos talleres e frigoríficos, arredor da furgalla de Sereos arremuíñanse cada mañán unhas setenta persoas que acuden alí na procura dun bocadillo, un café quente e, ás veces, un iogur achegado polo banco de alimentos. Sen privacidade ningunha para estas persoas indixentes, sen posibilidade sequera de sentarse nalgún tallo ou de protexerse do frío e da choiva, a degradación deste servizo social municipal dirixido a un dos sectores da veciñanza máis empobrecido e maltratado semella tan imparable coma vergonzoso, como testemuña a redución do número de persoas atendidas e a supresión do servizo pola tarde, cando máis persoas acudían en Elduayen. De pouco serviron até agora nin a longa reportaxe publicada no mes de agosto na revista “Luzes”, que pon o acento sobre o desenvolvemento do servizo e as historias de vida dos seus protagonistas, como as continuas protestas realizadas polo Grupo Imán de Autoaxuda VIH, Sida e Adiccións denunciando o peche do local de Sereos da rúa Elduayen, cuxa principal razón parece ser a intención dos responsables municipais de limpar o centro e o Casco Vello de “xente con mala pinta”, o que axudaría a mellorar a imaxe nun espazo tan turístico e emblemático da cidade.

Mais é inevitable preguntarse ónde e cómo viven as persoas que continúan acudindo á furgalla de Sereos ou aqueloutras que abandonaron o servizo cando foi trasladado. Algunhas son usuarias do albergue de transeúntes de Marqués de Valterra, outras viven en naves industriais abandonadas de Beiramar, outras á intemperie nalgúns portais do centro, e un número moi importante delas nos edificios arruinados do antigo asilo de Pi e Margall e nas casas do Barrio do Cura, un auténtico inframundo no corazón do Paseo de Afonso, a sala de estar preferida dos vigueses. Algunhas destas persoas con patoloxías físicas e psicolóxicas continúan deambulando arredor do que sempre foi o seu entorno habitual, completamente alleas a decisións políticas, reuníndose ao longo de toda a xornada na Praza da Princesa. Así de teimosa e complexa é a realidade social.

O Vigo de Sereos tamén forma parte da cidade. É vergonzoso que se arruíne un servizo social, que apenas constitúe a derradeira oportunidade para un cento de persoas. Como é moi preocupante o estado de precariedade de persoal e recursos do conxunto dos servizos sociais, tanto municipais como os da Xunta de Galicia, nunha cidade que pretende ser humanizada. Todas as persoas sen exclusións deberan ser a prioridade das administracións.

Onte 1102: Código best seller

bretemas —  30 de Setembro de 2014 — Deixa un comentario

A publicación por Alianza da edición de peto de Código best seller de Sergio Vila-Sanjuan reabre o debate sobre os supervendas da industria editorial. Un concepto o de best seller moi xenérico que conviría precisar mellor para non confundir allos con bugallos, xa que se refire a aqueles libros que se venden ben, mais tamén dunha forma rápida. Un matiz que axudaría a diferencialos doutros libros tamén populares, os long seller, aqueles títulos que se venden ben ao longo de moito tempo e dun xeito máis ou menos regular. Máis alá desta consideración baseada nas vendas, é moi interesante a análise de José Antonio Marina, prologuista do libro, que caracteriza o best seller pola súa capacidade para satisfacer tres necesidades básicas do lector: primeira, a da busca do pracer, sexa o de coñecer historias ou de emocionarse con elas; segunda, a da procura da sociabilidade, xa que permiten estar á moda e facilitan a admiración da popularidade do produto; e terceira, para a busca da ampliación de posibilidades xa que adoitan ser optimistas e permiten vivir aventuras de forma vicaria. Anotei.

balconeninvierno_bigTen razón a banda coa que Tusquets anuncia El balcón en invierno: «o libro máis sincero e probablemente máis fermoso de Luis Landero». Un paratexto ao que eu engadiría apenas os cualificativos de «memorable» e «emocionante». Na liña da autoficción ou narrativa biográfica de obras recentes na literatura galega como As voces baixas de Manuel Rivas, Sete palabras de Suso de Toro ou O rastro que deixamos de Agustín Fernández Paz, coas que mantén moitas afinidades, o narrador guitarrista homenaxea a súa estirpe familiar de campesiños estremeños arraianos. Coa intención de recuperar a súa memoria familiar, tamén a da súa infancia e primeira mocidade, recén emigrado a aquel Madrid dos sesenta, Landero achega unhas páxinas magníficas a esa enorme Enciclopedia da Xénero Humano onde deben aparecer non só as biografías dos «gordos» (como chama os amos e señores da súa terra estremaña) senón todas e cada unha das persoas, por humildes e anóminas que fosen. Cunha prosa fermosa de raíz e cadencia popular, que convida a lectura en alta voz, Landero pretende restaurar un elo perdido desa cadea de transmisión da cultura campesiña rota nas últimas catro décadas, dende os contos que a súa avoa Frasca contaba ao carón do lume ao compás da guitarra do seu curmán Paco, un auténtico artista da vida. O libro de Landero é, ademais, unha procura de sentido do relato da vida, afondando naqueles momentos esenciais do escuro e errático devir dos anos. O valor dos libros, concibidos como escondeiros e refuxios, e o papel esencial da literatura e das artes na súa permanente inamizade coa vida, están tamén moi presentes nesta obra sobre o tránsito do mundo campesiño á vida urbana. «En cada instante, en cada frase, en cada pequeno acontecer, o trivial e o misterioso van en partes iguais. Iso é todo e non hai máis que contar. Un gran de ledicia, un mar de esquecemento.». Un libro inesquecible. Recoméndoo.

Onte 1100: Mas convoca

bretemas —  28 de Setembro de 2014 — Deixa un comentario

Mas_asina_27-09-2014Seguín onte por streaming o acto de asinatura do decreto da convocatoria da consulta do 9 de novembro, data na que está previsto que a cidadanía catalá exprese o parecer sobre o seu futuro. Artur Mas cumpría así o compromiso asumido hai dous anos e presentaba diante da cidadanía catalá, española e da comunidade internacional (falou en catalán, español e inglés) as catro características do proceso soberanista catalán: ampla maioría social e política a prol do dereito a decidir; consenso político que dende posicións ideolóxicas diversas concibe Cataluña como unha nación; marco de diálogo para convocar a consulta e, por último, o respecto aos marcos legais, tras a aprobación da Lei de Consultas populares de Cataluña, inserida no marco constitutcional e estatutario.

Tras a desoladora comparencia de Pujol no Parlament, que rematará co seu mito político, o president Artur Mas sabe que o seus retos son refundar o seu partido, Convergencia Democrática, no partido da soberanía e, se fose posible, consolidar a súa figura como a do líder histórico da independencia de Cataluña no século XXI. Onte, coa afouta asinatura e co seu discurso intelixente, amable nas formas e rico nos matices dos grises, deu un paso importante para conseguilo. Xaora, Mas ten unha certeza: o que vaia suceder até o 9 de novembro é fariña doutra muiñada; dependerá do que decidan Rajoy, onte camiñando pola muralla chinesa, e os poderes do estado.

Dende 2001 celébrase cada 26 de setembro o Día Europeo das Linguas. Promovida polo Consello de Europa, esta xornada pretende alertar á cidadanía europea de todas as idades da importancia da aprendizaxe das linguas ao longo de toda a vida e de promover a riqueza e diversidade lingüística en Europa, que debe ser preservada e valorada. A efeméride concíbese, pois, como unha oportunidade de fomento do poliglotismo e respecto pola diferencia lingüística e cultural, sobre todo, nos centros educativos aos que se convida a organizar actividades con este motivo. A súa celebración en Galicia sempre estivo moi vinculada ao proceso de normalización da lingua galega e ao cumprimento do establecido na Carta Europea das Linguas Rexionais, aprobada en 1992 e asinada polo reino de España, texto esencial, non o esquezamos, que obriga ao conxunto das administracións do estado. Nesta edición, ademais, coincide co décimo aniversario da aprobación do PXNLG, o documento no que se recolleu o consenso social máis amplo e recente sobre a normalización da lingua de todos. Nun entorno de auténtica emerxencia para o futuro do galego, cunha situación baixo mínimos no sistema educativo, sobre todo nas etapas temperás, neste Día Europeo das Linguas é oportuno reclamar un plan integral de recuperación do galego acordado e apoiado por unha ampla maioría social e política. Pagaría a pena intentalo.