Onte 889: A ollada bretoa de Pemón Bouzas

Excelente foi a presentación que no serán de onte realizamos na Libraría Couceiro de Compostela de Novos pasos por Bretaña de Pemón Bouzas, o primeiro libro da colección Xerais Crónica que aparece coa etiqueta «Viaxes». Un acto que da man dos xornalistas Eva Millán, Xurxo Fernández e o propio autor constituíu unha exaltación dos lazos culturais existentes entre Galicia e a vella Armórica, ambas as dúas fisterras atlánticas.

Eva Millán glosou o libro seguindo os pasos de Castelao e Álvaro Cunqueiro. Xurxo Fernández cualificouno de «libro precioso, ben escrito, ben documentando, un auténtico modelo do que debe ser un libro de viaxes, unha fermosa imaxe dun país ao que non temos máis remedio que incoporarnos». Pola súa banda, Pemón Bouzas comezou desvelando que a orixe do libro estivo nas súas lecturas de moitas bitácoras de navegación e libros de viaxes. Recoñeceu que «a viaxe e a literatura van sempre da man, e que toda literatura pode facer viaxar». Lembrou as viaxes de Castelao e Cunqueiro a Bretaña, que o guiaron na escritura deste libro, a do reianxeiro en 1929 cando viaxou identificando os calvarios bretóns con lapis e caderno e a do xornalista de Mondoñedo dende o seu despacho de Faro de Vigo, aínda que máis tarde viaxara a Bretaña para comprobar se a Armórica soñada coincidía coa real. Pemón confesou que o libro fora froito de catro viaxes a Bretaña, dende aquela primeira para facer un documental até as posteriores nas que foi acompanado por persoas de alí e acolá. «Perseguir a rota de Castelao foi doado, xa que deixou moitas pegadas no seu libro As cruces de pedra na Bretaña, o que ademais me permitiu atopar monumentos en lembranza dos bretóns caídos en ambas as dúas guerras mundiais ou coñecer a rota dos bunkers da costa bretoa, que seguen a ser utilizados pola mariña francesa». «Seguín a Cunqueiro pola Terra de Miranda bretoa, a de Pontivy e Brocelandia, a Terra de Merlín, procurei atopar as vilas asolagadas, e quixen facelo sempre cos ollos dos bretóns». «Quixen reflectir a visión de Bretaña dun viaxeiro, quixen que se lese coa miña ollada, consciente de que Bretaña continúa sendo un país para descubrir», rematou.

Onte 888: Día Verne

Celebramos onte en Vigo o Día Verne lembrando aquel 18 de febreiro de 1868 no que entrou na ría o Nautilus do capitán Nemo. Unha efeméride de ficción que desta volta non foi esquecida pola prensa local, grazas ao esforzo dos vernianos vigueses. Excelente foi o artigo no Faro do mestre Carlos Núñez «Le vieux» equiparando o espírito innovador e modernizador da cidade nosa co acuñado polo novelista bretón. Como atinada foi a proposta de Antonio Giráldez Lomba, secretario do Instituto de Estudos Vigueses, solicitando o irmanamento («jumelage») con Nantes, a primeira cidade verniana, trazando unha autoestrada do mar literaria entre ambas as dúas fisterras atlánticas, unha iniciativa que axudaría a sacarnos da rotina cultural que padecemos en Vigo. Pola nosa banda, celebramos o Día Verne poñendo en marcha a edición d’ A illa misteriosa na colección Xabaril, a primeira das grandes novelas de aventuras que recomenda DoCampo na súa Illa de todas as illas, na que utilizaremos a tradución que Ánxela Gracián prepararou para Bivir. Deste xeito o capitán Nemo volverá á illa de San Simón onde presentaremos o libro coincidindo co ditame dos Premios Xerais o 8 de xuño de 2014.

Marea branca

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a situación da sanidade pública na provincia de Pontevedra.

O éxito das manifestacións en defensa da sanidade pública, celebradas a pasada semana en Vigo e Pontevedra, testemuñan a preocupación cidadán pola deterioración da calidade deste servizo público esencial na provincia de Pontevedra ao longo dos últimos anos. Se aos duros recortes de prestacións sanitarias e farmacéuticas da pasada lexislatura, se ás longas listas de espera, consideradas proporcionalmente nalgunhas especialidades da área sanitaria de Vigo como as maiores de España, unimos o mal estado dalgunhas instalacións do CHUVI (no hospital do Meixueiro) e o atraso acumulado nas obras de construción do novo Hospital do SERGAS de Valadares (reducido con respecto ao seu proxecto inicial), sen esquecer os efectos da renovación desa custosa hipoteca que supón o concerto singular con POVISA (75 millóns de euros ao ano para atender a 140.000 pacientes) e o retroceso que conlevará para a de Vigo a recente reforma das áreas sanitarias de referencia, semella que existen razóns fundamentadas para esta marea branca de profesionais da sanidade e da cidadanía que coa súa protesta pretende parar o desmantelamento da sanidade pública na área metropolitana viguesa.

A situación dalgunhas instalacións do hospital do Meixueiro é lamentable, quizais a mellor proba do desleixo da Consellaría de Sanidade con respecto á área sanitaria viguesa. As pingueiras e humidades “provocadas” polas galernas de xaneiro e febreiro obrigaron a pechar máis de corenta cuartos, colapsaron nalgunhas ocasións o servizo de urxencias e debido a demanda elevada de hospitalizacións levaron a reabrir durante uns días o edificio do Cíes e a desprazar pacientes ao hospital de Fátima. Humidades nas fachadas do Meixueiro, un hospital que cumpre este ano o seu vinte e cinco aniversario, que non son novidade ningunha (abonda preguntarllo ao persoal do centro que leva denunciado a súa existencia dende hai unha década). No entanto, o máis chamativo do caso é que en 2008 a súa reparación foi incluída no plan director de infraestruturas sanitarias da Consellaría Sanidade do goberno presidido por Pérez Touriño; mais dende entón nunca máis se soubo da intención dos responsables sanitarios dos gobernos de Núñez Feijoo de reparar unhas graves deficiencias estruturais que impiden agora utilizar unha décima parte dos cuartos dispoñibles nun hospital que para ventura dos seus pacientes mantén un elevadísimo nivel cirúrxico.

Desleixo semellante coa área sanitaria viguesa amósase na Instrucción 7/2013 da Consellaría de Sanidade que divide a sanidade galega en tres áreas de referencia, A Coruña, Santiago e Vigo, restando poboación, referencias únicas e recursos só a do sur de Galicia. Unha medida, en aparencia técnica, presentada coa intención de reequilibrar a poboación das áreas do mapa sanitario galego e co argumento de reducir as listas de espera, que supoñerá que máis de 300.000 usuarios das de Pontevedra e do Salnés, que até agora tiñan como referencia ao CHUVI en determinadas especialidades (Oncoloxía, Radioterapia, Cirurxía torácica, Neurociruxía, Cirurxía plástica, Cirurxía pediátrica, Cirurxía cardiaca, Fecundación in vitro), pasarán a depender do Complexo Hospitario Universitario de Santiago. Un traslado, nunca xustificado por un estudo previo nin negociado co persoal sanitario, que alporizou ao Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra (mais tamén ao de Odontólogos, Farmacéuticos e de Enfermaría), ao Foro de Xefes de servizo do CHUVI e á Xunta de Persoal do CHUVI por considerar que terá un forte impacto negativo na investigación e na docencia e reducirá a dotación orzamentaria que recibe a área sanitaria viguesa.

Un reordenamento que prexudica aos pacientes de Pontevedra e Salnés que dobrarán a distancia e o gasto de desprazamento para ser atendidos en Compostela, mais cuxo impacto na diminución das listas de demora cirúrxica será mínimo, como recoñecen tras as protestas cidadás as autoridades sanitarias. Un traslado de pacientes que semella ter como xustificación real a de activar “recursos ociosos” do CHUS, o que traducido a román paladino, supón que o Goberno Galego pretende potenciar o hospital de Santiago detraendo recursos humanos, económicos e tecnolóxicos do complexo público vigués ao que se pretende xibarizar.

Enfrontámonos a un problema político, o de cómo repartir recursos escasos entre as tres áreas sanitarias de referencia. O Partido Popular de Galicia nunca recoñeceu que a área viguesa, a que até agora atendía a un maior número de persoas, arrastraba un vello déficit de infraestruturas sanitarias, cerna de moitos dos problemas denunciados. A solución máis racional e equitativa é aumentar os recursos alí onde son máis necesarios, coma propón a marea branca sanitaria viguesa.

Onte 887: Redondela rescata o Premio Blanco Amor

A iniciativa da concellaría de Cultura de Redondela de rescatar o Premio Blanco Amor de novela longa paréceme un auténtico milagre, unha beizón para a literatura galega que merece a nosa maior gratitude. Tras a renuncia dos tres concellos aos que lles correspondeu a organización da XXXIIª edición, semellaba que o Blanco Amor desaparecería, outra vítima inocente da política de recortes das administracións sempre tan severas coa cultura e coa promoción da nosa lingua. Porén, a iniciativa de Redondela, o concello promotor do certame e organizador da primeira edición (1981), de asumir esta convocatoria de 2014 e de propoñer un novo modelo de financiamento, abre unha nova e esperanzadora etapa no máis antigo dos certames de novela galega. No entanto, será o 14 de marzo na reunión da Cidade da Cultura, na que están convidados a participar 120 concellos e as catro deputacións, onde se acordará este novo modelo de corresponsabilidade municipal para termar de tan prestixioso certame literario. Ben sei que a continuidade do Blanco Amor é un acicate, un estímulo para a nosa novelística; como tamén que a participación nesta anovada edición será elevada e o interese para o lectorado da obra gañadora asegurado. Beizóns, pois, para o concello de Redondela que non se conformou con lamentar os recortes e coa súa iniciativa evitou  in extremis a perda desta angueira en man común do municipalismo galego no patrocinio da novela galega. Unha boa noticia a compartir.

Onte 886: A vergonza de Ceuta

Soubemos onte que 37 cámaras do Ministerio do Interior gravaron o sucedido o pasado 6 de febreiro cando un grupo de inmigrantes subsaharianos trataron de chegar a nado a Ceuta. Un suceso terrible no que morreron 15 desas persoas que intentaban cruzar a fronteira por mar entre pelotas de goma e tiros ao aire da Garda Civil, segundo as confusas e contraditorias versións do director da Garda Civil e do Ministro do Interior. O acontecido en Ceuta, como a existencia do valado e as concertinas de Melilla, é outra vergonza moral desta Unión Europea que pretende pechar o seu «paraíso» a cal e canto a unhas persoas desesperadas cuxo delito é soñar que poden refacer as súas vidas en Europa. No entanto, maior vergonza produce a incompetencia das autoridades españolas, incapaces de dar unha versión verosímil sobre o sucedido, razón pola que a entrega destas gravacións aos deputados da Comisión de Interior do Congreso é un exercicio de transparencia imprescindible.

Onte 885: Sen balón

Noutra noite memorable o Celta de Luis Enrique gañou contra prognóstico. Fíxoo sen balón, sofrindo un ataque constante do Vilarreal, valéndose como mellor estratexia dunha disciplina coral admirable, sen perder nunca a concentración defensiva nin a intensidade na presión nin a confianza nas súas posibilidades. O Celta foi un modelo de resistencia activa e solidaria, unha estratexia que rendeu os seus mellores froitos cando o partido remataba, na falta sacada pola luva da biqueira de Álex, cabezada ás redes con sutileza por Orellana. Unha xenialidade do internacional chileno! Nin sequera a interrupción provocada polo lanzamento dun bote de gas lacrimóxeno á lameira e a vergonzosa reanudación do partido, cando faltaban apenas tres minutos de xogo, puido dobregar a este Celta magnífico que aproveitou o desconto para que Nolito noutro saque de falta medido aumentase o marcador. Semella que o Celta pretende recuncar na categoría antes da chegada da primavera.

Onte 884: Do Catro ao Uf

A presentación de Retallos daquela infancia de Bautista Álvarez levoume onte ao Café de Catro a Catro, o emblemático local de Travesas no que había tempo non entraba. Levei unha grata sorpresa tanto polo arranxo actual do café, que continúa mantendo a sua elegante fasquía orixinal, coma, e sobre todo, pola intensa actividade cultural e cívica que promove. Recupérase así o pulo daquel Catro a Catro dos revolcados anos oitenta e comezo dos noventa, que mesmo convocaba un certame de noveliña galega, referente na narartiva daquel tempo. Outrosí sucede en Vigo co Café Uf, sempre un dos meus preferidos, que celebrou hai dous anos o seu trinta aniversario; un local o da rúa Pracer que mantén o seu pulo como espazo de lecer e cultura alternativa e insurxente. O Catro a Catro e o Uf demostran que os cafés son tempo compartido e soñado, espazos que por esta razón, ademais de contar cun proxecto empresarial, precisan dunha estrela que guíe a súa comunidade. Quizais por iso sempre volvemos a aqueles que a posúen.

Onte 883: Ler é a arte de anticipar

As diversas presentacións d’ A illa de todas as illas, o libro de Xabier DoCampo ilustrado por Xosé Cobas, están constituíndo formidables leccións arredor da formación do lector literario. Onte en Compostela, tras a excelente intervención de Xavier Senín, que definiu o libro como «fermoso e emocionante», Xabier DoCampo volveu sobre a cuestión da lectura literaria lembrando unha afirmación de Harold Bloom: «ler literariamente é ser coma un deus». DoCampo confesou que escribira A illa de todas as illas «só pensando nos adolescentes, é o que eu considero literatura xuvenil; quixen falarlles da marabilla de ler, do engado das palabras, xa que como teño dito noutras ocasións ler é saber o que din os libros de cada un de nós». Continuou o seu discurso afirmando que «ler é tamén a arte de anticipar o que vai suceder na obra; esa é unha das cousas que teñen que aprender os lectores en formación. E onde mellor pode desenvolverse esa capacidade de anticipación é na novela de aventuras, onde o mar é o gran escenario». «Ler é un camiño de formación. Ler literatura infantil e xuvenil na escola é formarse como lector. Esa é a razón pola que son moi esixente coa calidade da literatura infantil e xuvenil. Con mala literatura non se fai un lector literario, debemos ir máis aló da comprensión lectora, entender até onde se pode». Para DoCampo «A literatura ven definida polo lector, calquera libro que un rapaz le con curiosidade convértese nun libro de literatura infantil ou juvenil». Tras citar e recomendar os sete libros de aventuras presentes nas páxinas d’ A illa de todas as illas, rematou Xabier dicindo que «o máis marabilloso de contar unha historia e volverá contar outra vez, e otra, compartida até crear unha rede».

Onte 882: Para que serve un xornal?

Como xa sucedera en Vigo, onte na presentación de Sete Caveiras en Cangas debateuse sobre o papel do xornalismo e o compromiso dos xornalistas na sociedade actual. Elena Gallego volveu sobre a reivindicación do xornalismo que fai na súa novela, tanto polo feito de estar protagonizada por unha xornalista coma polo valor esencial que se lle concede ás hemerotecas. Cando chegou o momento das preguntas foi o veterano xornalista Eugenio Eiroa, responsable de Morrazo Tribuna, quen volveu sobre o tema ao fío da polémica entre os traballadores e os accionistas de Liberation. Máis alá das mudanzas do soporte e das dificultades do actual proceso de hibridación, semella que a cerna deste debate está en saber se é posible un xornalismo independente, profesional e libre cando a propiedade da maior parte dos medios está de facto en mans de bancos, fondos de investimento ou os medios dependen dos poderes públicos pola vía da publicidade institucional ou das axudas directas que reciben. Até agora crimos que un xornal servía, en primeiro lugar, para ofrecer ao seu lectorado unha información veraz e unha opinión plural e razoada. Poderase formular esta pretensión no futuro? Para que serve un xornal no marco do ruido de redes informativas e sociais? Un debate que paga a pena seguir na rolda de presentacións desta interesantísma Sete Caveiras.

Onte 881: A lei do aborto de Rajoy

Despois que o Congreso rexeitase no serán de onte a proposta do PSOE para retirar a lei do aborto, algunhas deputadas do Partido Popular aplauden satisfeitas ao ministro de Xustiza Alberto Ruíz-Gallardón polo seu éxito. A pesar da votación secreta, a maioría conservadora (PP, Unión Democrática de Catalunya e UPN) pechou filas e impuxo os criterios morais da Igrexa Cataólica sobre sobre o dereito das mulleres a decidir sobre a súa maternidade. Coma sucedeu coa LOMCE, non haberá posibilidade ningunha de evitar este disparatado retroceso promovido polo Goberno de Mariano Rajoy, o principal responsable de ambas as dúas leis. Non esquezamos, Ignacio Wert e Alberto Ruíz-Gallardon apenas protagonizan o traballo máis ingrato no marco dunha estratexia moi meditada neste segundo treito da lexislatura.