Está vendo o arquivo da categoría » Novembro 2013

Excelente o día inaugural de Culturgal 2013. Nesta sexta edición a instalación é moi xeitosa, máis limpa e ordenada que noutras edicións anteriores. A instalación dunha carpa para o espazo de música e a ubicación do espazo dos nenos ao fondo contribúen a serenar e ampliar a feira. Na primeira xornada demostrouse que a pesar da gran redución do patrocinio da Xunta de Galicia, este Culturgal 2013 (o da corresponsabilidade) aumenta o número de expositores, mantén o nivel dos seus servizos e a calidade das súas actividades. Quedei moi contento do resultado dos encontros que Manuel Lourenzo e Marcos Calveiro mantiveron cos lectores do IES Montecarrasco de Cangas. O famoso sofá do Culturgal continúa ofrecendo un alto nivel de interese nas conversas que Camilo Franco mantivo con Luís Rei Núñez, Rosa Aneiros, Francisco Castor e Anxos Sumai. Outrosí sucedeu coa presentación de 20 anos de Bravú por parte de Xurxo Souto no espazo das Tecnoloxías. No entanto, polos datos que recabamos ao remate da xornada, semella que o número de visitantes e a cifra de vendas puido ser lixeiramente inferior á primeira xornada do primeiro día do ano anterior. En todo caso, hoxe sábado será o día grande deste Culturgal 2013 coa participación de Manuel Rivas presentando con Cé Orquestra Pantasma O raposo e a mestra, coa presentación posterior da revista Luzes, cos foros sobre materiais educativos dixitais, co encontro de editores coas bibliotecas escolares, coas conversas de sofá de Pedro Feijoo e Diego Ameixeiras con Teresa Cuíñas, así como o grande concerto da noite de Kepa Junkera e os seus amigos galegos, entre os máis de cincuenta actos previstos. Moito Culturgal o que queda por diante, si señor!

Onte 806: Cuestionario Proust

bretemas —  29 de Novembro de 2013 — Deixa un comentario

Ramón Nicolás publicou onte no seu Caderno da crítica o cuestionario Proust que me solicitou. A súa versión do famoso cuestionario é outra achega novidosa deste blog literario en constante dinamismo. Estas foron as miñas respostas.

1.– Principal trazo do seu  carácter? 
– A paciencia, aínda que tamén a perdo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A vontade e a tenrura.
3.– Que agarda das súas amizades?
– A sinceridade e a lealdade.
4.– A súa principal eiva?
– A dispersión, quizais por pretender facer máis do que o tempo permite.
5.–  A súa ocupación favorita?
– Ler e escribir.
6.–  O seu ideal de felicidade?
– Viaxar polo mundo coa miña muller e a miña filla.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perdelas.
8.– Que lle gustaría ser?
– Síntome un privilexiado por realizar o traballo de editor.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que teño a fortuna de vivir.
10.– A súa cor favorita?
– Azul celeste.
11. – A flor que máis lle gusta?
– A camelia.
12.– O paxaro que prefire?
– A andoriña.
13.– A súa devoción na prosa?
-Ademais dos narradores e narradoras que edito, Rafael Dieste, Carlos Casares, Anxo Rei Ballesteros, Nélida Piñón, Bernardo Atxaga, Julio Cortázar, Ian McEwan, Margaret Atwood, Tabucchi, Jean Echenoz, Thomas Bernhard, Enrique Vila-Matas, Eduardo Mendoza, Isaac Rosa, Rafael Chirbes e moitos e moitas máis…
14.– E na poesía?
– Federico García Lorca, Ramiro Fonte, Antonio Gamoneda, Ángel Valente…
15. Un libro?
– Nunca hai un só libro. Marcáronme moito algúns dos que lin na adolescencia e que sei non revisitarei. Ao longo da vida cada lector percorre un camiño de lecturas único e irrepetible. O último libro que me entusiasmou foi O livro das horas de Nélida Piñon.
16.– Un heroe de ficción?
– Un dos moitos detectives literarios que admirei.
17.– Unha heroína?
 Hélène Jans, a protagonista de Herba moura de Teresa Moure.
18.– A súa música favorita?
–  Gosto da MPB,  conta con xenios como Paulinho da Viola ou Antònio Carlos Jobim.
19.– Na pintura?
– Aposto pola plástica galega, Colmeiro, Antón Pulido, Menchu Lamas, Antón Patiño, Antón Sobral, Guillermo Monroy, Xosé Freixanes, Fino Lorenzo …
20.–  Un heroe ou heroína na vida real?
– Os heroes anónimos, como o persoal educativo e sanitario ou todas as persoas que se ocupan dos coidados persoais a outros seres humanos.
21.– O seu nome favorito?
– María.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Respecto os hábitos doutras persoas, aínda que non soporto os comportamentos que supoñan abuso.
23.– O que máis odia?
–  Incomódame a intransixencia e o fanatismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A de todos os ditadores.
25.– Un feito militar que admire?
– Creo que ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O don de linguas, do que carezo.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Consciente e acompañado polas persoas que me queren.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Esperanzado.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Esa vaidade “tan humana”.
30.– Un lema na súa vida?
– “Aposta pola hipótese máis favorable en cada momento.”

Excelente foi a conversa literaria que no Club Faro de Vigo mantiveron ao longo dunha hora a escritora Dolores Redondo e o xornalista Rafa Valero. A autora da triloxía do Baztán, da que Xerais leva publicadas en galego as dúas primeiras entregas, O gardián invisible e Legado noso ósos, recoñeceu o apoio dos lectores e lectoras recibido ao longo deste seu primeiro ano como escritora, un feito que confesou «nalgúns momentos me produce vertixe». «Un escritor sen lectores é fume. Contar con eles é un éxito que me produce pracer, mais tamén dá medo. Teño unha grande responsabilidade e gratitude con cada un dos lectores ou lectoras que mercan un dos meus libros». Falou Redondo sobre o medo que pasou escribindo estas novelas, «sei que hai emocións comúns cos lectores, o escritor ten que sentir onde lle doe aos seus personaxes, onde teñen medo».

Preguntada por Valero sobre o personaxe da inspectora Amaia Salazar, a protagonista desta triloxía, a autora de Legado nos ósos desvelou que nesta segunda entrega non quixo adozar a maternidade nin tampouco idealizala, «a maternidade segmentada ten momentos difíciles, de auténtica miseria, como lle sucede a Amaia, unha primeiriza  desbordada». «En Legado nos ósos Amaia ten medo ao medo, o medo que xa coñecera na infancia. Non hai medo peor que o xa coñecido, pode ser o da perda dos seres queridos, á pobreza, á soidade ou sinxelamente á dor física. O obxectivo das nosas vidas é aprender a convivir con eses medos». «Ademais, nesta segunda novela imos á orixe das cousas da situación de Amaia, a relación coa súa nai. Non é casual a sua capacidade de xenerosidade e amor, nin o feito de que elixir ser policía, nin a súa esixencia profesional sempre tan alta. Quizais a razón sexa que Amaia Salazar quere dalle voz ás víctimas para darse voz a si mesma.»

Rafa Valero preguntoulle tamén a Redondo sobre a súa condición de escritora de serie negra. Dolores foi rotunda: «escribir ficción criminal ou lela para min é unha forma de cribar a relaidade, xa que a realidade é dura, ás veces insoportable e intolerable. Nas miñas novelas falo do que me doe, aínda que non teño ningún afán de aleccionar sobre o que está ben ou o que está mal, é o meu xeito de expresar a miña ollada sobre a realidade.» Advertiu, ademais, Redondo que «o lector de novela negra é moi listo, está moi afeito, garda os detalles, comproba os datos de páxina a páxina, son moi sagaces, gozan con todo iso».

Remataron a conversa Valero e Redondo falando do Baztán, o val navarro onde se localiza a triloxía. «A xeografía e a meteroloxía do val do Baztán forxan un carácter. Eu quería que as novelas se localizasen en Navarra, onde casei, quería falar do matriarcado, quería que fose a Policía Foral a que realizase as investigacións. Todo isto atopeino en Elizondo, foi coma “un frechazo”. Alí encontrei unha gran potencia natural e unhas circunstancias históricas moi singulares, dende os indianos que regresaron da emigración para reconstruír o seu pobo até a instalación da comunidade dos agotes, dos que se fala en Legado nos ósos. Mais tamén contou que foi un dos lugares máis castigados pola Inquisición, foron milleiros as baztanesas procesadas por bruxaría e queimadas no lume. Co apelido de Amaia, «Salazar», quixen facer unha homenaxe a un dos inquisidores do século XVII que conviviu no val un ano e cun espírito case policial demostrou que alí non había bruxaría. Tamén me interesou que alí se falase ésucaro, que se manteñan moitas tradicións e perviva a memoria dunha mitoloxía popular, como a que lembro me contara a miña avoa galega de Corme, da Costa da Morte.» «Na primeira novela, O gardián invisible, quixen que o protagonista fose o bosque. Na segunda, Legado nos ósos, que fose o río, expresando así o fluxo da vida, marcando a pauta dos comportamentos duns e outros.» Rematou tan magnífica conversa expresando Dolores Redondo a súa satisfacción por «escribir dende a liberdade, é un pracer, gozo escribindo».

Onte 804: Rivas en Twitter

bretemas —  27 de Novembro de 2013 — Deixa un comentario

No seu primeiro día en Twitter Manuel Rivas superou o milleiro de seguidores. Coincidiu esa exitosa saida coa impresión das primeiras planas da revista Luzes que codirixe con Josito Pereiro e que se presentará o sábado en Culturgal. Unha coincidencia que sei non é explicable pola providencia laica, apenas outra mostra máis da hibridación da comunicación contemporánea, da convivencia de soportes dixitais e impresos. A presenza de Rivas en Twitter é unha noticia magnífica para os lectores e lectoras desta rede informativa (Manolo comezou cun par de chíos memorables), mais tamen o é a aparición nos quioscos e librarías dun mensual en lingua galega (alicerzado xa sobre medio milleiro de suscricións) coa vontade de explorar os territorios do xornalismo necesario para reconstruír un país en ruínas. Benvido Rivas a Twitter, xaora Luzes!

Onte 803: Terrorismo machista

bretemas —  26 de Novembro de 2013 — Deixa un comentario

702 mulleres asasinadas en España polo terrorismo machista entre 2003 e 2013, 42 no que vai de ano. Dúas cifras estremecedoras que obrigan a unha contundente resposta cidadá e dos poderes públicos. Números que sabemos son apenas a punta do iceberg do comportamento machista hexemónico na sociedade nosa, oculto no espazo do privado, mais capaz de transmitirse con enorme facilidade xeración tras xeración, a pesar do esforzo coeducativo que dende hai tempo se ven acometendo en escolas e institutos. Para erradicar esta lacra machista. para manter unha tolerancia cero co maltrato e a desigualdade, non abonda por importante que esta sexa coa acción coeducadora, é imprescindible unha actuación integral no conxunto da sociedade. A corresponsabilidade pola igualdade, a denuncia dos comportamentos machistas e violentos,  debe asumirse en todos os ámbitos do público e do privado, dende os grupos familiares e de amizade, pasando polos centros de traballo, até os medios de comunicación e redes sociais. Con todo, os poderes públicos, amparados polas políticas de consolidación fiscal, non poden renunciar a súa responsabilidade nesta loita antiterrorista. Os recortes nas políticas de igualdade e de loita contra o machismo son outra manifestación desta violencia.