Onte 770: O recurso de casación da RAG no Supremo

O comunicado de onte de Prolingua salienta a importancia da admisión por parte do Tribunal Supremo do recurso de casación presentado pola RAG sobre o decreto de plurilingüismo. Ademais de abeizoar ao equipo de xuristas que preparou o recurso da Academia e conseguiu que fose admitido (o que sabemos é moi difícil), cómpre sinalar, canto menos, tres cuestións de feito tan relevante. A primeira, é posible a derrogación total do decreto e a elaboración dun novo a partir dos contidos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004. Esta admisión supón unha raiola de esperanza para os defensores da lingua galega no difícil proceso de restauración dunha política lingüística que capacite a todo o alumnado acadar a dobre competencia nas dúas linguas oficiais (o horizonte irrenunciable para o futuro do idioma galego). A segunda, no contexto actual da crise do modelo autónomico, a loita polos dereitos lingüísticos e a defensa do noso idioma supón unha complexa batalla de carácter social, político e tamén xurídico (tres eidos imprescindibles). A terceira, a Real Academia Galega ten un papel esencial nesta defensa xurídica da lingua galega, até levar a batalla (se fose necesario) ás máis altas instancias españolas e europeas. Sabemos que o dano provocado polo decreto de plurilingüismo está feito, que o retroceso na utilización do galego como lingua vehicular foi importante, que o Goberno Galego non incorpora as mudanzas impostas polas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; porén, noticias coma a que comentamos veñen «alumear de novo as tebras» da lingua de todos e todas.

Onte 769: Vello Balaídos

Chegamos a Balaídos mollados coma pitos, dispostos a gozar dunha noite de fútbol atlántico, de moita forza e pase longo. No interior do estadio tamén chovía a cachón. As cubertas de Tribuna, Gol e Marcador apenas amparaban das bategadas á metade do aforo; a da grada de Río, construída hai apenas trinta anos, furada coma o aspersor dunha regadeira, deixounos á intemperie e a auga corría en fervenza polas escaleiras. O vello Balaídos está arruinado. Por ventura, a lameira do Fragoso conservou o seu tapiz, a pesar de que o ballón non amainou nos noventa minutos. Temo que a ruína do vello Balaídos non che ten arranxo doado.

A foto é de Guillermo Cameselle, corresponde á construción da grada de Río con motivo do mundial 82.

Campo do Fragoso CXLIII

O BARCO NAS PEDRAS

Tras nove xornadas, cando non se cumpriu unha cuarta parte do campionato, Luis Enrique meteu o barco nas pedras. As cifras non poden ser máis fracas: seis puntos de vinte e sete posibles, apenas unha vitoria, tres empates e cinco derrotas; un punto dos últimos quince xogados, catro derrotas consecutivas, ningunha vitoria aínda en Balaídos; apenas un gol marcado nos últimos cinco partidos e ningún nos tres últimos… O equipo colocado en situación de descenso ás portas dun calendario próximo durísimo que pode deixalo noqueado xa no mes de novembro. E o máis preocupante é que non semella moi doado como sacar a embarcación celeste destes cantís.

Comezou intenso o Celta fronte ao Levante de Caparrós, un adestrador que nas súas visitas a Balaídos adoita tirar moi bos resultados. As bategadas enchouparon a lameira e as bancadas do vello Balaídos. Unha noite de fútbol atlántico, un partido case acuático, onde a velocidade e a forza ponderaron máis que o toque e a precisión do tiraliñas. Luis Enrique acertou inicialmente co cadro, corrixindo algúns dos seus excesos tácticos, adiantando a Oubiña e colocando a Krohn como construtor do xogo de ataque. Pola súa banda, o arteiro Caparrós decidiu agardar ao Celta diante da súa área, procurando con paciencia a súa oportunidade.

Durante a primeira parte, o Celta gañaba case todas as pelotas no medio do campo, chegaba con inusual facilidade á area levantina, mais nese territorio decisivo nunca soubo establecer superioridades. Hugo Mallo e Mina facíano como querían dende a dereita, mais Nolito nunca acadou ás diagonais envelenadas que lle trazaron. Krohn Dehli intentouno con pexegazos dende a frontal, mais non foron abondo precisos. Mina amedrentouse en dúas ocasións cando, tras os servizos de Rafinha, quedou só diante do porteiro Navas e o veterano Charles, o que semellaba o noso máis experimentado goleiro, acelerouse unha velocidade de máis nun par de remates.

Tras o apagón ao inicio xusto da segunda parte, provocado por un ballón que nunca amainou, o Celta recuncou non seu esforzo, desta volta empeño e vontade non lle faltaron. Luis Enrique decidiu estirar o equipo polas bandas e intentar recuperar os balóns na frontal; mais estragou o partido cos trocos, especialmente coa incomprensible saída de Nolito, un dos poucos xogadores capaces de provocar un alustro de lucidez fronte a unha defensa diesel coma a do Levante. Porén, afeitos como estamos os celtistas a vivir as maiores penalidades, unha falta innecesaria de Orellana, un xogador ao que lle ven moi grande a intensidade da primeira división, facilitou que Diop marcase dende fóra da área, cando faltaban dous minutos para o remate do partido. Outra catástrofe, un naufraxio en toda regra, dificilmente xustificable pola mala sorte ou polas caprichosas decisións arbitrais.

Moito terá que mudar nas vindeiras xornadas a actitude de Luis Enrique, un adestrador que desde a súa chegada a Vigo procurou a comodidade do seu andamio e do seu esquema preconcibido. O Celta precisa de urxentes solucións tácticas que se axeiten as características e limitacións do seu cadro de xogadores. De non facelo, temo que non chegará a comer en Vigo o turrón.

Culturgal

No artigo da semana en Faro de Vigo recupero a traxectoria de Culturgal recoñecida co Premio da Crítica Galicia de Iniciativas Culturais.

Foi un éxito o xantar organizado o pasado sábado pola Fundación Premios da Crítica Galicia, liderada por Bieito Ledo e Antón Pulido, no que se deron a coñecer os galardóns correspondentes á produción cultural do ano 2012. Non defraudaron tampouco as escollas dos xurados das súas seis modalidades, tanto as candidaturas finalistas coma as gañadoras, que amosaron a excelencia da creación galega como o dinamismo acadado polas nosas industrias culturais. Xa a nivel persoal, especial emoción producíronme os premios que recibiron “Transmuta”, o poemario do chairego Xabier Cordal editado por Xerais, na modalidade de creación literaria, e Culturgal na de Iniciativas Culturais, un proxecto ao que me sinto moi vinculado dende o seu nacemento hai seis anos, que comparte o espírito inclusivo da fundación organizadora destes premios.

Non foi doado para Culturgal chegar a este o seu primeiro recoñecemento. Promovida pola Asociación Galega de Editores, naceu na semana das letras galegas de maio de 2007 no Pazo de Exposicións de Pontevedra como “Feira do libro e da industria cultural”. A semellanza da exitosa “Feira do libro e do disco en éuscaro” de Durango, con máis de corenta edicións de historia e milleiros de visitantes, Culturgal pretendía converterse nun grande escaparate anual das novidades do libro e do conxunto da produción cultural galega dirixidas a un público tanto familiar como profesional. O éxito do modelo feiral daquela primeira edición pontevedresa, dirixida polo editor Roberto Pérez Pardo, levou o ano seguinte a que fose a Consellaría de Cultura e Deporte de Ánxela Bugallo a que se ocupase durante a primeira fin de semana de decembro de 2008 da xestión e organización no Palexco da Coruña da que se bautizou como “Feira das Industrias Culturais de Galicia”. Foi este segundo Culturgal clave para a consolidación do modelo actual, non só polo seu éxito de público, senón tamén pola escolla dunhas datas fixas e pola definición da feira como un proxecto estratéxico da industria cultural en Galicia e en lingua galega.

Tras a crise de 2009, ano no que non se celebrou Culturgal, coincidindo coa chegada do PPdeG ao Goberno Galego, no verán de 2010 a iniciativa privada retomou o liderado do proxecto. Catro asociacións empresariais AGE (edición), AGAPHONO (música), AGEM (música) e Escena Galega (teatro), á que poucos meses despois se uniron EGANET (internet e novas tecnoloxías) e AGAPI (audiovisual) constituíron a Asociación Culturgal. Inicíabase así un proceso de intensa e estreita colaboración e cooperación intersectorial das diversas empresas da nosa industria cultural que baixo a presidencia do editor Xulio Amigo e a dirección do equipo técnico de Sergio Lago organizaría durante tres anos consecutivos a feira no Pazo de Exposicións de Pontevedra. Dende a edición de 2010, contando como principais patrocinadores coa Consellaría de Cultura por medio de AGADIC e co concello de Pontevedra, Culturgal alicerzou o seu exitoso modelo de Feira das Industrias Culturais sobre tres piares: a venda e presentación de novidades (libros, discos, espectáculos, iniciativas…), as actividades e espectáculos para públicos diversos (con especial atención ao familiar e infantil) e as xornadas técnicas dirixidas a profesionais dos diversos sectores dunha cultura en tránsito.

Porén, a pesar do moito camiño avanzado, Culturgal non ten certeza sobre o seu futuro. A actual diminución das vendas dos mercados minoristas da cultura, as elevadísimas taxas de paro, a deflacción salarial e a perda de poder adquisitivo, o incremento do IVE até o 21 % na maior parte dos produtos e servizos culturais (coa excepción do libro impreso) como os durísimos recortes dos poderes públicos nas partidas de Educación, Cultura e Normalización Lingüística son ameazas para unhas industrias que en Galicia ocupan a 11.200 persoas.

Secasí, Culturgal sufrirá na edición que se celebrará este outono (29 e 30 de novembro e 1 de decembro) unha redución dos patrocinios públicos até niveis inadmisibles que poden provocar o seu colapso. Porén, Culturgal é hoxe pola fraqueza do mercado cultural máis necesario ca nunca, razón pola que os diversos sectores empresariais participantes, a pesar da súa diversidade, asumen a estratexia do estorniño, a solidariedade dos chirlosmirlos que adoitan manobrar en bandos atraendo a ollada da veciñanza das cidades. Eis a estratexia da corresponsabilidade deseñada por Xosé Aldea, o director deste Culturgal 2013, que procura a colaboración intersectorial e o protagonismo dos públicos, a primeira razón de ser desta feira. O Premio da Crítica Galicia chega no momento oportuno para recoñecer o traballo feito, mais sobre todo para alertar sobre o futuro dun proxecto necesario en man común.

 

Onte 768: Xerfas de Antón Sobral

Nas anotacións que teño lido sobre a entrega dos Premios da Crítica Galicia apenas foi mencionada a serigrafía do pintor Antón Sobral que recibiron todos os participantes no xantar. Unha mariña na que o mestre da vida lenta volve sobre os motivos que lle son propios, os das xerfas de intensidade branca na que visualmente sentimos o recendo euforizante da maruxía, unha mestura proteica de salitre e pedramol. Nesta serigrafía do noso vixía do mar percibimos a precisión da súa ollada sobre o horizonte mariño, apenas unha liña entre as gamas dos azuis. Como sinalou Bieito Ledo, o presidente da Fundación, nas súas palabras de benvida, na mariña sobraliana intuimos a presenza dunha pequena traíña no mar de Vigo para remarmos xuntos. Encadrarémola para tela presente no noso estudio. Grazas, Antón, amigo noso do mar.

Onte 767: Premios da Crítica Galicia 2013

Non defraudaron os Premios da Crítica Galicia 2013. A asistencia ao xantar superou as nosas mellores expectativas e as escollas dos xurados, tanto as candidaturas finalistas coma as gañadoras, amosaron a excelencia da nosa creación e o dinamismo das nosas industrias culturais. Especial emoción producíronme os recoñementos que recibiron Transmuta, o poemario de Xabier Cordal, e Culturgal, unha iniciativa que comparte o espírito transversal, inclusivo, antiseitario e corresponsable da fundación organizadora destes premios, coa que teño a fortuna de colaborar. Pagaron moito a pena os esforzos e os afáns destes últimos días, si señor!

Onte 766: Cara de cospedal

Diante da excelente foto de Carlos Barajas na que aparece Dolores de Cospedal seguindo no xulgado as declaracións no plasma de Luís Bárcenas, que a acusaba de recibir dous sobres de 7.500 euros entregados por el mesmo nos despachos do partido e do Senado, os lexicógrafos acuñarán a frase «cara de cospedal» para as actualizacións futuras dos seus dicionarios. A nova frase será unha excelente exemplo didáctico para expresar a suficiencia e o poderío de quen se sabe moi por riba de acusacións e das penalidades que sofren os cidadáns do común: «Non, non recibín sobre ningún, díxolle ao maxistrado con cara de cospedal». A foto é tamén un excelente recurso didáctico para utilizar na nova materia de «Valores éticos e civicos», que o partido de Cospedal incluíu na LOMCE para o alumnado que non curse Relixión.

Onte 765: Ser un de Nós

Soprendeume a noticia da creación do Colectivo Nós, unha nova peña celtista que «pretende aglutinar as seareiras e seareiros con entidade galeguista».Mais o que me deixou abraiado foi que esta peña de mozos e mozas (para min absolutamente descoñecidos) presentase a súa idea apoiándose no meu artigo «Gramática do fútbol celeste», apenas unha declaración emotiva do meu celtismo. Non nego a miña emoción por este feito que amosa a consolidación dun modelo de novo celtismo, fachendoso da identidade do equipo noso, mais tamén consciente da lingua de noso e da identidade galega. Ser un de Nós.

Onte 764: Na Biblos de Betanzos

Acompañamos a Antonio Seijas na presentación de Cartas de inverno. Novela gráfica na Libraría Biblos de Betanzos. Foi un serán magnífico no que compartimos falares e pesares con Tucho Calvo e Carmela González, os promotores desa fantasía cultural que é Biblos. Coa apertura da libraría, o ate agora club do libro e editorial completa o seu modelo de creación, distribución e promoción do libro e do produto cultural galego. Gustei moito do modelo de libraría escollido, no que unha clara especialización no libro e disco galego se combina cunha escolla coidada de fondos literarios en castelán. Gustei do arranxo espacial e do deseño dun mobiliario multifuncional capaz de transformar nuns minutos a libraría nunha auténtica aula de cultura ou sala de exposicións. O programa de actividades completísimo (presentacións, obradoiros, cursos…) expresa a vontade dos libreiros de facer da libraría un referente cultural dinamizador. A pouco que progrese a recuperación urbana do casco vello de Betanzos (o emprazamento da libraría é extraordinario), e a pesar dos malos agoiros e incertezas dun sector en tránsito, aventuro un futuro prometedor para unha das novas librarías máis esperanzadoras do país. Se sempre é recomendable ruar e petiscar pola vila dos cabaleiros, agora tamén o é para visitar a libraría e espazo cultural Biblos. Parabéns e maior fortuna para o emprendemento de Tucho e Carmela!