Está vendo o arquivo da categoría » Outubro 2013

Onte 778: «Vento e chuvia»

bretemas —  31 de Outubro de 2013 — Deixa un comentario

Memorable presentación espectáculo do proxecto «Vento e chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia» de Manuel Gago a que onte tivo lugar na igrexa da universidade compostelá. Na primeira parte o profesor de Historia Antiga da USC Marco García Quintela, Manel Cráneo, o ilustrador, e Manuel Gago, o autor do texto e deste proxecto de edición estendida, presentaron os contidos principais do libro e dos materiais adicionais. Insistiron todos os tres no esforzo realizado de reconstrución visual e de humanización dunha sociedade concreta, a da sociedade da Idade de Ferro, anterior á invasión romana. Cráneo desvelou con detalle o proceso de creación de cinco das imaxes principais «dunha obra que alumbra a existencia dun riquísimo panteón de deuses e deusas na Idade de Ferro, capaz de crear unha pequena mitoloxía». Gago encadrou o proxecto no esforzo por poñer o patrimonio no centro do debate cultural. «Vento e chuvia é unha ollada sobre un período que deixou unha fonda pegada no noso patrimonio dende unha abordaxe transversal, no que están presentes disciplinas como a arqueoloxía, a historia, a toponimia e a onomástica». «Un proxecto no que se mesturan a investigación, a divulgación, a fantasía e a literatura». Tras estas intervencións, as máis de duascentas persoas asistentes gozaron durante máis dunha hora da representación dalgúns dos textos do proxecto a cargo de Soledad Felloza, Anabel Gago, Belén Constenla e Avelino González. O libro estará dispoñible nas librarías galegas a partir de finais da vindeira semana. O 15 de novembro en Biblos de Betanzos e  22 na Libraría Couceiro de Santiago e o 1 de decembro en Culturgal os autores presentarán o «making off» do proxecto e asinarán exemplares do libro. Un proxecto de edición híbrida moi coidado e novidoso do que nos sentimos moi orgullosos e esperanzados. Parabéns moi merecidos a Gago e Cráneo.

Campo do Fragoso CXLIV

bretemas —  31 de Outubro de 2013 — Deixa un comentario

FÚTBOL GRANDE

Despois da exhibición da Rosaleda, onde recuperou a fantasía do xogo da serpe e a autoestima, agardaba un mellor resultado para o Celta. A pesar de que derrochou empeño e intensidade, fronte ao Barcelona careceu desa imprescindible continuidade na concentración, unha actitude que deben acreditar os pequenos para ter algunha posibilidade de derrubar ao coloso. Unha mágoa!

Repetiu Luis Enrique a composición do cadro goleiro de Málaga, reforzando a defensa con Aurtenetxe e Cabral e dando entrada na media ao brasilego Rafinha, un xogador de alta escola, mais intermitente nas súas aparicións, que polo momento non está respondendo ás expectativas tan elevadas creadas pola súa traxectoria como promesa e mesmo pola súa orixe familiar. Desde o asubío inicial, o Celta atuou aos do Tata Martino, que coa súa política de rotacións deixou no banco a Xavi, Iniesta e Neymar, entre outras alfaias da súa coroa. Os celestes querían e nos minutos iniciais atascaron ao líder que apenas puido ofrecer un eslalon de Messi, apenas o limiar dunha noite moi activa do astro da Masía. O Celta sacaba a bóla ordenada, a maior parte das veces conducido por Cabral. O Celta prometía. Porén, nunha desas saídas aparentemente sinxelas, un erro de concentración do central arxentino foi aproveitado por Pedro que coa velocidade do lóstrego enfiou a diagonal de Yoel e, aos oito minutos, inaugurou a táboa de marcas. Nuns segundos estragáronse boa parte das posibilidades galegas.

A pesar da martelada e da ansia de Messi por reivindicar o seu protagonismo na lameira, devagariño o Celta recuperou a saída ordenada da pelota. Mediada a primeira parte, un magnífico Álex López conduciu o despregue celeste. Nolito primeiro, Rafinha despois, xutaron con veleno, mais atoparon o valado infranqueable de Valdés, un porteiro capaz de protexer coa súa mobilidade toda a área pequena. O Celta procuraba o empate. Á altura da media hora, produciuse a xogada decisiva do partido. O árbitro anulou un gol a Nolito sinalando unha falta ao porteiro, que dende a bancada ollamos como un claro penalti a céltico Charles. Rabia. Para sacar o partido adiante os de Messi non precisaban axudas dun árbitro medroso que durante os noventa minutos foi moi severo cos humildes galegos e moi permisivo coas accións na lameira do equipo de figuras. Nada que non suceda adoito na vida.

Tras a reanudación, decontado Cesc arruinou as nosas esperanzas, o seu pexegazo á escuadra entrou de potra, tocando no lombo de Yoel. Con Messi caneando a tumba aberta a destra e sinistra, Cesc volveu marcar minutos despois, tras unha contra dirixida polo xenio arxentino a ritmo de vertixe. A pesar do resultado avultado, O Celta non quedou noqueado e procurou o seu goliño da honra. Tívoo na biqueira Nolito, na noitiña do martes o mellor dos nosos, no lanzamento marabilloso dunha falta rexeitada polo longueiro. Mais continuaron no empeño os de Luis Enrique, mesmo tras o trocos de extremos, onde concedeu oportunidade a Santi Mina e Orellana, coma un fermoso exemplo de dignidade e afouteza con moi escasas posibilidades de éxito. Messi continuou motivado, activo, argalleiro, case eléctrico, procurando para si un gol que non conseguiu.

Foi imposible derrubar ao coloso nunha noite de fútbol grande. É certo que non gozamos daquel xogo danzante que viamos na televisión durante a época Guardiola, mais o Barça de Martino amosou no campo do Fragoso unha envexable efectividade. É dificil conseguir tanto cun esforzo tan dosificado. Pola contra, o Celta derrochu vontade e entusiasmo a moreas fronte a un rival que sabía superior. Un paradoxo explicable co “fútbol é futbol”, a frase acuñada por Jacobo Buceta.

O futuro do estadio

bretemas —  31 de Outubro de 2013 — Deixa un comentario

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a situación do estadio de Balaídos o seu incerto futuro.

Os espectadores do partido da pasada semana, ademais da magoarse coa derrota in extremis do Celta, pillaron unha boa molleira, xa que chovía a cachón tanto fóra coma nas bancadas de Balaídos. A bategada puxo en evidencia o estado deplorable do estadio. As cubertas de Tribuna, Gol e Río amparaban apenas a metade do aforo, xa moi minguado; a da grada de Río, furada coma o aspersor dunha regadeira, metía auga a mares que corría en fervenza polos ocos das escaleiras. Por non falar da anécdota do apagón e das enormes pucharcas nos accesos e saídas que aconsellan acudir ao estadio do Fragoso con botas de sete leguas. E por riba, os andamios instalados para reparar algunhas deficiencias exteriores da grada de Marcador amosan que Balaídos envellece, dende hai máis dunha década sofre unha deterioración para a que, a pesar das denuncias e queixas dos usuarios, non se lle está poñendo todo o remedio que precisa.

Máis alá da épica celeste, a historia do estadio foi a das súas diversas reformas. Hai case noventa anos, case tantos coma ten o Celta, foi a iniciativa privada quen promoveu, por medio dunha sociedade de capital popular, “Stadium Balaídos S.A.”, a construción dun terreo de xogo á beira do Lagares onde estaba asentada unha fábrica de tellas do país, a “Tejera de Balaídos”. O arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez foi quen preparou o proxecto dun gran estadio de forma ovalada e pista de atletismo, á altura dos máis modernos daquela, con capacidade para 22.000 persoas sentadas e coas localidades numeradas. Mágoa, que aquel cobizoso proxecto quedase fanado por falta de recursos económicos. O monumental peche exterior de granito, deseñado polo arquitecto do edificio da Aurora Polar, foi substituído por un muro de cemento na grada de Preferencia e por un valado de madeira nas localidades populares. Balaídos inaugurouse con esa humilde fasquía o 30 de decembro de 1928, sendo alcalde Gregorio Espiño, cun partido ás tres da tarde entre o Celta e o Real Unión de Irún, correspondendo ao extremo celeste Graciliano a honra de ser o primeiro en meter un gol na lameira do Fragoso. Abríase así a historia do estadio, que como podemos ler na magnífica historia do Celta de Fernando Gallego (Faro de Vigo, 2013),  Manuel Castro “Handicap” consideraba como “un orgullo para toda Galicia”; un froito do “noso modo de ser, calcado na deportividade británica da alma galega dos vigueses, que non permitía que un praza de touros se erguese nestes eidos antes ca un stadium”.

Nos anos de posguerra, sendo alcalde Suárez-Llanos, en 1946 o Celta comprou o estadio cunha subvención do concello, o que permitiu que pasase a ser de facto propiedade municipal. Daquela o arquitecto Fernando Molins e o enxeñeiro Elixio Prieto fixeron o proxecto para a construción dunha grada cuberta con viseira de cemento en Río e para dotar a Marcador dunha grada de cemento. Obras que unha vez concluídas proseguiron coa modernización da grada de Gol. Despois, en 1969, o alcalde Rafael J. Portanet comprometeu a completa modernización de Balaídos. Foi ao longo da tempada 1970/71, coincidindo coa primeira clasificación europea da historia celeste, cando se construíron por fases as actuais gradas cubertas de Tribuna, Marcador e Gol. Anovación do estadio que se completaría unha década despois, sendo alcalde Manuel Soto, nas tempadas dos ascensos das segundas de Milorad Pavic e antes da celebración do Mundial 82, coa construción da actual grada de Río sobre o Lagares, rematando de vez coas inundacións que durante décadas cada inverno fixeron de Balaídos un temible estadio “acuático”.

Oitenta e cinco anos despois da súa inauguración e de tres décadas da súa derradeira reforma, máis alá da conxuntura deportiva do Celta (sempre na pelexa), a cidade precisa enfrontar o tabú de cal vai ser o futuro da súa primeira instalación deportiva e multiusos. Desbotada no marco económico actual (e no propio plan xeral) a alternativa de construción dun estadio nunha nova ubicación, malograda a posibilidade de remodelación integral proposta polo concelleiro do BNG Santiago Domínguez en 2009, ao fío da celebración dos mundiais de fútbol de 2018 e 2022, para os que Vigo preparou a súa candidatura coma sede, a curto prazo non existe outra alternativa que alongar a vida de Balaídos por medio dunha coidadosa operación de mantemento das súas instalacións interiores e de mellora dos seus servizos de acceso, aparcamento e transporte público. Unha “solución” que precisa unha maior dedicación orzamentaria do concello de Vigo, xa que o seu obxectivo é evitar tanto a ruína da estrutura como preservar a seguridade dos usuarios. Xa a medio e longo prazo, o futuro do estadio é unha ineludible cuestión política (e urbanística) que debe ser abordada no marco do plan estratéxico metropolitano.

As fotos son de Guillermo Cameselle.

)

Onte 777: Irmandade TV

bretemas —  30 de Outubro de 2013 — Deixa un comentario

Parabéns a Irmandade TV, a canle de televisión en galego e en liña, que onte comezou a emitir o seu debate en directo. Este programa semanal (martes, 21:30 horas) de debate sobre temas de actualidade política e social, presentado por Aurèlio Lópes, constitúe a estrela dunha programación na que polo momento hai espazo para as entrevistas («Caleidoscopio») e para a música galega («Fouce Sonora»). No programa de onte Aurèlio entrevistou a Francisco Rodríguez e conversou con Goretti Sanmartín, Martiño Noriega e Antón Baamonde. Adiante co varal, outra televisión tamén é posible!

Son de natural optimista da vontade, porén cada vez estou máis convencido de que aquilo que sae mal de inicio ten moitas posibilidades de acabar aínda moito peor. Eis o exemplo meridiano do probable resultado final da LOMCE dos fachendosos Wert e Gomendio. Fixeron caso omiso da importante folga da comunidade educativa da pasada semana, mais abondaron unhas declaracións do representante dos bispos para que o Partido Popular, tan sumiso coa Igrexa católica, estude modificar a lei no trámite da súa lectura no Senado. Agora os bispos exixen que a relixión teña máis peso na Educación Infantil e no Bacharelato (os niveis non obrigatorios). É dicir, sen eufemismos nin tecnicismos curriculares, pretenden que (como conseguiron para a Primaria e para A ESO) sexa unha maría de oferta obrigatoria en todos os centros (alternativa a unha materia de «Valores éticos e cívicos») e que ademais sexa avaliable (que compute para bolsas e axudas). Recoñecida xa a educación diferenciada, este novo estatus de materia de oferta obrigatoria para a relixión satisfaría todas as aspiracións da Igrexa católica. E logo din Wert e Gomendio que o obxectivo da LOMCE é reducir as taxas de abandono temperán. Si home si.