Onte 730: Diada en Vilarón

Ao mediodía viaxei con Agustín Fernández Paz até Vilarón, nas terras do concello da Capela, onde Xabier DoCampo nos preparou o xantar. O mestre (narrador e cociñeiro) agasallounos cunha coidada antoloxía das súas especialidades máis sabedeiras, entre as que destacou a súa «pescada ao itálico modo», unha receita, coma outras do autor d’ O libro das cidades imaxinarias, que xa forma parte do canon (aínda non publicado) da cociña galega de entre séculos. Rematou a longa sobremesa de libros, contos, falares e pesares xa na tardiña coa cerimonia da plantación do carballo viaxeiro, unha galla que María Reimóndez entregara no inverno pasado na presentación de En vías de extinción e que para sorpresa de todos prendeu no balcón da miña casa. Foi esta a contribución nosa a celebración da #Diada, unha xornada que seguimos con emoción e esperanza. O carballiño quedou en Vilarón, ben abrigado dos ventos do nordés, para gañar o futuro.

Como se pode ver nas fotos acompañounos na plantación Secundino García Mera, o noso benquerido mestre da Capela, que gardará memoria do sucedido onte en Vilarón.

Onte 729: A portada de «Cadeas»

Cadeas, a novela de Xabier López, gañadora do Premio Xerais deste ano, xa vai no prelo. Estou moi satisfeito da cuberta que preparou Miguel A. Vigo a partir dunha imaxe suxerida polo propio autor, unha foto de 1923, «Kids at the Potomac bathing beach». A foto é unha metáfora visual do carácter poroso desta novela na que se van enganchando as historias como as cereixas. Mais tamén é capaz de expresar esoutra idea máis sutil de Xabier López, que entende a novela como un vehículo para explicar a vida sempre como suma de moitas vidas distintas. Eis o debuxo conformado polas miradas, sorrisos e formas desa rapazallada na praia atlántica. Gosto, tamén, da imaxe pola súa inequívoca connotación co inicio do XX, onde se sitúa tamén o comezo do devalar dun texto cuxas historias abrangue todo un século da historia de Galicia. Volveremos nas vindeiras semanas sobre Cadeas, novela que presentaremos por vez primeira o 11 de outubro no Liceo de Betanzos.

Onte 728: Novos Blanco Amor

Revisamos onte os ferros de Dióxenes en Dolorida de Ignacio Vidal Portabales, obra gañadora o pasado ano da XXXª edición do premio Blanco Amor. Unha novela inusualmente divertida para a literatura galega actual, mesmo moi atrevida na introspección que propón sobre as relacións de parella entre homes e mulleres, coa que este profesor de Mercantil da Facultade de Dereito da USC, descoñecido nos ambientes literarios, inicia o seu percorrido na narrativa galega. Aparición sorpresiva e inminente que coincide co fallo esta fin de semana polo concello de Ferrol da edición deste 2013 do premio Blanco Amor, que recaíu na novela de Jorge Llorca O violín de Rembrandt; novela (cen por cen ferrolá) que, como coa anterior, moito me fixo rir, unhas veces polo seu carácter paródico, outras polo carácter irreverente dos acontecementos relatados. Dous Blanco Amor enfiados tanto polo carácter anovador e divertido das novelas gañadoras como polo feito curioso de ser escritas por autores debutantes serodios sen vinculación profesional co mundo literario, o que quizais poida supoñer unha interesante ampliación de límites para a nosa narrativa. Novelas e autores que merecen a nosa atención.

Onte 727: Francisco a prol da causa da paz

Admiro a determinación e afouteza do papa Francisco a prol da causa da paz e contra da intervención militar en Siria. «A guerra é sempre unha derrota para a humanidade» salientou onte durante o rezo do Ángelus. Valiosas xa foron tamén as súas declaracións criticando o negocio da venda de armas, onde está tantas veces a orixe dos conflitos.Como a presenza inédita de Francisco nunha vixilia silenciosa a prol da paz, celebrada no solpor romano, acompañando a representantes doutras crenzas e persoas laicas, ateas ou agnósticas,constituíu unha novidade extraordinaria, unha mudanza profunda no comportamento da Igrexa. Imaxinamos aos párrocos galegos convocando concentracións cidadáns a prol da paz nos adros das súas igrexas? Quedo con algunhas das palabras claras de Francisco pronunciadas no serán pola paz: «A violencia non é o camiño para a paz». «O perdón, o diálogo e a reconciliacion son as palabras da paz, na amada nación Siria, no Oriente Medio e en todo o mundo.» Será posible aínda evitar o ataque?

Fracaso olímpico

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre as consecuencias políticas do fracaso da candidatura de Madrid 2020:

Tras catro fracasos, tres consecutivos, e un cento de millóns de euros gastados en xestión (publicidade, viaxes, lobbies…) e máis de seis mil cinco centos millóns en infraestruturas (case unhas vinte veces o que custou a Cidade da Cultura do Gaiás compostelano), a candidatura do concello de Madrid a celebrar uns Xogos de verán debería asumir o seu fracaso olímpico e nun exercicio de realismo desistir da súa angueira.

Desque en 1965 o alcalde Carlos Arias Navarro (o que pronunciou o histórico “Españoles: Franco ha muerto”) presentara a candidatura para os Xogos de 1972, que se se celebraron en Múnic, Madrid nunca foi capaz de convencer cos seus encantos e argumentos ao centenar de membros do Comité Olímpico Internacional. Unhas veces foron as circunstancias políticas, outras as dificultades de seguridade e, nas últimas ocasións, a permisividade española sobre a dopaxe e a cultura do xogo limpo, as principais feblezas atopadas para explicar o feito “incomprensible” de que non fose escollida a candidatura madrileña fronte a de cidades como Londres (2012), Río de Xaneiro (2016) e Toquio (2020). Fracasos que, porén, non disuadiron a recuncar na tentativa a uns promotores, vinculados sempre co Partido Popular, movidos (probablemente no seu inconsciente político) a emular e superar o éxito rotundo daquela Barcelona 92 de Pasqual Maragall (tamén de Jordi Pujol e Felipe González), capaz de transformar coa organización dos Xogos toda a cidade e de presentar ao mundo unha imaxe moi atractiva de Catalunya como un país europeo moderno e cosmopolita.

Na reunión do sábado en Bos Aires, as intervencións de Samaranch Jr., Pau Gasol e do príncipe Felipe (que tamén presentaba a súa candidatura a unha rápida sucesión,) non abondaron para presentar o sentido e a singularidade do relato da candidatura española nin para agochar o deterioro actual da imaxe internacional de España. Abonda con seguir os medios internacionais de referencia, como “The Wasington Post”, para entender que o fracaso de Madrid 2020 ten moito que ver coa imaxe dun país que, “a pesar do optimismo da súa poboación”, é incapaz de solucionar politicamente as súas tensións territoriais e afrontar as súas lacras da corrupción política e das maiores taxas de desemprego da Unión Europea. Eis o fracaso do proxecto da mal chamada “Marca España”, agochado de forma sistemática pola burbulla oficialista dalgúns dos xornais madrileños, capaces de vender un encontro de Rajoy e Obama, que durou menos dun minuto e tivo lugar nun corredor das reunións do G-20, como un aval do presidente estadounidense a política de reformas do goberno popular e sinal inequívoco de recuperación económica española.

En Bos Aires, o equipo de asesores Mariano Rajoy soubo do sabor do pan que coce o demo. Deseñaron a segura elección de Madrid 2020 como unha escenificación internacional da saída da crise e da confianza dos investidores e dos mercados na “Marca España”, así como unha válvula de escape capaz de ocultar o escándalo de Bárcenas, que presupón o financiamento ilegal do PP. E coma se estivese ao pé do castelo de Soutomaior diante dos mandos do partido en Galicia, o presidente galego sacou peito e na tribuna do Hilton bonaerense leu un discurso que presentaba a España como “o gran éxito económico do mundo” (si, o que leron). Por desventura para el, os membros do COI, que mantiñan dúbidas sobre a credibilidade da candidatura española, axiña as despexaron diante de semellante ataque da perigosa doenza de triunfalismo. O fracaso de Bos Aires deixou a Rajoy como aquel rei nu do conto do traxe novo do emperador de Andersen.

Mais non nos enganemos. O fracaso olímpico das candidaturas de Madrid é apenas o dun modelo político e económico baseado na construción con inxentes cantidades de cartos públicos de grandes instalacións e infraestruturas, na cultura do espectáculo e nas actividades de baixo valor engadido. En definitiva, como tamén sucede co proxecto de Eurovegas, auspiciado polo mesmos políticos madrileños, na aposta por un modelo económico baseado nos sectores da construción e do turismo, que se amosou como unha das principais causas da crise actual.

Coma un xeito de xustiza poética, a decepción do Madrid 2020 obrigará ao Goberno de Rajoy a enfrontarse con severidade e maior dedicación aos problemas reais. En primeiro lugar, ás portas da diada do 11 de setembro,  á repercusión internacional da reivindicación independentista (Catalunya achega o 18% do PIB español, o 25% das exportacións), na que é probable se abra unha posibilidade de negociación no marco europeo. En segundo, a abordar a modificación do modelo produtivo capaz de reducir unhas taxas de desemprego que se agoira se manterán por riba do 20% ao longo da década, o que non axudará á comprometida redución do déficit. Cómpre abandonar os elefantes brancos de grandes estadios e arquitecturas efimeras e substituílos por investimentos en educación, sanidade e innovación, prioridades de calquera estado moderno que pretende recuperar a sensatez.

Onte 726: Pode Internet substituír ás bibliotecas?

Ás voltas coa procura de información sobre o futuro das bibliotecas no entorno do tránsito dixital, tema arredor do que xirará o vindeiro simposio da Asociación Galega de Editores, dou cun texto interesante publicado no blog arxentino «Rincón del bibliotecario», apenas un resumo das dez razóns polas que Mark Y. Herring considera que Internet non pode substituír ás bibliotecas convencionais. «Altos custes, desorde, pouca fiabilidade, constantes omisións, fan de Internet un recurso que xamais poderá substituír ás bibliotecas convencionais», argumenta o decano dos servizos bibliotecarios da Universidade de Winthrop do estado de Carolina del Sur. Unha reflexión en liñas xerais acertada, que asume a idea de hibridación, na que coexisten soportes documentais impresos e dixitais, mais non exenta de prexuízos ridículos e falsidades de pé de banco sobre a cultura dixital, como a de que «a lectura durante media hora dun libro electrónico produce dor de cabeza». É unha mágoa que a defensa da cultura e da tradición do libro impreso se considere contraditoria coa asunción do paradigma da comunicación dixital e hipertextual. Un erro grave de perspectiva. Cómpre non esquecer que a hibridación, a coexistencia de formatos e soportes de lectura, afecta a todos os ámbitos do sector do libro, dende a autoría e a edición, pasando pola distribución, até os procesos de mediación co lectorado asumidos polos profesionais bibliotecarios e da documentación.

Onte 725: Xerais en Pinterest

Abrimos onte o perfil de Xerais en Pinterest, unha rede social moi atractiva e de emprego moi doado para compartir o contido informativo a partir das imaxes. A utilización didáctica de Pinterest, así como a súa presenza no eido das librarías e bibliotecas públicas foron dous alicientes máis para profundizar nesta nosa aposta por esta rede en constante crecemento. Estou convencido de que a construción da imaxe dixital dunha editora é un proceso complexo que require o emprego e presenza continua de diversas utilidades (no caso de Xerais escollimos o blog, twitter, Fb, You tube e agora Pinterest). Con todo, o esencial é o interese do contido publicado e o nivel de participación do lectorado, unha resposta no caso noso aínda moi reducida. Quédanos moito por facer e aprender, quen o dubida.

Onte 724: eBookVigo

Dende onte funciona eBookVigo, a plataforma de préstamo bibliotecario de libro electronico do concello de Vigo. Producida pola libraría dixital viguesa Nube dixital e polos responsables da Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas do Calvario, esta plataforma tecnolóxica ensaia un modelo de préstamo bibliotecario de epubs, durante períodos de vinte e un días, dispoñibles pra diversos dispositivos móbiles de lectura. A de eBookVigo é unha experiencia pioneira que abeizoamos, que ten apenas o seu precedente dende hai uns poucos meses en eBookPozuelo, que utiliza a mesma tecnoloxía. No vindeiro Simposio O Libro e a lectura, que a AGE organizará o 14 de novembro en Santiago, arredor do futuro da biblioteca, agardamos que se poida presentar esta experiencia e realizar as primeiras valoracións sobre o seu funcionamento.

Onte 723: Serán

En cada unha das nosas camiñadas urbanas comprobamos como cada serán a noite gaña uns minutos. Este é o sinal que vai rematando o verán (tamén as súas calores) e axiña recuperaremos as nosas rotinas. Onte as novelas premiadas xa foron para o prelo e axiña comezaremos a xeira de presentacións. Alá foi outro verán.