Está vendo o arquivo da categoría » Setembro 2013

Campo do Fragoso CXLII

bretemas —  30 de Setembro de 2013 — Deixa un comentario

DESCONCERTO

Semana horribilis para o Celta. Apenas un punto de nove. Aquel esperanzoso inicio de liga, con bo xogo e mellores sensacións, quedou en augas de bacallao. Coa derrota fronte a un Elxe moi combativo, que coas mellores artimañas da Segunda non deu un balón por perdido, Balaídos quedou inundado de dúbidas e dun desconcerto xeralizado capaz xa de contaxiar a unha bancada afectada por vez primeira do coñecido virus da melancolía celtista. Pensabamos que esta tempada iamos escapulirnos de medos e dificultades, mais transcorridas catro xornadas aínda non vimos gañar aos nosos no campo do Fragoso, sendo o seu xogo cada vez máis ruín e as decisións do adestrador máis discutibles. En definitiva, os afeccionados sabemos que quedan por diante moitas xornadas difíciles e que custará, como é adoito, ferro e fariña conservar a categoría.

Tras a inxustificable actuación de Xetafe, un partido que avergonzou aos celtistas, as declaracións de Luis Enrique o venres na Madroa tampouco agoiraban nada bo. Por primeira vez, o adestrador amosaba dúbidas, non tanto no que falaba aos periodistas, xeralidades referidas á composición do cadro de xogadores ou á necesidade de rotacións e refresco físico, como na actitude desafiante, non exenta de doses de crispación, coa que foron expresadas. Palabras e, sobre todo acenos, nos que percibín (esa é a marabilla de Internet) que algo xa non corre as mil marabillas no vestiario celeste. Imaxino que tras a reiteración do fracaso, desta volta fronte a un equipo recén ascendido, un deses rivais directos cos que nos xogamos o ser ou non ser, a atmosfera do vestiario farase máis mesta. Máis aínda valorando as escasas probabilidades de obter un bo resultado no desprazamento da vindeira fin de semana ao Manzanares para xogar co equipo máis en forma do actual campionato.

Luis Enrique sacou o que pode ser considerado o seu equipo de gala fronte a un Elxe que chegou a Vigo doído, tras padecer un roubo arbitral fronte ao Real Madrid. O asturiano volveu as súas orixes empotrando a Oubiña entre ambos os dous centrais. Disposición táctica que, polo visto tanto fronte ao Vilarreal coma ao Elxe, non soluciona a saída do balón por dentro de forma fluída cara a Rafinha e Álex, os medios sobre os que descansa a responsabilidade ofensiva. Prodúcese así un atoamento que fai o xogo do Celta tedioso e previsible, obrigando, sobre todo ao canteirán David Costas, a abusar dos pases longos e imprecisos sobre os laterais adiantados.

Porén, non foron só as dificultades de debuxo as que levaron ao Celta a unha certa inferioridade en moitas fases do encontro, senón a ausencia de intensidade fronte a un equipo que gañaba todos os balóns divididos. Unha actitude ofensiva coa que os ilicitanos comezaron e remataron a primeira parte con dúas oportunidades salvadas por Yoel in extremis. O Celta non lle colleu o punto de intensidade que requería o partido até que os visitantes, cando faltaba aínda media hora, fixeron o seu gol nunha contra de Javi Márquez. Foi decisivo para isto a entrada de Krohn Dehli e Santi Mina, que introduciron unha marcha máis ao até entón melancólico e conformista xogo celeste. Das asociacións veloces xeradas polo danés naceu no minuto 81 o golazo anulado a Mina, que as imaxes amosan plenamente legal, tras unha boa cabezada desta promesa xuvenil que leva o gol no seu ADN. Sen dúbida, o resume foi que o Celta non mereceu perder o partido, mais tampouco fixo os méritos suficientes para gañalo.

Superar o desconcerto provocado por esta primeira crise de xogo e resultados é un reto para o amplo equipo técnico de Luis Enrique. Agardemos que saiba enfrontala con intelixencia e acougo introducindo as melloras que o Celta precisa.

Onte 746: Besteiro

bretemas —  30 de Setembro de 2013 — Deixa un comentario

Agardo que a elección de José Ramón Gómez Besteiro como secretario xeral do PSdeG-PSOE peche unha etapa de devalo para o socialismo galego. O consenso infrecuente das diferentes familias e grupos de interese do partido arredor deste novo liderado, xermolado coma froito dun proceso semellante a unhas primarias, é unha nova esperanzadora para reiniciar o proceso de artellamento dunha alternativa á hexemonía conservadora en Galicia. A elección de Besteiro, sobre todo o procedemento utilizado para facelo mediante unha consulta ás bases, supón ademais un precedente que non lle será doado obviar á organización federal do partido cando aborde o proceso de substitución de Rubalcaba. Por outra banda, Besteiro ten xa experiencia abonda de colaboración leal cos nacionalistas do BNG no goberno da Deputación de Lugo, o que abre posibilidades de artellar alternativas de goberno semellantes tras as vindeiras eleccións municipais. Non obstante, até esa convocatoria electoral (faltan menos de dous anos), é unha incógnita a súa capacidade para frear o deterioro do partido na contorna da crise política do estado. Razón pola que nas súas respostas no debate sobre a cuestión do federalismo e a reforma territorial, como sobre as alternativas ás políticas de austeridade das administracións públicas, residan algunhas das claves inmediatas para valorar o seu futuro como primeiro responsable político do PSdeG-PSOE. Facemos votos para que obteña os maiores éxitos.

Onte 745: Pecha o Perrete

bretemas —  29 de Setembro de 2013 — Deixa un comentario

Pecha o Perrete. Un accidente de moto de Raúl acelerou o peche de «Prensa Mundial», o quiosco histórico de Velázquez Moreno, o que estivo tantos anos no edificio do Cable Inglés, o máis emblemático do centro de Vigo. Pecha o local máis cosmopolita da cultura impresa na cidade, onde se amoreaban as publicacións máis diversas, onde gozabamos da festa das linguas, das curiosidades e afeccións máis insólitas. Pecha o templo do xornalismo vigués, onde é inevitable lembrar que foi alí onde acudiamos a procurar as rarezas que Pepe non tiña no quiosco do Paseo de Alfonso, a primeira e principal fonte lectora da miña nenez. Foi no Perrete onde mercamos os nosos primeiros exemplares de Le Monde, onde descubrimos Dirigido por e tantas outras novidades dun tempo de entusiasmo onde atopabamos nas publicacións impresas a cerna da nosa deboura. Foi tamén alí no Perrete onde fixemos semana a semana moitas das coleccións que rebordan agora os andeis da casa enteira.

Probablemente que o Perrete poña o cadeado non é un feito alleo aos efectos sobre as publicacións impresas da revolución disruptiva de Internet, a pesar do certo renacer, sobre todo dos semanarios, ao que asistimos nos últimos meses. Mais tamén intúo que debeu influír na súa decadencia esoutra profunda crise da vida urbana viguesa, que vai despoboando as rúas do centro, unha doenza aparentemente invisible que leva arrasado todo tipo de establecementos, dende as dozarías até as tendas de alimentación. Onde dirixiremos agora os nosos pasos cando cada mañá de domingo baixemos mercar os xornais? Foi o de hoxe un día triste.

Parabéns a redacción de Vigo de LVG por adiantar tan importante noticia.

)

Onte 744: Dignidade para o Cantino

bretemas —  28 de Setembro de 2013 — 1 Comment

Cunha sorprendente versión no seu remate deste vídeo «Contra a impunidade» comezou onte Xerardo Agrafoxo a súa intervención na presentación en Noia do seu libro Quen matou o Cantino? Coma fixeran estes quince actores e actrices meténdose na pel de vítimas da represión franquista, un actor noiés meteuse na do Cantino, o camareiro do Café Argentino, declarándose culpable diante do pelotón que o fusilou en Boisaca aquel 10 de outubro de 1936. Tras tan impactantes imaxes, Agrafoxo preguntouse «por que di Cantino que é “culpable”?» Contestar a ese interrogante, como aqueloutro de saber quen foi ese mozo noiés, a quen Manuel Rivas retratara literariamente como «Dombodán« n’ O lapis do carpinteiro, foi un proceso que perseguiu a Agrafoxo dende hai dúas décadas, facilitado dende o momento en que o historiador noiés tivo acceso ao texto da causa por «rebelión militar» que levou ao mozo ao paredón. Para Agrafoxo non hai dúbida que «Ramón Mayán Ramos, o Cantino, era pobre, era un changuero, capaz de ser recadeiro e logo camareiro. Tiña unha ideoloxía, era da CNT, anticlerical, capaz de subirse a un camión ao servizo da República para ir requisar peixe a Muros. Estivo fuxido durante uns días no Couto. Sabía que virían por el.» Continuou Xerardo afirmando que «acreditei que o Cantino sabía quen foi o testigo de cargo máis importante que declarou contra el.» «Cantino era un calquera, si. Era pobre, si. Mais tiña unha ideoloxía. Grazas ao seu compromiso hoxe vivimos en liberdade», rematou. Foi moi emocionante participar, nun salón cheo, dun acto organizado magnificamente por Barbantia no que se recoñeceu a dignidade do Cantino. Lembrareino.

Onte 743: Des-normalización

bretemas —  27 de Setembro de 2013 — Deixa un comentario

Valentina Formoso pon o dedo na chaga. No artigo publicado na sección «Voces» de Prolingua denuncia as políticas sibilinas con función des-normalizadora sobre a cultura galega e para a lingua en particular. Unha choiva morna que vai enchoupando de prexuízos a valoración da cultura e linguas de noso. Este é, entre outros, o caso dalgúns contidos de libros de texto de Lingua castelá e literatura que negan a nosa lírica medieval galego-portuguesa, incluíndoa no corpus da «literatura castelá». Outrosí sucede cos contidos referidos á sociolingüistica e as escasas e prexuizosas referencias ás linguas cooficiais recoñecidas na propia Constitución. Probablemente nesas páxinas de materiais curriculares de importante difusión en todo o sistema educativo español, incluído o galego, poidamos atopar algunhas das raíces dos prexuízos e actitudes desgaleguizadoras tan presentes no actual ensino secundario, como as actitudes anticatalás ou antivascas, por fortuna só presentes en sectores minoritarios. Recomendo o excelente artigo de Valentina Formoso.