Está vendo o arquivo da categoría » Agosto 2013

Onte 718: Sempre Heaney

bretemas —  31 de Agosto de 2013 — Deixa un comentario

Cando souben onte do pasamento de Seamus Heaney lembrei o proceso de creación da colección de poesía Ablativo Absoluto que iniciamos en outono de 1996 co seu libro Traballo de campo. Aquela primeira tradución de Vicente Araguas e dous anos despois a que Manuel Outeiriño fixo d’ A cura en Troia, a versión teatral do irlandés do Filoctetes de Sofocles, abriron a xanela para a galeguización de Heaney e a súa investidura en xuño de 2000, auspiciada polo profesor Antonio de Toro, como Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña. Seamus incorporouse así ao corpus da literatura galega e a manter contacto con Galicia, país ao que consideraba o inicio da terra. Como a nosa Rosalía, Heaney foi un poeta capaz de canxar a vontade de estilo coa estirpe do xenio popular, converténdose nun heroe nacional e nun referente moral, cuxa perda lamenta hoxe a prensa irlandesa (tamén parte da inglesa) en primeira páxina. Poeta da terra e da experiencia campesiña, inserido na natureza e comprometido co proceso de resistencia da súa comunidade católica no Ulster, Seamus Heaney amosa o papel cívico esencial do poeta para cada unha das súas comunidades, que é o mesmo que dicir para toda a humanidade. Recupero a primeira estrofa de «Traballo de campo», o poema que dá título o libro que publicamos en Xerais: «Onde a acacia palidecía a cada brisa / onde espreitaba o ollo perfecto do merlo aniñando, / onde un fento estaba sempre verde.» Sempre, Heaney!

Os caprichos da azar e do calendario unirán para sempre o 30 de agosto como data de pasamento de Seamus Heaney e de Celso Emilio Ferreiro (1979), dous poetas universais do século XX os que cómpre volver.

Onte 717: Borrados

bretemas —  30 de Agosto de 2013 — Deixa un comentario

O dos discos duros do PP éche coma un conto. Comezou cun exercicio encomiable de transparencia: non se sabe quen destruíu os discos duros de ambos os dous ordenadores do tesoureiro un mes despois de que a Policía visitase a sede do partido de Rajoy. Proseguiu cun esquecemento sen importancia: a señora María Dolores de Cospedal omitiu este detalliño rotineiro na súa declaración como testemuña do caso Bárcenas diante do xuíz. Continuou cun exceso de seguridade informática (aparentemente) irreparable: a preceptiva copia de seguridade diaria dos arquivos de Luis Bárcenas gravábase cada noite en diferido nos servidores de Génova baixo un sistema tan sofisticado de almacenamento seguro que agora non hai hacker que sexa capaz de recuperar a información. Sen dúbida, un disgusto para os responsables do partido, que non puideron atender coa debida dilixencia a solicitude de Ruz, realizada con tanta cautela e antelación. E como o que naceu torto pode rematar aínda máis revirado, o avarento Bárcenas coidouse ben de gravar pola súa conta e risco, fóra do sistema, arquivos no seu pendrive, agochando, quizais, algunhas sorpresas para Mariano e María Dolores. «O PP actuou cos ordenadores como con todo o material» confesou Floriano para xustificar que os discos propiedade do partido fosen borrados, no marco da estratexia de reutilización de material de oficina na que está comprometida a dirección popular, que supoñerá aforros sen cuantificar e outro exemplo máis de austeridade e xestión eficiente. Non lle falta razón  ao segundo de Cospedal, nunca foi doado colaborar coa xustiza e ao tempo cumprir coa Lei de Protección de Datos. Non vos riades, que o conto é triste.

Onte 716: Non a guerra!

bretemas —  29 de Agosto de 2013 — Deixa un comentario

O que se anuncia como inminente ataque estadounidense sobre Siria non acabaría con aquela guerra civil nin aliviaría a dor da súa poboación. Sería, apenas, outro tremendo erro de Obama, máis decepcionante, aínda, pola súa coincidencia coa lembranza dos cincuenta anos do discurso de Martin Luther King. Sería o inicio dunha guerra de saída moi incerta, que só beneficiaría aos grandes intereses estadounidenses do negocio tinglado militar industral e das súas corporacións petroleiras.

É moi difícil opinar sobre cal debe ser a saída para o complexo conflito sirio, tras o que se agochan centos de miles de vítimas e millóns de refuxiados nun país cunha posición xeoestratéxica decisiva no devir do actual mundo multipolar. Máis aínda cando tras o sucedido nos días previos ao inicio da guerra de Iraq e das »súas armas de destrución masiva», é moi difícil determinar quen foi o autor do ataque químico sobre a poboación civil siria, ao que pretenden responder os americanos. Nin sequera o ten claro David Cameron, o premier británico e primeiro socio dos estadounidense en todas as batallas recentes. Razón pola que é máis abraiante a posición dos responsables do PSOE, que non teñen problema para apoiar un ataque, mesmo sen o respaldo das Nacións Unidas.

Entre tanta confusión interesada, a pesar de que poida parecer unha inxenuidade de educadores pacifistas, non vexo outro camiño para a paz en Siria que a mediación da comunidade internacional por medio dos instrumentos dos que dispón as Nacións Unidas. Unha saída que supoñeria aceptar decontado o prazo solicitado polo Secretario Xeral para determinar a orixe do ataque químico e un acordo posterior dos membros do Consello de Seguridade (onde están Rusia, China e o EE.UU.) para despregar unha forza internacional de interposición de carácter estritamente humanitario. A paz conquístase por medios pacíficos. Non hai outro camiño. Calquera solución militar só pode arrastrar a incrementar o desastre.

Acerta de cheo a tiriña do Bichero (beizóns, Davila!): da Vuelta o que presta é a paisaxe das Rías Baixas. A pesar da desfeita da beiramar e da onda estremecedora dos incendios forestais (u-lo presidente da Xunta?), o país noso aínda da moi ben na televisión. Mágoa da louzanada continuada destas xornadas, esa reinvención do protocolo institucional que o presidente da deputación de Pontevedra realiza recuperando un dos clásicos do fraguismo: «Quen paga, manda». Sei que foi esta a intención de Louzán e o resto de mandos vigueses do seu partido cando na saída da etapa do Náutico relegaron a un segundo plano a Abel Caballero, o alcalde de todos os vigueses, para que non saíse nas fotografías. Un feito inconcebible en calquera das cidades polas que pasará a proba; un comportamento prepotente e bochornoso de Louzán e López Chaves que amosa un nulo decoro institucional e unha notable falta de deportividade e «fair play», merecedores da desaprobación da cidadanía. Mágoa, tamén, pola ausencia de ciclistas galegos no pelotón, que se produce por vez primeira na última década; un feito ao que non é alleo o proceso protagonizado por Ezequiel Mosquera e a liquidación do Xacobeo acometida polo goberno de Feijóo. O mellor desta Vuelta, a nosa paisaxe.