Está vendo o arquivo da categoría » Xullo 2013

A pesar de transcorridas máis de tres décadas da aprobación da Constitución, que declara o carácter aconfesional do estado, a liturxia da Igrexa e as palabras do arcebispo foron as que a Xunta de Galicia e o Goberno de España escolleron para render a primeira homenaxe oficial á memoria das vítimas de Angrois, excluíndo a unha parte das familias e da cidadanía que profesan outras crenzas. Ben sei que este serán en Bonaval terá lugar un acto comunitario civil e cívico, aprobado polo Parlamento Galego por unanimidade e proposto polas forzas nacionalistas, que permitirá ás familias das vítimas, aos traballadores públicos e veciños de Angrois tomar a palabra. Porén, esa prelación, primeiro o funeral oficial católico e romano, despois a cerimonia civil, expresa que para os que nos gobernan continúa a «confusión» entre a Igrexa e o estado.

As declaracións de María del Carmen Castellano Rodríguez, alcaldesa de Telde, nas que aseguraba que as bibliotecas do seu concello, nas que traballan catorce persoas, non daban cartos evidencian o escaso valor que algúns políticos conceden aos servizos públicos de lectura. Non hai dúbida que se na xestión das bibliotecas públicas se utilizasen só os criterios das políticas de consolidación fiscal ten toda a razón a señora Castellano, acabarían sendo pechadas. Porén, a realidade é ben diferente. A pesar da crise e das políticas de austeridade, as bibliotecas están transformándose nas primeiras institucións culturais de cada comunidade local. Hoxe os servizos públicos das bibliotecas xa non son só de préstamo de libros, discos e películas; transformáronse en centros de acceso gratuito a todo tipo de documentación, impresa ou dixital. As bibliotecas son os centros interxeracionais fulcrais de acceso á información e do fomento da lectura. Os datos amosan que desde 2007, cando comezou a crise, aumentou en todas as comunidades autónomas o número de usuarios das bibliotecas públicas nun 45%, mentres diminuíron moito máis os recursos destinados a actividades e adquisicións (neste 2013 o Ministerio de Cultura de José Ignacio Wert deixou esta partida a cero). Hoxe xa son moitas máis os socios e socias da rede de bibliotecas públicas que os do clubes de fútbol profesional, que, por riba, deben cantidades millonarias a Facenda. O valor das bibliotecas non se debe medir en cifras que expresen un balance de gastos e ingresos, mais si, pola contra, en termos de convivencia, civilidade, cohesión social e coñecemento. Nas bibliotecas públicas ocorren cada día cousas moi fermosas a millóns de persoas de todas as idades. Sabemos cal é o seu valor?

A foto é da extraordinaria biblioteca da Alhóndiga de Bilbao.

Onte 686: Debut nas Antas

bretemas —  29 de Xullo de 2013 — Deixa un comentario

O Celta de Luis Enrique non estivo só no seu debut no fermoso estadio das Antas, o pequeno Wembley do Douro. Máis dun milleiro de celtistas acompañámolo na pelexa cos dragóns no día da festa do seu cento vinte aniversario. Foi emocionante o minuto de silencio en homenaxe ás vítimas de Angrois, cunha grande bandeira galega no centro da lameira, transformado axiña nun longuísimo e intenso aplauso de solidariedade. O encontro foi un clásico amigable de pretempada no que chegaron a participar case unha vintena de xogadores de cada equipo. Luis Enrique aproveitou o enfrontamento cun equipazo Champions para probar dous esquemas. Na primeira parte o baseado en cinco defensas, con tres centrais e dous carrileiros; na segunda, unha defensa convencional de catro, incorporando un terceiro mediocentro máis ofensivo, para reforzar a Oubiña quen, en ambos os dous debuxos, funcionou coma eixo de distribución e equilibrio.

A pesar da derrota (o gol do Porto foi en clamoroso fóra de xogo), o Celta amosou cousas moi interesantes, xa que sabe a que quere xogar. Non importaba a rolda de trocos para manter sobre a lameira os debuxos da pizarra de Luis Enrique. Defensivamente demostrou intensidade e rigor, sobre todo na primeira parte cando os dragóns intentaban pechar aos nosos diante de Yoel. Tras o intervalo, coa incorporación de Rafinha na media e de Nolito na dianteira, foi o Celta quen pechou aos portuenses e mereceu o empate. Mágoa do pau nun remate de Nolito (moi asubiado pola bancada, lembrándolle a súa procedencia benfiquista) e do gol feito ao que a porta baleira non chegou David Rodríguez. Foi, tamén neste segundo período, cando Luis Enrique incorporou ás catro promesas do xuvenil (Goldar, Fernán, Borja Fernández e Yelko) e cando se produciu a formidable tangana, na que participaron os bancos de ambos os dous equipos, coa que rematou de forma abrupta o encontro.

Non podo agochar que non esperaba que tanto os dragóns como uns poucos dos seus seguidores fosen moito menos afoutos e cabaleirosos ca aqueloutros dragais galegos das novelas de Elena Gallego. Xa antes de entrar no estadio, cando procurabamos estacionamento (custounos ferro e fariña atopar un oco no barrio xardín das Antas), quedamos parvos cando atopamos un autobús celeste apedrado e con todos os cristais escachados. Como tampouco axudou a nosa tranquilidade vivir tan preto as cargas da policía sobre un grupo numeroso de supporters dos dragóns. Con todo, finalizado o partido, cando regresamos na procura do coche, parolamos devagariño con dous seareiros portuenses moi simpáticos, que moito nos agradeceron aquel memorable 7-0 ao Benfica do 25 de novembro de 1999, na terceira rolda da copa de UEFA, unha das súas maiores satisfaccións como seguidores do Porto, «deberémoslla sempre ao Celta», insistían saudosos. Así se escribe tamén a memoria do fútbol, con vitorias propias e derrotas alleas.

Angrois, nunca máis

bretemas —  29 de Xullo de 2013 — Deixa un comentario

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo a traxedia de Angrois:

A traxedia de Angrois conmocionoume. Na noite grande de Galicia, a do do 24 de xullo, seguín case mudo as noticias estremecedoras que chegaban pola radio, pola cronoloxía de twitter e pola cobertura en directo da TVG, o día que celebraba o seu vixésimo oitavo aniversario do inicio das súas emisións. Unha noite na que volvín comprobar que, instalados na aparente comodidade das nosas rotinas, é moi difícil admitir que o horror forma parte das nosas vidas. O que viamos sucedía en Angrois deixounos a alma no papo, non estabamos preparados para asumir semellante hemorraxia de dor nin para enfrontarnos de socate coa nosa finitude, coa morte como a única e verdadeira medida das cousas da vida, como lembrou Suso de Toro esta semana nun artigo extraordinario. Calquera podería ser vítima dese infortunio. Na tremenda noite de Angrois esmagáronse de vez todos os miudallos que nos preocupaban e non puidemos máis que asombrarnos e celebrar a fortuna de seguirmos vivos, agarimados polas persoas queridas. Unha reflexión que levo rosmado na cabeciña unhas cantas veces.

Sei que o accidente noqueoume, tamén, porque utilizo decote o servizo ferroviario Vigo-Madrid. Facía apenas dúas semanas que collera o Alvia, experiencia que teño recomendado no meu blog como alternativa á cada vez máis cara e incómoda viaxe aérea dende Peinador. Confeso que gosto de viaxar en tren a Madrid, a pesar da duración da viaxe, case sete horas nos Alvia e oito e media do tren-hotel da noite. Esta viaxe demorada permíteme ler e repasar devagariño as notas de traballo, dormir un pedazo e logo falar outro, a pesar de que no traxecto haxa moitos problemas de cobertura e decote o móbil se conecte en itinerancia coas compañías portuguesas. O tren facilítame a conversa e a confidencia, e a posibilidade de rosmar nas angueiras mentres pasmo coa vizosa paisaxe da beira do Miño ou a serenidade das terras de Castela onde naceu meu avó zamorano. Considero o tren como o medio de transporte que se achega máis a condición humana. Como sinalou o poeta vigués Alfonso Armada, “o tren é a combinación perfecta entre a natureza e a tecnoloxía, entre a velocidade e o acougo, entre o progreso e a razón”.

Emocionoume a formidable resposta solidaria da veciñanza de Angrois, heroes anónimos que durante as primeiras horas acudiron ao rescate das vítimas. Impresionoume a dedicación dos traballadores públicos sanitarios, de seguridade e emerxencias, como a resposta xenerosa dos milleiros de mozas e mozos que acudiron a doar sangue nunha noite que crían de xoldra. Agradecín o esforzo dos xornalistas e daqueles medios (poucos) que desque coñeceron a noticia informaron con dignidade, afouteza e respecto, o que sei non é fácil nesas circunstancias. Gustoume a responsabilidade coa que actuou o Goberno Galego e todas as forzas políticas en xornada moi complexa. Temos a fortuna de vivir nun país cuxa sociedade é capaz de chorar aos seus mortos mais tamén de actuar en man común para mitigar tanta, tanta dor, tanta desgraza de familias e amizades rotas. O valor da nosa xente é o noso mellor tesouro.

A investigación do sucedido e das súas causas, tanto pola autoridade xudicial como pola comisión de técnicos en accidentes ferroviarios do Ministerio de Fomento, é a primeira reparación que deben recibir as familias das vítimas e a sociedade que respondeu cun único corazón. Sen estes resultados, mesmo sen coñecer o resultado dalgunhas probas claves, como o estudo da caixa negra do tren, é inxusto culpabilizar do accidente ao maquinista, como de forma vergonzosa pretenden os principais directivos de Renfe e Adif, probablemente movidos polos grandes intereses económicos da Alta Velocidade Española na adxudicación da liña Rio de Janeiro a Campinas. Culpar ao pobre maquinista non abonda para explicar un accidente ao que non puideron ser alleos o deseño e o funcionamento dos sistemas de seguridade da liña nun treito de condución manual.

O inexplicable descarrilamento na curva Grandeira evidencia de forma brutal a fraxilidade da comunicación ferroviaria actual de Galicia coa Meseta. Os novos atrasos da Alta Velocidade, que non serán os últimos, levaron aos responsables de Adif e Renfe a adoptar unha estratexia de hibridación do servizos (como o do Alvia accidentado), que semella non está exento de perigos e dalgún punto negro, como denunciaron o sindicato de maquinistas e algúns enxeñeiros e especialistas ferroviarios. Máis cedo ca tarde, o accidente de Angrois poñerá sobre a mesa da política galega as condicións e o calendario de chegada do AVE de Madrid, así como o modelo de hibridación ferroviaria que se utilizará até entón. Un debate político e social que, finalizada a investigación sobre o accidente, obrigará á asunción de responsabilidades e ao deseño de medidas para tratar que un accidente como de Angrois non se produza nunca máis.

A foto, para min extraordinaria, é de Mónica Ferreirós e Xoán Soler, La Voz de Galicia.

Tal como agoirabamos, as cadeas privadas estatais transformaron onte a desgraza de Angrois, que esqueceran o mércores, en lamentable espectáculo televisivo de fin de semana. Todo pola audiencia! Nin sequera as intervencións tan atinadas de Antón Losada e Xaime López no «Gran debate» evitaron o desacougo que me produciu o enfoque grandilocuente do programa de Tele 5, cadea á que desta volta La Sexta superou en oportunismo co seu «La Noche de La Sexta». Abafado, optei por apagar e coller o ipad para botarme a ler.

Non é pequena a lección aprendida nesta traxedia de Angrois sobre a importancia para a sociedade galega de contar cuns medios de comunicación públicos profesionais propios. Medios capaces de ofrecer unha información rigorosa e veraz, así como unha opinión independente e plural. Medios, ademais do papel que cumpren na promoción e fomento da lingua e cultura galegas, necesarios para manter a cohesión cívica e a dignidade que merecemos como país. Grazas de corazón aos profesionais da TVG e da Radio Galega por realizar unha cobertura informativa tan digna e intensa como a que manteñen desde o momento no que anunciaron o terrible accidente. A TVG, a Radio Galega e a súa canle de internet amosaron estes días que son medios de comunicación imprescindibles para Galicia. Convirá non esquecelo.