Está vendo o arquivo da categoría » Xaneiro 2013

Intensa tarde de presentación do programa de novidades para este primeiro semestre diante da nosa comercial. A pesar da inevitable redución do número de títulos, non podemos agochar a nosa ilusión pola diversidade e calidade desta xeira editorial. Nos próximos meses en Xerais Narrativa aparecerán novas novelas de Carlos Reigosa (A vitoria do perdedor), Hixinio Puentes (Winnipeg), Manuel Portas (Faneca brava) e Xabier Paz (As vidas de Nito). En Crónica Suso de Toro regresara aos andeis das librarías con Inmaterais e Valentina Formoso publicará Do estigma á estima, un ensaio sobre a lingua galega e o alumando da Educación Secundaria. A obra dedicada á celebración do Día das Letras Galegas será Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro de Roberto Pascual. Tamén celebraremos o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos coa edición do texto alboral de Rosalía de Castro preparada por Anxo Angueira, así como polo ensaio de Fernando Pereira sobre a iconografía rosaliana. María Reimóndez e Olga Castro publicarán o ensaio Feminismos e Anselmo López Carreira a súa Historia de Galicia, a primeira no catálogo de Xerais. En Fóra de Xogo, a colección xuvenil publicaremos senllas novelas de Ramón Caride (Endogamia 0.2) e Manuel Lourenzo (Flor de area). Tamén de carácter xuvenil é Amor de serea, a terceira entrega da serie Tintimán de Jaureguizar, e Reckless 2. Vida nas sombras de Cornelia Funke. Nas coleccións infantís terán novidades, entre outros,  Agustín Fernández (Desde unha estrela distante), Ánxela Gracian (As palabras do silencio), Xelís de Toro (O gato fantasma) e Antonio Garcia Teijeiro, antoloxía da súa poesía infantil (Un rato díxolle a lúa). Por último, tras cinco anos de edición, aparecerá Tastarabás. Enciclopedia dos brinquedos tradicionais de Antón Cortizas, unha obra monumental, máis dun milleiro de páxinas a cor, que recupera un dos eidos da nosa etnografía viva.

A supervisión (un eufemismo da linguaxe administrativa para evitar a a palabra «veto») que Pilar Rojo, presidenta do Parlamento Galego, pretende realizar das persoas convidadas polos grupos parlamentarios  da oposición para asistir aos plenos é unha manifestación de autoritarismo na institución que representa á cidadanía galega. Tras esta medida inédita en tres décadas, como esoutra decisión da presidencia de interromper o sinal das emisións de radio e televisión do salón do plenos, é moi probable que se agoche a intención de Alberto Núñez Feijoo de impedir que nas bancadas da tribuna do Hórreo se visualice tamén o fondo descontento social coa política do recortes do seu goberno e do de Mariano Rajoy. O «plantón» de onte dos tres grupos da oposición, que non de cadanseu voceiro, é unha medida tan excepcional coma proporcionada a este intento inadmisible de patrimonialización da sede parlamentaria coma se fose un club privado con dereito de admisión. Unha situación que a presidenta debería reconducir decontado, se non quere ampliar a fenda entre a cidadanía e a institución parlamentaria; sen esquecer que os grupos da oposición saben que non poderán manter esta posición nos plenos de forma indefinida. Pilar Rojo debe recuperar canto antes a sensatez e e cortesía propias da institución que preside. Non ten outra saída que tender novas pontes coa oposición.

Onte 508: #DoutorAgustin

bretemas —  29 de Xaneiro de 2013 — Deixa un comentario

Para todos os amigos de Agustín Fernández Paz foi unha fachenda tremenda acompañalo no seu acto de investidura como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Sabiamos que non era outra homenaxe máis das recibidas nos últimos anos polo autor de Contos por palabras. Tratábase do seu recoñecemento institucional como educador, como mestre de mestres, probablemente tamén o recoñecemento implícito o labor da súa xeración –á que Henrique Costas na súa magnífica laudatio definíu como «Xeración de mestres narradores», á que tamén temos bautizado  aquí como «Xeración Lamote (da que forma parte xunto a Xabier DoCampo, Paco Martín, Fina Casalderrey e Xavier Senín»– na creación e pulo da literatura infantil e xuvenil en galego. Tratábase, ademais, como tamén salientou Costas, de recoñecer no #DoutorAgustin un «exemplo de ética coa Terra A Nosa e coa Terra enteira», ese compromiso que o novo doutor definiu no seu discurso como «o trazo máis característico da cultura galega, o de ser célula de universalidade, a vontade de sermos unha peza máis no mosaico mundial das culturas; a conciencia de que só se pode ser universal desde a asunción das propias raíces». Agustín artellou a súa maxistral intervención sobre o eixo de seis lembranzas e unha narración. Tempo haberá de lela e gozala devagariño como merece. Adianto tres parágrafos anotados na libreta que me pareceron marcantes.

Primeira: «A min, non só como cidadán, non só como o docente que fun durante tantos anos, non só como escritor en galego, esta realidade máncame no máis íntimo [referíase á política lingüística]. Que difícil é construír, canto traballo leva conseguir avances, e que doado e rápido resulta o labor de demolición!» .

Segunda: «Ás veces un sente a tentación de, como o protagonista d’A mirada de Ulises, o lúcido filme de Theo Angelopoulos, brindar «Polas esperanzas rotas. Polo mundo que non cambiou a pesar dos nosos soños». Mais, como a que movía a Penélope e finalmente se viu cumprida coa arribada de Ulises ás ribeiras de Ítaca, os azos e a esperanza no futuro camiñan sempre canda nós».

Terceira: «Escribir como un acto de rebeldía, como un acto de amor. Escribir co desexo intenso de crear algo que antes non existía. Escribir coa mesma entrega con que meu pai facía unha mesa ou un armario. E ser consciente de que «aramos sobre os mortos desta terra», de que a nosa escrita se alimenta da dos autores que nos precederon, primeiro dos que escribiron na miña lingua, mais tamén dos de toda a literatura universal. O saber que vén de lonxe pasa a través de min, de nós, e proxéctase no futuro».

Compromiso, esperanza, amor tres palabras das grandes para un discurso memorable.

Vigo en 80 estampas

bretemas —  28 de Xaneiro de 2013 — Deixa un comentario

No artigo da semana en Faro de Vigo volvo sobre a historia local viguesa a raíz da publicación do libro de Gerardo González Martín La vuelta al mundo de Vigo en 80 días:

A visita de Jules Verne a Vigo e a presenza destacada da nosa cidade na súa novela “Vinte mil leguas baixo dos mares” é un dos episodios literarios máis lendarios dos que podemos fachendear os vigueses. Unha visita que sabemos se produciu a bordo do seu iate a vapor e vela “Saint Michel III”, polo menos en dúas oportunidades, a primeira, a comezos do mes de xuño de 1878. A prensa da época testemuña que Verne participou no baile de La Tertulia, foi recibido polas primeiras autoridades viguesas e aproveitou a estancia dunha semana en terra para arranxar unha avaría da caldeira da súa embarcación nas instalacións dos estaleiros de La Industriosa, onde amigaría co seu propietario Antonio Sanjurjo Badía, o famoso “Habilidades”, emprendedor vigués pioneiro da nosa industrial naval e inventor do batiscafo conservado (por ventura) no Museo do Mar de Alcabre.

Vigo xa estaba na obra de Verne antes de que o bretón recalase no seu porto. Foi entre os anos 1869 e 1870 cando publicou por entregas no “Magasin d’ Education et de Récréation” as vinte mil leguas, a novela protagonizada polo capitán Nemo. Unha obra que dende entón forma parte da historia viguesa xa que dedica o capítulo oitavo da segunda parte á exploración que Nemo fixo da baía de Vigo, “augas impregnadas de luz eléctrica”, onde agardaba recuperar os lingotes que transportaban as embarcacións fundidas na batalla de Rande. Unha referencia afortunada para Vigo que, sen dúbida, contribuíu a acrecentar a lenda dos tesouros ocultos no fondo da ría e a procura das grandes riquezas desaparecidas o 22 de outubro de 1702.

Coa excepción do monumento de José Molares, instalado no porto deportivo en 2005 (a verdade que non moi afortunado), Vigo mantén unha débeda con Verne, un dos seus maiores propagandistas internacionais, que podería saldar incluíndo o seu nome no rueiro ou bautizando con el a Ponte de Rande, como ten proposto Méndez Ferrín. Outrosí acontece con Guglielmo Marconi, outro dos ilustres amigos de Vigo, merecedor de ser recuperado na memoria dunha cidade moi esquecedeira coma nosa. Unha silenciosa doenza colectiva que trataron de curar ou aliviar no posible os xornalistas da nosa historia local. Unha nómina de profesionais da prensa viguesa na que nas últimas décadas non poden faltar, entre outros, os nomes de Manuel de la Fuente, Lalo Vázquez Gil, Francisco Pablos, Fernando Gallego, Francisco Armesto Faginas, Javier Mosquera, Fernando Franco, Jorge Lamas, Manuel Orío. Aos que habería que engadir o labor impagable para a recuperación da memoria que supuxeron os libros dos fotógrafos vigueses como Manuel García Castro “Magar”, Ángel Llanos ou Víctor de las Heras.

Nese esforzo compartido de divulgación da historia viguesa e da recuperación da memoria cidadán é fulcral a achega do xornalista Gerardo González Martín, autor de máis dunha ducia de libros sobre esta temática. Un catálogo ao que engadiu hai pouco unha nova referencia, “La vuelta al mundo de Vigo en 80 días” (Ediciones Cardeñoso 2012), un título no que tamén se homenaxea a Verne. Unha colección de oitenta estampas na que se recuperan as historias esquecidas ao pé da oliveira do paseo de Afonso, concibido polo autor como “quilómetro cero do viguismo”, ou das rúas principais do ensanche do século XIX, como a de García Barbón, dende a da Escola de Artes e Oficios até aquel “Día do Aforro” de 1955 (o 31 de outubro) no que se inaugurou o edificio das oficinas centrais da hoxe desaparecida (vergonzosamente) Caixa de Aforros Municipal de Vigo. Outrosí sucede coas historias nacidas ao abeiro da Guía, o miradoiro dende o que se pode contemplar a máis inmensa baía, “o máis fermoso do reino de España” (Jovellanos), dende os aconteceres da Ponte de Rande (outra vez ás voltas con Verne) até os da illa de san Simón, onde autor atopa no seu lazareto “a raíz do Gran Vigo”. Historias tamén recuperadas polo autor nas vilas de Bouzas, nos eidos das Travesas e na aba do Castro, nos pupitres dos colexios vigueses ou nos comercios de toda a vida (como a Villa de París da Porta do Sol e La Favorita de Príncipe). Relatos entrañables protagonizados por vigueses con pegada popular, dende o ciclista Delio, pasando polo prolífico escultor Camilo Nogueira, ou doutor Ernesto Canoa, o cineasta Cesáreo González, até Francisco Castro Represas, o home que trouxo a Vigo a arquitectura de vangarda.

Como é adoito noutros libros de Gerardo González Martín nestas prosas viguesas non falta o dato preciso e documentado, xunto a anécdota agarimeira de potencia evocadora. Un xeneroso exercicio de memoria que debemos agradecer, xa que se non sabemos de onde vimos, moi dificilmente poderemos identificar onde estamos e cara onde queremos dirixirnos. Recomendo moi vivamente esta volta ao mundo de Vigo en 80 días e parabenizo ao seu autor e editor.

 

)

Onte 507: #PolaLinguaQueNosUne

bretemas —  28 de Xaneiro de 2013 — Deixa un comentario

Pagou moito a pena mollarnos en Compostela para participar na manifestación #PolaLinguaQueNosUne. Fixémolo no grupiño dos compañeiros e compañeiras de Nova Escola Galega e, ao longo do percorrido, tivemos a oportunidade de falar devagariño e compartir desacougos e esperanzas con algúns deles sobre o futuro da lingua no eido educativo. A pesar do éxito que supuxo unha participación elevada nun día no que caeu choiva a eito, saín da Quintana coa sospeita de que probablemente esta convocatoria de Queremos Galego agotou un modelo de mobilizacións a prol da lingua. De cara a futuro, se pretendemos xerar unha ampla maioría social en Galicia a prol dunha nova política lingüística será necesario artellar outras accións cívicas aínda máis plurais, máis proactivas e máis orixinais. Un reto complexo e ilusionante do que debemos corresponsabilizarnos os militantes da lingua. Pagou moito a pena viaxar onte a Compostela, como pagará moito a pena ensaiar esas novas accións coas que intentaremos contribuír a recuperar os retrocesos sofridos #PolaLinguaQueNosUne.