Está vendo o arquivo da categoría » Outubro 2012

Desque hai máis dunha década publicamos Elexías a deus e ao diaño, temos a convicción que Samuel Solleiro é un dos escritores chamados a ampliar as marxes da narrativa galega contemporánea. Demostrouno en 2006 con dz ou o libro do esperma e confírmao agora con Gran tiburón branco, o libro que presentou onte en Couceiro acompañado de Ana Salgado. A presentadora comezou salientando que este novo libro de Solleiro tiña algo de expiación, “afastándose da escritura case poética de dz“, aínda que como no anterior continúaba dosificando a poesía para cando aparecese ter máis impacto. Subliñou a importancias das tres voces narrativas femininas e outras tantas masculinas e a importanica no libro de temas como a morte, a culpa e o amor, que aquí adopta a foma xeométrica, a do triángulo. Rematou Salgado o seu magnífico texto afirmando que con este libro “Samuel Solleiro demostra que non quere ser postmoderno”. O autor comezou o seu discurso retomando o fío dunha das frases do seu libro anterior, “O amor e mais a morte son os mananciais dos meus ollos”, para engadir que en Gran tiburón branco quixo responder, ademais deses dous temas, a outra cuestión: “Que significan e canto significan as cousas?”. Identificou no derradeiro dos cinco relatos, “Guerra civil”, que para el constitúe o texto máis programático do libro, a súa intencionalidade de recoñecer que “as cousas poden significar nada ou poden significar menos”. Logo explicou que o título do libro, tamén o do primeiro relato, non significaba nada, non tiña carácter alegórico xa que “pretendo fuxir da cultura postomoderna que se demostrou cómplice, non inocente”. “Neste libro pretendín facer unha parodia da cultura postomoderna. Todos os personaxes son cínicos, unha actitude que se asocia á postmodernidade, mais todos  teñen fendas polas que se lles ve certa honestidade. Reivindico esas fendas que fan do libro un artefacto optimista”, concluíu. No coloquio Solleiro confesou que non lle gusta sobrevalorar o que se fai en Internet e falou do blog que abrira con motivo da publicación do libro.

Asinei a declaración :«Por otra politica educativa», elaborada esta pasada fin de semana por un grupo de profesionais da educación en Sevilla, convencido de que, a pesar da lei Wert, aínda é posible salvar a escola pública como trabe de cidadanía. Non son nin a segregación temperá por itinerarios nin a segregación por sexo nin a centralización do currículum nin a avaliación excluínte os vieiros máis efectivos para reducir as taxas de fracaso escolar nin para contribuír ao desenvovlemento persoal do alumnado e a cohesión social. Nun momento crítico (en todos os sentidos) como o actual, é imprescindible xerar no conxunto da sociedade (non só na comunidade educativa) un profundo debate arredor do futuro da educación como servizo público esencial. Un marco delimitado con claridade por esta importante declaración: “Mulleres e homes deben poder formarse como persoas completas, cidadáns responsables e traballadores cualificados. A sociedade precisa da escola para asegurar niveis axeitados de benestar, liberdade, xustiza e equidade”. Outra reforma educativa, cun enfoque comprensivo e con maior grao de acordo políitco e consenso coas comunidades e sectores profesionais da educación, é perfectamente posible.

No artigo da semana en Faro de Vigo analizo os resultados das eleccións autonómicas en Vigo e as súas consecuencias políticas.

Ninguén pon en dúbida a amplitude da vitoria do Partido Popular de Galicia nas Autonómicas do 21 de outubro. A diferenza da convocatoria anterior obtivo a maioría absoluta tanto de escanos (mesmo aumentando en tres actas) como de votos (quince mil máis que as tres forzas da oposición parlamentaria). No entanto, o éxito do partido de Alberto Núñez Feijoo non pode agochar nin a perda de 135.000 votos con respecto ás eleccións de 2009 (un descenso do 17 %) como o seu retroceso na maioría das cidades nas que a pesar de gobernar nalgunhas con maioría absoluta, coa excepción de Lugo e Ferrol, empeora os seus resultados. De podérense extrapolar a unhas eleccións municipais, o que sempre é moi arriscado, os seus resultados dificilmente lle permitirían contar coa alcaldía nalgunha delas, quizais coa única excepción de Lugo.

Especial relevancia ten o fracaso dos populares en Vigo, a maior cidade de Galicia, onde o partido presidido por José Manuel Figueroa perde 17.000 votos, o que supón unha diminución do 25 % con respecto á pasada convocatoria. O PP vigués obtén co 34,21 %, un dos resultados máis baixos da súa historia e a peor porcentaxe do partido de Feijoo nas sete cidades, catro puntos menos ca en Pontevedra e Ourense, as dúas cun resultado máis aproximado. Fracaso compartido pola agrupación viguesa do PSdeG-PSOE liderada polo alcalde Abel Caballero que perde máis de 16.000 votos, o que supón unha baixa do 31,15 %, a pesar de que co seu 24,51 % foi a cidade na que o partido de Pachi Vázquez obtivo o seu mellor resultado. Outrosí sucede co BNG do que en Vigo é responsable Santiago Domínguez que perde máis de 13.000 votos, unha diminución do 49 % dos seus apoios con respecto a 2009, sendo co 9,70 % a cidade, xunto con Pontevedra, onde mellor porcentaxe obtivo. É dicir, en Vigo o PP perdeu un de cada catro dos seus votantes anteriores; o PSdeG-PSOE, un de cada tres; e o BNG un de cada dous.

Perdas que evidencian o fracaso sen excepcións das tres forzas políticas con representación actual na casa do concello do Campo de Granada, ao que probablemente non foi allea a irrupción fulgurante da AGE, a coalición formada por Anova e Esquerda Unida. Os seus 28.441 votos en Vigo, un 19,48 %, multiplican por dez os obtidos nas autonómicas anteriores por Esquerda Unida, situando á coalición de Xosé Manuel Beiras e Iolanda Díaz da noite para a mañán como terceira forza política viguesa, apenas a sete mil votos do PSdeG-PSOE e duplicando os obtidos polo BNG. Resultados que permiten ao conxunto da esquerda e do nacionalismo en Vigo acadar un 53,69 %, unha porcentaxe moi significativa que sinala o sentir dunha maioría social que non apoia a proposta triunfadora no conxunto do país galego.

Non desboto que estes resultados poidan explicarse dende unha certa clave de política local viguesa. Quizais non foi alleo ao fraco resultado do Partido Popular a súa torpeza no que respecta á imposición da Lei da Área Metropolitana de Vigo, o fracaso do proceso de fusión da caixas ou o bloqueo obsesivo da Xunta e da Deputación de Louzán dos investimentos na cidade. Como creo que non beneficiou ao Partido Socialista o espírito de localismo a ultranza da dirección da actual agrupación viguesa. Como tampouco resultou moi exitosa a política do BNG de apoiar a alcaldía de Caballero, sen comprometerse no labor de goberno. No entanto, creo que foi moito máis decisivo para a conformación dos resultados, o incremento da abstención nun 5 % e dos votos nulos en case un 2 %, cifras que amosan o malestar, a fatiga ou o desinterese de parte da cidadanía coas propostas políticas que até agora gozaban de representación institucional. Como en idéntica liña pode explicarse o entusiasmo sucitado en Vigo pola AGE, capaz de recoller boa parte das perdas tanto do PSdeG-PSOE como do BNG, co seu discurso político rexeneracionista e de defensa das conquistas da sociedade do benestar e dos servizos públicos.

Estes resultados do 21-O abren unha nova etapa política. Tamén en Vigo. A pesar de que a maioría social de esquerda semella cómoda, os dous partidos que sosteñen a Alcaldía deberán, antes das vindeiras municipais, acometer senllas e complexas refundacións dos seus proxectos políticos, un proceso non exento de riscos, do que as súas organizacións viguesas non poden permanecer alleas. Como tampouco vai ser doado para os membros da AGE, sen dúbida hoxe os triunfadores en Vigo, dotarse dunha estrutura organizativa estable, dunha proposta programática verosímil e dun liderado que faciliten a súa entrada na corporación. Mentres, o PP vigués deberá enfrontarse o seu dilema histórico e preparar unha nova candidatura e liderado local capaces de conectar coa maioría social, algo que non consigue dende que gobernou o alcalde Manuel Pérez. Tempos de incerteza na política viguesa.

Onte 416: Mudanza de hora

bretemas —  29 de Outubro de 2012 — Deixa un comentario

Cada ano entendo menos a conveniencia das mudanzas de hora, unha medida de obrigado cumprimento en todos os países da UE coa que se pretende «aproveitar mellor a luz solar« e consumir así menos enerxía. Segundo os datos do INEGA, en Galicia o atraso de hora provocará unha diminución de consumo enerxético do 0,4 %. Non obstante, todos os datos amosan que o máis conveniente para o noso aforro enerxético sería adoptar a hora do meridiano Greenwich e non a chamada «peninsular» que Franco mudou en 1940 para homologar a hora española coa alemá. En todo caso, sen entrar no espiñento debate sobre a autodeterminación horaria de Galicia, o cambio de hora que vivimos onte supuxo a chegada real das rotinas do inverno, coincidindo co tempo de Samaín e co inicio da tempada de cocidos e magostos. A partir de agora, hai que abrigarse.

Vivimos tempos difíciles. O desánimo é a única palabra que non pode ter cabida nas nosas vidas. Precisamos de todas as mans.

[Agustín Fernández Paz, discurso de aceptación do Premio «Facer País», Láncara 27-10-2012]