Onte 344: Día dos Mártires Galegos

Como é adoito cada 17 de agosto lembrouse na Caeira o fusilamento de Alexandre Bóveda, o que foi o motor organizativo e medula política do Partido Galeguista da Frente Popular. Unha lembranza imprescindible para manter o facho da memoria republicana de Galicia, como a que se volverá acender mañá 19 en Cacheiras para recordar a Ánxel Casal, o libreiro e editor de Nós, tamén alcalde de Compostela en 1936, de quen Castelao dixo que «fixo máis por Galicia ca todos nós». Como merecen a nosa lembranza as oito persoas socialistas e republicanas fusiladas contra as tapias do cemiterio de Pereiró o 27 de agosto: o alcalde de Vigo, Emilio Martínez Garrido; os deputados socialistas Antonio Bilbatúa Zubeldía e Ignacio Seoane Fernández; o impresor Heraclio Botana; o mestre Apolinar Torres; o médico Ubaldo Gil Santóstegui; o que fora alcalde de Lavadores José Antelo Conde e o funcionario da Casa do Pobo de Vigo Ramón González Brunet. Na memoria de todas estas persoas e de todas aqueloutras vítimas da represión fascista a Irmandade Galega de Bos Aires fundada por Castelao acordou en 1942, hai agora setenta anos, declarar o 17 de agosto como «Día dos Mártires Galegos», como anuncia a revista A Nosa Terra o 25 de xullo de 1942:

«A Irmandade Galega, nunha felis inspiración patriótica, tomou o acordo de instituír como Día dos Mártires Galegos a data do 19 de agosto [un erro evidente de imprenta]. Nun día como ise do ano 1936, as forzas negras da reaución nemigas da liberdade de Galicia e treidoras a República Hespañola, fusilaron ao mártir máisimo da Patria Galega: Alexandre Bóveda, segredario do Partido Galeguista. Ningunha data máis axeitada que isa, pra nela lembrar e honrar aos milleiros de galegos que foron fusilados polo seu ‘delito’ de querer a Autonomía de Galicia e de ser leiales a República Hespañola. Isa data, Día dos Mártires Galegos, ficará consagrada na ialma do pobo galego como xusta eisaltación dos que deron o seu sangue e a súa vida pola nosa sagra Terra e ficará como eterna maldizón para os treidores de Galicia e pra os que decretaron i executaron as mortes dises milleiros de irmáns nosos».

Con ese espírito de integración republicana e galeguista deberían celebrarse todos os actos na memoria dos Mártires Galegos. As miñas beizóns para Mini e Mero por manter ese lume sempre aceso.

«Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro», o booktrailer

Parabéns a Ramón Nicolás e Iago Nicolás polo excelente booktrailer de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro.

Onte 343: «Contrato con Deus», un piar da novela gráfica en galego

Dentro do excelente labor de ampliación da oferta de obras traducidas para o galego realizado dende 2005 por Rinoceronte Editora, a colección de novela gráfica dirixida por Breixo Harguindey é un dos seus maiores acertos. Tras a publicación de Persépole e Na procura de Ed o Riseiro, a do Contrato con Deus de Will Eisner, en magnífica tradución de Eva Carrión, supón a consolidación do proxecto e a súa apertura a un público amplo. As catro historias protagonizadas por un tenement da Avenida Dropsie, un edificio de inmigrantes do Bronx novaiorquino, constitúen un espectacular retrato da loita pola vida dos máis humildes durante aqueles sucios anos trinta. A morte, o amor, a cobiza, a gloria efémera, o fracaso son algúns dos temas das historias que se desenvolven entre os límites deste «barco aboiando sobre o comento». Como La ciudad de Frans Masereel, esta de Eisner é obra fundacional dun xénero que o autor das tiras de The Spirit bautiza como «novela gráfica», o relato literario de vidas humildes combinando palabras e imaxes. Hoxe, en pleno proceso de tránsito entre soportes, a novela gráfica representa un dos xéneros máis punxentes na industria internacional do libro. Un fenómeno ao que non é allea a edición en galego, tanto polo esforzo de editoras especializadas como El Patito Editorial, Demo editorial, BD Banda ou Retranca Editora, como polas coleccións específicas das editoras xeralistas como esta de Rinoceronte ou a que abriremos en Xerais en outubro coa publicación de Cartas de inverno de Antonio Seijas e a primeira entrega da serie infantil Marcapola de Jacobo Fernández Serrano.

Onte 342: A llengua de Guardiola

VilaWeb lévame a un interesante artigo de Teresa Iribarren en Núvol, un dixital de cultura en catalán, cuxa tese é sinxela de resumir: hoxe no mundo a catalá é «a lingua de Guardiola». O comportamento lingüístico do adestrador de Sanpedor, instalado decote no catalán, mais con expresión moi fluída en inglés e español, permitiu á lingua e á cultura catalás gañar unha visibilidade e un prestixio internacionais que sabemos serían imposible acadar cunha estratexia só cultural e diplomática. Máis aínda, para Iribarren no inminente futuro a visibilidade internacional da lingua catalá non dependerá tanto de iniciativas culturais tan loables como a nominación de Pa negre aos Óscars ou as publicacións do Instituto Ramón Llul, senón do compromiso co catalán de Tito Vilanova, o novo adestrador do Barça, que moi pouco ten que ver co mundo da cultura. Outra responsabilidade que herdou de Guardiola, de quen se fala que podería adestrar á selección brasileira de cara ao mundial 2014. Non hai dúbida que nas estratexias normalizadoras que precisa  o galego, como para acadar a visibilidade internacional da nosa cultura, hai que ter moi en conta os comportamentos lingüísticos dos clubes deportivos coma destes modelos sociais de prestixio, sexan deportistas, artistas ou xentes con presenza habituais nos medios. O futuro do galego tamén depende da lingua que utilicen estas persoas e institucións.

Onte 341: Mapa europeo dos recurtes culturais

A iniciativa colaborativa de The Guardian de debuxar o mapa europeo dos recurtes cutlurais vai collendo corpo. Son os lectores e lectoras os que sitúan (por medio deste formulario) xeograficamente os recurtes que coñecen nos diversos eidos da cultura (teatro, música, museos, festivais, protección patrimonio, iniciativas educativas…). A iniciativa (recollida por El País, Público, Le Monde e La Stampa, entre outros) evidencia que é España o estado europeo máis afectado polos recurtes orzamentarios das súas iniciativas culturais, mesmo a pesar de que no mapa faltan por incluír moitos dos retallazos, como a maior parte dos realizados en Galicia. Consultar este mapa interactivo achega información moi relevante, como a existencia do oasis francés, onde a pesar da crise mantéñense a maior parte dos orzamentos culturais, ou a debacle sen paliativos que se produce en Portugal, Italia e España. Non estaría de máis que todos colaborásemos en actualizar esta información, un xeito de defender o patrimonio e as industrias culturais europeas.

[Martín Luther King, citado por Carlos Taibo nunha anotación publicada o 15-08-2012]

Cando chegue o momento de avaliar o ocorrido no noso século, non nos abafará tanto a conduta dos malvados como o silencio cómplice das boas persoas.

Onte 340: Indignación

A detencion brutal de Rafa Estévez, o fotoxornalista de Diario Pontevedra, produciume indignación e unha enorme preocupación. Poñer un xeonllo na cabeza a un fotógrafo, que  pretendía realizar o seu traballo en moi difíciles condicións, non pode ser considerada, baixo criterio ningún, unha utilización proporcionada da violencia. Todas as informacións dispoñibles, como as declaracións das testemuñas (incluídas as das autoridades), que asistiron atónitas ao sucedido, amosan que a actuación policial no momento da detención foi desproporcionada. Como hai coincidencia en que a organización da recepción aos olímpicos galegos –entendo que o dispositivo de segurirdade é responsabilidade da subdelegación do Goberno– foi un auténtico caos. Como semella a todas luces inverosímil a presunta agresión da que a policía acusa ao fotoxornalista. O delegado do Goberno debe dar explicacións e algunha desculpa sobre o sucedido onte en Peinador.

Onte 339: Cancións de despedida

A cerimonia de peche dos xogos olímpicos careceu da brillantez e da emotividade da inaugural. O estadio, transformado outra vez en xigante set televisivo, ofreceu un espectáculo baseado no poderío da música popular británica. Porén, onte non estoupou sorpresa ningunha e nin sequera a aparición de Monthy Phiton, Pelé e a presenza da grande Mariza Montes, recollendo o testemuño de Río, foron capaces de levantar o interese de tan decepcionante e previsible velada. Lembroume o momento «disco» das interminables vodas británicas, nas que o dj comeza cos temas para os picariños, logo outros para satisfacer a nostalxia dos avós, para logo saltar durante tres horas toda a tralla dos grandes éxitos das cinco últimas décadas. Equivocáronse os organizadores, non era ese formato axeitado para pechar uns xogos excelentes. Abondaban unhas cancións de despedida emotivas, que non souberon ofrecer. O chauvinismo é unha doenza que se transmite con moita facilidade.

Onte 338: Galicia olímpica

Tras a medalla de ouro en vela de Echegoyen e Toro, as pratas do histórico Cal e do formidable Noya, ademais do bronce que Begoña Fernández obtivo como membro da selección de balonmán e do diploma (esa maldita cuarta posición) da padeixeira Teresa Portela, Galicia culmina unha excelente participación olímpica. De contar con delegación propia estariamos no medalleiro á altura de países como Irlanda, demostrando, ademais, que en Galicia existe moito máis deporte e deportistas tras a muralla do fútbol profesional dos Celtas, Deportivos, Lugos, Obradoiros ou Breogáns. Non hai dúbida de que os deportes náuticos, vela e piragüismo sobre todo, son dúas potencialidades que poderiamos aproveitar aínda mellor do que o facemos. Parabéns ao olimpismo galego, si señor!