Onte 220: A deriva da Coroa

Conmocionoume o artigo de José Antonio Zarzalejos, antigo director de ABC, sobre como a Coroa entrou en barrena. O artigo é de lectura máis que recomendable, xa que achega un diagnóstico e unha información moi valiosas para entender o que pode suceder no futuro. Máis alá da complexa situación da familia real, a cazaría salvaxe amosa que El-Rei perdeu o contacto coa realidade. Un comportamento irrresponsable, inxustificado e inapropiado que, probablemente, provoque nun prazo de tempo razoable, a abdicación de Juan Carlos e a posta en marcha do proceso sucesorio nun entorno tan delicado como a da crise económica e a do modelo de estado autonómico. Diante desta situación, como propón Fernando Varela, os principais partidos deberían comprometerse  a convocar un referendum para que a cidadanía se pronuncie en liberdade sobre a forma de Estado. A elección está ben clara: a continuidade da Monarquía borbónica ou o regreso da República.

Onte 219: Elmer republicano

Non imaxinaba que no día da República rendiría homenaxe a Elmer, o noso elefante preferido. Cando en 1997 publicamos en galego en Xerais o primeiro álbum de David Mckee presentabamos ao simpático elefante de cores como a expresión da diversidade e a mellor gabanza da diferenza para os lectores máis noviños. «Elmer vive na manda de elefantes pero síntese diferente porque é de retallos: é amarelo, laranxa, vermello, rosa, lila, azul, verde, negro e branco, pero, Elmer, non era da cor do elefante». Hai catro anos, recuperabamos Elmer con Negros e brancos, un libro que constitúe un alegato plenamente vixente en contra da guerra, a prol da educación para a paz e a convivencia entre persoas e mundos diferentes. Onte, tras coñecer a patética cazaría de El-Rei en Botsuana, sabemos que o elefantiño Elmer, coma mesmo Dumbo o torpón de Disney, expresa, ademais, a dignidade dos valores republicáns de igualdade, liberdade e fraternidade. Sempre Elmer!!!

Onte 218: Cita no mar de Lira

Foi en Portocubelo, no local da Confraría Mar de Lira, onde acudimos con Xabier Díaz e Luís Rei Núñez para presentar Cita en Fisterra. O acto foi precioso. Tras as palabras agarimosas de acollida de Milucho, Xabier Díaz abriu cunha cantiga mariñeira de Lira, acoutando así o territorio atlántico do libro, unha viaxe de sete xornadas de Monte Louro a Caión, un relato no que se mesturan varios xéneros (a novela, a crónica, o dietario) e se desenvolve un exercicio de memoria individual e colectiva. No seu parlamento Luís Rei Núñez reivindicou para a literatura galega o xénero da viaxe, até agora pouco frecuentado, a pesar do fenómeno da emigración. Lembrando a frase de Pessoa, «para viaxar basta con vivir», reclamou a experiencia e a ollada do escritor viaxeiro sobre a súa propia terra, a pesar de poder ser acudado de localismo, xa que, citando a Miguel Torga,  «o universal é o local cando lle quitamos as paredes». Insistiu que o seu modelo para esta viaxe foi o que puido seguir Josep Plá polo Empordá, o dunha persoa coas antenas postas e cunha curiosidade infinita polas persoas, por observalas, por escoitalas: «Este libro é unha declaración de amor a unha Terra e a un tempo histórico desta Terra». Luís rematou lendo «Abecedario do Pindo», un poema escrito para acadar o maior nivel de protección para o Monte do Pindo. Logo, Xabier Díaz puxo cabo o serán  con dúas pezas memorables a muiñeira de Santa María de Arou e o alalá de Muxía.

«Case sempre en Galiza» co noso derbi

Moi recomendable novo capítulo de Case sempre en Galiza arredor de #onosoderbi. O humor fende fronteiras e valados. Parabéns a Iris Domato, Laura Pazo, Tito Silva e Manuel Varela por tan magnífica idea.

Fair play

Con motivo de #onosoderbi publico en Praza pública un artigo onde reivindico a recuperación do fair play, o xogo limpo entre afeccións. Recomendabilísimo é o artigo de Xurxo Souto, que dende unha perspectiva carnocha, reivindica que A Coruña é Vigo son a mesma cidade.

Onte 217: Celso Emilio Ferreiro editor

A Liga Estudantil Galega da facultade de Filoloxía da USC convidoume a pronunciar unha palestra dentro das xornadas que organiza con motivo do centenario de Ceso Emilio Ferreiro. Un programa magnífico, case un minicongreso no que se abordaron diversos eidos da obra e da vida do poeta de Celanova. Sei que a condición de editor de Celso Emilio é un dos aspectos menos divulgados da súa traxectoria biográfica. o CEF editor do Guieiro da Mocidades Galeguistas de Celanova, durante o período de entusiasmo republicán; o seu traballo como director literario da pontevdresa colección Benito Soto de 1949 a 1952; a súa participación como co-director da viguesa revista poética Alba e, máis tarde, da colección Salnés de Galaxia, onde publicou hai cincuenta anos a edición príncipe de Longa noite de pedra, foron algunhas das cuestións que relatei diante dun público universitario numeroso e moi comprometido. Non podo máis que agradecer o convite a estes foros tan estimulantes para min.

Onte 216: #onosoderbi sen violencia

Únome ao compromismo do celtismo que quere #onosoderbi sen violencia. Fronte ao localismo pailán de tres pesetas, que concibe o partido do domingo coma unha batalla cuxo obxectivo é aniquilar ao rival galego, reivindico a recuperación da fachenda de gozar do fútbol de noso, o do xogo atlántico, caracterizado polo traballo colectivo e o paso longo. Reivindico o recoñecemento mutuo  de dúas afeccións inevitablemente unidas polo fío común da galeguidade. Unha lealtade cos nosos rivais que non impide que agarde a vitoria das miñas cores, as do equipo de Oubiña. Con todo sei que de non producirse, os celtistas non desesperaremos e continuaremos acompañando ao equipo na difícil angueira do ascenso. É unha marabilla que #onosoderbi será unha grande festa, Balaídos rebentará de entusiasmo gozando do xogo de dous equipazos que loitan polo ascenso directo. #onosoderbi en Vigo debe amosar tolerancia cero cos comportamentos violentos, tamén cos disparates xenófobos e outros animaladas que estes días se publican na rede. Os vigueses e os celtistas –xente acolledora e pacífica até o lirismo– recibiremos ao equipo de Valerón e aos seus milleiros de seareiros con admiración e respecto. Por un derbi galego sen violencia, upa Celta!

Onte 215: Con Valentín

A convocatoria da Fundación Penzol, apoiada polas editoriais Galaxia, Xerais, Ir Indo e Biblos, dunha mesa redonda con motivo da aparición das biografías de Valentín Paz Andrade constituíu un éxito rotundo tanto pola calidade das intervencións como polo numeroso público que ateigou a Casa Galega da Cultura. Charo Portela, autora das dúas publicadas por Xerais, e Xan Carballa da de Galaxia, retrataron a figura literaria, empresarial, xornalística e política de Valentín. Foi moi clarificadora a anécdota final que relatou Carballa sobre a intervención decisiva de Paz Andrade, como membro da Comisión dos nove, para bautizar como tal a Xunta de Galicia, unha das súas tantas achegas políticas escasamente coñecida. O vindeiro 4 de maio será o Club Faro de Vigo quen no Auditorio do Areal convoque a Miguel Anxo Seixas, Xosé Luís Axeitos e X.L. Méndez Ferrín para ofrecer novas dimensións deste home da Galicia que suma. Teño a intuición que a figura de Paz Andrade vai dar moito xogo nos vindeiros meses, sobre todo cando apareza a edición do volume da súas poesía galega completa, preparada por Gregorio Ferreiro Fente para Xerais, que desvelará até nove poemarios inéditos.

Onte 214: 40 por aula

Tras o anuncio por medio dunha nota de prensa dun recurte de 10.000 millóns de euros ás CC.AA., asistiremos a unha regresión histórica das políticas públicas de Sanidade e Educación. O repagamento dos actos sanitarios, o aumento do copagamento farmacéutico, como tamén das taxas universitarias e do número de alumnos e alumnas por aula na educación non universitaria (mesmo até os corenta) semellan inevitables. Para o Goberno Rajoy apupar ese amigo invisible, que de forma eufemística denominamos «mercados», está por riba do futuro dunha cidadanía secuestrada polas autoridades do BCE. Cando coñeceremos, por fin, o modelo fiscal que o Goberno incluirá no Programa de Estabilidade 2012-2015? Ese documento é a folla de rota deste proceso de devaluación salarial interna e de regresión das conquistas sociais ao que asistimos indignados dende o mes de maio de 2010.

Área Metropolitana, fracaso anunciado

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a situación do proxecto de lei de Área Metropolitana de Vigo.

Moito ten chovido dende a aprobación o 22 de decembro de 1999 da “Declaración de Soutomaior”, un documento consensuado por todos os alcaldes da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo na que declaraban a súa firme vontade de crear a Área Metropolitana de Vigo. Tras tres mandatos municipais, durante os que a alcaldía de Vigo correu na man do BNG, PSdeG-PSOE e PPdeG, tras tres lexislaturas do Parlamento de Galicia, nas que tamén existíu un período de alternancia, foi imposible acadar un consenso político capaz de poñer en marcha unha entidade xurídico-administrativa articuladora dunha rexión urbana, a primeira de Galicia, que vertebra cada día a actividade e mobilidade de medio millón de persoas. Unha década preciosa, que sabemos agora foi tamén de vacas gordas, na que se perdeu a oportunidade de deseñar un novo mapa vertebrador da Galicia futura, que substitúa eficazmente o actual modelo territorial baseado nun modelo deputacional decimonónico e nunha organización municipal incapaz de ofrecer os servizos que demanda o noso tempo.

Non fai falta ser un lince para agoirar un rotundo fracaso á pretensión do Partido Popular de Galicia de aprobar en solitario e no treito de remate da actual lexislatura o proxecto de Lei da Área Metropolitana de Vigo. De facelo asistiremos a un fracaso anunciado xa que os procesos metropolitanos sempre requiren un amplo consenso parlamentario (eis o caso da creación por unanimidade no Parlamento de Cataluña da Área Metropolitana de Barcelona), acordo que os conservadores galegos foron incapaces de promover ou non tiveron interese en acometer arredor de tres cuestións fulcrais: as competencias metropolitanas, o financiamento da nova entidade e o xeito de gobernanza. Tres temas abordados de forma insatisfactoria no proxecto que pretende aprobar en solitario o PPdeG.

E non vaiamos a pensar que os seis ámbitos competenciais metropolitanos son calquera cousa, xa que afectan a eidos fundamentais para a calidade de vida cidadá e a actividade económica dos emprendedores: promoción económica, emprego e servizos sociais (esencial nunha área cun nivel de desemprego moi superior ao da media galega); turismo e promoción cultural (fundamental nun espazo no que se desenvolve a actividade de boa parte da nosa industria cultural); transporte público de viaxeiros (prioritario nun espazo onde a mobilidade nunca foi abordada como unha cuestión política); medio ambiente, augas e xestión de residuos (primeiro na axenda metropolitana, tanto pola imperiosa necesidade de mellorar a conservación e rexeneración da ría, como pola necesidade de deseñar unha xestión metropolitana do abastecemento de augas, un ben cada vez máis escaso); ordenación territorial e cooperación urbanística; e extinción de incendios e protección civil.

Porén, a pesar da súa importancia, este proxecto non establece nin a obriga nin os prazos para a cesión á área metropolitana destas competencias por parte de quen as detenta, nuns casos a Deputación, a Xunta ou os concellos, co perigo e os conflitos que supoñería a súa duplicidade. Outrosí sucede co financiamento, que se prevé acheguen os concellos en función da súa poboación –o que supoñería que Vigo proporcionaría o 62%–, sen que exista compromiso ningún de corresponsabilidade por parte da Xunta e da Deputación. Nin tampouco se soluciona con equilibrio o sistema de gobernanza –mesmo sen entrar a debater a cuestión do sistema de elección da presidencia, que en calquera lóxica política semellaría ostentase o concello de referencia da área– en base a existencia dunha asemblea de 52 membros e dunha xunta de goberno de 14 alcaldes, onde todos contan o mesmo, a pesar de representar a entidades de poboación moi diferente.

Sen consenso político, sen acordo do PPdeG cos dous partidos da oposición, a posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo volve estar condenada ao máis rotundo fracaso. O proxecto metropolitano vigués será viable cando sexa incluído nun grande acordo político e social arredor dun novo marco territorial e administrativo capaz de reordenar o mapa de concellos, comarcas e rexións urbanas (ou áreas metropolitanas). Galicia debe superar o actual modelo deputacional e acometer unha revolución territorial profunda, radical, baseada nun novo modelo municipal. Eis o marco onde debería engancharse a Área Metropolitana de Vigo. Mentres non se acada, non estaría de máis que o Goberno de Núñez Feijoo dera conta do estado e das previsións do plan do transporte metropolitano de viaxeiros para a área viguesa (que xa funciona en Ferrol, Santiago e A Coruña) ou do seu compromiso para solucionar o problema de abastecemento de augas a todos os concellos da área. Sería o mellor xeito de contribuír hoxe ao futuro do Vigo metropolitano.