Está vendo o arquivo da categoría » Marzo 2012

Onte 205: Novela sen palabras

bretemas —  31 de Marzo de 2012 — 1 Comment

Un bo amigo agasalloume un libro marabilloso, La ciudad de Frans Masereel. Esta novela sen palabras do xilógrafo belga, publicada por vez primeira en 1925, realizada con gravados en madeira, constitúe un extraordinario precedente do que hoxe cualificamos como novela gráfica. O contraste entre a escuridade das escenas cotiáns dos barrios obreiros da cidade e a luminosidade daquelas da burguesía do centro constitúen as dúas caras dunha auténtica obra mestra que Thomas Mann considerou que é «desas tan ricas en ideas que nunca se cansa un de miralas». Esta edición é un acerto rotundo de Nórdica, unha das editoras máis interesantes de hoxe. Outrosí a realización do booktrailer, un modelo de presentación dun libro ilustrado. Unha obra que recomendo moi vivamente.

Onte 204: Folga Xeral

bretemas —  30 de Marzo de 2012 — 1 Comment

A Folga Xeral foi desigual, pola contra, as manifestacións en todas as cidades galegas foron impresionantes. Apenas a existencia de varias convocatorias sindicais, confundiu un chisco a unha cidadanía inconformista disposta a expresar de forma pacífica o seu desacordo con esta reforma laboral que abarata o despido. Tras o fracaso do domingo e co éxito das protestas de onte, o PP debe asumir que existe un sector da sociedade, cada vez máis numeroso e cohesionado, molesto coas políticas do goberno de Rajoy, que non se resigna a asumir nin a perda de dereitos laborais nin a devaluación interna das rendas laborais provocadas polas políticas de austeridade. Os sindicatos saben que é moi difícil afrontar a situación de desemprego brutal provocado pola crise da débeda soberana e do conxunto do sistema financeiro da zona euro. Como saben que con esta Folga Xeral iniciaron unha confrontación social de saída moi incerta, xa que os axustes fiscais gobernamentais máis duros están por chegar e sen políticas de crecemento e de estímulo da economía produtiva non hai posibilidades de creación de emprego. Ben sería que en Galicia atendesen, ademais, a que a caligrafía da unidade sindical é a que mellor entende a cidadanía.

Excelente o bando de Borja Oubiña con motivo do Día da Reconquista. Hai dúas cousas que merecen ser destacadas do discurso do capitán do Celta. A primeira, que o escribise e pronunciase en galego, un xesto moi bonito e responsable que merece os maiores parabéns. A segunda, que á definición tradicional de Vigo como «cidade industrial e solidaria» engadise unha apelación final ao seu carácter de «urbe eminentemente obreira» e non esquecese «a cultura crítica como impulsora da roda do noso desenvolvemento». Salientase así o dinamismo industrial e cultural da nosa abella da ribeira que, a pesar da crise, procura recuperar de forma colectiva o seu alento. Borja Oubiña amosa con esta intervención (onte moi gabada nos medios radiofónicos vigueses) que o seu carácter de sereno organizador na lameira, que a súa loita teimosa contra a adversidade dunha terrible lesión, son froito dunha visión da sociedade e da cultura moi sólidas. Unha fachenda para todo o celtismo e un magnífico exemplo para os máis novos.

A golpe de tacón

bretemas —  28 de Marzo de 2012 — 3 Comentarios


A golpe de tacón, unha curtametraxe Amanda Castro sobre as folgas de Asturias nos anos sesenta. Ven ao caso.

No Día Mundial do Teatro de 2012 non presentamos os libros premiados co Álvaro Cunqueiro e co Manuel María, que non sabemos se poderán ser editados, nin se anunciou programación ningunha para os vindeiros meses nin se realizaron estreas de espectáculos. Houbo un manifestación en Compostela de todo o sector profesional das artes escénicas reclamando que non sexa desmantelada a cultura en Galicia. Foi un día de resistencia pacífica até o lirismo na que o mundo do teatro defendeu conquistas de tres décadas ameazadas agora en esborrallarse. As gadoupas da austeridade selectiva –hai cartos para determinadas obras– cébanse no país noso sobre o mundo do teatro, da música, do audiovisual e do libro. Transcorridos tres anos, a piques de rematar a lexislatura, é incomprensible que a Xunta de Galicia non asumise o carácter estratéxico das industrias culturais. Doe moito o que está pasando.